Vicente Risco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vicente Martínez Risco e Agüero
Casa natal Vicente Risco 2.jpg
Placa na casa natal de Vicente Risco (rúa da Paz, Ourense).
Datos persoais
Nacemento 1 de outubro de 1884
Lugar Ourense Galicia Galicia
Falecemento 30 de abril de 1963
Lugar Ourense Galicia Galicia
Soterrado {{{soterrado}}}
Soterrada {{{soterrada}}}
Residencia {{{residencia}}}
Nacionalidade {{{nacionalidade}}}
Cónxuxe {{{cónxuxe}}}
Fillos {{{fillos}}}
Relixión {{{relixión}}}
Actividade
Lingua {{{lingua}}}
Lingua Galego, castelán
Período {{{período}}}
Movemento {{{movemento}}}
Xéneros novela, ensaio, narrativa, teatro
Princ. obras {{{obras}}}
Alma mater {{{alma_mater}}}
Estudos {{{estudos}}}
Ocupación {{{ocupación}}}
Profesión {{{profesión}}}
Organización {{{organización}}}
Cargos {{{cargos}}}
Premios {{{premios}}}
Signature of Vicente Risco.jpg
{{{web}}}

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1981.

Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 1 de outubro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX, membro da xeración Nós e considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.[1]

Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega. Home procedente dunha familia acomodada, dun grande nivel cultural, contribuíu na literatura galega asentando as bases do nacionalismo galego e renovando a narrativa galega do primeiro terzo do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Casa natal de Vicente Risco (1º andar), na rúa da Paz, Ourense.

Fillo dun funcionario da Facenda, Risco foi un rapaz de saúde delicada, amigo dende a infancia de Ramón Otero Pedrayo, en 1899 remata o bacharelato. Estudou Dereito por libre na Universidade de Santiago, licenciouse en 1906 e ingresou no corpo de funcionarios de Facenda, con destino en Ourense.

Neses anos participa na tertulia que dirixía Marcelo Macías na Comisión de Monumentos, na cal se xuntaban intelectuais como Xulio Alonso Cuevillas ou Arturo Vázquez Núñez e que van influír na vocación literaria de Risco. As lecturas dos decadentistas franceses e ingleses van poñelo en contacto co ocultismo e o orientalismo, estudando o budismo e mesmo afiliándose ao teosofismo. Admirador de Rabindranath Tagore dárao a coñecer nos círculos ourensáns.

En 1910 Risco entra na redacción do xornal local, El Miño; no mesmo escribe artigos filosóficos e de actualidade cos pseudónimos de Rujú Sahib e Polichinela e literarios co seu propio nome.

En febreiro de 1912 Risco coñece a Castelao e gaba un dos seus discursos en El Miño, pero Risco manterase aínda lonxe do movemento galeguista.

En 1913 marcha a Madrid para estudar maxisterio, alí será alumno de Ortega y Gasset, trata a Ramón Gómez de la Serna e Luis de Hoyos Sáinz e volta ao catolicismo. No Ateneo de Madrid ofrece unha conferencia sobre Rabindranath Tagore, que acababa de ser galardoado co Premio Nobel de Literatura.

En 1916, rematados os seus estudos, volve a Ourense como catedrático de Historia da Escola Normal. En 1917 funda con Arturo Noguerol Buján a revista literaria La Centuria, que se converterá nun antecedente, pola xente que colabora nela, da revista Nós.

Descubrimento do galeguismo[editar | editar a fonte]

Risco publica artigos de autores estranxeiros n' A Nosa Terra.

A fins de 1917 Vicente Risco entra nas Irmandades da Fala baixo a influencia de Antón Losada Diéguez, e o 18 de decembro de 1917 pronuncia o primeiro discurso en galego, nun acto de apoio a Francesc Cambó. Na campaña para as eleccións parlamentarias de 1918, Risco co grupo de Ourense participa en numerosos mitins no distrito de Celanova; aínda que non se acadan bos resultados, a experiencia sérvelle a Risco como estímulo. En xullo de 1918 sae o último dos sete números de La Centuria e Risco comeza a colaborar n´A Nosa Terra, esforzándose por darlle un novo pulo á literatura galega con artigos sobre Arthur Rimbaud, Paul Verlaine, Apollinaire ou Omar Khayyam.

En pouco tempo Risco convértese no teórico e líder do nacionalismo galego, e xa en novembro de 1918 ten unha actuación destacada na I Asemblea Nacionalista.

Algúns dos pares de lentes empregadas ao longo da súa vida.

En 1920 publica o libro Teoría do nacionalismo galego, considerado o texto fundacional do nacionalismo galego. Xa en 1918 publicara un artigo co mesmo nome, onde xa aparecían esbozadas as ideas que agora recolle no libro. Risco recolle o legado de Murguía (de quen publicará unha biografía en 1933) e combínao co irracionalismo filosófico, o determinismo xeográfico, o neotradicionalismo e a etnografía e define unha nación como un feito natural baseado na terra, na raza, na lingua, na organización social, na mentalidade e no sentimento. E afirma a pertenza de Galicia á civilización atlántica e céltica.

1920 é tamén o ano no que aparece a revista Nós, herdeira de La Centuria, Risco escribiu máis de 100 colaboracións para ela ata o seu peche en xullo de 1936, e dende ela vaise renovar a literatura galega. Risco tamén dirixe a sección de etnografía do Seminario de Estudos Galegos.

En 1922 casa con María Carme Fernández Gómez, procedente da pequena burguesía de Allariz, e en 1923 ten a súa primeira filla, que morrerá en 1926. En 1926 nace o seu fillo Antón Risco.

Despacho do escritor.

Risco apoia nun primeiro momento a Ditadura de Primo de Rivera porque a considera unha oportunidade para desmontar o sistema caciquil e acepta un posto de deputado provincial en Ourense pensando nunha posible instauración dunha mancomunidade como en Cataluña.

Trala ruptura coas Irmandades da Fala da Coruña e A Nosa Terra, Risco escribe para Rexurdimento, o órgano da Irmandade Nazonalista Galega, aínda que ao pouco tempo retoma as súas colaboracións en ANT, que tratarán sobre temas culturais. Só en 1928 volve a escribir sobre temas políticos para pedir a volta ao sistema parlamentario.

O 23 de febreiro de 1929 ingresa na Real Academia Galega, a proposta de Murguía, Eladio Rodríguez e Lugrís. O discurso de ingreso, titulado Un caso de lycantropía (O Home-lobo), desenvolve o caso de Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz, e a licantropía en Galicia. Foi respondido por Ramón Cabanillas.

En abril de 1930 marcha a Berlín para seguir un curso de etnografía na Universidade de Berlín. Os catro meses que pasa en Alemaña márcano ideoloxicamente cara un pensamento máis conservador e católico, Risco escribiu as crónicas do seu periplo europeo para ANT, crónicas que posteriormente recollería no libro Mittleuropa (1934). Durante a súa estadía en Berlín asiste tamén a unha conferencia ofrecida por Tagore e fica desencantado pola súa presenza tornándose o seu anterior fervor polo poeta bengalí en evidente desprezo. Durante a conferencia Risco fai un debuxo rápido do escritor que será logo incluído no libro.

Segunda República[editar | editar a fonte]

Chapeu que empregaba cando veraneaba en Castro Caldelas.

Na VI Asemblea Nacionalista Risco amósase partidario da conversión das Irmandades da Fala nun partido político, e de cara ás eleccións a Cortes Constituíntes de 1931 funda con Ramón Otero Pedrayo o Partido Nazonalista Republicán de Ourense. Otero Pedrayo obtén a acta, pero Risco, con 19.615 votos, queda fóra das Cortes, e será o comezo da perda de influencia no seo do galeguismo en favor de Pedrayo e Castelao.

O 25 de outubro de 1931 encabeza un grupo de galeguistas que publican un manifesto de afirmación católica, contra o que consideraban unha persecución da Igrexa Católica polo réxime republicano.

A pesar de ser elixido na I Asemblea do Partido Galeguista membro do seu Consello Executivo, vai estar en conflito permanente co partido debido á súa falta de interese pola política activa, ao seu escaso entusiasmo pola democracia, e ao seu rexeitamento a calquera colaboración coa esquerda.

En 1933 publica Nós, os inadaptados, onde amosa a súa concepción cíclica e espiritual da historia. En 1934 publica "Mitteleuropa", obra en que recolle as súas impresións da viaxe por Europa, apoiando o auxe do nazismo nese mesmo ensaio.

Na III Asemblea do PG (outubro de 1935), Risco vai aceptar a colaboración puntual coa esquerda, para evitar o esgazameto do PG. En xaneiro de 1935 publica un artigo en Heraldo de Galicia, no que fai un chamamento para reconquistar Galicia para Deus, e nun enfrontamento aberto cos dirixentes do seu partido non asiste á IV Asemblea do PG de Monforte de Lemos, na que se ratificaron os acordos coa esquerda. Trala Asemblea Extraordinaria de Santiago de febreiro de 1936, na que o PG se suma á Fronte Popular, Risco únese ao grupo de galeguistas que en maio de 1935 creara a Dereita Galeguista de Pontevedra e sae do PG para dirixir este partido.

Recibo coa súa sinatura.

O 13 de xuño de 1936 cando comeza a campaña polo Estatuto de Autonomía de Galicia, Risco fai campaña activa a prol do si, pero deixa claro que non lle gustaba a situación política, que consideraba un perigo para a Igrexa Católica, e cando se produce a sublevación do exército, Risco cala a pesar do asasinato ou encarceramento de moitos dos seus amigos e compañeiros galeguistas. O 30 de agosto de 1936 Risco participa como director da Escola Normal de Ourense na reposición solemne do crucifixo na escola organizado polas autoridades franquistas. Dende 1937 dirixe Misión, cofundado con Otero Pedrayo. Pero será dende 1938 cando comeza a colaborar con La Región con artigos ao servizo dos sublevados, consumándose a que os seus antigos compañeiros no exilio consideraron unha traizón aos ideais galeguistas, simbolizada na frase que Castelao deixou no Sempre en Galiza: "dicía Risco, cando Risco era alguén".

Franquismo[editar | editar a fonte]

Carta enviada por Francisco Fernández del Riego na que se lle informa a súa obra Leria fora aprobada pola censura.

En 1940 publica o traballo etnográfico El fin del mundo en la tradición popular gallega e en 1944 o libro Historia de los judíos desde la destrucción del Templo. Reside durante un tempo en Pamplona e colabora con El Pueblo Navarro; en 1945 trasládase a Madrid, onde colabora con El Español, Pueblo e La Estafeta Literaria e publica en 1947 Satanás. Biografía del Diablo. Volve a Ourense en 1948.

Grazas aos esforzos dos seus amigos galeguistas Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego, Risco volve escribir en galego no seu estudo de etnografía para a Historia de Galiza dirixida por Otero Pedrayo (1962); na tradución da novela de Camilo José Cela, A familia de Pascual Duarte, realizada en 1951; e no relato Sursumcorda (1957).

Pero será o castelán a lingua que empregue no número 2 de Grial e no resto da súa produción literaria, entre a que destaca La puerta de paja, que foi finalista do Premio Nadal 1952, e que publica en 1953 con grande éxito de crítica.

Escribe tamén La tiara de Saitaphernes, Gamalandafa e La verídica historia del niño de dos cabezas de Promonta, que quedan inéditas por falta de editores interesados.

Risco xubílase en 1954, pero continúa a publicar traballos de etnografía na prensa galega. En 1961 publica Leria, escolma de textos de antes da guerra civil española.

Risco morre o 30 de abril de 1963 na súa cama de Ourense, uns días despois de que o goberno franquista lle concedera a Medalla de Afonso X.

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1981.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

Fundamentalmente Risco caracterízase polo seu antimodernismo, o pensamento político de Risco baséase na crítica á modernidade, considerada como decadencia e abandono das formas de vida máis puras e lexítimas, ao tempo que exalta a irracionalidade, o misticismo e a relixiosidade popular, por iso mesmo rexeitará a literatura realista. Risco avoga polo antiparlamentarismo durante a Restauración. Risco tamén despreza a civilización mediterránea e defende o celtismo e atlantismo, para o que mirará a Portugal e en especial Irlanda polo seu catolicismo e pola loita vitoriosa contra do imperialismo inglés.

A Galicia verdadeira, para Risco, é a tradicional, a dos labregos e mariñeiros, é esa a Galicia na que se garda a esencia da raza, o sentimento relixioso da Terra, mitificadora dos tempos pasados.

Este autor ourensán apoia as súas ideas individualistas no xurdimento da reacción do individuo cara aos movementos políticos do momento.

A pesar de que nas súas primeiras obras se axudou das novas correntes estéticas do momento, el critica que estas non deixan crear unha cultura propia así como que limitaban a individualidade dos escritores, non obstante, difunde estas correntes entre novos autores como son Manuel Antonio. Tamén cabe dicir que vía o catolicismo como unha das bases da identidade galega así como un dos seus principios. A súa procura de Deus levouno a discorrer por un espiritualismo relacionado coas tradicións orientais.

Obra literaria[editar | editar a fonte]

O seu escritorio en Allariz

A totalidade da obra literaria de Risco vai ser un trasunto do seu pensamento filosófico e político. O seu primeiro texto literario é o relato breve Do caso que lle aconteceu ó Dr. Alveiros, centrado no tema do esoterismo e a maxia.

As seguintes obras de Risco van estar baseadas nas lendas e tradicións populares, O lobo da xente (1923) e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925). De 1926 é o cadro dramático A Coutada centrado no sentimento da terra e da volta ás orixes, aos devanceiros. En 1927 publicou en Nós algúns capítulos dunha novela que non remataría, Os europeos en Abrantes, unha sátira contra algunhas personalidades coñecidas da intelectualidade de Ourense.

Posteriormente publica a súa única novela, O porco de pé, na cal amosa a súa concepción espiritual da historia, contraria ao materialismo e ao mundo moderno.

De 1928 é a obra de teatro O bufón de El-Rei

Obra (selección)[editar | editar a fonte]

Busto de Vicente Risco na praza do Humor na Coruña.
  • Narrativa en galego:
  • Do caso que ll'aconteceu ó doutor Alveiros. "Terra A Nosa!". A Coruña, 1919.
  • O lobo da xente. Lar. A Coruña, 1925.
  • A velliña vella, Céltiga. Bos Aires, 1925.
  • A trabe de ouro e a trabe de alquitrán. Lar. A Coruña, 1925.
  • A Coutada. Lar. A Coruña, 1926.
  • Os europeos en Abrantes. Epopeia en prosa, in rev. Nós, nº 39, 40. 1927.
  • O Porco de Pé. Nós. A Coruña, 1928.
  • O señor feudal, in rev. Nós, nª 74. 1930.
  • Teatro en galego:
  • O bufón d`El Rei. Drama en catro pasos, Nós. A Coruña, 1928.
  • Ensaio en galego:
  • Teoría do nazonalismo galego. A Nosa Terra. A Coruña, 1918.
  • Teoría d'o nacionalismo galego. La Región. Ourense, 1920.
  • O programa do nazonalismo. A Nosa Terra, 1931.
  • Nós, os inadaptados, in rev. Nós, nº 115, 1933.
  • Mitteleuropa. Impresiós d'unha viaxe. Nós. Santiago, 1934.
  • Nacionalismo galego. Alento: Boletín de Estudos Polítecos. Santiago-Noia, 1934-1935.
  • Leria. Galaxia. Vigo, 1961.
  • Doutrina e ritual da Moi Nobre Orde Galega do Santo Grial, edición póstuma de Joaquim Ventura, Xunta de Galicia, 1997.
  • Etnografía en galego:
  • Etnografía e folkore de Melide, in VV.AA., Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos. Santiago, 1933.
  • Etnografía: Cultura espiritual, in VV.AA., Historia de Galiza, t. I. Bos Aires, 1962.
  • Narrativa en castelán:
  • El enviado. Mi Tierra. Ourense, 1911.
  • La puerta de paja. Planeta. Barcelona, 1953.
  • Ensaio en castelán:
  • Elementos de metodología de la Historia. Nós. A Coruña, 1920.
  • El problema político de Galicia. Ciap. Madrid, 1930.
  • Psicología del librepensador. Ourense, 1937.
  • Satanás, biografía del diablo. Libros y Revistas. Madrid, 1947.
  • Libro de las "Horas". Tanco. Ourense, 1961 (artigos publicados no xornal La Región).
  • Mitología cristiana. Editora Nacional. Madrid, 1963.
  • Orden y caos. Exégesis de los mitos. Madrid, 1963.
  • Las Tinieblas de Occidente: Ensayo de una valoración de la civilización europea. Sotelo Blanco. Santiago, 1990.
(edición póstuma de Manuel Outeiriño sobre orixinal da primeira década do século XX)
  • Historia en castelán:
  • Historia de los judíos desde la destrucción del templo. Barcelona, 1944.
  • La Historia de Oriente contada con sencillez. Escelicer. Cádiz, 1955.
  • Xeografía en castelán:
  • Provincia de Orense, in F. Carreras Candi, editor. Geografía del Reino de Galicia. Barcelona, s.a.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vicente Risco Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Afonso X o Sabio
Día das Letras Galegas
1981
Vicente Risco
Sucesor:
Luis Amado Carballo