Manuel Curros Enríquez
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Manuel Curros Enríquez é un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal.
Índice |
[editar] Biografía
Curros Enríquez nace en Celanova o 15 de setembro de 1851, na casa número 14 da rúa de San Roque. Era fillo do escribán Xosé María de Curros Vázquez (de Santiso-Melide) e de Petra Enríquez (de Vilanova dos Infantes). A pesar de que certos biógrafos indican que seu pai era un carlista, que sometía o seu fillo a malleiras frecuentes, o certo é que as modernas investigacións determinaron que, ben polo contrario, Xosé María de Curros defendeu sempre as ideas liberais. No tocante ás relacións pai-fillo, sen ben que semella que, efectivamente, foron difíciles, convén desterrar definitivamente aquela imaxe duns maltratos que non se axustan á realidade. Asistiu á escola de don Manuel Rebollo e cando estivo preparado tivo que axudarlle a seu pai como escribente. En 1866 marchou cara a Madrid, á casa do seu irmán Ricardo, onde fixo o bacharelato e comezou a estudar Dereito, que non rematou.
A revolución de Setembro en 1868 fai que asuma os ideais democráticos. Ingresa de escribente no Concello de Madrid e visita os círculos literarios coa intención de facer alí carreira literaria, desa época é a lenda en castelán, El Maestre de Santiago. Dende 1871 vivía con Modesta Luisa Polonia Vázquez Rodríguez (natural de Pobra de Sanabria), coa que ten un fillo en 1873 e coa que casará en 1877. En 1873 comezou a súa carreira xornalística ao ingresar na Gaceta de Madrid e ao ano seguinte entra en El Imparcial, para o que cubriu en 1875 a guerra carlista.
En 1877 gaña un certame poético en Ourense co poema "A Virxe do Cristal". Esta vitoria determinouno como poeta galego. Curros establécese en Ourense e traballa na Intervención da Administración Económica.
[editar] Aires d'a miña terra
En 1880 publicou Aires d'a miña terra, libro de poemas no que pon de manifesto o seu anticlericalismo ó considerar que a Igrexa non se achega ós pobres e necesidatos senón que só defende castes e privilexios. Nesta obra publica o poema Mirand’ó chau no que, entre outras cousas escribe o célebre verso S’eu fixen tal mundo, que o demo me leve. A reacción eclesiástica non se fixo esperar e o 28 de agosto dese mesmo ano 1880 o bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo González condena e reproba o libro por conter "proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas”. Prohíbese ós fieles a lectura e posesión do libro e remátase excomungando a Curros. Simultaneamente, o bispo de Ourense denuncia diante das autoridades xudiciais o libro de Curros. O xulgado de Ourense procesouno por delito contra o libre exercicio dos cultos e ordenou o secuestro dos exemplares en poder do editor, desfixéronse os moldes, e Curros foi condenado a dous anos e 4 meses de cadea e ó pago dunha multa de 250 pesetas. Finalmente, foi absolto na Audiencia da Coruña.
Perdeu o posto de traballo ourensán e volta a Madrid en 1883 e ingresa na redacción de El Porvenir, xornal republicano, e en 1887 accedeu ao posto de redactor xefe de El País e en agosto de 1888 apareceu O divino sainete, que pasou desapercibido para a crítica galega polo seu ton anticlerical.
[editar] Curros na emigración
En 1894 decide emigrar cara a América. Acollido con entusiasmo á súa chegada, en La Habana dirixe un xornal, La Tierra Gallega e cando se suspendeu a súa publicación ingresou na redacción de El diario de las Familias e despois na do Diario de la Marina, no que apoia os autonomistas, o que lle causou problemas coas autoridades e acabou indispoñéndose coa maioría dos seus paisanos. En 1904 viaxa á Coruña, onde foi agasallado polos rexionalistas. De volta a La Habana, retoma as súas actividades no Diario de la Marina e foi un dos principais impulsores da creación da Real Academia Galega en 1906.
Curros Enríquez, xa moi enfermo, ingresou no hospital do Centro Asturiano ao negarse a facelo no do Centro Galego e alí morreu o 7 de marzo de 1908 e os seus restos mortais foron embarcados para Galicia.
[editar] Obras
- A Virxe do Cristal (1877)
- Aires da miña terra (1880)
- O divino sainete (1888)
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Casares, Carlos, Curros Enríquez, Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-356-1.


