Facsímile

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fácsimile da Biblia de Gutenberg no Congreso dos Estados Unidos.

Un facsímile é unha locución latina que significa literalmente “facer semellante” (do latín fac, imperativo do verbo facio, "facer", + simile, "semellante"). Un facsímile é unha copia ou reprodución case idéntica dun documento (xeralmente antigo e de gran valor, como un libro, un manuscrito, un impreso, un mapa ou un debuxo a man alzada) ou dunha firma.

Para os libros e manuscritos implica unha copia completa de todas as páxinas, polo que unha copia incompleta é un "facsímile parcial".

Para conseguir realizar este tipo de reproducións de alta calidade, o máis habitual é utilizar técnicas fotográficas e de serigrafía, que permiten imitar fielmente as cores, tamaño, defectos e matices do documento orixinal. Os facsímiles son os máis axeitados para os documentos impresos ou escritos a man, pero esta técnica non adoita aplicarse a obxectos tridimensionais ou pinturas que teñan relevo, como por exemplo as pinturas ao óleo. As reproducións destes últimos obxectos son coñecidas como réplicas.

Os facsímiles adoitan aplicarse como medida de seguridade en museos e bibliotecas para permitir que os usuarios teñan acceso a unha copia exacta do documento orixinal, sen arriscarse a que este sexa subtraído ou se deteriore co tempo. A maioría de bibliotecas poñen a disposición do público facsímiles dos seus documentos máis valiosos, quedando os orixinais reservados para usuarios que soliciten expresamente unha autorización.

En España existen varios editores que acadan altas cotas de calidade nos seus facsímiles, entre eles destacan Vicent García Editores[1] (Valencia, 1974), Testimonio Compañía Editorial[2] (Torrejón de Ardoz, 1982), M. Moleiro Editor[3] (Barcelona, 1991) o Siloé[4] (Burgos, 1997).

Facsímiles na era da reprodución mecánica[editar | editar a fonte]

Os avances na arte do facsímile están estreitamente relacionados cos avances nas técnicas de impresión. Os mapas, por exemplo, foron o obxecto das primeiras probas en facer facsímiles, aínda que a miúdo carecían da fidelidade á fonte orixinal que agora se espera. Un dos primeiros exemplos é o mapa de Abraham Ortelius (1598). As innovacións feitas no século XVII produciron un gran número de facsímiles de debuxos dos antigos mestres.[5]

No pasado utilizábanse técnicas como a fotocopia, o hectógrafo, ou a litografía para crear facsímiles.

Nunha época máis recente, os facsímiles facíanse usando algunha forma de técnica fotográfica.

Na era dixital para facer un facsímile pódese utilizar un escáner de imaxes, un ordenador persoal e unha impresora de escritorio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vicent García Editores
  2. Testimonio Compañía Editorial
  3. M. Moleiro Editor
  4. Siloé
  5. Craig Hartley, "Aquatint," The Oxford Companion to Western Art, ed. Hugh Brigstocke. Oxford University Press, 2001; Grove Art Online, Oxford University Press, 2005 (consultado o 20 de abril de 2008.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Facsímile

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]