Caixa Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Caixa Galicia

Oficina principal de Caixa Galicia na Coruña
TipoSociedade Anónima
Fundación1978, A Coruña
MatrizBanesco
LocalizaciónGalicia Galiza
IndustriaBanca
ProdutosServizos Financeiros
editar datos en Wikidata ]

Caixa Galicia foi unha entidade financeira de Galiza, activa entre 1978 e 2010. Foi a maior de Galiza e unha das dez maiores de España nos anos finais do século XX. Cunha rede superior ás 800 oficinas en todas as comunidades autónomas españolas, a entidade estaba tamén presente en dez países de Europa e América, incluíndo as súas últimas aberturas en Miami, Panamá, e o Brasil. Logo dunha importante crise económica e financeira, en 2010 anunciouse a súa fusión con Caixanova, dando lugar a Novacaixagalicia e posteriormente a Abanca.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Caixa Galicia constituíuse en 1978 coa fusión da Caixa de Aforros e Monte de Piedade da Coruña e Lugo (que á súa vez se fusionaran en 1944) coa Caixa Xeral de Aforros e Monte de Piedade de Ferrol.[1]. Dous anos despois uniuse a Caixa Galicia a Caixa de Aforros de Santiago de Compostela[2]. As caixas existentes nas cidades galegas comezaron un proceso de fusións e absorcións ata quedar no norte Caixa Galicia e no sur Caixanova. No ano 2006 Caixa Galicia conseguiu un beneficio atribuído de 443 millóns de euros, cun aumento do 76% respecto do ano 2005. Incrementou un 37% o volume de negocio xestionado e un 46% o volume de investimento crediticio, cun 58% de incremento en investimento a empresas. Deste xeito a entidade finalizou o primeiro exercicio do seu Plan Estratéxico 2006-2010 superando os obxectivos establecidos e consolidando a organización como unha gran plataforma comercial, con unidades especializadas no deseño de produtos pensados para o cliente e unha estrutura de canles de distribución dedicados á venda e o servizo de cualidade.

Directores xerais[editar | editar a fonte]

CXG Corporación Caixagalicia[editar | editar a fonte]

A actividade básica da sociedade Corporación CaixaGalicia consistía en agrupar as participacións empresariais da matriz en sectores económicos fundamentais para o desenvolvemento de Galiza. Entre as empresas que contaban coa presenza de Caixa Galicia no seu accionariado estaban Pescanova, o Banco Etcheverría, Sacyr Vallehermoso, Galp, Astroc, Tecnocom ou Unión Fenosa. Ademais, posuía un grupo empresarial propio con importantes empresas en diversos sectores económicos.[Cómpre clarificar] En total, 120 empresas de 20 sectores económicos.[Cómpre referencia]

Actividade sociocultural[editar | editar a fonte]

No ano 2007 a entidade implicouse nunha intensa actividade sociocultural, á que contribuíu con 89,55 millóns de euros, na que a conservación ambiental ten un papel destacado, ao lado das liñas tradicionais do seu programa estratéxico, como a Cultura, a Arte, os Maiores, o voluntariado, a loita contra a exclusión dixital ou o programa de microcréditos. É a terceira maior contribución a actividades socioculturais entre as caixas españolas.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]