Ramiro Isla Couto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ramiro Illa Couto»)
Infotaula de personaRamiro Isla Couto

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento8 de marzo de 1896 Editar o valor em Wikidata
Arnois, España Editar o valor em Wikidata
Morte5 de decembro de 1987 Editar o valor em Wikidata (91 anos)
Vigo, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónemprendedor Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeChita Lamas Barreiro Editar o valor em Wikidata
IrmánsXaime Isla Couto Editar o valor em Wikidata
Premios

Ramiro Isla Couto, nado en Arnois (A Estrada) o 8 de marzo de 1896 e finado en Vigo o 5 de decembro de 1987, foi un empresario e dinamizador cultural da emigración galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou en 1911 a Buenos Aires, onde estudou na Escola de Comercio, e traballou cun tío seu en diversos negocios. Nesa primeira mocidade na Arxentina ingresou na Asociación Cultural Terra, de ideario galeguista.

En 1919 regresou a España, onde participou na Guerra Hispano-marroquí. Neses anos trabou contacto con outros mozos esquerdistas e galeguistas, como Xaime Quintanilla Martínez e Luís Porteiro Garea. Ingresou na Irmandade Nazonalista Galega de Vicente Risco e nas Irmandades da Fala, e en 1923 volveu a Buenos Aires. Alí fundou con Eduardo Blanco Amor a revista Terra, a primeira publicación integramente en galego da emigración. Na Arxentina converteuse en dinamizador cultural do galeguismo, creando asociacións, colaborando en Céltiga e no periódico A Fouce, e recadando fondos para o Seminario de Estudos Galegos. Tamén en Buenos Aires coñeceu a Manuel Antonio, que paraba no porto bonaerense na súa navegación.

Integrantes e colaboradores de Terra.

En 1931 regresou a Galicia e nese mesmo ano participou na fundación do Partido Galeguista, onde ocupou unha cadeira no seu Consello Nacional en representación da emigración. O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 colleuno en Verín: foi detido o 29 de decembro e encarcerado primeiro na vila do Támega,[1] o 27 de marzo de 1937 foi trasladado a Vigo e posto en liberdade sen cargos o 2 de abril.

Pasou ao Porto e con Ramón Obella Vidal, e en contacto con Rodolfo Prada e os nacionalistas galegos da Arxentina, mantiveron unha rede de evasión dende mediados de 1937 até finais de 1938 empregando como pantalla o Instituto bioquímico Miguel Servet, que permitiu a moitos republicanos galegos fuxir de Galicia e pasar ao bando leal.[2]

Exiliouse a Francia, onde actuou como delegado das Sociedades Hispanas Confederadas, e máis tarde a Cuba e a México, arrivando a Veracruz o 19 de outubro de 1939 no buque Colonial.[3] Nese país fundou con Carlos Velo e Arturo Souto a revista Saudade, e despois marchou a Venezuela, Colombia e de novo Venezuela. A partir de 1956 volveu definitivamente a Galicia, onde se dedicou a distintas tarefas de recuperación cultural no grupo Galaxia, con xente como o seu irmán Xaime Isla Couto ou Ramón Piñeiro.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

O 20 de abril de 1929 casou con Inmaculada Concepción (Chita) Lamas Barreiro, filla do agrarista Francisco Lamas Salgado e irmá do pintor Francisco Lamas Barreiro[4].

Obra[editar | editar a fonte]

  • A semente caía en terra propicia: cartas ao meu benquerido irmán Xaime (2022). Fundación Isla Couto. 208 páxs.[5]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Recibiu a Medalla Castelao en 1986.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Acto conmovedor en la prisión de esta villa Arquivado 31 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine., La Región, 4 de febreiro de 1937
  2. As redes de fuga da Galiza franquista promovidas polos nacionalistas
  3. Ficha no Departamento de Migración de México
  4. Pastoriza Rozas, X. L. (2016). "Ramiro Isla Couto: pioneiro do nacionalismo alén mar". Repensando Galicia: As Irmandades da Fala (1916-1931). Comunicacións e ponencias. 
  5. Carolo Tosar, Rocío (A forza da semente: unha pedagoxía epistolar). "Lembranzas dun galeguista histórico". Grial LXI (237): 99–100. ISSN 0017-4181. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]