Antón Santamarina
| Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou en Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente. Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto dos dereitos de autor. |
Antón Luís Santamarina Fernández, nado en San Martín de Suarna, A Fonsagrada, o 18 de febreiro de 1942, é un lingüista galego, catedrático de filoloxía románica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega. É un experto en lexicografía recoñecido internacionalmente.
[editar] Traxectoria profesional
Estudou a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, graduándose en 1967 coa memoria de licenciatura Vocabulario del Valle del Suarna e doutorándose en 1973 coa tese doutoral El habla del valle de Suarna, sobre os dialectos orientais do galego e en concreto da lingua falada en Navia de Suarna, tese dirixida polo profesor Constantino García.
Profesor adxunto interino desde 1967[1], simultaneou o cargo de profesor da Universidade de Santiago, por oposición desde 1975, co de secretario do Instituto da Lingua Galega entre 1971 e 1991. En 1991 foi elexido polo consello científico director do Instituto da Lingua Galega, deixando este cargo no 2005.
Foi tamén secretario do departamento de Lingua Galega na Xunta preautonómica en 1979, cargo que lle permitiu comezar coa implantación do ensino do galego na EXB e o BUP. Desde 1979 é secretario da Comisión de Toponimia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
En 1983 gañou a cátedra de Filoloxía Románica en Cádiz pero permaneceu na Universidade de Santiago, obtendo a cátedra nesta en setembro dese mesmo ano.
O 24 de outubro de 1988 ingresou na Real Academia Galega co discurso A linguaxe e as linguas: Ramón Piñeiro revisitado ós 30 anos do seu ingreso na Real Academia Galega [1]. Foi presentado por Ramón Piñeiro López, Marino Dónega Rozas e Carlos Casares Mouriño.
Entre 1992 e 1997 foi vicepresidente do Consello da Cultura Galega.
[editar] Obra
Xa en 1971, xunto a Guillermo Rojo, Ramón Lorenzo e José Luis Couceiro, publicou os libros de texto Galego 1, 2 e 3 (1971-1974). Neste último ano comezou a dirixi-la revista Verba. Anuario galego de Filoloxía, desde o primeiro número ata o nº 13, en 1986, data na que pasou a se-lo Secretario desta publicación.
Participou en numerosas obras colectivas fundamentais na fixación do estándar e na pescuda lexicográfica e etnolingüística galega. Así, participou na elaboración da primeira edición das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (1982); coescribiu o Cancioneiro Popular Galego que elaborou con Dorothé Schubart; colaborou e dirixiu o Atlas Lingüístico Galego (1987-2003); coordinou, xunto a Constantino García González, o Diccionario da Lingua Galega editado pola Real Academia Galega-Instituto da Lingua Galega (1990); e foi coordinador, xunto a Manuel González González, do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa), editado tamén pola Real Academia Galega-Instituto da Lingua Galega en 2004 [2].
Desde 1986 dirixe desde o ILG o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILGA [2]), unha base de datos con máis de once millóns (11.409.358 en novembro de 2007) de rexistros extraídos de textos publicados desde 1612 á actualidade.
Dirixiu o Diccionario de Diccionarios, editado en 2000 en formato electrónico polo Instituto da Lingua Galega e a Fundación Pedro Barrié de la Maza, patrocinado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A terceira edición (2003) contén máis de 300.000 entradas extraídas de 25 dicionarios e vocabularios editados ou inéditos, así como de textos de Frei Martín Sarmiento.