Lingua alemá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Alemán
Deutsch
Pronuncia: [dɔʏ̯tʃ]
Outros nomes: en alemán denomínase tamén Hochdeutsch, Schriftdeutsch e Standarddeutsch
Falado en: Austria, Alemaña, Bélxica, Liechtenstein, Luxemburgo, Voivodato de Opole (Polonia), Sopron (Hungría), Suíza, Trentino-Tirol do Sur (Italia)...
Rexións: Europa central e occidental
Total de falantes: 185 millóns aprox. 105 millóns nativos e 80 millóns no mundo.
Posición: 10
Familia: Indoeuropea
 Xermánico
  Xermano occidental
   Alemán
Escrita: Alfabeto latino
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Alemaña, Austria, Liechtenstein, Bélxica, Suíza, Luxemburgo, Unión Europea.
Lingua oficial local ou rexional en: Dinamarca, Polonia, Italia.
Códigos de lingua
ISO 639-1: de
ISO 639-2: ger (B) deu (T)
ISO 639-3: deu
SIL: GER
Idioma alemán.png

O alemán (Deutsch, en alemán) é unha lingua indoeuropea pertencente ao grupo das linguas xermánicas occidentais. É tamén a lingua que máis falantes nativos ten na Unión Europea.

Fálase principalmente en Alemaña, Austria, Liechtenstein, en dous terzos de Suíza, en dous terzos da provincia do Tirol do Sur (en Italia), nos pequenos cantóns do leste de Bélxica e nalgunhas poboacións fronteirizas do condado de Iutlandia meridional (Nordschleswig) en Dinamarca.

En Luxemburgo, así como nas rexións francesas de Alsacia e Lorena, as poboacións nativas falan dialectos alemáns, dominando algúns o alemán estándar (especialmente en Luxemburgo), aínda que en Alsacia e Lorena o francés substituíu significativamente aos dialectos alemáns locais durante os derradeiros corenta anos.

Aínda sobreviven certas comunidades xermanofalantes en zonas de Romanía, a República Checa, Hungría e sobre todo Rusia, Casaquistán e Polonia, aínda que os regresos masivos a Alemaña nos 90 fixeron decrecer estas poboacións dun xeito significativo. Fóra de Europa, as maiores comunidades xermanofalantes atópanse nos Estados Unidos, en Brasil e na Arxentina, onde millóns de alemáns migraron durante os últimos 200 anos; con todo, a gran maioría dos seus descendentes non fala alemán. Ademais, poden atoparse comunidades xermanofalantes na antiga colonia alemá de Namibia. No sur de Chile, hai unha pequena comunidade xermanoparlante, a Organización Alexander von Humboldt da cidade de México conta coa escola de ensino de alemán máis grande fóra de Alemaña, así como noutros países obxecto de emigración alemá como Canadá, Islandia, Paraguai, Bolivia, Perú, Venezuela, Tailandia, Australia e Guatemala.

O alemán é a lingua nai de ao redor de 100 millóns de persoas en Europa (en 2004), o 13,3 % dos europeos, sendo o idioma máis falado de Europa excluída Rusia, por riba do francés (66,5 millóns de falantes en Europa en 2004) e o inglés (64,2 millóns de falantes en Europa en 2004). O alemán é o terceiro idioma máis ensinado como lingua estranxeira en todo o mundo, o segundo en Europa e o terceiro nos Estados Unidos (despois do español e o francés). É un dos idiomas oficiais da Unión Europea, onde é o segundo idioma máis ensinado como lingua estranxeira.

Situación actual[editar | editar a fonte]

O alemán pertence á póla occidental das linguas xermánicas, dentro da familia lingüística indoeuropea.

Linguas veciñas[editar | editar a fonte]

O alemán forma xunto co neerlandés, o seu parente máis próximo, unha zona lingüística cohesionada e ben definida que se separa dos seus veciños por fronteiras lingüísticas. Estes veciños son: no norte o frisón e o dinamarqués; polo leste o polaco, o sorabio, o checo e o húngaro; polo sur o esloveno, o italiano, o friulano, o ladino e o romanche; e polo oeste o francés. Agás o frisón, ningunha destas linguas é xermánica occidental, por iso son claramente distintas do alemán e o neerlandés. Mentres que o frisón é unha lingua xermánica, do mesmo xeito co alemán e o neerlandés, non se considera que sexa mutuamente intelixible con eles.

A situación é máis complexa con respecto á distinción entre alemán e neerlandés. Ata hai pouco existiu un continuum dialectal ao longo de toda o área xermanofalante, sen fronteiras lingüísticas. Nese continuum, os dialectos sempre son mutuamente intelixibles cos seus veciños, pero os dialectos que están afastados non adoitan selo. O continuum alemán-neerlandés préstase a unha clasificación dos dialectos no alto alemán e baixo alemán baseándose na presenza da segunda mutación consonántica. O neerlandés é parte do grupo baixo alemán. Con todo, debido á separación política entre Alemaña e os Países Baixos, os dialectos do baixo alemán de Alemaña e dos Países Baixos diverxeron ao longo do século XX. Ademais, en ambos os dous países moitos dialectos están ao bordo da extinción ao ser reemprazados pola lingua estándar. Por isto, a fronteira lingüística entre o neerlandés e o alemán estase comezando a formar.

Mentres que o alemán é gramaticalmente moi similar ao neerlandés, é moi diferente no diálogo. Un falante dun dos idiomas necesita algo de práctica para poder entender a un falante do outro idioma. Compárese, por exemplo:

De kleinste kameleon is volwassen 2 cm groot, de grootste kan wel 80 cm worden. (neerlandés)
Das kleinste Chamäleon ist ausgewachsen 2 cm groß, das größte kann gut 80 cm werden. (alemán)
(en galego: "O camaleón adulto máis pequeno mide 2 cm, o máis longo ben pode acadar os 80 cm.")

Os falantes de neerlandés xeralmente poden ler alemán, e os falantes de alemán que poden falar baixo alemán xeralmente entenden o neerlandés lido, pero teñen problemas para entender o neerlandés falado.

Oficialidade[editar | editar a fonte]

Distribución xeográfica do alemán

O alemán é o único idioma oficial en Alemaña, Austria e Liechtenstein. Comparte o seu estado de oficialidade en Bélxica (co francés e o neerlandés), Luxemburgo (co francés e ou luxemburgués), Suíza (co francés, ou italiano e ou rético), en certas rexións de Italia como ou Alto Adigio (co italiano).

Lingua estándar[editar | editar a fonte]

Aínda que se empregue o termo "alemán" para referírmonos ao idioma escrito, no terreo falado existe unha ampla variedade de dialectos ao longo e largo do territorio xermanofalante. O alemán estándar, coñecido como Hochdeutsch, non se orixinou a partir dun dialecto concreto, senón que se creou a partir dos diversos dialectos (sobre todo os centrais e meridionais) como lingua escrita. Xa dende o século XV, esta permitía a comunicación entre os mesmos, pero á hora de falar non existía un patrón unificado. A creación dunha pronunciación estándar fíxose necesaria polo aumento en importancia do teatro no século XIX que levou aos responsables das compañías a atopar unha forma de recitar única que fose entendida en todo o territorio. Así creouse o "Bühnendeutsch" ou "alemán de escenario", que ao final converteuse na pronunciación ideal do idioma alemán, aínda que algún dos seus preceptos como que "-ig" = /ç/; non obedecen a razóns lingüísticas senón acústicas.

Hoxe día, na maior parte das rexións do Norte de Alemaña, a xente abandonou os seus dialectos e falan coloquialmente alemán estándar, sendo os casos máis extremos o val do Ruhr (lugar onde acudiron inmigrantes de toda Alemaña ao longo do século XIX) e o Sur do estado de Brandeburgo, na chamada Saxonia prusiana, onde o dialecto practicamente desapareceu. Isto non ocorre no Sur de Alemaña, Austria e sobre todo Suíza, onde o alemán estándar apenas se fala, só en ocasións contadas, como á hora de falar con alguén que non entende o dialecto suízo. En certas rexións alemás, sobre todo nalgunhas grandes cidades, unha gran parte da poboación só fala a lingua estándar.

A lingua estándar ten diferenzas rexionais, especialmente en vocabulario, aínda que tamén en pronunciación e gramática. Estas diferenzas son moito menores que as que existen entre os dialectos locais. Con todo, o alemán considérase unha lingua pluricéntrica, pois as variedades dos tres maiores países xermanofalantes son consideradas estándar de igual xeito.

Dialectos[editar | editar a fonte]

Liñas de Benrath e Speyer.

Xunto á lingua estándar coexisten innumerables variedades dialectais, formando un continuum que se espalla por toda a "Teutonia" (termo co que se fai referencia a aqueles territorios que teñen como lingua oficial o neerlandés, o alto alemán e o luxemburgués). As variacións entre os distintos dialectos son considerables pois os dialectos altoalemáns e os baixoalemáns non son mutuamente intelixibles, e así mesmo os dialectos alemáns non adoitan ser entendidos por alguén que só coñece o alemán estándar.

Podemos dividir os dialectos entre os dialectos do baixo alemán e os do alto alemán.

A separación entre ambas as dúas zonas vén dada pola chamada liña de Benrath. Esta liña separa as zonas que sufriron a segunda mutación consonántica xermánica das que non a sufriron. Esta mutación produciuse ao redor do ano 500 d.C. nos pobos ao sur desta liña; os dialectos destes pobos deron lugar ao alto alemán actual. Os dialectos dos pobos ao norte desta liña deron lugar ao inglés, neerlandés, frisón e os dialectos do baixo alemán.

Límites da división humorística Weißwurstäquator ("Ecuador da salchicha branca"), case coincidentes coa liña de Speyer.

Outra segunda liña destacable sería a liña de Speyer, marcada case polo río Main, ao sur da cal a segunda mutación dáse totalmente (alemán alto ou Oberdeutsch), e ao norte só parcialmente (alemán medio ou Mitteldeutsch, dos cales derívase o alemán estándar). Un exemplo das variacións fonéticas vese a continuación:

Palabra do baixo alemán Palabra do alto alemán Significado
ik ich eu
maken machen facer
Dorp Dorf vila
tussen zwischen entre
op auf enriba de
Korf Korb cesto
dat das iso
Appel Apfel mazá

O grupo Alto/Medio Alemán subdivídese nos seguintes dialectos:

  • O Bávaro (Bairisch) ou Austrobávaro (Bairisch-Österreichisch), que se espalla polo territorio da Baviera Antiga, a maior parte de Austria coa excepción do Vorarlberg, así como a rexión italiana do Tirol Meridional (Südtirol/Alto Adigio). Caracterízase, entre outros trazos, pola asimilación do grupo ei (/ai/), dando como resultado o son /a:/ (Stein > Staan), así como pola presenza do pronome persoal enk (2ª persoa do plural), que foi adoptado con posterioridade polo yiddish. Pero entre os subdialectos bávaros tamén se poden atopar grandes diferenzas, por exemplo co ourizo (alemán: Igel): existen case todas as pronunciacións entre Ü:gü e Igl.
  • O Fráncico renano (Rheinisches Fränkisch), considerado como dialecto de transición entre o Alto e o Baixo Alemán, caracterízase pola súa gran dispersión de isoglosas.
  • O Fráncico do Mosela (Moselfränkisch), falado no Sur de Renania (Tréveris) e en Luxemburgo. Base da lingua estándar luxemburguesa.
  • O Francón (Fränkisch), falado en Franconia (zona setentrional de Baviera). O seu dominio lingüístico comprende as cidades de Würzburg, Núremberg e Bayreuth. É a lingua que empregou Hans Sachs na súa obra e no século XVI era moi próxima lingüisticamente aos dialectos da Alta Saxonia.
  • O Alto Saxón (Sächsisch), que se fala fundamentalmente no estado de Saxonia, así como no Sur de Brandeburgo. Aínda que hoxe está considerado como un dialecto cómico, no século XVIII era considerado como o paradigma do alemán estándar. A lingua da chancelería de Leipzig foi utilizada por Lutero na súa tradución da Biblia e é base do alemán normativo.
  • O Alemán de Pensilvania é unha variante do alemán, falado por aproximadamente 225.000 persoas en Norteamérica (máis especificamente, na provincia canadense de Ontario e nos estados de Indiana, Ohio e Pensilvania).
  • O Alemánico (Allemanisch), falado en case todo Baden-Würtemberg (con excepción da súa franxa setentrional), Alsacia, Suíza, a Suabia Bávara (con capital en Augsburgo), Liechtenstein e o Vorarlberg (o Estado federado máis occidental de Austria). Trátase da lingua empregada por Wolfram von Eschenbach, Walther von der Vogelweide e outros trobadores medievais, así como por autores posteriores como Sebastian Brant (autor da Nave dos Tolos). Durante séculos persistiu neste dominio lingüístico unha variedade estándar propia, que foi gradualmente substituída polo alemán moderno nos séculos XVII e XVIII.

Pola súa banda, o grupo Baixo Alemán artéllase nas seguintes modalidades lingüísticas:

  • O Baixo Saxón (Niedersächsisch) ou Baixo alemán (Plattdeutsch), fálase en toda a zona setentrional de Alemaña, así como no Nordeste de Holanda.
  • O Baixo Fráncico (Niederfränkisch), cuxo dominio lingüístico espállase por case todos os Países Baixos, Flandres, así como aquelas comarcas renanas (Kleve, Emmerich) que lindan con devanditos países. O dialecto de Holanda e Zelandia, o holandés, converteuse en lingua estándar destes territorios no século XVII.

Falantes de alemán no mundo[editar | editar a fonte]

Alemaña (idioma oficial) 82.300.000

Austria (idioma oficial) 8.100.000

Suíza (idioma cooficial) 4.900.000

Brasil 1.000.000

Estados Unidos 1.382.613[1]

Francia 1.200.000 (Alsacia e Lorena)

Rusia 896.000

Romanía 500.000

Italia 500.000

Casaquistán 359.000

Arxentina 300.000

México 200.000 (Deutsch) e 75.200 (Plattdüütsch)[2]

Chile 200.000 (Hillebrad 2004, S 11),[3] 75.000 Suizo-alemáns.

Polonia 173.000

Australia 150.000

Paraguai 100.000 alemáns, 50.000 Menonitas, 250.000 alemáns de Brasil.

Bélxica 112.000 (Weltalmanach 2003)

Quirguicistán 101.057

Hungría 100.000

República Checa 100.000

Sudáfrica 100.000

Perú 25.000

Usbequistán 40.000

Liechtenstein (idioma oficial) 30.000

Namibia (idioma cooficial) 30.000

Uruguai 28.000

Dinamarca 23.000

Eslovenia 20.000

Eslovaquia 10.000

Luxemburgo (idioma cooficial) 9.200

Moldavia 7.000

Porto Rico 1.453

Emiratos Árabes Unidos 1.300

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikipedia
Existe unha versión da Wikipedia en Lingua alemá.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Galizionario
Vexa no Galizionario as palabras en Alemán.

Dicionarios[editar | editar a fonte]


Flag of Europe.svg Linguas oficiais da Unión Europea Flag of Europe.svg
Alemán | Búlgaro | Castelán | Checo | Croata | Dinamarqués | Eslovaco | Esloveno
Estoniano | Inglés | Finés | Francés | Grego | Húngaro | Irlandés | Italiano | Letón
Lituano | Maltés | Neerlandés | Polaco | Portugués | Romanés | Sueco
Fonte: Sitio da Unión Europea