Manuel Chamoso Lamas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nicho de Chamoso Lamas no camposanto de Moldes (Boborás).

Manuel Chamoso Lamas, nado na Habana o 16 de maio de 1909 e falecido na Coruña o 24 de abril de 1985, foi un arqueólogo e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Chamoso naceu na Habana, fillo de emigrantes, pero dende os catro anos residiu en Galicia na casa petrucial de Moldes, a carón do pazo de Losada Diéguez, quen lle deu clase. Cursou o bacharelato no instituto de Pontevedra, onde recibiu clases de debuxo de Castelao. Obtivo o doutoramento de Filosofía e Letras e Dereito en Compostela e Madrid, onde foi alumno de Eugenio D'Ors e Ortega y Gasset.

Ao estalar a Guerra civil entra en filas, incorporándose ao "Servicio Militar de Recuperación" nas frontes de Madrid e Levante cunha misión que consistía na recuperación do Patrimonio Cultural.

Ao finalizar a guerra dedícase á recuperación dos tesouros do patrimonio artístico xunto con Graciano Macarrón, o marqués de Lozoya, e o que logo sería o arquitecto do Valle dos Caídos, Muguruza.

No ano 1940 ratifícase a Chamoso como "Delegado Inspector General de los Depósoitos dependientes del Servicio de Recuperación". No 1945 pasa a ser Comisario da "I Zona do Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico", que inclúe León, Asturias e Galicia.

Realizou escavacións arqueolóxicas nas minas de ouro romanas de Barbantes, no seu inmediato Castro de San Cibrao de Las, en Santa Mariña de Augas Santas de Allariz, na Catedral de Santiago (1946-1959), para atopar a lauda do bispo iriense Teodomiro e verificar aspectos da lenda da aparición do sartego do Apóstolo.

Dende 1967 dirixiu o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, do que foi fundador.

En 1977 e dentro da reordenación do Ministerio de Cultura feita por Pío Cabanillas, foi nomeado Subdirector Xeral de Patrimonio Artístico, cargo ao que renunciou ao cabo dun ano.

Manuel Chamoso Lamas foi presidente da Real Academia Galega de Belas Artes e membro da Real Academia Galega e do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.

Obras[editar | editar a fonte]

Publicou máis dun centenar de traballos sobre arte galega en revistas e coleccións especializadas. Entre os seus libros destacan:

  • Ribadavia, 1951.
  • La arquitectura barroca en Galicia, 1955.
  • Pórtico de las Platerias de Santiago de Compostela, 1964.
  • La Catedral de Santiago de Compostela, 1976.
  • Escultura funeraria en Galicia, 1979.
  • La Catedral de Orense, 1980.
  • Guía de Tuy, 1981.
  • Itinerario monumental y artístico de Galicia, 1982.
  • La Catedral de Lugo, 1983.

Premios[editar | editar a fonte]

  • Fillo adoptivo de Ribadavia, Pontevedra e Tui.
  • Medalla de Prata da Cidade de Compostela.
  • Medallas de Prata e Ouro do Mérito as Belas Artes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]