Economía de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Economía de Galicia
Automóbiles na Zona Franca de Vigo.jpg
Automóbiles na Zona Franca de Vigo.
Moeda Euro
Datos estatísticos Fonte: IGE
PIB € 55.850 millóns (2007)
PIB per cápita € 20.140 (2007)
% de crecemento do PIB +4,0% (2007)
PIB por sector (2007) agricultura e pesca 3,9%,
industria 17,0%,
construción 13,4%,
comercio e servizos 55,2%
Inflación anual 4,9%[1] (outubro 2008)
Poboación por baixo
do limiar da pobreza
23,2% (2006)
% traballadores
por sector
servizos 60%,
industria 18%,
construción 12%,
agricultura e pesca 10% (2006)
Desemprego 8,47 %[2] (3º trimestre 2008)
Principais industrias téxtil, alimentos, automoción,
equipamentos de transporte,
enerxía eólica
Parcerías comerciais [2]
Exportacións (€) € 15.998,8 millóns (2007)
Principais produtos
exportados
material de transporte,
material téxtil, prod. alimenticios,
máquinas e aparellos, metais
Principais mercados
(2008)
Flag of France.svg Francia 37,6%
Flag of Portugal.svg Portugal 14,5%
Flag of Italy.svg Italia 5,4%
Flag of the United States.svg EEUU 4,4%
Flag of the United Kingdom.svg Reino Unido 3,5%
Importacións (€) € 16.578 millóns (2007)
Principais produtos
importados
material de transporte,
minerais (combustíbel), metais,
produtos téxtiles e alimenticios
Principais parceiros
(2008)
Flag of France.svg Francia 19,9%
Flag of Portugal.svg Portugal 12,6%
Flag of Germany.svg Alemaña 5,7%
Flag of Italy.svg Italia 4,8%
Flag of Mexico.svg México 4,3%

A economía de Galicia áchase fortemente imbricada aos recursos naturais. Galicia destaca polos seus contrastes económicos: mentres a costa oeste, sede dos maiores centros de poboación, e tamén das industrias manufactureiras e de derivados da pesca, é próspera e incrementa a súa poboación (especialmente aquelas comarcas situadas no eixo da autoestrada AP-9), a zona rural das provincias de Ourense e Lugo presenta unha economía na que predomina aínda a compoñente rural, asentada no minifundio, ou pequenas explotacións agrícolas e/ou gandeiras.

Macromagnitudes e indicadores sociais[editar | editar a fonte]

Os últimos anos distinguíronse pola acentuación das diferenzas entre as provincias do interior, máis atrasadas, e as provincias costeiras, máis desenvolvidas, especialmente aquelas comarcas situadas no eixo da autoestrada A-9.

Dous polos económicos destacan, aínda que nos últimos anos a comarca coruñesa parece despregar un maior dinamismo cá comarca viguesa, pois segundo datos de 2004, as empresas da mostra de Ardán da comarca coruñesa creaban o 33,2 por cento do Valor Engadido Bruto total (VEB) fronte ao 24,3 por cento xerado polas empresas da comarca viguesa[3]. Como terceira área económica destaca Santiago de Compostela. Ferrol e Pontevedra amosan unha elevada dependencia das cidades cabeceira mentres Ourense e Lugo consolídanse como centros económicos dun interior economicamente tradicional que continua a perder poboación[4] a pesar da dinamización que está a vivir[5].

A distribución sectorial da poboación ocupada foi mudando ó longo do século XX de xeito notable: o sector primario pasou de ser o predominante a comezos de século (85,9% en 1900) a reducirse lenemente ata a década dos 60, mantendo aínda aí a súa hexemonía (67,8% en 1960). A partir de entón, como consecuencia da emigración da poboación rural cara ás cidades, o sector primario ou agropecuario minguou por baixo do 50% dos ocupados (42% en 1975, 35% en 1990). Na década dos 90 esta redución acelerouse por mor da diversificación económica (17,9% en 2000). A data de 2006 a porcentaxe da ocupación neste sector é do 10%.

Os demais sectores económicos seguiron a evolución inversa, sendo a comezos de século practicamente marxinais e medrando conforme se producía a industrialización de Galicia.

Case dous terzos dos empregos en Galicia están dedicados ao sector servizos (734.000 persoas dun total de 1.190.000 traballadores (primeiro trimestre de 2008[6]), seguido pola industria (máis de 217.000), e agricultura e construción con aproximadamente a mesma cantidade de traballadores (103.000 e 147.000, respectivamente). Curiosamente, é no sector agrario onde é menor a taxa de paro: 2,9%, estando no sector terciario no 9%.

Sector primario[editar | editar a fonte]

Agricultura[editar | editar a fonte]

Fileira de tractores agardando a descarga-la uva nas Bodegas Martín Códax.

As industrias manufactureiras de produtos agrícolas están en pleno retroceso, caendo en mans foráneas as industrias de derivados lácteos e outras sufrindo unha reestruturación, como lle pasou á antiga industria estatal 'FRIGSA' ('Frigoríficos Industriales de Galicia') que acabou sendo desmantelada e tratando de ocupar o seu lugar unha serie de empresas moito máis pequenas. A agricultura, pois, pasou a un segundo plano dentro do sector primario. Nas explotacións agrícolas predomina o minifundio, xa que o 75% das explotacións posúen menos de 5 hectáreas. Porén só supoñen o 18% da superficie agraria. En canto ós cultivos destacan o de plantas forraxeiras, o de cereais (principalmente millo, seguido de centeo e trigo), o de patacas, e o de leguminosas. As froitas, as hortalizas e as viñas ocupan menor extensión, mais son moi rendibles. Entre as froitas sorprende o cultivo de kiwis, contando con 500 hectáreas a tal fin (o 62,5% do total a nivel español)[7].

A agricultura e gandaría pasaron nunha xeración de ser practicamente de subsistencia a ser de comercialización, e seguen a sufrir cambios debido ao impacto da incorporación na UE e ás condicións de entrada. O número de explotacións agrarias está caendo rapidamente, así como se está a concentrar a cota leiteira, por citar dous indicadores. No ano 2005 eran cultivadas unhas 166 mil hectáreas. A superficie agraria útil é das máis baixas da Unión Europea dos 15 (29,5% en 2004), só superior á de Grecia (28,9%), Finlandia (6,66%) e Suecia (7%)[8].

Pesca extractiva, marisqueo e acuicultura[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pesca en Galicia.

O desenvolvemento do sector pesqueiro galego é notable, tanto no volume da flota pesqueira (Galicia posúe case o 40% dos barcos españois) como no das estruturas e industrias auxiliares (portos, almacéns frigoríficos e industrias transformadoras). Isto pode explicar que Galicia sexa tamén a principal porta de entrada dos produtos da pesca procedente doutros países. Os principais portos galegos son o de Vigo (dos principais do mundo [9]) e o da Coruña.

Descarga de mexillóns na Illa de Arousa.
Peixes espada na lonxa de Vigo

En termos económicos, a pesca en Galicia vén representa-lo 10% do PIB galego, aínda cando a práctica totalidade desta actividade se concentre loxicamente na franxa costeira. No 2004, a facturación deste sector superou os 1.000 millóns de euros. Representa ademais unha fonte de actividade económica moi diversificada nos sectores industrial e de servizos, ata o punto de que o 12% do emprego galego depende directa ou indirectamente da pesca, o que converte a Galicia na comunidade europea máis dependente do sector pesqueiro. O número de traballadores directos neste sector supera os 25.700, entre mariñeiros, mariscadores e empregados no sector da acuicultura[10], e estímase que cada emprego no mar crea catro máis en actividades en terra relacionadas co peixe, por exemplo nas industrias conserveiras (ó redor de 12.000 empregados) e conxeladoras (en torno ós 8.000 empregos) [11].

As actividades pesqueiras en Galicia podémolas dividir en pesca extractiva, marisqueo e acuicultura. O total de embarcacións, incluídos parques de cultivos flotantes e barcos auxiliares, supera as 8.000 unidades, das que máis de 5.200 son barcos de pesca, con case 118.000 toneladas de rexistro bruto. A gran maioría, 4.500 barcos, dedícase á pesca de baixura, fundamentalmente no interior das rías, mentres que o resto distribúese entre a flota do litoral, que realiza as súas capturas no caladoiro nacional (na costa galega, cantábrica e portuguesa) mediante artes de cerco e de arrastre e a flota de altura ou de gran altura. Estímase que un 25% da flota galega pesca en augas comunitarias ou internacionais (Gran Sol, Sudáfrica e Sudamérica, especialmente).

O marisqueo realízase principalmente de modo artesanal e a pé, na faixa costeira que queda ó descoberto co devalo da marea, aínda que tamén é significativa, nas Rías Baixas, a modalidade de marisqueo a flote. As principais especies capturadas son as distintas variedades de ameixa e o berberecho. Este último, con 4,7 millóns de toneladas, representa case a metade do volume dos moluscos vendidos nas lonxas, 10,3 millóns de toneladas en 2007[12].

Finalmente, a acuicultura constitúe unha especialización da explotación dos recursos mariños cada día máis desenvolvida e prometedora en Galicia, en constante proceso de expansión. No ano 2005, Galicia achegou o 82% da produción de acuicultura española, sendo o mexillón a especie máis representativa, con case 300.000 toneladas, un 96% do total. A seguir estaría o rodaballo, con 5.700 toneladas.

Gandería[editar | editar a fonte]

Mata tradicional do porco no Ribeiro. A mata do porco constitúe, xunto co Entroido, unha das formas máis representativas da cultura popular galega.

Co 64,7% do valor da produción final agraria a gandaría constitúe a principal actividade agraria en Galicia. Esta desempeña un papel estratéxico en Galicia polo peso económico e social que ten. O proceso de especialización gandeira comezou na década de 1960, propiciado polo alivio da presión demográfica sobre a terra e o abandono da agricultura como consecuencia da emigración masiva, ademais das aptitudes naturais para a produción de pastos e forraxes, e a remota tradición gandeira.

No campo galego dominan as explotacións de carne bovina, con 1.016.361 cabezas no ano 2000. Durante o século pasado produciuse a introdución de razas foráneas coa fin de aumentar a produtividade e a rendibilidade das explotacións, especialmente no sector lácteo; entre estas especies atopábase a vaca frisoa, especie que actualmente supón entre o 80 e o 90%, segundo a comarca, de todas as reses orientadas a este tipo de produción en Galicia (443.000). Outras razas minoritarias son a parda alpina ou a charolesa. Malia todo aínda hai explotacións que empregan razas autóctonas galegas, coma a raza cachena (3.034 cabezas en 136 explotacións), a caldelá (1.039 cabezas en 62 explotacións), a frieiresa (408 cabezas en 26 explotacións), a limiá (460 cabezas en 35 explotacións) e a vianesa (1.362 cabezas en 72 explotacións)[13].

Con 204.573 femias en idade reprodutora a Rubia galega é a raza bovina autóctona máis abondosa do estado[14].

Pola contra, na orientación cara ó consumo de carne a raza rubia galega (froito dunha selección artificial realizada no propio país) é a hexemónica e posúe denominación de orixe de seu[15].

Galicia, xunto con Asturias, son as dúas únicas comunidades nas que parte da súa produción de carne de vacún se realiza de forma tradicional, os tenreiros permanecen xunto ás nais ata o sacrificio. A base da súa alimentación é o leite complementado con forraxes e cereais, estas explotacións están moi ligadas á terra[16].

A sustitución das razas tradicionais tamén afectou a outras sectores gandeiros coma o porcino (777.118 cabezas en 2000); introducíronse fundamentalmente o large white e o landrace, aínda que o porco celta está a se recuperar para a súa comercialización[17].

A avicultura constitúe outro dos piares da gandaría galega, cunha forte implantación tradicional e, nas comarcas máis meridionais, incluso industrial. A raza autóctona é a galiña de Mos. Menor importancia teñen o gando ovino (360.000 cabezas en 1999, coa presenza da raza autóctona ovella galega) e o caprino (53.713 reses). Outras producións gandeiras con certa significación son a cunicultura, a apicultura e a cría de visóns.

A finais do século XX introducíronse especies exóticas, como as avestruces e os canguros. O leite (49,8%), carne de bovino (18,5%), aves e ovos (16,5%) e carne de porcino (12,4%) son as principais producións gandeiras. No tocante ó leite, a produción está estabilizada nos últimos anos ó redor de 1,8 millóns de litros, debido ó sistema de cotas establecido pola Unión Europea. O 92% da produción véndese ás industrias lácteas.

Silvicultura[editar | editar a fonte]

Con 467.351 hectáreas, o Piñeiro marítimo (Pinus pinaster) ocupa o 23% de toda a superficie forestal galega[18], sendo a especie forestal máis abondosa no país.

A superficie forestal en Galicia ocupa 2.039.574 hectáreas, o que constitúe o 64% do territorio do país. As especies máis abondosas son por orde: o piñeiro marítimo (Pinus pinaster) con 383.632 ha, o carballo (Quercus robur) con 187.789 ha e o eucalipto (Eucalyptus globulus) 174.210 ha. A mistura de P. pinaster con E. blobulus ocupa unha área de 159.414 ha[18].

Segundo o Inventario Forestal Nacional de 1998 (IFN3) as coníferas ocupaban unha superficie de 512.944 ha, as frondosas facíano en 574.370 ha, mentres que a mestura de ambas ocupaban 337.414 ha. Este mesmo inventario amosaba os datos do volume madeirable (en m³ con cortiza): 133.092.754 m³ —o 15,05% de España—, e da cantidade de pés maiores: 688.061.951 —o 10,73% de España—. Na Unión Europea dos 15 a superficie forestal relativa de Galicia (sobre un 60% en 2004) só é superada por Finlandia (68,5%)[8].

En 2004 a produción madeireira galega alcanzou o 48 por cento do total estatal ocupando a primeira posición. A produción en 2004 foi de 5.490.126 m³ con cortiza[8]. Débese prestar atención ao feito de que a produción galega multiplicouse por 3,2 desde 1973 mentres que a produción estatal só aumentou un 40 por cento. O valor económico da madeira cortada ascendeu en 2002 a 222.473.951 euros. A actividade de primeira transformación da madeira representa o 3% do PIB galego[19]. Como actividade residual destaca a comercialización de castañas nas provincias do interior.

O sector forestal galego componse da silvicultura, explotación forestal e actividades dos servizos ligados a eles; da industria da madeira e da cortiza (agás mobles, cestaría e espartaría); industria do papel e mais fabricación de mobles. O Valor Engadido Bruto (VEB) deste sector foi do 2,4% en 2004[8]. O subsector máis importante é o da industria da madeira (42,1% do VEB do sector forestal galego). En 2004, neste sector, había 27.497 postos de traballo (2,4% do total galego) mentres que os asalariados eran 24.332 (2,7% do total galego)[8].

Pola súa banda a titularidade dos montes galegos tivo unha complexa historia, rematando a titularidade municipal e estatal e recoñecendo a propiedade veciñal en mancomún. A cuarta parte do territorio galego corresponde a monte veciñal en man común (unhas 700.000 hectáreas xestionadas por 2800 comunidades de montes)[20]. Ademais este réxime supón o 34% da superficie forestal, o resto son de propiedade privada individual[21].

Sector secundario[editar | editar a fonte]

O sector secundario achega o 30,3 por cento do PIB galego. Destaca a elevada contribución da enerxía e construción. A riqueza xerada pola primeira representa o 3,4 por cento do total mentres que a orixinada pola segunda representa o 11,7 por cento[22].

Enerxía[editar | editar a fonte]

Aeroxeradores en Carnota. Galicia é a 6º potencia mundial no que á enerxía eólica se refire.[23]

A xeración neta en 2005 acadou os 25.097 GWh dos cales 17.158[24] obtíñanse de actividades de xeración de réxime ordinario mentres que 8.644 proviñan de actividades de xeración de réxime especial. Esta cantidade supón o 9,33 por cento do total español. Ese mesmo ano a demanda na comunidade galega ascendeu a 18.622 Gwh. As principais fontes de xeración son os combustibles sólidos procesados transformados principalmente nas centrais térmicas Meirama e As Pontes. Esta última é a maior central térmica de España cunha potencia de 1.468 Mw distribuída en catro grupos.

O crecemento da potencia instalada en réxime especial en 2005 respecto do ano anterior foi do 10,2 por cento. Dentro deste grupo, as enerxías renovables están nunha etapa de esplendor. Destaca a enerxía eólica que supuxo en 2005 o 83,1 por cento do total da potencia instalada de enerxías renovables. A potencia eléctrica de enerxía eólica en Galiza é de 2.533 MW en decembro de 2006[25], e a Consellaría de Industria agarda chegar ós 6.500 MW en 2012[26], convertindo a Galiza nunha potencia mundial neste tipo de enerxía.

Nos vindeiros anos espérase unha expansión da enerxía solar termoeléctrica e, especialmente, da enerxía undimotriz[Cómpre referencia].

Industria[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Industria de Galicia.

No sector industrial dominan as pequenas e medianas empresas (o 98% do total teñen menos de 50 empregados). Aínda así, as grandes empresas concentran case un corenta por cento dos traballadores no sector industrial.

No ano 2003 o epígrafe Fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques era a actividade que maior VEB xeraba ademais de ser o principal concepto de exportacións de Galicia.[27] A produción de vehículos e compoñentes xira ao redor da fábrica de PSA Peugeot-Citroën da cidade de Vigo onde produciu 547.500 vehículos en 2007, o que a converte na principal factoría a nivel mundial do grupo francés.[28] Ao seu redor situáronse importantes compañías de compoñentes como Dalphimetal ou Faurecia. Con todo, a falta de chan industrial na zona propiciou o traslado dalgunhas compañías de compoñentes a outros emprazamentos máis afastados.

Tenda ZARA en Singapur. ZARA, do grupo INDITEX, é o primeiro grupo europeo e segundo mundial de confección e roupa.

O desenvolvemento do sector de téxtil e confección viuse condicionado pola eliminación dos aranceis a partir do 1 de xaneiro de 2005 como consecuencia do Acordo sobre téxtiles e confección de 1995 da OMC. A pesar da nova situación, as principais compañías non parecen afectadas. O grupo Inditex situado en Arteixo é o principal grupo de moda por facturación en Europa cunha facturación en 2005 de 6.741 millóns de euros superando por primeira vez ao grupo sueco H&M. Ademais de Inditex, consolidáronse outras empresas como Caramelo, Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Toypes ou Montoto situadas estas dúas últimas en Lalín, vila considerada a capital da moda galega.

A cadea da madeira é outra das actividades destacadas. En 1998 o VEB galego significaba o 7,75 por cento do total español só superado polo País Vasco onde a importancia desta actividade sobre o total era do 9,17 por cento. As actividades da cadea con maior presenza son as de primeira transformación. A especialización nas transformacións con menor valor engadido xerado non impediron que xurdan un pequeno grupo de empresas con forte implantación internacional, particularmente na fabricación de taboleiros, como Finsa ou Losán. A fabricación de mobiliario ten na Estrada o seu centro de maior importancia a nivel galego.

Canto á minaría, destaca a explotación do granito do Porriño e a lousa de Valdeorras. A extracción de lignito permite abastecer ás centrais térmicas, mais este mineral está a se achegar ó esgotamento. Isto sucedeulle ó volframio, que foi explotado moi intensamente durante a Segunda Guerra Mundial para abastecer o réxime nazi[29].

Construción[editar | editar a fonte]

A polémica Cidade da Cultura, en construción

O sector construtor xeraba en 2003 o 12,84 % dos postos de traballo. Cun dinamismo lixeiramente superior ao do conxunto da media galega, crecemento do 3,5 % frente ao 3,3 % do total en 2005, alcanzou nese ano unha marca ao ser a primeira vez que se concederon máis de 35.000 licenzas. O prezo medio do m² en 2005 foi 1.210,2 € [3], o que supon un incremento do 14,15 por cento respecto do ano anterior. A licitación de obra pública parece non evolucionar da mesma maneira, pois segundo SEOPAN descendeu un 6,6 % nos primeiros oito meses de 2005 [4]. Segundo o Censo de Poboación e Vivendas de 2001 o 68,8 por cento das viviendas eran principais, o 12,73 por cento eran vivendas secundarias e o 17,52 por cento eran vivendas baleiras [5].[30]

Sector terciario: os servizos[editar | editar a fonte]

Comercio[editar | editar a fonte]

En comparanza coa media española (19,1%), a economía galega é moito máis aberta, cun grao de apertura (exp. + imp.) do 58,3% do PIB (2007).[31] No ano 2007, as exportacións galegas sumaron 15.999.585 miles de euros, cun incremento interanual do 9,5% mentres que as importacións sumaron 16.575.560 miles de euros, cun incremento interanual do 6%[31]

A Banca[editar | editar a fonte]

A creación de bancos en Galicia dase de xeito moi cedo, no século XVIII, coa fundación do Banco Etcheverría en Betanzos en 1717, sendo este o banco máis antigo de España, e a posterior do Banco Pastor na Coruña en 1776. Durante o século XIX fundáronse dous pequenos bancos: en Santiago de Compostela a Casa de Banca Fillos de Olimpo Pérez e en Vigo Fillos de José Simeón García e Compañía. Habería que agardar ata 1918 para que na Coruña establecérase o Banco da Coruña na cidade homónima e a banca Viñas Aranda en Vigo. A partir de 1962 coa consolidación bancaria propiciada pola Lei de Bases de Ordenación do Crédito e a Banca producíuse a adquisición de entidades rexionais polas principais casas de banca do país. En 1969 o Banco Popular adquiriu a Banca Viñas Aranda e un ano despois o Banco da Coruña foi adquirido polo Banco de Bilbao. Ademais, en 1964 fundouse o Banco do Noroeste baixo a denominación de Banco Industrial. Absorbido por Rumasa en 1974 e fusionado co Banco de Crédito e Investimentos, sucesor da Casa de Banca Fillos de Olimpo Pérez, trocou o seu nome por Banco Galego, estando participado polas Caixas de Aforros galegas.

Así mesmo, viviuse un forte proceso de concentración nas caixas galegas. Novacaixagalicia naceu a finais de 2010 da fusión de Caixa Galicia (á súa vez procedente da fusión da Caixa de Aforros da Coruña e Lugo e a Caixa Xeral de Aforros e Monte de Piedade de Ferrol) con Caixanova (resultado da fusión no 2000 da Caixa de Aforros Municipal de Vigo —fundada en 1880—, Caixa de Aforros Provincial de Ourense —fundada en 1933— e a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra —fundada en 1930—). En 1995 Caixa Geral adquiriu o Banco Simeón e o 17 de decembro de 2002 Caixa Galicia mercou o 37,12% do Banco Etcheverría.[32]

A decembro de 2006 había depositados nas entidades de crédito en Galicia un montante de 40.620 millóns de euros. Deles, 2.539 millóns pertencían a Administracións Públicas mentres que os outros 38.082 millóns correspondían a Outros sectores residentes. A cota de depósitos das caixas de aforro ascendía ao 56,57 por cento, a cota dos bancos era do 42,65 por cento mentres nas cooperativas de crédito atopábase o 0,7 por cento restante.[33]

Por outra banda, as entidades de crédito tiñan nesa data 2.476 oficinas abertas na comunidade, o que supuña o 5,66 por cento das oficinas en España.[33] Os bancos tiñan máis oficinas abertas cás caixas —1.226 fronte a 1.186—. Con todo, as entidades con maior número de oficinas eran Caixanova e Caixa Galicia cuxa rede de oficinas supuña en 2004 o 22,4 e o 20,5 por cento do total, respectivamente seguidas do Grupo Santander cuxa rede constituía o 11,8 por cento.[34]

O Turismo[editar | editar a fonte]

Santiago de Compostela é un dos principais reclamos turísticos galegos, pois visítana o 85% dos turistas que veñen a Galicia[35].
As Illas Cíes son un dos principais reclamos turísticos das Rías Baixas.

O turismo, de desenvolvemento máis serodio cá noutras zonas da península, representa hoxe en día unha importante fonte de ingresos, coa peculiaridade de que se concentra na costa (principalmente nas Rías Baixas) e Santiago. Durante o ano 2007 Galicia recibiu 5,7 millóns de turistas, un 8% máis que no ano 2006[35], e un 11% máis que no 2005 e 2004. O turismo supón o 12 por cento do Produto Interior Bruto (PIB) galego e emprega un 12 ou 13 por cento dos traballadores. A cuarta parte dos turistas que visitan Galicia proceden doutras partes do país, o resto procede de Madrid e Cataluña, seguidos por castelán-leoneses, andaluces, vascos e asturianos.

Durante o 2007 1,2 millóns de turistas estranxeiros visitaron Galicia, fronte ao 25% que o fixo no 2005[36], entre eles destacaron os portugueses, alemáns, británicos, italianos e franceses e, de entre os procedentes de América, os máis numerosos foron arxentinos, venezolanos e estadounidenses.

A balanza comercial galega ten signo negativo no ano 2007. Os principais socios comerciais de Galicia atópanse na Unión Europea, sobre todo Francia e Portugal.

Cabe destacar que o país galaico é o destino preferido entre os baleares, canarios e andaluces, turistas vidos dende comunidades onde se practica o turismo de masas[37].

Balneario de Guitiriz, na provincia de Lugo. No ano 2007 Galicia facturou 67 millóns de euros no sector termal.

Segundo a Asociación de Balnearios de Galicia, Galicia é líder a nivel nacional en oferta termal, co 19,6% dos establecementos e o 18,4% das prazas hostaleiras, por diante de Cataluña e Aragón. A asociación cifrou en 67 millóns de euros a facturación do sector termal galego durante 2007, o que representa un crecemento do 3,07% con respecto ao 2006[38].

O sector termal en Galicia dá emprego directo a 1.200 profesionais e indirecto a outras 5.000 persoas[38].

No país existen un total de 300 captacións mineiro medicinais catalogadas, das cales vinte son empregadas por balnearios, distribuídos polas catro provincias galegas: Pontevedra (oito), Ourense (seis) Lugo (catro) e A Coruña (dous). Máis do 80 por cento das prazas corresponden a establecementos de tres, catro e cinco estrelas[38].

O número de termalistas experimentou un grande incremento nos últimos anos, sobre todo, no período 2001-2005, no que se pasou de 50.000 a 100.000, mentres que no ano 2007, acadouse a cifra de 125.000[38].

Transporte[editar | editar a fonte]

Gran parte da economía de Galicia desenvolvese arredor da Autoestrada do Atlántico. Asimesmo Galicia conta con tres aeroportos.

Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC)[editar | editar a fonte]

As empresas tecnoloxicas radicadas adicanse maiormente ós servizos. Moitas destas son sedes de factorías de software con base en Madrid.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A inflación sobe ata o 4,9%
  2. O paro subiu en Galicia un 3,04% no último trimestre, con 3.300 desempregados máis
  3. Compárese cos datos de 2001 do Ardán de 2003 no que as empresas da comarca da Coruña xeraban o 24,44 por cento dos ingresos e o 29,03 por cento do VEB acf fronte ao 32,85 por cento dos ingresos e ao 28,97 por cento do VEB xerado polas empresas de Vigo.
  4. Emigracións, Inmigracións e Saldo migratorio. Ano 2006.
  5. Revitalización e dinamización da base produtiva agraria e forestal galega. A posta en valor do rural galego. Consellaría de Medio Rural.
  6. [all;2[all]&C=3[all]&F=998:12;0:60&S= "Poboación ocupada por sexo, grupos de idade e sector económico"]. Instituto Galego de Estatística. http://www.ige.eu/igebdt/esq.jsp?ruta=verTablaPropuesta.jsp?OP=2&T=0&M=&COD=748&R=1[all];2[all]&C=3[all]&F=998:12;0:60&S=.
  7. Galicia, potencia en produción de kiwi dentro de España. GaliciaGastronómica.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 María L. Loureiro García e Melina Barrio Martínez; Valoración medioambiental, cultural y paisajística de los espacios rurales gallegos: una perspectiva económica. Centro de Investigación Económica y Financiera, Fundación Caixa Galicia (2009). ISBN 978-84-96982-35-2.
  9. Primer puerto del mundo en pesca para consumo humano. (en castelán).
  10. IGE. Macromagnitudes da pesca. Ano 2003-2004.
  11. Sector pesqueiro. Datos do emprego. Consellaría de Pesca.
  12. Anuario de Pesca, 2007 (Servizo de Produción Pesqueira da Dirección Xeral de Recursos Mariños. Consellería de Pesca).
  13. Datos do mes de Nadal de 2007, extraídos da páxina de Medio Rural.
  14. Rubia galega.
  15. DOP Tenreira galega.
  16. III. Análise interna do sector produtivo.
  17. La cría de porco celta en Galicia evoluciona de lo folclórico a lo comercial (en castelán).
  18. 18,0 18,1 Aplicacións industriais da madeira de piñeiro pinaster.
  19. Servizo de produción e industrias forestais.
  20. Montes veciñais en man común.
  21. Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. Versión en liña.
  22. Datos de 2005 a prezos correntes do INE.
  23. Galicia produce un cuarto da enerxía hidráulica española e apenas recadará 12 millóns.
  24. Para achar a xeración neta debe restarse a esta cantidade os 764 consumidos en actividades de xeración.
  25. Balance enerxético de Galicia, 2006. Páxina 44.
  26. O novo regulamento de enerxía eólica incidirá no seu impacto social.
  27. As exportacións por materiais de transporte representaron o 46,6 por cento do total de exportacións industriais.
  28. PSA Peugeot-Citroën Factoría de Vigo.
  29. Vuelve la fiebre del wólfram. El País (en castelán).
  30. A suma non é 100% debido a que existen a rúbrica outras e vivendas colectivas.
  31. 31,0 31,1 Estrutura do comercio exterior galego.
  32. Caixa Galicia adquire o 37% do Banco Etcheverría por 13,25 millóns.
  33. 33,0 33,1 [1].
  34. A economía galega Informe 2005.
  35. 35,0 35,1 Galicia recibiu un 8% máis de turistas durante o 2007.
  36. «O turismo subiu moitísimo grazas aos enlaces aéreos das compañías de baixo custe».
  37. Galicia, destino preferido dos Canarios, Baleares e Andaluces.
  38. 38,0 38,1 38,2 38,3 Galicia facturou 67 millóns de euros no sector termal o pasado ano.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Prada Blanco, Albino (2004): "Economía de Galicia. Situación actual y perspectivas", Santiago, tresCtres
  • Prada Blanco, Albino (1999): "Economía de Galicia", Vigo, Edicións Xerais de Galicia

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  Historia de Galicia   •   Demografía de Galicia   •   Economía de Galicia   •   Agricultura de Galicia   •   Pesca de Galicia   •   Xeografía de Galicia   •   Clima de Galicia   •   Lingua galega   •   Cultura de Galicia   •   Arte de Galicia   •   Gastronomía de Galicia