Roque de Montpellier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Roque de Montpellier, nado segundo a tradición en Montpellier cara a 1348 (antigamente críase que cara a 1295) e finado en Voghera (Italia) o 15 ou 16 de agosto de 1376 ou 1379 (antigamente críase que en Montpellier en 1327), foi un peregrino francés que se dirixiu a Roma.

Percorreu a península Itálica curando infectados pola peste, e faleceu querido coma un santo. A súa devoción estendeuse rapidamente a partir do século XV. Desde Venecia propagouse o culto cara o mundo xermánico e os Países Baixos. En 1477, por mor doutra epidemia de peste, fundouse en Venecia unha confraría baixo a súa advocación (Confraternità o Scuole di San Rocco), dedicada á hospedaxe de enfermos de peste. Esta agrupación fomentou a devoción ao santo construíndo capelas e máis centros de acollida por toda Italia. Unha das igrexas máis coñecidas dedicadas a este santo está en París, preto do museo do Louvre, ordenada edificar por Luís XIV en 1563. Actualmente a súa devoción esténdese por toda Europa e Latinoamérica.

O santoral da Igrexa Católica celebra o seu día o 16 de agosto. Santo protector ante a peste e epidemias, a súa intervención foi solicitada polos habitantes de moitas aldeas que, logo de desaparecer o mal, recoñecían a intervención do Santo, polo que era nomeado Santo patrón da localidade.

Represéntase vestido de peregrino (con bordón e cabaza), cunha ferida na perna e acompañado dun can que o auxiliaba. É patrón dos peregrinos, dos cans, dos contaxiados por epidemias (especialmente a peste e o cólera), dos falsamente acusados, dos inválidos e dos cirurxiáns.

Tradicións de culto[editar | editar a fonte]

É o patrón de moitas parroquias galegas.

En Betanzos celébranse a romaría dos Caneiros, e o día 16, nas festas de San Roque de Betanzos, lánzase o globo de papel máis grande do mundo, elaborado artesanalmente pola familia Pita e veciños da vila.

Tamén se celebra, entre outros lugares, no barrio de San Roque de Vigo e en Carballedo (Cotobade).

En Llanes é Festa de Interese Turístico Nacional, celebrándose unha gran procesión coa imaxe do Santo e un Festival Folclórico co baile do Pericote, así coma o Encontro Rexional de Gaiteiros.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brugada, M.: San Roque. Editorial Centro de Pastoral Litúrgica, Barcelona 2000, Colección Santos y Santas n. 44.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Roque de Montpellier