Valentín Paz-Andrade

Este é un artigo de calidade da Galipedia
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Valentín Paz-Andrade
Valentín Paz-Andrade
Valentín Paz-Andrade, ca. 1937.


Datos persoais
Nacemento 23 de abril de 1898 Pontevedra, Galicia
Falecemento 19 de maio de 1987 (89 anos) Vigo, Galicia
Pais Francisco Paz Cochón
e Matilde Andrade Tojeiro
Cónxuxe/s Pilar Rodríguez de Prada
Fillos Alfonso Paz-Andrade
Profesión Xurista, político, empresario, escritor, economista, poeta e xornalista
Alma máter Santiago de Compostela

Na rede
Bitraga: 1342 AELG: 416
Sinatura Sinatura de Valentín Paz-Andrade

Valentín Paz-Andrade, nado no barrio pontevedrés de Lérez o 23 de abril de 1898[1] e finado en Vigo o 19 de maio de 1987,[2] foi un xurista, economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galego de ideoloxía galeguista.[3] En 2012 adicóuselle o día das Letras Galegas.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Francisco Paz Cochón, concelleiro de Pontevedra,[5] e Matilde Andrade Tojeiro, quen despois tiveron tres fillas máis: Matilde, Carmen e Castora, que morreu moi nova. A súa nai finou tendo el nove anos, suceso que marcaría a infancia de Valentín.

Actividade antes da guerra civil[editar | editar a fonte]

Valentín nunha foto de Francisco Zagala.

Comezou a interesarse na literatura e na cultura de Galicia da man do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Foi tamén el quen lle presentou a Castelao, un dos intelectuais que máis influíron na súa obra, cando este fixou a súa residencia en Pontevedra, en 1916.

En 1917 comezou os estudos de Dereito, na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou en 1921.[2] Neste tempo comezou tamén a colaborar co diario santiagués Gaceta de Galicia. Simultaneamente foi xefe de redacción do semanario La Provincia de Pontevedra (1917-1922).

Durante a súa etapa formativa iniciouse no movemento galeguista da man de Castelao e participou como orador na II Asemblea Nacionalista (1919) de Santiago de Compostela. Ramón Piñeiro conta que Castelao tivo que organizar un mitin público no que participaran estudantes da universidade, para o que escolleu a Paz-Andrade. A consideración que lle tiña Castelao pode reflectirse no alcume de o Mozo co que se refería a el nos faladoiros do Café Moderno (en Pontevedra), que mudou co paso do tempo a o Berbiquí, pola súa teimosía, e a o Inmortal, tras sobrevivir á guerra de África e aos atentados de Vigo[6] e de Verín.[7]

Durante esa época tamén crea e preside o primeiro grupo galeguista estudantil en Santiago, o Grupo Galeguista Galego de Estudiantes. Anos despois presidiría en Vigo o Grupo Autonomista Gallego (1930) e militaría no Partido Galeguista, participando activamente na súa fundación en decembro de 1931.

Casa natal en Lérez.

Durante a guerra de Marrocos foi enviado á fronte en 1921, destinado a Laucien (preto de Tetuán) e Xauén, formando parte do Rexemento Murcia de guarnición en Vigo, pero tivo que ser evacuado por mor dunha infección intestinal e, tras un recoñecemento médico na Coruña, dado por inútil para o servizo militar. Desde Marrocos enviou algunhas crónicas para o xornal coruñés El Noroeste. Durante ese tempo xorde a única novela que escribe, Soldado da morte, que deixará inacabada e inédita. En 1978 escribiu a Xosé Núñez Búa: "A noveliña a que te refires non se chegou a imprimir. Somentes meu tío Juan Bautista Andrade, Castelao e Cabanillas leeron o orixinal, que despois deixei esquecido n-un caixón."[8] En 1922 regresa a Galicia.

Galicia. Diario de Vigo

En xullo de 1922 nace o xornal Galicia. Diario de Vigo,[9] do que nun primeiro momento é redactor xefe. Xa en agosto convértese no director do periódico ata a súa desaparición o 15 de setembro de 1926, durante a ditadura de Primo de Rivera.[2] En xullo de 1924 foi detido pola publicación de dous artigos en Galicia, en defensa do porto de Vigo e a vía ferroviaria a Francia, polos que tivo que pagar unha multa e permanecer no cárcere quince días. Ese mesmo ano defende o periodista José Signo fronte a Alejandro Pérez Lugín nun xuízo pola paternidade da novela La Casa de la Troya.[10]

En 1925 coñece en Vigo a Valle-Inclán, a quen adicaría un ensaio en 1967.

Desde o outono de 1926 fixa o seu bufete de avogados na cidade olívica, mantendo as súas colaboracións periodísticas. En 1927 comezou a escribir en Industrias Pesqueras, revista da que foi director desde 1942. Como asesor xurídico da Sociedade de Armadores de Bouzas coñece os portos da Bretaña e comeza o seu achegamento ao mundo do mar e da pesca. En 1928 publicou Los puertos nacionales de pesca en España. Aportación de Vigo al estudio del problema.

En 1930 funda e preside o Grupo Autonomista Galego en Vigo, á vez que intensifica a súa actividade política en prol do galeguismo, da man de Castelao, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas e outros.[2] En marzo ten lugar o Pacto de Lestrobe.[11] Nese mesmo ano, o 3 de setembro, morre o seu tío Xoán Bautista Andrade. O día 25 do mesmo mes participa no Compromiso de Barrantes.

Detención dun dos autores do atentado a Paz Andrade.
Detención dun dos autores do atentado a Paz Andrade.

Foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931, con Castelao e Cabanillas, pero non saíu elixido por escasa marxe.[12] Colaborou con outros membros do Seminario de Estudos Galegos na redacción dun dos anteproxectos non considerados para o Estatuto da Galicia que se presentou en maio dese mesmo ano[13] e publicou diversos artigos políticos en El Pueblo Gallego. En decembro constitúese formalmente o Partido Galeguista, en Pontevedra, e resulta nomeado conselleiro.

O 22 de novembro de 1932 foi vítima dun atentado cando saía, acompañado de Ramiro Illa Couto, dun café na rúa de Fermín Galán, hoxe rúa do Príncipe de Vigo. Daquela Paz-Andrade mediaba representando a patronal nunha folga de mariñeiros do sindicato de Industria Pesqueira de Bouzas-Vigo (pertencente á CNT) contra os armadores da industria La Marítima polos buques por parellas. No atentado recibiu cinco disparos de bala, con feridas no pescozo e nun parietal, quedando un dos proxectís aloxado nunha clavícula de por vida. Foi operado en dúas ocasións no sanatorio Troncoso.
Foron acusados de seren os autores materiais os militantes anarcosindicalistas Vicente Vales Lorenzo, directivo do sindicato, e mais Emilio Costas Fernández.[14] Os dous estiveron presos até abril de 1933 e foron absoltos logo do xuízo, no que foron defendidos por Agustín Ribas e Isidoro Millán Mariño.[15] O xuízo tivo lugar o 14 de novembro de 1933 e Paz-Andrade non asistiu, pois estaba en Portugal para superar as lesións e para preparar as inminentes eleccións xerais.

Nos comicios do 19 de novembro de 1933 Paz-Andrade presentouse con Castelao na lista de Izquierda Republicana. Logo de que o 23 de novembro de 1934, con ocasión do Bienio Negro, fosen desterrados Castelao a Badaxoz e Bóveda a Cádiz, Paz Andrade asumiu —con moitas reticencias— a Secretaría Política do Partido Galeguista.[16]

Ti sabes ben que eu non podo nin quixen endexamais furtarme a ningún esforzo pol-a Causa. Menos podería facel-o si ti es quen o recrama, e nun intre como o de agora. Mais compre enfocar as cousas abxetivamente, pola cara da eficacia. E xusgo que nin o Partido lle convén o que propós, nin eu me atopo en situación de encarar esa responsabilidade

— Carta a Castelao, 3 de decembro de 1934.

Volveu presentarse ás eleccións de febreiro de 1936, desta volta nas listas da Candidatura Republicana de Centro de Portela Valladares,[17] pero tampouco resultou elixido.

Guerra civil e posguerra[editar | editar a fonte]

Co estalido da guerra civil española axudou a fuxir a diversos intelectuais galeguistas como Ramón Martínez López e defendeu a outros como Xosé Núñez Búa das condenas que lles eran impostas. Posteriormente, foi desterrado a Verín o 9 de setembro, onde sufriría un intento de paseo por parte duns falanxistas dos que conseguiu fuxir, e logo, en xaneiro de 1937, a Requeixo (Chandrexa de Queixa). En abril autorizóuselle a residir en Castro Caldelas e, días despois, na Pobra de Trives. Este tempo no desterro fixo xurdir nel a necesidade de escribir poesía, e aí naceron moitos dos versos que logo formarían parte de Sementeira do vento ou de Cen chaves de sombra. Finalmente foi autorizado a saír do seu desterro para asistir a unha asemblea de armadores en Bilbao pero ao regreso retornou a Vigo, ao ser cancelado o desterro a principios de 1938, para quedar o resto da súa vida nesta cidade. En agosto de 1939 foi detido de novo e desterrado a Villanueva de la Serena (Badaxoz).[18]

Edificio da antiga cadea de Vigo.[19]

Durante o seu desterro coñeceu en San Lourenzo de Trives a Pilar Rodríguez de Prada (1919-2022), case que vinte e dous anos máis nova ca el, coa que casou en Ourense o 8 de decembro de 1939. O 4 de outubro de 1940 naceu o seu único fillo, Afonso Paz-Andrade (†2021).

A partir de 1942 dirixiu a revista Industrias Pesqueras. Avogado de prestixio en Vigo, traballou tamén como técnico da FAO, con que participou en diversos congresos e seminarios, e para a que publicou o primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera (1954); ademais, foi o primeiro especialista español proposto por esta organización para misións internacionais en Hispanoamérica (Valparaíso, 1952; México, 1954; e Bogotá, 1955).

Nesta época seguiu colaborando en El Pueblo Gallego e publicou diversos artigos en Faro de Vigo e La Noche, asinados cos pseudónimos M., Xan Quinto e Mareiro (este último para asinar artigos sobre temática pesqueira[20]). En 1943, o Delegado Nacional de Prensa insistía así na prohibición que recaía sobre Paz Andrade respecto ao uso da súa sinatura:

En canto á dedución que en dito escrito se fai de que poderá noutras publicacións e non en "Industrias Pesqueras" usar a súa sinatura, é erróneo xa que a prohibición alcanza evidentemente todas as publicacións que dependen da Delegación Nacional de Prensa e na actualidade son as que teñen carácter de periódicas

— O Delegado Nacional de Prensa ao Delegado Provincial de Educación Popular e este ao Delegado Local que, por último, llo comunica ao director de Industrias Pesqueras con data 18 de maio de 1943. Tradución[21]

Desde 1945 organizou o parladoiro do café Alameda, en Vigo, onde se reunía con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego e os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, entre outros.

Pescanova está moi ligada ao apelido Paz-Andrade.

Na revista literaria La Noche publicou o 14 de xaneiro de 1950 un artigo en portada e a catro columnas sobre Castelao, quen morrera unha semana antes, baixo o título "Castelao. El hombre y el artista". A revista foi expedientada por incumprir as normas ditadas pola Dirección Xeral de Prensa para o tratamento que debía dar a prensa á noticia do pasamento e pechada dúas semanas despois. As instrucións esixían que a noticia se dera en páxinas interiores e a unha columna, e que só se podía eloxiar as cualidades de humorista, literato e caricaturista.[22]

Durante a sétima noite do ano nacente -vértebra dorsal do século- deberon tocar a morto as badaladas de todas as igrexas de Galicia. Campás mariñeiras de Rianxo. Graves campás de Compostela. Líricas badaladas de Bastavales, de Anllóns... Só o pranto unánime das torres románicas, bágoas de bronce sobre rostro de pedra, expresarían con digno acorde e proporcionado acento, nesta ocasión a dor da terra...

Castelao, el hombre y el artista, 14 de xaneiro de 1950, Valentín Paz-Andrade, xornal La Noche. Suplemento del sábado de Santiago. Tradución do orixinal[23][24]

Entre 1955 e 1959 publica tres obras en Buenos Aires: o poemario Pranto matricial (1955) e os ensaios Sistema económico de la pesca en Galicia (1958) e Galicia como tarea (1959). Este último recolle as conferencias ditadas dous anos antes no Centro Gallego de Buenos Aires, e foi cualificado por Méndez Ferrín como "o gran manifesto político e económico do nacionalismo galego progresista".

En 1957 foi detido e encarcerado de novo pola publicación dun artigo. Desta volta foi por mor dun escrito aparecido en Industrias Pesqueras no que criticaba o comandante militar da Mariña de Vigo.

O terceiro andar do edificio Sanchón foi a sede do bufete de Paz-Andrade.[25]

En 1959 participa nun ambicioso proxecto empresarial para a creación dunha refinaría de petróleo en Vigo, Petrogasa, que ao final non será autorizada debido á oposición do enxeñeiro Suances.[26] Este proxecto estaba apoiado economicamente por Manuel Cordo Boullosa, que pensaba destinar 60 % dos beneficios a crear "unha fundación pra axudar o melloramento cultural e social de Galicia".[27] Foi un dos impulsores do grupo industrial Pescanova, que converteu na primeira compañía armadora europea de buques conxeladores, e da que foi vicepresidente (1960). Non callou outro proxecto no que tamén participou en 1963: a creación dun Banco Industrial de Galicia.

O 23 de decembro de 1961 sufriu un atropelo na súa parroquia natal, que lle fixo estar seis meses prostrado. Causoulle a rotura das pernas, feridas nas clavículas e unha vértebra, e corenta e oito puntos de sutura na cara.

O 7 de xuño de 1964 foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega, a proposta de Otero Pedrayo, Domingo García-Sabell, Fernández del Riego, Xesús Ferro Couselo e Francisco Vales Villamarín. Leu o discurso de ingreso o 11 de febreiro de 1978, baixo o título de A galecidade na obra de Guimarães Rosa, respondido por Álvaro Cunqueiro.[4]

Foi o avogado defensor de Alberto Míguez cando o acusaron no Tribunal de Orde Pública pola publicación en 1966 do libro El pensamiento político de Castelao, editado en París por Ruedo Ibérico. O xornalista coruñés foi condenado a seis meses de prisión e unha multa.[28]

En agosto de 1970 sufri unha embolia cerebral da que se recuperou non sen dificultades.[29] En 1973 creouse en Vigo a World Fishing Exhibition, da que actúa como xerente.

Restauración democrática[editar | editar a fonte]

Co retorno da democracia volveu ao mundo da política. Nos anos setenta foi crítico coa adopción do criterio das 200 millas náuticas para o establecemento da zona económica exclusiva, que consideraba moi prexudicial para os intereses de Galicia. En 1975 formou parte da Xunta Democrática e, cando recibe nese ano o Pedrón de Ouro, inclúe no discurso de aceptación a reivindicación da democracia e da autonomía. En 1976 foi nomeado en representación de Galicia, como independente, na Comisión Negociadora da Oposición co Goberno, ata a súa disolución en 1977, e da Plataforma de Organizaciones Democráticas. Foi elixido senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Galega nas Cortes constituíntes de 1977-1978, na que se presentou xunto a Fernández del Riego e Fernando Alonso Amat.

Se as eleccións non fosen manipuladas polo poder e desde Madrid, os tres triunfariamos pero, en xeral, a consulta foi desafortunada para Galicia

— Carta a Osorio-Tafall, 30 de xuño de 1977. Tradución do orixinal[30]

En 1979 publicou Cen chaves de sombra,[31] que Lorenzo Varela describiu como "poemas de un loitador, de un home con coraxe á hora de escribir e á hora de pelexar".

Lápida no camposanto de Lérez.

En 1982 publica Castelao na luz e na sombra, completa e detallada biografía de Castelao, o seu irmán maior, que comezara a escribir en 1975.

Non quixen facer unha biografía fría, erudita, acartonada. Eu quixen dar un Castelao vivo, como foi, cunha liña anecdótica que o retrata.

En 1985 publicou Galiza lavra a sua imagen e o 5 de decembro ingresou na Real Academia Galega de Ciencias con O home dentro do sabio: Pedro Joseph de Bermés (1770-1824).[32]

En 1986 foi o vicepresidente da Comissão Galega do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa,[33][34] que negociou os dous Acordos Ortográficos deste idioma, o de 1986 (coñecido tamén como o da ortografía simplificada) e de 1990 (ou de ortografía unificada), actualmente en fase de implantación.

O martes 19 de maio de 1987 faleceu na clínica Fátima, en Vigo, a consecuencia dunha doenza cardiovascular.[35] Foi enterrado no cemiterio de Lérez envolto nunha bandeira galega, como el deixara establecido.

Obra[editar | editar a fonte]

Escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, nos que reflectiu a súa preocupación polo progreso de Galicia. Tamén escribiu varias obras como técnico especializado en temas pesqueiros.

Como poeta formou parte da Xeración de 1925 e na maior parte da súa obra poética evidénciase unha motivación patriótica, como se pode observar en Soldado da morte (1921), Pranto matricial (1954), en que evoca a morte de Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento (1968), en que canta a paisaxe e a xente galega, ademais do exilio e o amor ausente; Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), en que incluíu as composicións dedicadas ao autor ourensán.

O que todo galego choraría...

CHORA, TERRA, teu pranto
das augas e dos eidos e dos ares,
as vivas páreas cósmicas da reza,
en mantelo de brétemas envoltas
que noso fin ao noso orixe ligan.
[...]
—Valentín Paz-Andrade,
recollido en Pranto matricial.

Utilizou a lingua galega durante toda a súa vida para a obra poética e narrativa. Para os ensaios utilizou o castelán até 1975 (se ben é certo que estas obras foron publicadas en Madrid e Buenos Aires) e o galego desde entón. Respecto aos artigos, publicou en castelán os de temas pesqueiros e en galego os de temática literaria e cultural. Defendeu o uso do reintegracionismo como norma para o galego escrito,[36] e usouno no seu último ensaio (Galiza lavra a sua imagen, 1985).

Colaborou en Grial, O Ensino e Outeiro con artigos sobre literatura, especialmente ao redor da figura de Castelao; e en Industria Conservera,[37] El País e La Vanguardia con artigos económicos e políticos.

Obra en galego[editar | editar a fonte]

Ensaio literario, histórico e económico[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

Capotes de sombra amargos

Dous a dous en tres ringleiras
tricornos seis, seis cabalos,
un fusil a cada lombo,
capotes de sombra amargos,
cal seis funiles de tebra
sobre hipogrifos marchando.
As ferraduras nas laxes
ronsel de chispas nos cascos.
Charoles o anoitecer
verten seu frío no cadro.
[...]
Celeiros de Queixa, 1937.
Valentín Paz-Andrade,
recollido en Cen chaves de sombra, 1979.

Narrativa[editar | editar a fonte]

  • Soldado da morte (1921, inacabada e inédita[8]).

Ensaio e artigos[editar | editar a fonte]

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

Obra en castelán[editar | editar a fonte]

Ensaio literario, histórico e económico[editar | editar a fonte]

Interpelacións de Paz Andrade no Boletín Oficial de las Cortes en 1978 (pdf).

Sobre temas pesqueiros[editar | editar a fonte]

  • Los puertos nacionales de pesca en España. Aportación de Vigo al estudio del problema (1928, Unión de Entidades Viguesas).[59]
  • Principios de economía pesquera (FAO, Santiago de Chile, 1954).[60]
  • Producción y fluctuación de las pesquerías (1954, Unesa).[61]
  • Sistema económico de la pesca en Galicia (1958, Editorial Citania, Buenos Aires).[62]
  • Los derechos sobre el espacio marítimo (1960, Ed. Reus) ISBN 978-84-290-0260-7.
  • El capital como factor del desarrollo de Galicia (1970, Banco Noroeste, A Coruña).
  • El concepto de zona económica en el nuevo Derecho del Mar (1974, Club de Dirigentes de Empresa, A Coruña).

Colectiva[editar | editar a fonte]

Edicións e estudos[editar | editar a fonte]

Premios e distincións[editar | editar a fonte]

Foi nomeado membro da Real Academia Galega (1964) e da Real Academia Galega de Ciencias (1985), e foi galardoado co Pedrón de Ouro (1975), a Cruz de San Raimundo de Peñafort (1978), a Medalla da Cidade de Pontevedra (1979), a Medalla Castelao (1984), a Medalla ao Mérito Social Marítimo (1984), a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo (23.05.1986) e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (29.06.1986).

Levan o seu nome o buque escola do Servizo de Gardacostas de Galicia,[65][66] unha rúa en Lérez, un paseo de Bouzas e un centro integrado de formación profesional no Meixoeiro, en Vigo.

O sábado 4 de xuño de 2011 foi escollido para se-lo homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2012.

A Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada polo Parlamento de Galicia o 24 de marzo de 2014 a raíz dunha iniciativa popular, é coñecida popularmente como Lei Paz-Andrade, pola súa postura a prol da reaproximaión entre as normas escritas galega e portuguesa.

Tamén recibe o seu nome o Premio Valentín Paz-Andrade de investigación en economía de Galicia, convocado anualmente dende 2014 polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela e mais polo Consello Económico e Social de Galicia.

Escudo de Galicia no centro do de España no Palacio de Comunicacións de Madrid.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Foi pai do empresario Afonso Paz-Andrade e tío da científica Inmaculada Paz-Andrade. No centro do escudo de España que preside a fachada do Palacio de Comunicacións de Madrid, o arquitecto Antonio Palacios fixo esculpir o escudo de Galicia, co seu cáliz e as sete cruces. Segundo conta Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín Paz Andrade, foi este quen suxeriu ao arquitecto incluír ese detalle nunha visita que lle fixo no seu taller:

Meu pai acostumaba ir a Madrid por traballo e, nunha desas viaxes, decidiu ir visitar o seu amigo. Palacios estaba preparando sobre unha mesa e a tamaño natural o bosquexo do escudo de España para Correos e o meu pai díxolle "plántalle aí o de Galicia". [67]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Naceu no 1898 segundo a EGU e en 1899 segundo a GEG (DVD).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Un renacentista na Galicia do século XX en culturagalega.org
  3. ¡Viva don Valentín Paz Andrade!, X. L. Méndez Ferrín, Faro de Vigo, 1986.
  4. 4,0 4,1 Valentín Paz Andrade será homenaxeado o Día das Letras Galegas... Arquivado 03 de abril de 2012 en Wayback Machine., RAG.
  5. Novas no xornal La Vanguardia, edición do 22 de xullo de 1915. Francisco Paz era á súa vez irmán de Manuel Paz (tamén concelleiro de Pontevedra) e fillo de Manuel Paz Torres, membro da última corporación municipal de Alba en 1868.
  6. Bombas con olor a peixe La Voz de Galicia (en castelán).
  7. Xosé Filgueira Valverde: "Valentín Paz Andrade na cultura galega", en Homenaje a Valentín Paz Andrade.
  8. 8,0 8,1 Charo Portela Yáñez (1999), px. 6.
  9. Galicia. Diario de Vigo en Galiciana, Biblioteca de Galicia.
  10. Landín Tobío, P. (1925). La paternidad de La Casa de la Troya ante los tribunales de justicia. Madrid: Editorial Reus. 
  11. Alonso de los Ríos, César e outros, Boletín de la Unidad de Estudios Biograficos Universidade de Barcelona, 1998 (en castelán).
  12. "Con todo, se non se roubasen as actas de Lalín, Paz Andrade sairía elixido" (Gran Enciclopedia Galega).
  13. Exposizón presentada pol-a poñenza encarregada de redactar o Anteproyeito de Estatuto da Galiza.
  14. Pereira, D. e Fernández, E.: O anarquismo na Galiza. Apuntes para unha enciclopedia, Ed. Positivas, 2003. Páx. 80 e 261.
  15. Vigo 1936: a contribución libertaria Arquivado 27 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., Antón Briallos (en castelán).
  16. A asunción deste cargo é confirmada pola Gran Enciclopedia Galega: "En 1934 substitúe a Castelao na secretaría do Partido Galeguista (PG), debido ó desterro deste a Badaxoz", e por Ramón Piñeiro: "Por expreso encargo de Castelao rexentou a Secretaría Política do Partido mentres el permaneceu no desterro en Badajoz" ("Presencia de Valentín Paz Andrade no galeguismo", en Homenaje a Valentín Paz Andrade). Pola contra, Charo Portela Yáñez afirma que Paz Andrade rexeitou a proposta que se lle fixo: "Nos anos seguintes [a 1932] centra a súa actividade profesional no bufete, e mesmo rexeita a proposición que Castelao lle fai cando é "trasladado" a Badaxoz para que o substitúa na Secretaría Política do Partido Galeguista".
  17. Os seus compañeiros do Partido Galeguista, Castelao e outros, fixérono dentro da candidatura da Fronte Popular.
  18. É curioso que nunca se anulara oficialmente este último desterro.
  19. Hoxe Museo de Arte Contemporánea de Vigo.
  20. Como tal, "Arosa: la isla del pulpo", en La Noche 6, 19.11.1949.
  21. Texto orixinal: En cuanto a la deducción que en dicho escrito se hace de que podrá en otras publicaciones y no en "Industrias Pesqueras" usar su firma, es erróneo ya que la prohibición alcanza evidentemente a todas las publicaciones que dependen de la Delegación Nacional de Prensa y en la actualidad son las que tienen carácter de periódicas
  22. Museo Virtual Castelao do Consello da Cultura Galega, Vieiros e a Fundación Castelao.
  23. Texto orixinal: 'Durante la séptima noche del año naciente -vértebra dorsal del siglo- han debido doblar a muerto las campanas de todas las iglesias de Galicia. Campanas marineras de Rianxo. Graves campanas de Compostela. Líricas campanas de Bastavales, de Anllóns... Sólo el llanto unánime de las torres románicas, lágrimas de bronce sobre faz de piedra, habría expresado con digno acorde y proporcionado acento, en esta ocasión el dolor de la tierra...
  24. Artigo de Charo Portela Yañez Arquivado 25 de marzo de 2014 en Wayback Machine. en La Voz de Galicia.
  25. Correspondencia do avogado con Bernardino Graña.
  26. Pouco despois instalouse a refinería do porto da Coruña.
  27. Nunha carta de Paz Andrade a Blanco Amor, 4 de decembro de 1960.
  28. "Un periodista internacional", artigo de Carlos Fernández en La Voz de Galicia, 15 de setembro de 2005 (en castelán).
  29. En xaneiro de 1972 escribe o seguinte a Emilio González López: "Desde fins de agosto de 1970 veño padecendo os efectos da enfermedade que non acaba de remontarse. Supóñote enteirado de que sufrín unha pequena embolia cerebral, ademais de certas alteracións no ritmo cardíaco. Estou loitando por alcanzar a normalidade, mais a cousa non parece doada".
  30. Texto orixinal: Si las elecciones no hubieran sido manipuladas por el poder y desde Madrid, los tres hubiéramos triunfado pero, en general, la consulta fue desafortunada para Galicia
  31. Celso Emilio Ferreiro adícalle unha columna no ABC dous meses antes de morrer.
  32. El Correo hace 25 años. Paz Andrade en la a­cademia Arquivado 14 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., El Correo Gallego (en castelán)
  33. Valentim Paz-Andrade, vice-presidente da Comissão para a Integração da Língua da Galiza no Acordo Ortográfico Luso-Brasileiro em 1986 Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. Portal Galego da Língua, consultado o 14 de maio de 2012
  34. Valentim Paz-Andrade, pioneiro do reintegracionismo e do Acordo Ortográfico Arquivado 13 de abril de 2012 en Wayback Machine.. Portal Galego da Língua, consultado o 14 de maio de 2012
  35. Fallece el escritor Valentín Paz Andrade, La Vanguardia (en castelán).
  36. "Puesto que las diferencias de fonación y grafía no constituyen obstáculo grave para el recíproco entendimiento, la eficiencia del sistema en su conjunto debe estimarse plena". Galicia como tarea, p. 138.
  37. Estela Arquivado 03 de setembro de 2011 en Wayback Machine., revista dominical de Faro de Vigo
  38. Introdución de Paulo Rónai e prólogo de Álvaro Cunqueiro. Reeditado en portugués pola editorial Difel en 1983.
  39. Dentro da colección Documentos para a historia contemporánea de Galicia
  40. "Editado o 31 de maio. 220 páxinas". Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2012. Consultado o 08 de setembro de 2012. 
  41. Con cuberta de Seoane, debuxos de Colmeiro, Maside, Souto e Torres, e tradución ao castelán de María de Villarino. Pranto matricial na voz do seu autor, editado polo Consello da Cultura Galega en 2012, inclúe a obra completa.
  42. Composto durante a súa estancia en Bogotá, Consello da Cultura Galega.
  43. Sementeira do vento (en Google books) foi prologado por Guilherme de Almeida.
  44. O teu destino, lido por María Magdalena Domínguez no MARCO no ano 2010.
  45. Con portada de Luís Seoane Arquivado 19 de maio de 2012 en Wayback Machine.
  46. Guerra civil (1936-1939) e literatura galega, inclúe "Capotes de sombra amargos" e "Illa do amor, illa da morte".
  47. "Antoloxía na páxina de Galaxia". Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2012. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  48. "Poesía completa na páxina de Xerais". Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2012. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  49. Xunto con Xesús Alonso Montero, Méndez Ferrín, Sebastián Risco, Valentín Arias López, Ricardo Carballo Calero, Manuel María, Basilio Losada, Ramón Piñeiro, Bernardino Graña, Benedicto García Villar e outros (imaxe da portada).
  50. Epistolario en Revolta da freixa.
  51. Imaxe da portada
  52. Catálogo en liña Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. da Deputación de Pontevedra.
  53. Presentación do libro coa correspondencia de Neira Vilas con Celso Emilio e Valentín Paz-Andrade.
  54. Imaxe da portada
  55. Con prólogo de Eduardo Blanco Amor
  56. "Imaxe da portada". Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2012. Consultado o 13 de xullo de 2012. 
  57. Diarios de viaje na páxina de Alvarellos Editora
  58. José Miguel Giráldez entrevista a Emilia García López Arquivado 09 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Radio Obradoiro.
  59. Imaxe da portada
  60. Con prologo de Bibiano Fernández Osorio-Tafall (imaxe da portada).
  61. Imaxe da portada
  62. Imaxe da portada
  63. Los Gallegos en Google Books.
  64. Da publicación de 1788. Fichas no catálogo da RAG Arquivado 28 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. e na Base de datos de libros editados en España
  65. Imaxes do Valentín Paz Andrade en Wikimedia Commons
  66. Imaxes do Valentín Paz Andrade en MarineTraffic (MMSI: 224021540).
  67. "O escudo de Galicia é un intruso" El País.
  68. Rueiro Arquivado 22 de xuño de 2013 en Wayback Machine. da cidade de Pontevedra.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]