Florentino López Cuevillas
| Florentino López Cuevillas | |
|---|---|
| Nacemento: | 14 de novembro de 1886 Ourense, |
| Falecemento: | 30 de xullo de 1958 Ourense |
| Lingua: | Galego, castelán |
| Xénero(s): | Poesía, Narrativa |
Florentino López Alonso-Cuevillas, nado en Ourense o 14 de novembro de 1886 e finado na mesma cidade o 30 de xullo de 1958, foi un historiador e escritor galego. En 1968 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Está considerado o Pai da arqueoloxía científica galega. Pertenceu á Xeración Nós, ao Seminario de Estudos Galegos e as Irmandades da Fala, compaxinando a actividade desempeñada nestas institucións cunha discreta participación política en pro do galeguismo, na época en que se volveu nacionalista trala fase rexionalista. Porén, a súa labor socio-política se viu profundamente trastornada trala guerra civil española e a chegada do franquismo, se ben continuou a divulgación da cultura galega a través da Real Academia Galega, da que foi membro numerario.
Índice |
[editar] Traxectoria
Fillo dun funcionario da facenda que morreu antes de Florentino nacer. Estudou Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, profesión que nunca exerceu. Durante o transcurso da súa etapa universitaria, amosou un grande interese pola literatura e ó mesmo tempo acudiu ás veladas literarias do Ateneo León XIII e a as conferencias realizadas polo alumnado das facultades de Dereito e Medicina. Licenciouse en xuño de 1906, e en 1911 marchou a Madrid para recibir clases de Filosofía e Letras. Na capital de España entrou en contacto con Otero Pedrayo, Primitivo Rodríguez Sanjurjo e Urbano Feijoo de Soutomaior, acudiu ás reunións no Ateneo, a representacións teatrais e á ópera, frecuentando as tertulias madrileñas de máis fama do momento. Nesa mesma cidade traballou como funcionario de gobernación volvendo breves temporadas a Galicia, pero o feito de sentirse perdido en Madrid favoreceu o seu regreso a Ourense, traballando como funcionario de Facenda pública. Posteriormente casou con Milagros Rodríguez, coa que tivo tres fillas.
Os primeiros artigos creados por Cuevillas foron textos políticos e de crítica literaria publicados nos xornais El Miño (onde tamén participaba de forma activa Vicente Risco), La Zarpa, El Pueblo Gallego, Diario de Orense, El Heraldo, Misión, Faro de Vigo e La Noche.
En 1917, os integrantes da igrexa teosófica Roso de Luna (Rodríguez Sanjurjo, Vicente Risco e Cuevillas) decidiron fundar a revista La Centuria, na que Cuevillas manifestou unha maior orientación sociopolítica. Nese mesmo ano e por influencia de Antón Losada Diéguez, Cuevillas implicouse co galeguismo. Ingresou nas Irmandades da Fala, intervindo na fundación da revista Nós e do Partido Nazonalista Republicán de Ourense, a través do cal militou no Partido Galeguista, e foi designado conselleiro da Irmandade Nazonalista Galega.
En 1921 publicou o seu primeiro traballo de arqueoloxía en Nós, "A mansión Aquis Querquennis". O artigo "Dos nosos tempos" (nº 1 da revista Nós) deu pé ao manifesto xeracional do cenáculo ourensán. Cos demais membros da xeración Nós, traballou en diversos labores de posta en valor do patrimonio galego:
Florentino Cuevillas, farmacéutico, empregado da Facenda, arqueólogo, e afeccionado ao fútbol. Despois máis tarde deixouno, non volveu ocuparse diso. Pero entón si. E alí se fixo ese niño de cultura de onde saíu o Nós, de onde saíu despois o Seminario de Estudos Galegos.
Desde entón traballou no estudo da historia e patrimonio arqueolóxico galego desde a Comisión Provincial de Monumentos históricos e artísticos de Ourense. Catapultado pola obra de Hugo Obermaier Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia (1923), Cuevillas desenvolveu a arqueoloxía en Galicia co obxecto de reconstruír e estudar unha parte do tempo que ata aquel momento permanecía no esquecemento. As súas investigacións de campo, as máis das veces dirixidas ó estudo do megalitismo e da cultura castrexa en Galicia, así como a sistematización da prehistoria galega que realizou, acabaron por coroalo como a figura más importante en Galicia no referente á investigación prehistórica. Indirectamente, co seu traballo científico colaborou coa normalización da lingua galega.
Finalizada a Guerra Civil española, foi forzado a abandonar a actividade política e purgar o seu expediente de responsabilidades políticas se ben a partir de 1939 continuou os seus estudos arqueolóxicos. Máis tarde deixou de lado o traballo de campo por mor dunha agudización do seu reumatismo articular, pasando a adicarse á sistematización da información recollida.
O 27 de xullo de 1941 converteuse en membro numerario da Real Academia Galega a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Ángel del Castillo López e Alejandro Barreiro Noya. En 1944, accedeu ao Instituto de Estudios Padre Sarmiento, ó tempo que redactou o tomo da Prehistoria, o terceiro da Historia de Galiza dirixida por Otero Pedrayo.
Finou na súa casa da rúa de Santo Domingo, sendo soterrado no cemiterio de San Francisco de Ourense. No enterro, Fermín Bouza Brey recitou o "Requiem a Cuevillas".
[editar] Estudos arqueolóxicos
Cuevillas reconstruíu a prehistoria galega dende un cientificismo rigoroso, partindo de cero. A vocación arqueolóxica de Cuevillas, incrementárase asistindo ás tertulias do Museo da Comisión de Monumentos, quedando reflectida no estudo "A mansión de Aquis Querquernis" (1921) que encerraba un vasto labor sobre a romanización de Galicia[2]. Logo do descubrimento do xacemento arqueolóxico de Aquis Querquennis, pensando no primeiro momento que era unha mansión romana, levou adiante unha breve campaña de escavación, batendo cun lenzo da muralla, sen recoñecela debido ó seu desastroso estado ao pé do río Limia.
Recorreu os montes catalogando calquera información, escavando por primeira vez con criterios estratigráficos modernos, buscando paralelos con outras culturas europeas, sen esquecer publicar os resultados en galego, usando a lingua galega por primeira vez como lingua de ciencia.
O primeiro dos castros que estudou foi o castro de San Cibrao de Las, escavándoo entre 1922 e 1925. Trala fundación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos López Cuevillas comezou a colaborar con Fermín Bouza Brey. Desta relación profesional xurdiu o estudo e a escavación do castro do Neixón en 1925, onde Cuevillas atopou os restos dun aríbalo púnico procedente das factorías cartaxinesas do mar Mediterráneo, o que puña de manifesto a existencia de relacións comerciais entre os antigos galegos da idade de ferro e os mercaderes mediterráneos[3]. En 1929 publicou xunto a Bouza Brey Os oestrymnios, os saefes e a ofiolatría en Galicia.
Noutras ocasións, Cuevillas limitouse unicamente a rexistrar e explorar por riba os castros, sen chegar a escavalos, pero si describindo as súas defensas e restos visibles a simple vista. Publicaba os resultados na sección "catálogos dos castros de Galicia" da revista Nós, xunto a [[Ben Cho Sey, Otero Pedrayo, Xocas e outros. Entre os castros estudados, estaban o Castromao (Celanova) ou o castro de Cartelle. Foi o primeiro en descartar a relación entre os megálitos e a cultura celta, teoría procedente do século XIX e sostida por prestixiosos investigadores ingleses e franceses.
En 1953 publicou La civilización céltica en Galicia, trazando cos datos de seis poboados castrexos un panorama da cultura castrexa galega dende as perspectivas máis diversas, como arquitectura, cultura material ou sociedade. Nese mesmo ano celebrouse en Galicia o III Congreso Nacional de Arqueología, que tiña como obxectivo enterrar definitivamente o historicismo galeguista e o celtismo da literatura arqueolóxica galega.
[editar] Obras
- A edade do ferro na Galiza
- Galicia sempre
- Os Oestrimnios, os Saefes e a ofiolatría en Galiza (1929). Coautor Fermín Bouza Brey.
- La civilización céltica en Galicia (1953)
- Como naceu a cidade de Ourense
- Relacións prehistóricas entre Galicia e as illas Británicas
- As raíces fondas de Galicia
- O trasno na vila
- O poema da seca
- Prosas galegas (publicado postumamente en 1962)
- Dos nosos tempos (publicado postumamente en 1962)
[editar] Notas
- ↑ Xaquín Lorenzo “Xocas” (As nosas voces 20, do Arquivo sonoro do Consello da Cultura Galega, 2004), páxina 49.
- ↑ Diccionario da Literatura Galega (I. Autores).
- ↑ Redacción de Santiago de Compostela Nace o Centro Arqueolóxico do Barbanza como espacio pioneiro para a divulgación da prehistoria.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Otero Pedrayo, Ramón, Florentino López Cuevillas, Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-366-0.
[editar] Ligazóns externas
| Predecesor: Manuel Curros Enríquez |
Día das Letras Galegas 1968 Florentino López Cuevillas |
Sucesor: Antonio Noriega Varela |
|
||||||||