Feudalismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación do modo de vida no Feudalismo.

O termo feudalismo foi acuñado por primeira vez polos revolucionarios franceses do século XVIII, como sinónimo das desigualdades xurídico-sociais contra as que loitaban. Así, pasou á Historia relacionado con dereito de pernada, barbarie, séculos escuros... Pero o concepto histórico (non é un sistema político, máis ben un modo de organización social), abrangue moitos máis aspectos dos que nun primeiro momento se pensan.

Sociedade[editar | editar a fonte]

A estrutura social feudal na súa meirande parte estaba constituída por unha lexión de campesiños que alimentaba todo o conxunto da sociedade por medio dunha economía de carácter agrario pechada. O poder, fundamentado na propiedade da terra, estaba en mans dunha aristocracia militar que exercía o control político e outra relixiosa que se reservaba o control ideolóxico. Estaba rexido por un complexo sistema piramidal de vasalaxe, no que o rei estaba no cumio e os campesiños eran practicamente propiedade do seu señor feudal. Había cidadáns libres que só debían obediencia e vasalaxe ao rei nas cidades.

Había nobres de varios niveis, todos eles dentro da estrutura de vasalaxe. Así, o cabaleiro podía ser señor dunha aldea pertencente a un condado, sendo polo tanto vasalo do conde, que o sería á súa vez dun duque ou directamente do rei. Estes xuramentos estaban baseados na honra e na fe, até o punto de que se un nobre era excomungado polo papa, o seu señor podía despoxalo das súas pertenzas e os seus vasalos negarlle a obediencia e máis a lealdade.

Tres estamentos: Un padre, un cabaleiro e un traballador.

Este sistema daba lugar a moitas guerras internas, dende rebelións até reclamacións de nobres sobre outros títulos, e creaba situacións como que o rei de Inglaterra fose vasalo do rei de Francia por posuír territorios franceses como o ducado de Normandía.

Entre o século IX e o século XII a sociedade europea vive a plenitude do feudalismo. Arraigou con máis forza nos dominios do Imperio Carolinxio, noutras rexións a súa implantación foi máis superficial: na España cristiá polo enfrontamento contra o Islam e na Italia medieval polo contacto co Imperio bizantino.

Un vasalo axeonllado realiza a inmixtio manum durante a homenaxe ao seu señor (sentado), e un escribente toma nota.