Cristina Pato
Cristina Pato Lorenzo, nada en Ourense o 17 de agosto de 1980, é unha recoñecida gaiteira, compositora e pianista galega.
Índice |
Traxectoria [editar]
Nada en Ourense, o seu pai é de Armariz (Nogueira de Ramuín). Formouse musicalmente no Conservatorio de Ourense. Cristina Pato foi a primeira muller galega en gravar un disco en solitario como gaiteira en Galiza e España, ao rexistrar o seu primeiro álbum, Tolemia, en 1999. Tras este fito, Cristina participa nun Final do Milenio especial que se emite por varias televisións do mundo (TVE, BBC, CNN, entre outras) e participa en xiras con The Chieftains e Cherish The Ladies.
No 2001 lanzou o seu segundo disco, titulado Xilento (palabra procedente do barallete dos afiadores de Ourense), nome que significa famento e ambicioso . Neste disco aparecen novas versións de cancións: "Os teus ollos", coa colaboración de José Peixoto (do grupo portugués Madredeus), e "Eno sagrado en Vigo" (cantiga medieval de Martín Codax).
No ano 2005 mudouse a Nova York, onde está establecida, para facer estudos de posgrao en música e piano na Universidade Rutgers de Nova Jersey, grazas a unha bolsa da Fundación Barrié de la Maza, e pola que se acabou doutorando en 2008. En 2005 coñeceu a Osvaldo Golijov, por quen chegou a participar en gravacións con Yo Yo Ma e co seu conxunto, o Silk Road Ensemble, ao que se incorporou, e co que conseguiu un Grammy.
Ten colaborado con artistas como The Chieftains, a Chicago Symphony Orchestra, Hevia, Yo-Yo Ma, o Silk Road Ensemble, Osvaldo Golijov ou a Orquesta Sinfónica de Tenerife en máis de vinte gravacións como artista convidada. Entre elas, participou na estrea absoluta de Rose of the Winds, obra sinfónica de Osvaldo Golijov, coa Chicago Symphony Orchestra e o Silk Road Ensemble, en 2007. Con Yo-Yo Ma colaborou no álbum Songs of Joy and Peace (2008) e en programas de televisión como Colbert Report (Comedy Central) ou The Early Show (CBS). Como membro do Silk Road Ensemble de Yo-Yo Ma tocou no Carnegie Hall, no Harman Center, na ONU e no Lincoln Center. En 2011 abriu o Summer Stage Festival de Central Park nun concerto con Yo Yo Ma e Bobby McFerrin.
Deu centos de concertos en España, India, Portugal, Reino Unido (Celtic Connections, Glasgow), Francia, Italia (Etnofestival, San Mariño), Alemaña (Ibero-Amerikanisches Institut de Berlín), México (Palacio de Bellas Artes) ou os Estados Unidos.
Discografía [editar]
Álbums en solitario [editar]
| * | Tolemia | (1999) |
| * | Xilento | (2001) |
| * | The Galician Connection | (2010) |
Colaboracións [editar]
| * | Yo Yo Ma: Songs of Joy and Peace | (2009), polo que recibiu o Premio Grammy 2010 |
| * | Silk Road Ensemble: Off the Map | (2009) |
Vida persoal [editar]
Vive no West Village de Nova York[1]. O seu home é o tamén músico ourensán Juan Padrón.
Galardóns [editar]
- Premio Trasalba en 2013.
Notas [editar]
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Páxina oficial de Cristina Pato
- "Revealing the Soul in Soldierly Bagpipes", artigo de James R. Oestreich en The New York Times, 16 de setembro de 2006 (en inglés).
- "The many shades of Mason Gross musician Cristina Pato", artigo de Lara de Meo en Rutgers' Focus, 7 de marzo de 2007 (en inglés).
- "Latin Sounds of Many Parts, Even Bagpipes", artigo de Allan Kozinn en The New York Times, 21 de agosto de 2007 (en inglés).
- "A “insólita” gaita de Cristina Pato conquista Nova York", artigo en Galicia-Hoxe, 23 de agosto de 2007.
- "La nueva Cristina", artigo de Cristina Huete en El País, 31 de agosto de 2009 (en castelán).