Manuel Meilán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manuel Meilán
Nacemento18 de xullo de 1904
Lugar de nacementoLugo
Falecemento26 de setembro de 1994
NacionalidadeEspaña
OcupaciónPolítico
PremiosMedalla Castelao
editar datos en Wikidata ]

Manuel Meilán Martínez, nado en Lugo o 18 de xullo de 1904 e finado en Montevideo o 26 de setembro de 1994,[1] foi un dinamizador do galeguismo na comunidade emigrante no Uruguai.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xesús Canabal, Castelao e Manuel Meilán, Montevideo, 1940.

Para evitar participar na Guerra do Rif emigrou en 1922 a Buenos Aires, onde comezou a traballar no sector comercial. Trabou contacto cun grupo de galeguistas onde estaban Eduardo Blanco Amor, Ramón Suárez Picallo, José Benito Abraira, Lino Pérez e Rodolfo Prada. Formou parte de El Hogar Gallego, e comezou a participar na Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales.

En 1931 participou na creación do Partido Galeguista na Arxentina, do que foi secretario. En 1934 entrou a traballar nun laboratorio farmacéutico e trasladouse a Montevideo. Participou nos inicios da Irmandade Galeguista do Uruguai con Antón Crestar e da Casa de Galicia do Uruguai. Aliñado co goberno democrático republicano, colaborou en diversos xornais e en sociedades de recadación de fondos para o mantemento do exército e da resistencia republicana. En 1940 ingresou na masonería.

En 1956 participou no primeiro Congreso da Emigración Galega, que se celebrou en Buenos Aires e que tivo como presidente a Xesús Canabal, compañeiro seu da emigración uruguaia e tamén de masonería. Canda el e Alfredo Somoza impulsou as emisións radiofónicas Sempre en Galicia (1950)[2], e o Patronato da Cultura Galega de Montevideo (1968). Manuel Meilán xogou un papel moi destacado no nacemento do programa, pois grazas á amizade que tiña cun dos propietarios, conseguiu que Radio Carve albergase o programa[3]. Dirixiu o programa ata a súa morte, en 1994.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En 1987 recibiu a Medalla Castelao.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Voz de Galicia, 27-9-1994, p. 18.
  2. Blanco Campana, X.L (1999). Historia da radio en Galicia. Edicións Lea. pp. 332–336. ISBN 84-89947-73-2. 
  3. Samuelle Lamela, Cristina (1993). Conversas con Manuel Meilán. Xerais. ISBN 84-7507-754-4. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]