Cíes, Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Illas Cíes")

Coordenadas: 42°13′24″N 8°54′14″W / 42.22333°N 8.90389°W / 42.22333; -8.90389

Illas Cíes
Illas Cíes Topographic Map en.svg
Situación e mapa topográfico das Illas Cíes
42862-cies.jpg
Illa de San Martiño (ou illa do sur).
Situación
País Galicia Galiza
Provincia Flag Pontevedra Province.svg Pontevedra
Arquipélago Illas Cíes
Mar Atlántico
Coordenadas 42°13′24″N 8°54′14″W / 42.22333°N 8.90389°W / 42.22333; -8.90389
Xeografía
Superficie 4,4635 km²
Longura máxima 7,1 km
Largura máxima 2,0 km
Punto máis alto 197 msnm, Alto das Cíes
Distancia a terra 2,75 km
Demografía
Capital Vigo
Poboación 3 (vixiantes)
Densidade 0 hab./km²

As Illas Cíes forman un arquipélago situado na boca da Ría de Vigo, pertencente ás Rías Baixas, na Provincia de Pontevedra, Galiza. As illas pertencen ao concello de Vigo, e atópanse a 42º 15' de latitude norte, e a 8º 54' de latitude oeste. Foron declaradas parque natural en 1980, e están incluídas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza creado o 1 de xullo de 2002[1]. Ademais, polas importantes colonias de aves mariñas, as Illas Cíes contan coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves. Tamén son un lugar de importancia comunitaria e mais Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

Descrición[editar | editar a fonte]

O arquipélago das illas Cíes está formado por tres illas principais:

  • Illa de Monteagudo (ou illa do Norte)
  • Illa do Faro (ou Illa do Medio)
  • Illa de San Martiño (ou illa do Sur)
Praia de Rodas.

Xunto a pequenos illotes como Boeiro ou Agoeiro, Viños, Carabelos e O Ruzo. Todas elas contan con 433 hectáreas terrestres de superficie, mentres que a superficie mariña protexida incluída no parque é de 2.658 hectáreas[2].

No ano 2007 o xornal británico The Guardian elixiu a praia de Rodas, na illa de Monteagudo, como a "praia máis fermosa do mundo"[3].

A parte das praias o seu grande atractivo son os seus cantís e os denominados niños de abellas e as cacholas (cavidades redondeadas producidas na superficie das rochas que acaban fusionándose dando lugar a ocos maiores).

Historia[editar | editar a fonte]

As Illas Cíes dende Vigo

Tense constancia da existencia dun poboado castrexo na aba do monte Faro, datado nos inicios da Idade de Ferro. Tamén se detecta a presencia romana, debido á aparición de cerámicas e as tégulas nun asentamento.

No século XVI desembarcan nas Cíes o corsario inglés Francis Drake e piratas berberiscos. As continúas invasións provocan o abandono das illas dende o 1700 ata o século XIX, cando se constrúe o primeiro faro.

Na segunda década do século XX foron sede dunha factoría baleeira norueguesa.

Foi unha zona fortemente afectada polo desastre do afundimento do petroleiro Prestige.

Actualmente, só os gardas forestais e un nativo permanecen na illa durante todo o ano.

Hai unha lenda que conta que Deus descansou nas illas Cíes no sétimo día da súa creación.

En 1961 erixiuse na illa un monólito como homenaxe da provincia de Pontevedra a Francisco Franco no 25 aniversario do seu alzamento nacional. Dito monólito intentouse demoler ás 20:25 horas do 30 de xuño de 2008, pero os operarios da empresa Tragsa usaron pouca dinamita e a demolición foi un fracaso, quedando o monólito inclinado e a demolición postergada para outra ocasión. Finalmente, ás 7:40 do día seguinte, logrou derrubarse. Os restos do monólito, que estaba ancorado á superficie con raís de ferrocarril, serán levados da illa nun buque especial para evitar danar as dunas.

Este intento de demolición levouse a cabo de modo apresurado, pois o día 30 de xuño de 2008 remataba a propiedade estatal da illa, ó ser transferida xunto ó resto das illas do Parque nacional das Illas Atlánticas á Xunta de Galicia.

O afundimento do Prestige[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Prestige.
Mascato petroleado polo fuel.

Aos poucos días do afundimento do petroleiro Prestige, o director de Parques Nacionais recoñeceu que, nunha primeira onda, o 85%[Cómpre referencia] do parque nacional resultou afectado. Con posteriores ondas, a cifra chegou ao 90%. As Cíes víronse afectadas nun 30%. As illas que forman o parque foron a barreira natural que freou a entrada do fuel nas Rías Baixas.

O impacto non só afectou ao medio ambiente, senón que tivo importantes consecuencias económicas e sociais. Isto xerou a maior resposta social ao afundimento dun petroleiro en Galiza.

Hai que diferenciar entre o impacto visual e o impacto ambiental. As imaxes máis espectaculares que nos chegaron foron as dos cantís e as aves afectadas, pero tamén se viron afectados os mamíferos mariños e toda a cadea trófica mariña, desde o placton, que morrerá pola ausencia de luz ou envelenado, até o resto da pirámide, que padecerá os efectos directos do fuel e a falta de alimento.

As tarefas de limpeza tamén supuxeron un atentado ao medio natural pola forma desaxeitada no que se realizaron, arrastrando todo ser vivo que quedaba nas rochas, as crías de moluscos nos areais e invadindo os lugares de nidificación e alimentación das aves.

Aos 6 meses do desastre, o Ministerio de Medio Ambiente recoñecía que o 52%[Cómpre referencia] das praias do parque natural seguían afectadas por capas enterradas de fuel. Un ano despois seguían afectados os fondos mariños coa desaparición de importantes bosques de algas, praias, dunas e cantís, cualificándose de "grave" a situación.

Calcúlase en décadas o tempo para que os ecosistemas costeiros e marítimos poidan recuperarse.

Flora[editar | editar a fonte]

Imaxe da lingua dunar que une a Illa de Monteagudo coa de Monte Faro.

As matogueiras da illa compóñense fundamentalmente de especies autóctonas, como o toxo, a xesta, a esparragueira, o torvisco ou a xara.

O bosque é o que sufriu as maiores alteracións, xa que desapareceron especies autóctonas como a figueira e outras como o cerquiño quedaron reducidas a áreas case testemuñais, ao repoboarse as illas con piñeiros e eucaliptos case nunha cuarta parte da superficie. Os ventos fortes con alto contido en sales dificultan, á súa vez, o desenvolvemento das árbores.

Nas dunas, praias e cantís mantéñense especies, algunhas delas endémicas do litoral galaico-portugués, propias destes medios, cunhas condicións físicas e climatolóxicas moi extremas. Destaca a presenza da herba de namorar (Armeria pungens) e (Armeria maritima), e da camariña (Corema album) en perigo de extinción.

Na zona da lagoa atópase vexetación típica de marismas, como os xuncos.

A flora das Illas Cíes conta cun total de 602 especies vexetais catalogadas, entre elas 415 espontáneas, 44 plantas subespontáneas ou naturalizadas e 143 cultivadas, das cales 15 son híbridas.[4]

Fauna[editar | editar a fonte]

As Cíes dende o océano.

22.000 parellas de gaivotas patiamarelas constitúen a colonia máis grande do mundo e é a especie dominante nas Cíes. Séguena o corvo mariño cristado, con 1.000 parellas, e a gaivota escura, con 20 parellas. En 1960 censáronse 400 parellas de arao dos cons, que na actualidade atópase case extinguido nas illas. Destacan outras especies como o azor, o falcón peregrino, e o gabián entre as aves rapaces, pombas torcaces, pardelas, mascatos, rulas, paxaros carpinteiros e outros paxaros de diferentes clases, que aniñan nas árbores e nos cantís como a choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax). Así mesmo, numerosos e variados tipos de aves invernan ou descansan nas súas viaxes migratorios. No Alto dá Campá (Illa do Faro) e no Faro do Peito (San Martiño), existen observatorios ornitológicos. Tamén hai na Illa do Faro un aula da natureza.

O coello, ourizo cacho e a londra son os únicos mamíferos silvestres con certa presenza actualmente. Tamén hai ratos de campo, musarañas e morcegos, así como algunhas outras especies de pequeno tamaño e en menor cantidade.

Réptiles, representados por diferentes tipos de lagartos, lagartixas e culebras; anfibios (en menor medida pola escaseza de auga), como píntegas e sapos, e invertebrados como os caracois, escaravellos, arañas e bolboretas acaban completando a fauna das illas.

Galería de Imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lei 15/2002, de 1 de xullo, pola que se declara o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galiza, no BOE.
  2. Xunta de Galicia. Consellería do Medio Rural.
  3. "Top 10 beaches of the world". The Guardian. 16-02-2007. http://www.guardian.co.uk/travel/2007/feb/16/beach.top10. Consultado o 03-09-2007. 
  4. Catalogan unha nova especie na flora das Illas Cíes

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: As illas Cíes

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Illas das Cíes no concello de Vigo na Provincia de Pontevedra

Monteagudo | Monte Faro | San Martiño