Banco Etcheverría
O Banco Etcheverría é unha entidade bancaria fundada en Betanzos en 1717, sendo o banco máis antigo de España.
Foi fundado polo vasco-francés Juan Etcheverry. Logo de establecerse en Betanzos, fundou na cidade o banco nunha fábrica de curtidos de pel, que chegou a ser unha das máis importantes de Galiza.
Os seus herdeiros continuaron o negocio bancario, que sempre estivo en mans da familia a través de xeneracións (o primitivo apelido Etcheverry transformouse en Etcheverría para darlle a ortografía castelá).
En 1964 transformouse en sociedade anónima. Tódolos accionistas son membros da familia Etcheverría, agás a Corporación Caixa Galicia que, en 2002, entrou no accionariado da entidade cun 37%.
Na actualidade dispón de oficinas nas catro provincias galegas, e ten un plan de expansión que inclúe a apertura de oficinas noutras partes de España. O banco está especializado na banca persoal, con tratamento ós clientes de forma individualizada.