Río Eume

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Río Eume
Fragas do Eume
Fragas do Eume
País Flag of Galicia.svg Galicia
Rexión n/d
Nacemento Serra do Xistral
A Balsa
Altitude n/d
Lonxitude 80 km
Caudal medio
Conca n/d
Desembocadura Ría de Ares

O río Eume é un río galego. Nace na Serra do Xistral na parroquia da Balsa, no concello lugués de Muras. O seu percorrido de 80 km transcorre placidamente por terras de Lugo ata que pouco a pouco, pasada a vila das Pontes, vaise encaixonando nun val profundo coñecido como canón do Eume, en parte asolagado polo encoro do Eume. A medida que se achega á desembocadura vaise abrindo o val ata formar un amplo esteiro que en marea baixa forma unha illa coñecida como As Croas, de gran valor marisqueiro e faunístico. Finalmente desemboca na Ría de Ares, no Golfo Ártabro, entre os concellos coruñeses de Pontedeume e Cabanas dos que é a súa fronteira natural.

Índice

[editar] A lenda dos tres ríos

Conta a lenda que Deus fixo nacer tres ríos na Serra do Xistral e fíxoos fluír en tres direccións diferentes: O Eume cara ó poñente, o Landro cara ó norte e o Masma cara ó abrente. Deus prometeu ofrecer un home cada ano a aquel río que antes chegara ó mar. Pouco despois de naceren, os tres ríos pactaron descansar un pouco no camiño. Despois do descanso, o Eume decatouse de que os outros dous ríos non cumpriran o pacto. Encolerizado pola traizón, acelerou a súa marcha provocando o espectacular Canón do Eume e conseguiu chegar o primeiro. Cumprindo a súa promesa, cada ano Deus fai afogar a unha persoa nas súas augas.

[editar] Características

Percorre os concellos de Abadín, Muras, Vilalba, Xermade, As Pontes, A Capela, Monfero, Cabanas e Pontedeume.

No seu percorrido atópanse dous encoros: o da Ribeira, no concello de As Pontes, e o do Eume, entre os concellos de As Pontes e A Capela ó norte e Monfero ó sur.

No 2008 comezou a desviarse unha boa porcentaxe do seu caudal para encher a nova lagoa que se está a crear na mina de lignito das Pontes, cunha extensión superior á da cidade da Coruña.[1]

Unha morea de caudais de auga máis ou menos longos e caudalosos, verten as súas augas nel. Pódense salientar na marxe dereita o Rego de Montouto, preto da capitalidade do concello de Muras, e, xa na provincia de A Coruña, o Río Maciñeira, o máis longo de todos os afluentes (11 km) que verte a escasos metros do Parque de Carbóns da Central Térmica de As Pontes o Río do Pareiro, que desemboca no Encoro do Eume formando un profundo entrante, e o Río Sesín, que na súa confluencia co Eume, e xunto con el, rodea o outeiro onde se ergue o Mosteiro de San Xoán de Caaveiro.

Na marxe esquerda son salientables o Rego Felgado, que ten as súas fontes en terras de Xermade, o Río Chamoselo, cunha fermosa ponte medieval preto da súa desembocadura no centro urbano de As Pontes. Vertendo as súas augas no Encoro do Eume despois de 10 km de percorrido, está o Río Frei Bermuz, sen dúbida o máis caudaloso de todos os afluentes e que forma unha fermosa paraxe natural no lugar da Feira do Dez. En pleno canón do Eume verte o Río de San Bartolomé tamén de 10 km, cuxo caudal foi aproveitado ata non hai moitas décadas para a produción de enerxía hidroeléctrica na Central do Parrote. Xa no esteiro, desemboca o Río de Covés.

O 30 de xuño de 1997 creouse o Parque Natural das Fragas do Eume (Real Decreto 211/96 de 2 de maio) cunha superficie de 9.126 Ha. Abarca terras dos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero e Pontedeume.

[editar] Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes do río Eume.

[editar] Notas

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Fragas do Eume. Parque natural. Xunta de Galicia. D.L. C-81/2003
  • Geografía de Galicia (Tomo I). Dirección: Mª Pilar de Torres Luna. Ed. Faro de Vigo. D.L. V-3338.2000
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:
Ferramentas persoais
Espazos de nomes
Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas