Londres - London

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

(Redirixido dende Londres)
Londres
Bandeira Escudo
Mapa
Información
País Reino Unido
Inglaterra Londres
Superficie 1.579 km2
Poboación 7.5 millóns (2005 est.)
Densidade 4.761 h/km²
Alcalde Boris Johnson[1]
www.london.gov.uk Páxina Oficial

Londres (en inglés London) é a capital de Inglaterra e do Reino Unido; atópase ás beiras do río Támesis na illa de Gran Bretaña. Segundo os dados do censo do 2001, viven 7.172.000 habitantes na división administrativa do Grande Londres, composta por 32 barrios (boroughs) e mais pola cidade de Londres propriamente dita (City of London), nunha área de 1579 km2. A aglomeración urbana ten preto de 11.3 millóns de habitantes.

Dunha cidade romana chamada Londinium, a capital da rexión administrativa romana Britannia, a cidade acabou por se tornar o centro do imperio britanico, contribuindo hoxe en dia co 17% do PNB dun país que é a cuarta maior economía do mundo.

Londres ten sido un dos máis importantes centros da política e do comercio mundiais por case dous milénios (a pesar de ter sido Winchester a capital de Inglaterra durante grande parte da idade media).


Índice

[editar] Historia

[editar] O Londres Romano

A pesares das evidencias de pequenos asentamentos bretóns dispersos pola área, o primeiro asentamento maior na cidade de Londres data do ano 43 dC, cando os romanos, aproveitando a conquista da illa, fundaron o asentamento de Londinium na beira norte do río Támesis. A antiga vila desenvolveuse preto da primeira ponte de Londres feita de madeira polos romanos e que lles permitía atravesar o río.

O primeiro asentamento de Londres durou preto de dezasete anos. Ao redor do ano 61 dC, a tribo celta dos Iceni dirixida pola raíña Boudica asaltou o poboado, reducíndoo a cinzas. A seguinte reencarnación da cidade prosperou e reemprazou a Colchester como a capital da provincia romana de Britannia ao redor do ano 100 dC. No cumio do seu apoxeo, no século II, Londres tiña unha poboación de 60.000 habitantes. Porén, no século III, a poboación da cidade comezou a minguar debido a que as tropas asentadas na cidade foran enviadas ao continente para atallar os problemas do Imperio Romano. Nos seguintes século o descenso da poboación foi continuado, ficando a cidade abandoada no século V[2].

[editar] Os Anglosaxóns

No ano 600 dC, os Anglosaxóns voltaron crear un novo asentamento chamado Lundenwic a 1 km da antiga cidade romana, preto do que hoxe é Covent Garden[3]. Probablemente houbo un porto dedicado á pesca e ao comercio na foz do río Fleet, o comercio da cidade medrou paseniñamente ata o ataque do 851, cando as defensas da cidade foron apancadas por unha grande invasión viquinga que destruiu a cidade[4]. Trala ocupación viquinga, o novo rei Alfredo o Grande, estableceu a paz e mudou a vila para dentro das murallas da antiga Londres romana sendo chamada Ealdwic ("old city" ou "cidade vella"), nome que sobreviviu ata a actualidade como Aldwych.

Máis adiante, baixo o control de varios reis ingleses, volveu prosperar como centro político e comercial. Porén, as invasións dos viquingos voltaron a finais do século X, chegando ao seu máximo no ano 1013 cando a cidade foi sitiada polo rei Canuto de Dinamarca quen forzou ao rei Ethelred ¨O indeciso¨ a deixar o trono[5]. Nun ataque de represalia, as tropas de Ethelred conseguiron a victoria botando abaixo a Ponte de Londres restablecendo de novo o control inglés.

O rei Canuto II voltou ter o control do trono inglés en 1017, controlando a cidade de Londres e o país ata 1042, ano no que a súa morte devolveu o trono aos anglosaxóns baixo o goberno de Eduardo o confesor, quen refundou a Abadía de Westminster e o adxacente Palacio de Westminster. Nese tempo, London convertérase na maior e máis próspera cidade de Inglaterra, a pesares de que a sede oficial do goberno seguía atopándose en Winchester[6].

[editar] O Londres normando e medieval

Torre de Londres dende o ceo ao carón da ponte do mesmo nome
Torre de Londres dende o ceo ao carón da ponte do mesmo nome
O grande lume de 1666 destruíu unha grande parte da cidade
O grande lume de 1666 destruíu unha grande parte da cidade
Rúa atacada polo Blitz durante a Segunda Guerra Mundial
Rúa atacada polo Blitz durante a Segunda Guerra Mundial

Logo do triunfo na batalla de Hastings, Guillerme I, naquel tempo Duque de Normandía, foi coroado rei de Inglaterra na recentemente inaugurada Abadía de Westminster o día do nadal do ano 1066. Guillerme garantiu aos cidadáns de Londres especiais privilexios, ao mesmo tempo que construiu un castelo no surleste da cidade para mantelos baixo control. Este castelo sería ampliado e modificado por reis vindeiros ata dar o que hoxe é coñecido como Torre de Londres, servindo primeiro como residencia real e máis adiante como cárcere.

No ano 1097, Guillerme II comezou a costrución do Westminster Hall, preto da abadía do mesmo nome. A residencia serviu de base ao futuo Palacio de Westminster, a que foi a principal residencia da monarquía durante a Idade Media. Westminster convertiuse na sede da corte real e do goberno (persistindo na actualidade), mentres o seu veciño, a cidade de Londres, era o centro da industria e do comercio, xermolando baixo a súa propia administración, a Corporación de Londres. Continxentemente, as vilas adxacentes medraron xuntas ata formar as bases do actual centro de Londres, a pesares de que Winchester seguiu persistindo como capital de Inglaterra ata o século XII.

Londres continuou medrando en riqueza e poboación durante a Idade Media. No ano 1100 a poboación da cidade roldaba os 18.000 habitantes, no ano 1300 a cidade xa chegara aos 100.000[7]. Con todo, a peste negra devastou preto dun terzo da poboación de Londres a mediados do século XIV. Sen contar a revolta campesiña de 1381, Londres permaneceu relativamente en paz durante as guerras civís acontecidas en Inglaterra ao longo da Idade Media, como a Guerra das dúas rosas.

Tralo exitoso triunfo contra a Armada invencible en 1588, a estabilidade política en Inglaterra, permitiu a Londres medrar aínda máis. En 1603, Xacobe VI de Escocia convertiuse no rei de Inglaterra, unindo esencialmente os deous países. A súa promulgación de leis anticatólicas fixérono inmpopular ata o punto de que o 5 de novembro de 1605 produciuse un intento de asasinato na capital inglesa, a famosa Conspiración da pólvora.

Durante o século XVII as pragas causaron moitos problemas en Londres, culminando coa Grande praga acontecida entre 1665 e 1666 e que matou a máis de 75.000 persoas. Este foi o derradeiro brote que tivo lugar en Europa, posiblemente grazas ao grande lume de 1666. O grande lume de Londres orixinouse no seu comezo na cidade antiga, espallándose ao resto da cidade queimando centos de vivendas feitas de madeira. As tarefas de reconstrución levadas a cabo na cidade levaron máis de dez anos.

[editar] O Londres moderno

Co seu grande crecemento ao longo do século XVIII, Londres convertiuse na maior cidade do mundo, posto que ocupou entre 1831 e 1925[8]. Este crecemento viuse en grande parte axudado pola creación en 1836 do primeiro ferrocarril, o que puxo en contacto Londres coas vilas do campo a unha. A rede do ferrocarril espallouse rápidamente, axudando á cidade a medrar cara os campos a rodeaban, fusionándose á súa vez con vilas situadas preto de Londres como Kensington. O crecente tráfico que conxestionaba o centro da cidade fixo que se crease en 1863 o primeiro sistema de metro do mundo, que levou á cidade a unha maior expansión e urbanización. Grazas ao rápido crecemento, London converteuse nunha das primeiras cidades na historia en chegar ao millón de habitantes, e a primeira en chegares aos 5 millóns.

O goberno local de Londres tivo que loitar contra o rápido crecemento para ofrecer á cidade as infraestruturas axeitadas. Entre 1855 e 1889, a Metropolitan Board of Works supervisou os traballos de expansión, foi entón remprazado polo County of London, o cal foi á súa vez reemprazado polo London County Council, a primeira administración da cidade elixida pola poboación.

O Blitz e outros bombardeos da Luftwaffe alemá durante a Segunda Guerra Mundial asasinaron a máis de 30.000 londinenses e esnaquizaron boa parte da paisaxe urbana de Londres[9]. Os traballos de reconstrución tiveron lugar nas décadas de 1950, 1960 e 1970, estes traballos caracterizáronse pola súa diversidade de estilos, consecuencia do cal Londres non posúe un estilo arquitectónico unido. En 1965 as fronteiras políticas de Londres espalláronse para incluir as crecentes áreas urbanas fóra do distrito de Londres. A nova área foi chamado Greater London ou Grande Londres e pasou a seres administrada polo Greater London Council.

Nas décadas vindeiras á Segunda Guerra Mundial, a cidade de Londres recibiu unha grande oleada de inmigrantes dos países da Commonwealth convertíndose nunha das cidades máis diversas e multiculturais do continente europeo. A integración de todos estes novos habitantes non foi sempre doada, producíndose liortas, sobre todo nos distritos de Notting Hill e Brixton, aínda que estes enfrontamentos foron moito menores a outros acontecidos noutras cidades inglesas e doutras partes de Europa e de América.

Durante a década dos 80 e en diante produciuse unha reactivación de Londres como centro económico mundial. Con todo, como capital e maior cidade do Reino Unido, a cidade de Londres convertiuse en obxectivo do terrorismo. Ata o cese do fogo en 1997, Londres foi obxetivo cotián das bombas do IRA que deste xeito buscaba amedrentar ao goberno británico co Sinn Féin para negociar na Irlanda do Norte.

Vista aérea de Londres e os seus rañaceos
Vista aérea de Londres e os seus rañaceos

Máis recentemente, unha serie de ataques bomba coordinados foron levados a cabo por extremistas islámicos suicidas na rede de transportes da cidade o 7 de xullo do 2005, tan só 24 horas despois de que Londres fora elixida sede dos Xogos Olímpicos do 2012[10]. Cos Xogos Olímpicos do 2012, Londres vaise covertir na primeira cidade do mundo en hospedar tres ediciones dos xogos, despois da IV edición de 1908 e a XIV no ano 1948, despois de que a XIII edición, que tamén se ía celebrar en Londres, fose suspendida debido á Segunda Guerra Mundial.

[editar] Demografía

Habitantes segundo país
Reino Unido 5.230.155
India 172.162
Irlanda 157.285
Paquistán 120.900
Bangladesh 84.565
Xamaica 68.907
Nixeria 66.311
Kenia 49.933
Sri Lanka 49.932
Gana 46.513
Chipre 45.888
Sudáfrica 45.506
Estados Unidos 44.622
Australia 41.488
Alemaña 39.818
Turquía 39.128
Italia 38.694
Francia 38.130
Somalia 33.831
Uganda 32.082
Nova Celandia 27.494

Coa indrustrialización, a poboación de Londres medrou axiña entre os séculos XIX e XX, chegando a ser a cidade máis poboada da terra ata que Nova York a superou en 1925. Londres acadou o se cumio de poboación no ano 1939 ao chegar aos 8.615.245 habitantes.

No ano 2005 segundo estimacións a cidade tiña unha poboación de 7.517.700 habitantes na súa área. Porén, a cidade expándese cara os seus bordes ( Gran Londres ) chegando aos 8.278.251 habitantes. Londres é a maior cidade da Unión Europea e tamén posúe a maior área metropolitana.

[editar] Grupos étnicos

Templo hindú en Londres
Templo hindú en Londres

No censo do 2001 preguntouse aos cidadáns londinenses polo seu grupo étnico, o 71,15%, dos sete millóns e medio de persoas que habitan a cidade, clasificaron a súa raza como branca, neste grupo atópanse os White British ou Británicos brancos (59,79%), White Irish ou Irlandeses Brancos (3,07%) or "Other White" ou Outros brancos (8,29%) - grupo no que se inclúen 180.000 gregos[11] 100.000 italianos[12], ao redor de 300.000 polacos, uns 100.000 españois e outros individuos brancos de orixe europea, americana, sudamericana, australiana, neocelandesa ou sudafricana. Un 12,09% dos londinenses clasifícase como British Asian ou Asiático-británico, grupo nos que se atopan as persoas de orixe hindú, paquistaní, bangladeshí e "Other Asian" ou Outros asiáticos (a maioría de provinte de países árabes ou do sueste asiático). Un 10,91% da poboación de Londres clasificouse no censo como Black British ou Negro británico (ao redor do 7% de orixe africana, o 4,79% de orixe caribeña, e o 0,84% como "Other Black" ou Outro negro). A poboación restante do censo clasificouse como de raza mixta nun 3,15%; de raza 1,12% chinesa; e un 1.58% doutras razas (a maioría ten a súa orixe na América latina- estímase que 60.000 brasileiros residen en Londres[13], filipina, xaponesa, coreana, vietnamita e ou doutras nacionalidades asiáticas). Aproximadamente un 21,8% dos habitantes de Londres naceron fóra da Unión Europea. Os irlandeses da República de Irlanda e da Irlanda do norte que habitan na cidade forman unha comunidade de 200.000 individuos, case o mesmo número que os escoceses e galeses que teñen a súa residencia na cidade.

En xaneiro do 2005, unha enquisa sobre a diversidade étnica e relixiosa de Londres amosou que na cidade se falaban máis de 300 linguas e que existían máis de 50 comunidades non indíxenas con máis de 10.000 individuos[14] A Office for National Statistics (Oficina para as as estatísticas nacionais) publicou que no ano 2006 que 2.288.000 (31%) dos habitantes da cidade non naceran nela, cifra moito maior co 1.630.000 de 1997[15]. O censo do 2001 amosou que o 27,1% da poboación do Grande Londres nacera fóra do Reino Unido, dos que unha grande parte non eran de raza branca[16].

Londres foi un foco de inmigración durante séculos, xa sexa pola busca de asilo ou por razóns económicas. Hugonotes, xudeus da Europa oriental e chipriotas son exemplos da primeira; irlandeses, hindús e blandesesís son exemplos da segunda.

[editar] Relixión

En termos relixiosos, Londres é fogar de numerosas comunidades Musulmás, Hindu, Sikh, e xudeas . Moitos musulmáns viven en Tower Hamlets e Newham; o edificio musulmán máis importante é a London Central Mosque no Regent's Park. A comunidade hindu máis importante atopase no noroeste en Harrow e Brent, na última atópase un dos maiores templos hindus de europa o Neasden Temple. As comunidades Sikh localízanse no Oeste e Leste de Londres , o que é fogar dun dos maiores templos Sikh do mundo. A maioría dos Xudeos Británicos viven en Londres, con grandes comunidades xudeas en Stamford Hill (a maior area Xudea Ortodoxa fóra de Nova York e Israel), e Golders Green no norte da cidade.

[editar] Economía

O Bank of England, é o banco central do Reino Unido
O Bank of England, é o banco central do Reino Unido
Rañaceos do distrito financeiro de Canary Wharf na Illa de Dogs
Rañaceos do distrito financeiro de Canary Wharf na Illa de Dogs
Distrito financeiro de Londres
Distrito financeiro de Londres

Londres é un dos principais centros de negocios internacionais, sendo considerado un dos catro "centros do mando" da economía mundial (detrás de Nova York , Tokio e París).

Como a segunda maior cidade económica europea, ano por ano, a economía de Londres xera aproximadamente o 19% do GDP do Reino Unido (IB). A área metropolitana de Londres xerou aproximadamente o 30% do PIB do Reino Unido no ano 2005.

O éxito de Londres como unha industria de servizo e centro de negocios pode ser atribuído a múltiples factores. O feito de que o inglés sexa a nova lingua franca, a súa posición como a capital do Imperio Británico, a súa próxima relación cos Estados Unidos e varios países en Asia. A lei inglesa é a máis importante e a máis empregada nos negocios internacionais, a infraestrutura multicultural (colexios, lugares de traballo, organizacións culturais e sociais), relativamente baixos impostos, particularmente para estranxeiros, un ambiente de negocios amigable (por exemplo, na Cidade de Londres o goberno local non é elixido pola poboación residente senón polos negocios, a Cidade de Londres é logo, unha especie de Democracia Financeira), tamén inflúen a súa boa infraestrutura de transporte, á súa industria aérea e á regulada economía con pouca intervención do goberno.

Sobre o 85% (3,2 millóns) da poboación empregada no Gran Londres traballa en servizos de industrias. Outro medio millón de empregados residentes na zona traballan no mantemento e a construción, case divididos igualitariamente entre os dous.

Londres ten cinco distritos financeiros principais, the City, Westminster, Canary Wharf, Camden, Islington, Lamberth e Southwark.

As exportacións financeiras fan un grande favor á balanza de pagos do Reino Unido, unhas 300.000 persoas están empregadas en servizos financeiros en Londres. Londres ten máis de 480 bancos, máis que ningunha outra cidade no mundo. A Stock Exchange é a maior do mundo en intercambio de accións, máis grande que Nova York e Tokio unidos. Ten unha transferencia diaria que supera os 683 billóns de dólares.

O turismo é un das principais fontes e os empregados chegaron a ser 35.000 con xornada completa en Londres no 2003. Londres é un destino popular para os turistas, atraendo 27 millóns cada ano, só excedido por París en no continente europeo.

[editar] Monumentos de Londres

[editar] Cidades irmás

[editar] Cidades socias (en inglés Partner cities)

[editar] Referencias

  1. http://www.galiciae.com/nova/10410.html O conservador Boris Johnson, novo alcalde de Londres
  2. http://www.londononline.co.uk/factfile/historical/ en inglés
  3. http://www.gatewaysmoving.com/about_moving_to_london_england_uk.htm en inglés
  4. http://www.gatewaysmoving.com/about_moving_to_london_england_uk.htm en inglés
  5. http://www.gatewaysmoving.com/about_moving_to_london_england_uk.htm en inglés
  6. http://www.gatewaysmoving.com/about_moving_to_london_england_uk.htm en inglés
  7. http://www.londononline.co.uk/factfile/historical/ en inglés
  8. http://geography.about.com/library/weekly/aa011201a.htm en inglés
  9. http://myweb.tiscali.co.uk/homefront/arp/arp4.html en inglés
  10. http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/07/06/3877433.shtml?idioma=galego Londres acaba co soño olímpico de Madrid 2012 en galego
  11. http://www.bbc.co.uk/london/content/articles/2005/05/27/greek_london_feature.shtml en inglés
  12. http://news.bbc.co.uk/2/shared/spl/hi/uk/05/born_abroad/countries/html/italy.stm en inglés
  13. http://www.bbc.co.uk/london/content/articles/2005/05/27/brazilian_london_feature.shtml en inglés
  14. http://www.guardian.co.uk/britain/article/0,2763,1395534,00.html en inglés
  15. http://www.thisislondon.co.uk/news/article-23374397-details/%27One-third+of+Londoners+born+outside+Britain%27/article.do en inglés
  16. http://www.statistics.gov.uk/census2001/profiles/H-A.asp Office for national Statistics en inglés

[editar] Ligazóns externas


Condados de Inglaterra Bandeira de Inglaterra
Bedfordshire - Berkshire - Bristol - Buckinghamshire - Cambridgeshire - Cheshire - Cornwall - Cumbria - Derbyshire - Devon - Dorset - Durham - East Yorkshire - East Sussex - Essex - Gloucestershire - Gran Londres - Gran Manchester - Hampshire - Herefordshire - Hertfordshire - Isla de Wight - Kent - Lancashire - Leicestershire - Lincolnshire - Londres - Merseyside - Norfolk - Northamptonshire - Northumberland - North Yorkshire - Nottinghamshire - Oxfordshire - Rutland - Shropshire - Somerset - South Yorkshire - Staffordshire - Suffolk - Surrey - Tyne y Wear - Warwickshire - West Midlands - West Sussex - West Yorkshire - Wiltshire - Worcestershire


Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:
Ferramentas persoais
Outras linguas