Rapa das bestas de Sabucedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°35′36″N 08°24′54″O / 42.59333, -8.41500

Aloitadores tentando suxeitar a unha besta.
Momento da rapa.
Neno retirando un poldro.

A rapa das besta de Sabucedo é un evento que se celebra en Sabucedo (A Estrada) durante tres días, o primeiro sábado, domingo e luns de xullo. En 2007 foi declarada festa de interese turístico internacional.

Características[editar | editar a fonte]

En 2010 había máis de 600 cabalos -chamadas bestas as femias e garañóns os machos-, divididos en 14 mandas, que viven ceibos nunha extensión de máis de 200 km² de monte. Esta celebración consiste, coma noutros curros, en recoller os cabalos do monte, metelos ao curro, rapalos e marcalos na actualidade con microchips.

O de Sabucedo é o curro máis coñecido e presenta ademais trazos propios que o diferencian dos outros. Entre estas diferenzas a máis importante consiste en que en Sabucedo non se utilizan cordas, paus ou aparellos para reducir ao animal. Os "aloitadores", que son os que se encargan de suxeitar a besta ou garañón namentres se procede á rapa, usan tan só a súa destreza e o seu corpo para realizar o seu labor. Outra especificidade da rapa das Bestas de Sabucedo é que a "Baixa" ou actividade de xunta e condución das bestas ao lugar de Sabucedo forma parte da propia celebración e participan nela centos de persoas de Galiza e de fora do país.

O sábado pola mañá, moi cedo antes de subir ao monte, celébrase unha emotiva misa onde se pide a San Lourenzo (patrón de Sabucedo) para que non aconteza ningún accidente ou desgraza durante a festa.

A rapa é realizada polos aloitadores. O acto da Rapa é asemade segundo o estudoso Manuel Cabada Castro, unha iniciación simbólica do paso do neno á mocidade, ao agarrar por primeira vez un poldro guiado e dirixido polos maiores.

Historia[editar | editar a fonte]

Xa a principios do século XVIII se teñen noticias da primeira celebración festiva da baixa das bestas do monte, a súa posterior rapa e o marcado dos poldros novos. Aínda así crese, e algúns estudosos como Manuel Cabada recollérono nos seus libros, que a tradición é moito máis antiga e incluso podería ser prerromana posto que se atoparon diversos petróglifos na zona, onde se representan a homes sobre cabalos.

Antigamente o curro estaba a carón da igrexa parroquial, pero a finais do século XX mudouse a unha zona despoboada cara ao norte da aldea.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]