Louis Braille

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Louis Braille

Louis Braille, nado en Coupvray, a 40 km de París, o 4 de xaneiro de 1809 e finado o 6 de xaneiro de 1852 en París, foi un profesor francés famoso pola invención do sistema de escrita para cegos que tamén se chama Braille. Ensinou Matemáticas e Música entre outras materias. Pola súa orixe, o seu nome debe pronunciarse con elle e non con ele como se escoita ás veces. En francés, o ele duplo (ll) precedido dun i pronúnciase elle.

Na súa honra, o 4 de xaneiro celébrase o Día Mundial do Braille.

Vida[editar | editar a fonte]

Louis Braille[1] naceu nunha aldea pequeniña a 40 km de París (Coupvray) en (Francia) en 1809 nunha familia humilde. Seu pai, Simon-René Braille, era talabarteiro: fabricaba apeiros de coiro para a labranza como as correas, cinchas, alabardas, etc. Á idade de 3 anos perdeu a vista. Infectóuselle o ollo esquerdo nun accidente no taller do seu pai. A infección rematou por danarlle o ollo dereito tamén, provocándolle unha cegueira irreversible.

O seu pai facíalle textos en táboas con cravos para que aprenderá a ler. Moi pronto, decidiron envialo a un centro para cegos en París: Centre des Jeunes Aveugles que levaba Valentin Haüy. Este protector da xente cega ideara un sistema de escrita en relevo que reproducía as letras tal como as escribimos con moldes. Con ese sistema de escrita, Braille aprendeu e ensinou no mesmo centro posteriormente matemáticas, músicas e outras materias.

Creación do Braille[editar | editar a fonte]

En 1829, inventou o sistema de escrita que leva o seu nome. En 1834, publica os detalles do seu método de escrita Braille. As letras represéntanse con grupos de 6 puntos, aliñados en 2 columnas de 3 puntos. Cada letra represéntase por unha combinación única dalgúns destes puntos en relevo. Para ello, inspirouse no sistema de Valentín Haüy (texto en relevo) e da escrita nocturna para uso militar de Charles Barbier. O sistema de Valentín Haüy tiña a dificultade da incomodidade para a escrita por parte un cego; o de Charles Barbier tiña até 12 puntos e dificultaba a lectura ao facela máis lenta pero era moi practicábel na escrita para unha persoa invidente. O acerto de Louis estivo en reducir o número de puntos ao estritamente necesario para xerar suficientes signos para unha escrita apropiada e un tamaño que facilitase a lectura.

Morte[editar | editar a fonte]

Faleceu en París debido á tuberculose o 6 de xaneiro de 1852. Foi primeiro enterrado na súa aldea natal e trasladado posteriormente ao Panteón de Franceses Ilustres de París. Aínda así, polo seu valor simbólico, deixaron a súas mans nunha caixiña sobre a súa tumba no cemiterio do lugar.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pronunciado [lu'i 'braj] en francés.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Henri, P. (1952). La vie et l'oeuvre de Louis Braille: inventeur de l'alphabet des aveugles, 1809-1852. Paris: Presses Universitaires de France. (en francés)
  • Mellor, C. M. (2008). Louis Braille: Le génie au bout des doigts. Paris: Éditions du patrimoine. (en francés)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Louis Braille Modificar a ligazón no Wikidata