Cabo Fisterra
Coordenadas: 42°55′28″N 09°17′29″W / 42.92444°N 9.29139°W
O Cabo Fisterra é un promontorio de granito dunha altura de 600 m situado no concello de Fisterra, na provincia da Coruña, constituído por unha península que penetra no mar 3 km.
Hai autores que identifican o cabo Fisterra co antigo Promontorio Nerio dos xeógrafos romanos, outros sitúan neste lugar a Ara Solis, na cal se practicaba o culto celta ao Sol. Os romanos pensaron que este era o punto máis occidental do mundo coñecido. Porén, o cabo Touriñán sitúase máis cara o oeste.
O faro foi construído en 1853. A torre do faro, feita de cantaría, é de base octogonal, e acaba nunha cornixa sobre a que se apoia a balconada. Encima está a bóveda, cunha lanterna poligonal. A torre mide 17 metros e a súa luz, situada a 143 metros sobre o nivel do mar, acada máis das 30 millas náuticas. A constante néboa do inverno provocou que se lle engadise unha sirena en 1888, a Vaca de Fisterre, para avisar aos navegantes do perigo existente. Aínda así, foi escenario de naufraxios, como en 1870, cando o Monitor Captain se afundiu levando 482 persoas da súa tripulación no suceso máis lutuoso desta costa.
Hai tamén, preto do lugar unha serie de pedras vencelladas a lendas relixiosas: As Pedras Santas, As Pedras Manchadas de Viño, A Cadeira de Pedra, A Tumba de Orcabella.
Batallas do Cabo Fisterra[editar]
Tres batallas de combates navais entre o Reino Unido e Francia coñécense como a batalla do Cabo Fisterra, tiveron como escenario principal esta costa do noroeste de España.
- A primeira batalla do cabo Fisterra tivo lugar o 14 de maio de 1747, durante a guerra da sucesión austríaca. Foi unha vitoria para a frota británica baixo o mando do almirante George Anson.
- A segunda batalla do cabo Fisterra tivo lugar o 25 de outubro de 1747, e tamén foi unha vitoria decisiva para a frota británica, baixo o mando do almirante Sir Edward Hawke.
- A terceira batalla do cabo Fisterra tivo lugar o 22 de xullo de 1805, durante a guerra da terceira coalición das guerras napoleónicas. Foi un encontro pouco concluínte entre unha frota británica ás ordes do vicealmirante Robert Calder e unha flota hispanofrancesa mandada polo almirante Pierre Charles Silvestre de Villeneuve.
Última etapa do Camiño de Santiago[editar]
O Cabo Fisterra é hoxe día o destino final para moitos peregrinos do camiño de Santiago, esta arredor dunha distancia de 90 km de Santiago de Compostela, se ben algúns peregrinos continúan ata Muxía, un día de marcha mais lonxe.
Galería de imaxes[editar]
- Artigo principal: Galería de imaxes de Fisterra.