Estambul

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Istambul")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Coordenadas: 41°00′36″N 28°58′48″E / 41.01000°N 28.98000°E / 41.01000; 28.98000

Estambul
İstanbul (en turco)
Istanbul collage 5j.jpg
Situación xeográfica
Estambul en Turquía
Estambul
Estambul
País Flag of Turkey.svg Turquía
Provincia Estambul
Xeografía
Altitude 40 msnm
Superficie 1.538,77 km²
Poboación
Poboación 11.008.790 hab. (2007)
Densidade 6.521 h/km²
Información
Código postal 34010-34850 (Parte europea)
80000-81800 (Parte asiática)
Alcalde Kadir Topbaş (AKP)
Páxina web istanbul.gov.tr

Estambul[1] (en turcoİstanbul[is'tanbul] (AFI)) é a maior cidade de Turquía, e tamén unha das cidades máis grandes de Europa, con 11.008.790 (censo de 2007).

É tamén a capital administrativa da Provincia de Estambul na chamada Rumelia ou Tracia Oriental. Foi chamada Bizancio (en gregoΒυζάντιον, tr. "Byzantion") ata 330, e Constantinopla ata 1453, nome co que se lle denominou xeralmente en Occidente ata 1930. Durante o período otomán os turcos chamaban á cidade 'İstanbul' alteración da frase en lingua grega: εἰς τὴν πόλιν (á cidade), que no grego bizantino se prunciaba algo así como istimbólin, pero oficialmente empregábase o nome Qustantaniyyeh (قسطنطنيه) ("Cidade de Constantino" en árabe). O nome oficial de İstanbul foi imposto o 28 de marzo de 1930.

Foi sucesivamente a capital do Imperio Romano de Oriente, o Imperio Bizantino, do Imperio Otomán e máis tarde da República de Turquía até 1923.

Aínda que dende 1923 a capital de Turquía é Ankara, Estambul segue sendo unha cidade que ten un papel fundamental na industria, no comercio e na cultura de Turquía. Alberga máis dunha ducia de universidades. É sé do Patriarcado Ecuménico de Constantinopla, cabeza da Igrexa Ortodoxa.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia urbana de Estambul.

Fundación de Bizancio[editar | editar a fonte]

Murallas.

Bizancio foi o nome orixinal da moderna cidade de Estambul. Bizancio foi establecida por colonos gregos de Megara no 667 a.C. e nomeada en honra do seu rei Byzas. O nome «Bizancio» é unha transliteración do nome grego orixinal de Βυζάντιον. O grego moderno demótico pronuncia este como Βυζάντιο, /vi.za.ⁿdjo/.

A través dos anos, esta cidade estivo en mans dos persas, os cales a ocuparon e destruíron no século V a.C. Recuperada polo espartano Pausanias no 479 a.C., comezou a reconstruíla no 478 a.C. Máis tarde Esparta tivo que disputar o seu control aos atenienses, quenes a tomaron no 409 a.C., máis foron expulsados no 405 a.C., aínda que no 390 a.C. volveu a mans atenienses.

Entre o 336 e o 323 a.C. estivo en mans dos macedonianos, durante o reinado de Alexandre Magno. Logo deste, a cidade recuperou certa independencia, salvo cando no 279 a.C. os celtas conquistaron Tracia, impondo un tributo a Bizancio.

O Imperio Romano[editar | editar a fonte]

No ano 191 a. C. a cidade pasou a ser aliada de Roma, quen a recoñeceu como cidade ceibe, aínda que posteriormente pasou a ser posesión directa da República (100 a. C.).

No ano 194, Bizancio viuse envolvida nunha disputa entre o emperador romano Septimio Severo e Pescennius Niger, tomando partido polo derradeiro. Debido a isto Severo cercou a cidade, onde resistían os partidarios de Niger. O sitio durou tres anos, o que alporizou a Severo que, cando finalmente se rendiu, a saqueou, destruíndo as súas murallas.

O Imperio Bizantino[editar | editar a fonte]

A igrexa de Santa Sofía (Hagia Sofia) foi convertida en mesquita durante o Imperio Otomán, na actualidade é un museo.
A Mesquita Azul (Mesquita do Sultán Ahmed).
Silueta da Mesquita Azul e do museo Hagia Sofia.
Ponte Gálata sobre o Estreito do Bósforo.

A estratéxica posición de Bizancio atraeu ao emperador romano Constantino I o Grande, quen no ano 330, fundou de novo a cidade como Nova Roma ou Constantinopolis na súa honra (Constantinopla, en grego: Konstantinoupolis, Κωνσταντινούπολις) e converteuna na capital do Imperio Romano e, trala súa división en 395, do Imperio Romano de Oriente, que pasou á historiografía moderna co nome de Imperio Bizantino. O nome de Nova Roma nunca se empregou con frecuencia e foi o de Constantinopla o que prevaleceu ata a caída do Imperio en 1453 e foi usado ata o século XX en Europa, en lugar de Estambul (aínda se emprega en Grecia).

A combinación de imperialismo e posición estratéxica desempeñarían un papel importante, como encrucillada entre dous continentes (Europa e Asia), e máis tarde como un incentivo para África e outros territorios á súa vez, en termos de comercio, cultura, diplomacia e estratexia. Nun emprazamento tan valioso, Constantinopla era capaz de controlar a ruta entre Asia e Europa, así como o paso do mar Mediterráneo ao Efxinos Pontos (mar Negro). Isto fixo que mentres que a parte occidental do Imperio Romano entrou nunha crise económica, comercial, política e demográfica, Constantinopla mantivese a súa posición durante séculos, converténdose na grande urbe europea medieval.

Do primeiro período de esplendor do Imperio destaca a Igrexa de Santa Sofía, obra mestra da arte bizantina que mandou construír o Emperador Xustiniano. Tras unha pequena crise nos séculos VII e VIII, volvería outra etapa de renacemento no IX e X, co Cisma de Oriente, tralo que viría a decadencia do Imperio coas cruzadas, a división en varios estados como o Imperio Latino, e a constante ameaza turca. Non entanto a cidade mantería a súa importancia como centro cultural e comercial do Mediterráneo, contando con consulados e colonias de mercadores de diversos países.

O derradeiro emperador (ou basileos) bizantino foi Constantino XI quen morreu na defensa da cidade.

O Imperio Otomán[editar | editar a fonte]

A Caída de Constantinopla baixo dominio turco o 29 de maio de 1453 foi un suceso que impactou á sociedade europea da época e que se considera o final da Idade Media. A cidade caeu tras un longo asedio e anos de conflitos cos turcos, que xa conquistaran o resto do Imperio Bizantino, debido ao tesón do sultán Mehmed II, chamado naquel momento Fatih, en turco «O Conquistador» e formou parte do Imperio Otomán ata a súa disolución oficial o 1 de novembro de 1922. Os otománs denominaron a cidade İstanbul ou Estambul.

Durante o período otomán a cidade franqueou un cambio cultural completo, e pasou de ser unha cidade bizantina imperial e cristiá ortodoxa a outra otomá e islámica. A Hagia Sophia, a Igrexa da Divina Sabedoría, foi convertida nunha mesquita como o foron algunhas outras igrexas na cidade (sobre todo as igrexas dos barrios que puxeron máis empeño en defender a cidade fronte Mehmed III). Moitas igrexas conserváronse e novas mesquitas construíronse ao redor da cidade; cada Sultán construíu unha magnífica mesquita para conmemorar o seu reinado. Entre estas mesquitas, as máis extraordinarias son: a Mesquita de Beyazid, a Mesquita de Süleymaniye (a máis grande de Estambul), a Mesquita do Sultán Ahmed (o primeiro sermón do venres ou «Jutba» nesta Mesquita foi lido polo Jelveti Sufí Xeque Aziz Mahmud Hudayi) e a Mesquita de Fatih.

As donas e nais dos Sultáns tamén contribuíron á construción de mesquitas e varias destas, tanto no lado europeo como no asiático da cidade, teñen o nome Mesquita do Sultán Valide, para simbolizar que foron construídos conforme ás ordes da nai do Sultán.

As ordes sufíes, tan estendidas no mundo islámico de entón, tiñan a numerosos discípulos que participaran na conquista da cidade e trasladáronse para instalarse na capital. Durante tempos do Imperio Otomán máis de 100 Tekkes (centros de reunión e retiro ao xeito dos mosteiros cristiáns nos que se celebraban rituais sufíes) estaban activos tan só en Estambul.

Moitos destes Tekkes aínda perviven no día de hoxe, uns en forma de mesquitas outros como museos, como Jerrahi Tekke en Fatih, as mesquitas de Sünbül Efendi e Ramazan Efendi o Gálata Mevlevihane en Beyoğlu, Yahya Efendi Tekke en Beşiktaş e Bektaşi Tekke en Kadıköy que na actualidade é empregada por musulmáns Alevíes como unha Cemevi. Un elemento pintoresco da paisaxe de certas zonas da cidade de Estambul, que aínda pervive hoxe en día, son as Türbes, características tumbas do período otomán.

A República de Turquía[editar | editar a fonte]

Cando a República de Turquía foi establecida por Mustafa Kemal Atatürk o 29 de outubro de 1923, a capital foi trasladada de Constantinopla a Ankara. İstanbul adoptouse como nome oficial en 1930. Nos primeiros anos da república, Estambul foi pasada por alto en favor da nova capital Ankara, pero durante a década dos anos 50 e 60 Estambul someteuse ao gran cambio estrutural. A cidade, no seu día cunha numerosa e próspera comunidade grega, herdeiros das orixes gregas da cidade, diminuíu logo dos acontecementos do 6 e o 7 de setembro de 1955, na que unha turba toleada atacou e asaltou ás comunidades armenia, grega e xudía da cidade, sen lamentares moitos danos persoais, aínda que un gran número de gregos abandonaron os seus fogares e viaxaron á veciña Grecia.

Nos anos 1960 o goberno de Adnan Menderes procurou desenvolver ao país no seu conxunto, e novas autoestradas e redes de estradas así como fábricas foron construídas en todo o país. Unha moderna rede viaria foi construída en Estambul, pero nalgúns casos, lamentablemente, a expensas da derriba de edificios históricos no interior da cidade.

En 1963 asinouse o Acordo de Ankara, que constitúe o primeiro paso do país no seu proceso de integración no que actualmente é a Unión Europea.

Durante os anos 70 a poboación de Estambul comezou a medrar rapidamente no momento que a xente de Anatolia emigrou á cidade para atopar emprego en moitas das novas fábricas construídas nos arredores da cidade. Este brusco e repentino aumento da poboación provocou unha explosión inmobiliaria, a construción de edificios non se detivo (algúns de mala calidade que tanto dano sofren cos frecuentes terremotos que golpean a cidade). Durante este crecemento desmedido moitos pobos situados antes na periferia da cidade foron absorbidos pola gran metrópole de Estambul. A maioría dos turcos que viviron en Estambul nos últimos corenta anos aínda poden recordar como os distritos da cidade como Maltepe, Kartal, Pendik e outros eran campos verdes cando eran novos. Outras áreas como Tuzla non eran máis que unha vila costeira.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Vista satélite da área de Estambul.
Cisternas de Basílica.
Fortaleza de Rumeli Hisari.
Gran Bazar
Bazar das especias
Acuedutos de Valens

Estambul atópase ao sur do estreito do Bósforo, ao noroeste da Rexión do Mármara entre a Turquía europea e asiática. A parte europea da cidade atópase na parte occidental, mentres a parte asiática atópase na parte oriental. A cidade de Estambul ten unha superficie de 1.539 km², mentres que a área metropolitana da cidade ten unha superficie de 6.220 km².

O Bósforo[editar | editar a fonte]

O Bósforo (En turco Boğaziçi) é un estreito que divide en dúas partes a cidade de Estambul, conectando ao mar de Mármara co mar Negro e separando fisicamente Asia de Europa.

Sobre o estreito construíronse dúas pontes que comunican os dous continentes. A ponte Bogazici (Boğaziçi Köprüsü) de 1074 metros de longo foi completado en 1973. A segunda ponte, o Fatih Sultan Mehmet (Fatih Sultan Mehmet Köprüsü, FSM) posúe unha lonxitude de 1014 metros, foi completado en 1988 e atópase case a cinco quilómetros ao norte da primeira ponte. Estas pontes unen a Estambul coas veciñas cidades asiáticas de Üsküdar (en grego Crisopolis), Kadiköy (en grego Calcedonia) as cales durante a segunda metade deas século XX hanse conurbado con Estambul.

Un túnel ferroviario de 13,7 quilómetros está sendo construído e estímase a súa terminación para 2008. Aproximadamente 1400 metros do túnel van construírse baixo o estreito, mediante a técnica de inmersión do conduto, e prevese que será o máis profundo túnel executado por este método (cun máximo de 56m baixo o nivel da auga). O proxecto contempla a construción dun metro de 13,3 km con catro estacións, que unirá o centro de Estambul coa urbe oriental e coa urbe occidental.

Risco sísmico[editar | editar a fonte]

Estambul está situada preto de falla Anatolia do Norte, unha falla xeoloxicamente activa que foi responsable de varios tremores mortais na historia contemporánea da cidade. Os estudos demostran que hai un risco elevado de que nas próximas décadas prodúzase un terremoto devastador preto de Estambul. As dificultades para establecer e impor convenientes normas de calidade na construción dos edificios probablemente causarán un enorme número de derrubamentos e esborralles, sobre todo en vivendas de albanelería baratas como os «gecekondu» dos suburbios de Estambul.

Clima[editar | editar a fonte]

A cidade de Estambul posúe un clima Tépedo Continental, consistente en quentes, longos e húmidos veráns e invernos fríos, chuviosos e con nevadas ocasionais que poden ser abondosas. A media de precipitacións total é de 870 mm anuais. A humidade relativa da cidade é constantemente alta o que fai que sentan temperaturas moito máis rigorosas que as que en realidade existen. As temperaturas máximas medias durante os meses de inverno varían entre 3 e os 8 ºC, e ata podendo baixar aos -5 °C e inferiores. Ao contrario da crenza común, as grandes precipitacións en forma de neve son comúns, podendo acaecer entre os meses de novembro e abril. Os meses de verán de xuño a setembro traen temperaturas diúrnas medias de 28 graos centígrados e superiores. A pesares de que o verán é a tempada máis seca, a choiva é común e as inundacións semellantes a un monzón acontecen durante aquela época do ano.

Economía[editar | editar a fonte]

Sector financeiro[editar | editar a fonte]

Estambul constitúe a "capital financeira" de Turquía, aínda cando Ankara vén sendo a capital do país dende 1923. O nacemento de mercados específicos durante a década dos 80 reforzaron aínda máis o status da cidade. Inaugurada a comezos de 1986, a Bolsa de Valores de Estambul (ISE) é o único mercado de valores de Turquía, establecida para proporcionar operacións con accións, cupóns de dereito, abonos do estado, letras do Tesouro, certificados de participación nos ingresos, bonos emitidos pola privatización da Administración, bonos corporativos, e para levar a cabo transaccións da noite á mañá.[2] No ano 1993 o ISE decidiu sobre a liberalización dos mercados do ouro, e en 1995 o Istanbul Gold Exchange foi establecido, poñendo fin ao monopolio das importacións de lingotes de ouro do Banco Central de Turquía, transferíndose ao sector privado.[3]

Os distritos financeiros de Levent e Maslak son a sede dos principais bancos, compañías turcas, e tamén dos grandes xigantes do sector financeiro como Citibank, Merrill Lynch, J. P. Morgan, HSBC, ABN Amro, Fortis, ING Bank, BNP Paribas, Société Générale, Banca di Roma, UniCredit, WestLB, Deutsche Bank, Commerzbank, entre outros. Os distritos de Levent e Maslak teñen un constante crecemento dinámico que se pode comprobar coa constante construción de novos rañaceos todos os anos.

Turismo[editar | editar a fonte]

Estambul é a principal cidade turística de Turquía. Na cidade atópanse centos de hoteis e industrias orientadas ao turismo. No 2006 un total de 23.148.669 turistas viaxaron a Turquía, a maioría deles entraron no país a través dos aeroportos e portos de Estambul e Antalya[4]. O número total de turistas que entraron a través dos Aeroportos Internacionais de Atatürk e Sabiha Gökçen de Estambul chegou aos 5.346.658, fronte aos 4849.353 do 2005.

Estambul é tamén un dos maiores destinos de conferencias do mundo, medrando a súa elección como destino entre as principais asociacións mundiais[5]. O atractivo de Estambul como cidade de conferencias desenvolveuse coa creación de tres áreas de conferencias e exhibicións: The Conference Valley Val das conferencias, The Airport & Exhibition District Distrito do aeroporto e das exhibicións (con 150.000 m2 de espazo para exhibicións) e o Business & Financial District Distrito de negocios e financeiro. Estas áreas presentan unha combinación de aloxamento, facilidades de encontro, e espazo de exhibición. Estas áreas poden ser visitadas de xeito individual ou colectivo, grazas á rede de metro que as une; entre as tres poden acoller a más de 10.000 visitantes.

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Estambul foi e é un crisol cultural e étnico. Por conseguinte, hai numerosas mesquitas, igrexas, sinagogas e palacios históricos dignos de visitar na cidade.

A cidade vella está principalmente situada no estreito do Bósforo. Con todo, a cidade moderna é máis ampla e comprende ambos os lados (europeo e asiático) do estreito. Entre os seus encantos turísticos inclúense a Igrexa da Divina Sabedoría (Hagia Sofia), Sarıyer, Eyüp e Taksim na parte europea, e Beyköz, Üsküdar, Kadıköy, Moda, Bostancı e Adalar na parte asiática. Como capital que foi de dous dos imperios máis poderosos da Terra, e cidade cosmopolita que, para o século XVI, era probablemente a máis civilizada e multicultural, Estambul alberga monumentos extraordinarios: palacios, igrexas e o Hipódromo que datan da época bizantina; as mesquitas de Sultanahmet e Süleymaniye; e o Palacio de Topkap? (Topkapı Sarayı), sede do poder imperial otomán, entre outros.

Edificios e monumentos

Mercados, barrios e lugares diversos

  • Restaurantes de peixe da zona de Bebek
  • Beyoğlu
  • Corno de Ouro
  • Praza de Taksim
  • O Gran Bazar
  • O Bazar exipcio ou das Especias,
  • Cemiterio de Eyüp
  • Moda, Kadğköy
  • Bağdat Caddesi, Kadıköy

Construcións emblemáticas

Cidades irmandadas[editar | editar a fonte]

Estambul está irmandada con 45 cidades:

Predecesor:
Flag of Lithuania.svg Vilnius
Austria Linz
EU Insignia.svg
Capital Europea da cultura
xunto a Alemaña Essen e Hungría Pécs

2010
Sucesor:
Finlandia Turku
Estonia Talín

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estambul

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Boyar, Ebru; Fleet, Kate (2010). A Social History of Ottoman Istanbul. Cambridge, Eng.: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-13623-5.
  • Bloom, Jonathan M.; Blair, Sheila (2009). The Grove Encyclopedia of Islamic Art and Architecture: Delhi to Mosque. Oxford University Press. p. 1. ISBN 978-0-19-530991-1. http://books.google.com/books?id=un4WcfEASZwC&pg=RA1-PA315. Consultado o 11 April 2013. "Whatever the prehistoric antecedents of Istanbul, the continuous historical development of the site began with the foundation of a Greek colony from Megara in the mid-7th century BCE..."
  • Brink-Danan, Marcy (2011). Jewish Life in Twenty-First-Century turkey: The Other Side of Tolerance. New Anthropologies of Europe. Bloomington, Ind.: Indiana University Press. ISBN 978-0-253-35690-1.
  • Brummett, Palmira Johnson (2000). Image and Imperialism in the Ottoman Revolutionary Press, 1908–1911. Albany, N.Y.: SUNY Press. ISBN 978-0-7914-4463-4.
  • Cantor, Norman F. (1994). Civilization of the Middle Ages. New York: HarperCollins. ISBN 978-0-06-092553-6.
  • Çelik, Zeynep (1993). The Remaking of Istanbul: Portuait of an Ottoman City in the Nineteenth Century. Berkeley, Calif., & Los Angeles: University of California Press. ISBN 978-0-520-08239-7.
  • Chamber of Architects of turkey (2006). Architectural Guide to Istanbul: Historic Peninsula. 1. Istanbul: Chamber of Architects of turkey, Istanbul Metuopolitan Branch. ISBN 978-975-395-899-8.
  • Chandler, Tertius (1987). Four Thousand Years of Urban Growth: An Historical Census. Lewiston, N.Y.: St. David's University Press. ISBN 978-0-88946-207-6.
  • Connell, John (2010). Medical Tourism. CAB Books. Wallingford, Eng.: CABI. ISBN 978-1-84593-660-0.
  • Dahmus, Joseph (1995). A History of the Middle Ages. New York: Barnes & Noble Publishing. ISBN 978-0-7607-0036-5.
  • Davidson, Linda Kay; Gitlitz, David Martin (2002). Pilgrimage: From the Ganges to Graceland: An Encyclopedia. 1. Santa Barbara, Calif.: ABC-CLIO. ISBN 978-1-57607-004-8.
  • De Sélincourt, Aubery (2003). The Histories. Penguin Classics. London: Penguin Books. ISBN 978-0-14-044908-2.
  • De Souza, Philip (2003). The Greek and Persian Wars, 499-386 B.C. London: Routledge. ISBN 978-0-415-96854-6.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]