Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é o órgano que culmina a estrutura da Administración de Xustiza na Comunidade Autónoma. Con sede na cidade da Coruña, exerce xurisdición a través de tres salas: Sala do Civil e Penal, Sala do Contencioso-Administrativo e Sala do Social. Ademais, a súa Sala de Goberno desempeña funcións gobernativas sobre a xudicatura galega.
Nos supostos admitidos polo ordenamento xurídico este tribunal resolve recursos contra as setenzas das audiencias provinciais, os xulgados do contencioso-administrativo e os xulgados do social. Xulga en única instancia determinadas demandas en procesos civís, contencioso-administrativos e laborais, e instrúe e xulga causas criminais contra autoridades aforadas. O recurso de casación fundado na infracción de normas do dereito propio de Galicia é tamén competencia do Tribunal Superior de Xustiza, mentres que nos demais casos está atribuído ao Tribunal Supremo.
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza, con categoría de maxistrado do Tribunal Supremo, exerce a representación do poder xudicial en Galicia.
O seu actual presidente é Miguel Ángel Cadenas Sobreira.
Lista de presidentes [editar]
- Xosé Cora (1989-1990)
- Xosé Ramón Vázquez Sandes (1990-1999)
- Xesús Souto Prieto (1999-2006)
- Antonio González Nieto ( foi presidente en funcións,2006- Febreiro 2009)
- Miguel Ángel Cadenas Sobreira (2009-actualidade)
Planta do Tribunal Superior de Xustiza [editar]
Sala do Civil e Penal: un presidente e cinco maxistrados. Sala do Contencioso-Administrativo: un presidente e dezaoito maxistrados (véxase BOE do 10/06/2010, inclúense as dúas prazas creadas polo Real decreto 819/2010,que serán efectivas cando o determine o Ministerio de Justicia). Sala do Social: un presidente e dezasete maxistrados. O presidente do Tribunal o é tamén da Sala do Civil e Penal. A Sala do Contencioso-Administratrivo está organizada actualmente en catro seccións; tamén está organizada en catro seccións a Sala do Social.