Enrique Heraclio Botana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Enrique Heraclio Botana Pérez, nado en Pontevedra[1] o 4 de decembro de 1871 e finado en Vigo o 27 de agosto de 1936, foi un dirixente socialista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era medio irmán de Manuel Portela Valladares. Traballou como tipógrafo en Vigo, sendo un dos fundadores da UXT nesa cidade. Foi elixido presidente da Agrupación Socialista de Vigo, director do diario Solidaridad dende 1901, e organizador da folga de tipógrafos de 1905.

En 1913 foi elixido concelleiro en Vigo polo PSOE. Presidente da Casa do Pobo da cidade, en 1931 foi un dos políticos e sindicalistas que proclamou a Segunda República en Vigo. Pouco despois, foi elixido deputado pola provincia de Pontevedra nas eleccións a Cortes Constituíntes de 1931. Defendeu a alianza dos socialistas cos sectores republicanos, se ben a radicalización do seu partido e a revolución de 1934 o apartaron da política.

O Alzamento Nacional sorprendeuno en Vigo, onde formaba parte do comité da Fronte Popular, e foi arrestado polos sublevados xunto a outros dirixentes de esquerda da cidade[2]. Foi condenado a morte nun consello de guerra sumarísimo polo delito de traizón, sendo fusilado o 20 de agosto no camposanto de Pereiró xunto a outras personalidades como o alcalde Emilio Martínez Garrido ou os deputados Antonio Bilbatúa Zubeldía e Ignacio Seoane Fernández[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La UGT de Vigo. Una aproximación histórica, de Antonio Manuel Chaves Cuiñas, editado pola Fundación Luis Tilve (1998), ISBN 84-921045-8-9. «Na cidade de Pontevedra ─contrariamente ao escrito por moitos ata a data─ nacía o 4 de decembro de 1871 Enrique Heraclio Botana [...]» (traducido do castelán). Aparece unha imaxe da acta de nacemento.
  2. Galicia mártir, de Hernán Quijano.
  3. Asasinados en Vigo durante a Guerra Civil.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]