Guerra da Independencia española
Coñécese como Guerra da Independencia española ou Francesada ao conflito armado que, entre 1808 e 1814 sacudiu á Península Ibérica como consecuencia da entrada das tropas napoleónicas en España co pretexto de invadir Portugal. O Levantamento do 2 de maio contra os invasores foi espontáneo e popular e iniciouse o 2 de maio de 1808, cando o alcalde de Móstoles, Andrés Torrejón, redacta un bando no que insta á poboación a levantarse en armas para socorrer ao rei Fernando VII, que estaba retido por Napoleón Bonaparte. Esta guerra está dentro do contexto de Guerras Napoleónicas.
Índice |
Antecedentes [editar]
Durante os últimos anos do século XVIII e primeiros anos do século XIX, Napoleón gobernaba España da forma que el quería, amparándose na debilidade dos reis e ministros do país. Con todo, a finais do ano 1807, Napoleón decidiu que a monarquía de Carlos IV era de escasa utilidade e que sería máis propicio a creación dun estado satélite. Aproveitando os sucesos derivados do Motín de Aranjuez e o feito de que as tropas francesas xa ocuparan o norte de España, Napoleón fixo que a coroa española caera nas mans do seu irmán José I (Abdicacións de Baiona).
Coa situación de parálise borbónica, o pobo ponse en loita contra o invasor dirixido por notables locais. Desta forma, únense nun bloque para deslexitimar un cambio dinástico, e comezar a loita pola "independecia".
Co levantamento popular do 2 de maio, (Madrid 1808), ponse de manifesto a separación entre o pobo e o goberno instaurado por Napoleón. Son: a ausencia do rei Fernando VII (de quen se cre que está secuestrado), resentimento contra a presenza militar francesa, a represión do 3 de maio, as gotas que colman o vaso e fan perder a lexitimidade ao poder central e a representación popular por medio das xuntas rexionais.
A guerra pola independencia [editar]
Tralo levantamento do 2 de maio, a Xunta Xeral do Principado de Asturias proclámase soberana contra o poder central en principio lexítimo (Fernando VII esixiu abandonar España en obediencia aos franceses), envía unha embaixada a Inglaterra e o 24 de maio de 1808 declara formalmente a guerra a Francia. Como resposta a este comunicado, as autoridades envían ao Principado un batallón do Rexemento de Hibernía e un escuadrón de Carabineiros dende Bilbao e Valladolid para apagar a rebelión dos asturianos, aínda que sen éxito. A sublevación dos asturianos súmaselle o resto de xuntas; (Cantabria o 27, Galicia o 30, León o 1 de xuño, etc.) e isto significará un grave revés para os desexos de Napoleón de levar a cabo unha conquista pacífica (xa que ten poucos custes). Para evitar ser saturados, Napoleón esixe aos xenerais que eliminen a resistencia, pero os resultados non son os esperados. A vitoria de Bessiers na Batalla de Medina de Rioseco, non acaba coa rebelión do sitio de Zaragoza que pronto se estende a Logroño. En Cataluña, as tropas francesas son derrotadas dúas veces na Batalla de El Bruc, mentres que a sublevación de Xirona corta as subministracións. En Andalucía o xeneral Dupont sufre unha derrota na Batalla de Bailén fronte as tropas do xeneral Castaños. A causa deste trunfo foi desaloxar Madrid e fixo soñar coa marcha definitiva dos franceses. Ao mesmo tempo, Gran Bretaña ve abrirse unha nova fronte, (inesperada), na súa guerra contra Francia.
Porén, Napoleón intervén directamente, dirixindo un exército de 250.000 homes. Trátase dun exército veterano, acostumado a movementos rápidos e a vivir sobre o terreo, e que derrota rapidamente á resistencia española e aos exércitos ingleses desembarcados na península. Despois da entrada do emperador en Madrid, tras a Batalla de Somosierra (30 de novembro de 1808) e a derrota da Batalla de Ocaña (novembro de 1809), a Xunta Xeral abandona a meseta para refuxiarse primeiro en Sevilla, logo en Cádiz. Dende aí asiste é toma de Andalucía e Valencia. Soamente Murcia e Huelva, con Cádiz, quedan independentes.
A Guerra de Guerrillas [editar]
Sen un exército co que combater ante os franceses, os españois inventan un sistema novo para loitar, A guerra de guerrillas, como único modo de desgastar e estorbar aos franceses. Trátase de grupos de pouca xente, coñecedores do terreo que pisan, e que danan ao inimigo con rápidos golpes, para espallarse rapidamente e perderse polos montes. Grazas a estas tácticas, o dominio francés está soamente nas cidades. O propio Napoleón recoñece a inestabilidade cando, en contra da vontade do seu irmán (teórico rei de España), pon baixo goberno francés os territorios da marxe esquerda do Ebro, creando unha nova marca hispánica.
Esta guerra de independencia terá importantes repercusións no esforzo de guerra de Napoleón. Un aparente paseo militar transformábase nunha situación na que centos de unidades, preciosas para loitar na campaña contra Rusia, morrían nos ataques. A situación era en calquera caso, tan inestable, que calquera retirada de tropas podía producir un desastre de mortes súbitas, como o que ocorreu en xullo de 1812. Nesta data o Duque de Wellington, á fronte dun exército angloportugués e dende Portugal derrota aos franceses, primeiro na Batalla de Ciudad Rodrigo e logo na Batalla de Arapiles, expulsando aos franceses ao oeste e ameazando Madrid: José Bonaparte retírase a Valencia. Se ben os franceses contraatacan e o rei volve a Madrid en novembro, unha nova retirada de tropas por parte de Napoleón tras a derrota en Rusia e a comezos de 1813 permite as tropas aliadas expulsar a José Bonaparte de Madrid e derrotar aos franceses na Batalla de Vitoria e na Batalla de San Marcial, ao tempo que Napoleón intenta protexer a fronteira até poder negociar con Fernando VII unha retirada. Nin os desexos dos españois, verdadeiros protagonistas da liberación, nin os intereses dos afrancesados que seguiran ao exilio a José, son tidos en conta nas negociacións.
Consecuencias [editar]
A firma do Tratado de Valençay polo que se lle volvía o trono a Fernando VII O desexado, como monarca absoluto, foi un comezo dun tempo de desilusións para todos aqueles que creran que a loita contra os franceses era o comezo a "revolución española".
Conmemoracións [editar]
En Vigo, celébrase a a sublevación popular de 1809, chamada Reconquista, cun festivo local (28 de marzo) e unha ambientación desa época no Casco Vello, organizados polo concello e as asociacións de veciños. Nesa semana, recréase teatralmente a Reconquista na Praza da Constitución, lugar da Casa do Concello naquela época e ó longo do Casco Vello, que daquela estaba maioritariamente entre as murallas. Nela os actores e veciños escenifican os principais feitos que aconteceron naquela época.
Os principais personaxes representados son:
- o alcalde Vázquez Varela
- o mariñeiro Carolo
- o capitán Cachamuíña
- o abade de Valadares
- o portugués tenente Almeida
Os actos teatrais son recreación das crónicas da época:
- a toma do Concello
- o peche das murallas de Vigo
- os altercados en tabernas entre os soldados franceses e a poboación local, ás veces con resultado en mortes
- as viguesas entretendo ós soldados invasores cos seus encantos e embebedándoos
- a toma da Porta da Gamboa por parte dos locais, liderados por Carolo e as outras autoridades: neste lugar é onde Carolo morre fendendo a porta co seu machado, que despois recollería o capitán Cachamuíña para seguir abrindo a porta
- a retirada en barco dos franceses
Debido a que a muralla de Vigo foi derrubada e os seus restos están soterrados baixo diversos lugares de Vigo (rúa Carral, A Laxe, Porta do Sol ou o propio concello), a Porta da Gamboa recréase cunha maqueta na rúa homónima.
Posteriormente, na retirada francesa cara ó interior da ría de Vigo, entablaríase combate na Batalla de Ponte Sampaio, nas terras onde coinciden os concellos de Soutomaior e Pontevedra.
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
- Xunta Suprema do Reino de Galicia
- Napoleón Bonaparte
- José Bonaparte
- Fernando VII
- Batalla de Ponte Sampaio
- Batalla de Elviña
- Batalla de Vilafranca, 1809
- Batalla de San Marcial
- Batalla de Grijó
Ligazóns externas [editar]
- Web adicada á Guerra da Independencia, coa Reconquista de Vigo nun apartado específico
- Feitos puntuais da Reconquista de Vigo