Traiñeira
A traiñeira é, orixinalmente, unha embarcación propia da costa cantábrica, impulsada a remo e ás veces a vela. Antigamente estaba adicada á pesca, mais na actualidade é empregada para deporte de regatas.
Índice |
Etimoloxía[editar]
O seu nome sempre foi moi discutido e mesmo se lle chama con frecuencia traíña, mais esta denominación non é correcta, xa que traíña (como traiñón) se refire ao nome da arte de pesca e non ao da embarcación.[1] O seu nome polo tanto parece derivar da palabra "traína", denominación dunha rede de malla moi tupida empregada para as capturas, principalmente, de anchoa e sardiña.
Características[editar]
A traiñeira é a embarcación raíña do banco fixo e a maior das tres empregadas para a práctica deportiva (batel e traiñeiriña son as outras dúas), tanto polas súas dimensións como polo número de remeiros, xa que a tripulación está composta por 12 remeiros que se distribúen por parellas (seis filas), un "palotero" que vai na proa da embarcación (tanto os remeiros como o "palotero" reman de costas), e un patrón situado na popa xeralmente de pé mirando a proa e manezando a embarcación co timón, o que fai un total de 14 tripulantes. O seu peso mínimo é de 200 Kg e as súas dimensións son as seguintes:
- Eslora total: 12 m
- Puntal mínimo a proa: 95 cm
- Puntal mínimo a popa: 75 cm
- Puntal mínimo en caderna mestra: 60 cm
- Manga mínima inferior en caderna mestra: 1.72 m
- Manga da caderna mestra a 0.23 da cara superior quilla: 1.17m
O material empregado durante anos era a madeira na súa totalidade, de cedro e faia. Actualmente, o material empregado é a fibra de carbono e o kevlar para realizar embarcacións con técnicas de aeronáutica, similares ás aplicadas na construción do fuselaxe do avión Airbus A380.[2]
A embarcación é dunha peza e ten maior resistencia que anteriormente. A vida dunha embarcación nun club importante adoita ser de dous ou tres anos. Unha traiñeira, en 2008, tiña un prezo aproximado de 25.000 euros.[2] Os remos, ao igual que as embarcacións eran de madeira, aínda que ao igual que ocorreu coa embarcación, evolucionaron ata a fibra de carbono.
Embarcación deportiva[editar]
Orixe das regatas de traiñeiras[editar]
As traiñeiras son un claro exemplo de cómo o emprego dun instrumento de traballo vai desaparecendo co paso do tempo, dando lugar á competición e ao xogo, pasando a ser na actualidade unha embarcación deportiva de remo de banco fixo cunha estricta regulamentación no que se refire ao peso, dimensións, etc. O primeiro rexistro que se coñece data de 22 de xullo de 1719, cando unha tripulación de Bermeo retou a unha de Mundaka: a illa de Izarro foi gañada por bermeotarrak. Sen embargo pénsase que antes tiveron lugar moitas outras regatas por outros motivos. Nos séculos XVIII e XIX as regatas foron case sempre consecuencia dos desafíos.[3]
Principais competicións[editar]
Actualmente o calendario consta de:
- "Descensos" (normalmente dun río), ao principio da tempada.
- A partir de xuño comezan as regatas que non están incluídas nas ligas.
- As regatas das ligas (Liga San Miguel-ACT, Liga ARC e Liga Galega de Traiñeiras) en xullo e agosto.
- Campionatos nacionais e o Campionato de España de Traiñeiras.
Entre tódalas regatas do calendario salientan as tres máis antigas: Bandeira de Santander, Gran Premio do Nervión e a Bandeira da Concha (denominada coloquialmente "a olimpíada do remo"). Estas tres regatas, debido á súa ubicación (as tres capitais de provincia, Santander, Bilbao e San Sebastián), teñen sido historicamente as mellores e máis famosas. Outra competición importante en Galicia é a Bandeira Teresa Herrera, que cumpriu a XI edición en 2012.
Nas regatas unicamente participan traiñeiras de clubs representantes da costa cántabra: Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi e o País Vasco Francés; e ademais do correspondente premio en metálico da cada regata, ao club gañador se lle outorga unha bandeira da localidade que acolle a competición ou do patrocinador da mesma.
Notas[editar]
- ↑ A embarcación na web do CR Cabo da Cruz. Isto ven confirmado polas definicións no DRAG para traíña e traiñeira.
- ↑ 2,0 2,1 Las traineras se construyen con avanzadas técnicas de la aeronáutica El Diario Montañés.
- ↑ Euskaldunen itsasoa – La mer des Basques. Catalogue de l’exposition organisée par Itsas Begia.
Véxase tamén[editar]
Outros artigos[editar]
Ligazóns externas[editar]
- Todoremo.com - Sitio web con toda a información sobre o remo en traiñeiras
- Sitio web da Liga Galega de Traiñeiras (LGT)
- Sitio web da Liga ACT
- Sitio web oficial da "Bandeira da Concha"
- Reportaxe sobre traiñeiras
- Novas e resultados das regatas de traiñeiras
- Galeotes del Cantábrico
Documental "Traineras" de Elías Querejeta (en seis partes)