Día das Letras Galegas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rosalía 9eue.jpg

O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

Historia

Celebración do DLG 2012 en Redondela, xunto á escultura á Castelao.

O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega (Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego) presentaron nesta institución a proposta de celebrar o 17 de maio para recoller o "latexo material da actividade intelectual galega". Estimaban que o poemario de Rosalía era a primeira obra mestra da literatura galega contemporánea, é dicir, considerábana a primeira obra do Rexurdimento. Realmente, descoñécese a data real de publicación do libro, pero tomouse ese día pola dedicatoria autógrafa de Rosalía de Castro á tamén poetisa Cecilia Böhl de Faber (Fernán Caballero).

Para conmemorar o primeiro día das letras publicouse unha edición crítica de Cantares gallegos, realizada por Fermín Bouza Brey. A festividade tivo un alcance e unha significación extraordinarios, e foi moi ben acollida non só a nivel literario senón tamén nos ambientes populares. Dende aquela dedícaselle o día de cada ano a unha figura significativa da literatura galega, coa única condición de que no ano da súa conmemoración teña pasado un mínimo de dez dende a data de falecemento da persoa homenaxeada.

Oficialmente, trátase dun día de carácter festivo en toda Galicia desde 1991.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Día das Letras Galegas Modificar a ligazón no Wikidata