Esperanto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Esperanto
Creado por: L. L. Zamenhof 1887
Emprego e uso: Lingua auxiliar internacional
Total de falantes: As estimativas varían moito
Categoria (propósito):
Categoria (fontes): Linguas románicas e xermánicas (vocabulario); linguas eslavas (fonoloxía)
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Ningún país, mais é usada como lingua oficial por algunhas organizacións.
Regulado por: Akademio de Esperanto
Códigos de lingua
ISO 639-1: eo
ISO 639-2: epo
ISO 639-3: epo
SIL: ESP

O esperanto é unha lingua auxiliar artificial elaborada para servir como lingua internacional para toda a poboación mundial sen substituír as linguas naturais. O esperanto é, a día de hoxe, a lingua artificial máis falada.

O esperanto pretende servir como idioma auxiliar internacional, como segunda lingua de comunicación (despois da lingua nai). A maior parte do seu vocabulario está formado por raíces de linguas modernas de orixe indoeuropea e tamén do latín e o grego clásicos. Os esperantistas consideran que, ao evitar os complicados xiros idiomáticos das linguas naturais, o esperanto resulta sinxelo de aprender. Polo demais, consideran que esta lingua funciona como calquera outra.

A creación dunha lingua artificial tiña como obxectivo que ningún falante fose subordinado ou privilexiado nos necesarios contactos lingüísticos entre individuos de distintas falas, xa que deste xeito ningún posuía a lingua de intercambio como lingua materna. A súa intención era crear unha lingua moi fácil para calquera persoa.

Historia[editar | editar a fonte]

Primeira edición en inglés de Lingua internacional (1888).

O esperanto foi desenvolvido a finais da década de 1870 e a comezos da década de 1880 polo oftalmólogo polaco Ludovic Lazarus Zamenhof. Logo de 10 anos de traballo, que Zamenhof pasou traducindo literatura ao idioma, así como escribindo prosa e versos orixinais, a primeira gramática do esperanto foi publicada en Varsovia en xullo de 1887, asinada co nome de Doktoro Esperanto (Doutor Esperanza).

A cifra de falantes medrou axiña durante as décadas seguintes, nun principio no Imperio ruso e na Europa oriental, logo na Europa occidental, América, China e no Xapón. Nos primeiros anos do movemento, os esperantistas mantiñan contacto por correspondencia e por medio de publicacións periódicas, pero en 1905 o primeiro Congreso Universal de Esperanto levouse a cabo na cidade francesa de Boulogne-sur-Mer. Dende entón, os congresos mundiais organizáronse nos cinco continentes ano tras ano agás durante as dúas Guerras Mundiais.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Bandeira do esperanto

Falantes[editar | editar a fonte]

As características e as intencións do esperanto provocaron unha propagación relativamente elevada nos seus comezos, pero a finais dos anos trinta sufriu unha dura freada, debido ás guerras e as represións políticas. É difícil dicir cantos falantes de esperanto hai na actualidade. A maioría das fontes fan referencia a dous millóns de falantes en todo o mundo. Esta cifra pode ser maior se se considera que cada ano hai centos de novos títulos (tanto traducidos como orixinais) que se publican en esperanto, así como música e ata filmes. Tamén hai un gran número de xornais, revistas e emisoras de radio que transmiten en esperanto.

Internet deulle un novo pulo á lingua, os esperantófonos teñen acceso a foros de discusión, publicacións en liña, blogs, cancións, vídeos que son accesibles tamén á poboación sen coñecemento da lingua. Así, tamén hai centos[Cómpre referencia] de organizacións especializadas ou de temática xeral que usan este idioma como lingua de traballo.

O esperanto é o máis exitoso de todos os idiomas planificados ata o día de hoxe. A finais de 2003, a Universala Esperanto-Asocio (Asociación Universal de Esperanto) tiña 16.978 membros en 111 países do mundo, e o Universala Kongreso (Congreso Universal de Esperanto) usualmente reúne de dous mil a catro mil esperantistas cada ano.

Actualmente, existen institucións internacionais, como a Akademio de Esperanto e a Universala Esperanto-Asocio, que se ocupan da promoción e protección da cultura esperantista. En Galiza, a principios do século XX había asociacións esperantistas nas cidades da Coruña, Betanzos, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Vilalba, Foz, Lugo e Vigo; na actualidade só exite unha asociación galega que é Galega Esperanto-Asocio. A única obra da literatura galega traducida integramente ao esperanto é Retrincos de Castelao.

Sons[editar | editar a fonte]

Vogais[editar | editar a fonte]

O esperanto ten cinco vogais. A lingua non fai distinción na lonxitude das vogais e tampouco existen as vogais nasalizadas.

Frontal Posterior
pechada i u
Media e o
Aberta a

Hai seis ditongos decrecentes : uj, oj, ej, aj, aŭ, eŭ (/ui, oi, ei, ai, aw, /ew).

Con só cinco vogais, tolérase un alto grao de variación. Por exemplo, /e/ vai dende [e] (e pechado galego) ata [ɛ] (e aberto galego). Estas diferenzas case sempre dependen da lingua nai do falante. Un corte glotal pode usarse entre vogais adxacentes, especialmente se as vogais son as mesmas, como en heroo (heroe) e praavo (bisavó).

Consoantes[editar | editar a fonte]

Bilabial Labio-
dental
Alveolar Post-
alveolar
Palatal Velar Glotal
Oclusiva p b   t d     k g  
Nasal   m     n        
Vibrante simple       ɾ        
Fricativa   f v s z ʃ ʒ   x   h  
Africada     ʦ   ʧ ʤ      
Aproximante lateral       l        
Aproximante           j  

Fonoloxía do esperanto[editar | editar a fonte]

O esperanto ten 5 vogais e 23 consoantes, dúas das cales son semivogais. Non ten tons. Ao igual ca no náhuatl ou o polaco o acento tónico sempre cae na penúltima sílaba, a menos que a vogal final o sexa elidida, o cal adoita acontecer na poesía. Por exemplo, familio (familia) é [fa.mi.ˈli.o], pero famili’ é [fa.mi.ˈli].

Gramática[editar | editar a fonte]

A lingua internacional, coñecido como "O primeiro libro", editado en ruso (1887).

A gramática do esperanto baséase nas coñecidas como 16 regras do esperanto que non teñen excepcións e o seu alfabeto é fonético (a cada son corresponde unha soa letra e viceversa). Posúe unha estrutura moi regular (as mesmas terminacións de palabras para as mesmas partes do discurso, por exemplo, -o para substantivos e -a para adxectivos). O seu carácter aglutinante permite construír de forma sistemática palabras combinando raíces, prefixos e sufixos. Isto implica que, a partir dun número relativamente pequeno de raíces, pódense expresar todos os conceptos posibles, o que acelera a aprendizaxe debida ao reducido vocabulario para memorizar.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Ao ser unha lingua artificial, o esperanto non está xenealóxicamente relacionado co idioma dalgún grupo étnico.

Podería ser descrito como "un idioma cuxo léxico é eminentemente latino. Dende un punto de vista morfolóxico, é predominantemente aglutinante, ao punto de ter un carácter un pouco aillante".[1] A fonoloxía, gramática, vocabulario e semántica están esencialmente baseadas en linguas indoeuropeas occidentais. A escolma fonémica é eslava, malia ser principalmente románico case todo o vocabulario, cunha achega menor por parte das linguas xermánicas. Os trazos pragmáticos, entre outros, non foron definidos nos documentos orixinais de Zamenhof.

Tipoloxicamente falando, o esperanto é un idioma preposicional e a súa orde por omisión é Suxeito Verbo Obxecto e Adxectivo - Substantivo, aínda que tecnicamente calquera orde é posible grazas aos morfemas que sinalan a función gramatical de cada palabra. Pódense crear novas palabras mediante o uso de afixos.

Léxico[editar | editar a fonte]

O vocabulario do Esperanto provén de moitas linguas. Algunhas palabras novas teñen a súa orixe en idiomas non indoeuropeos, coma o xaponés, por ser consideradas internacionais. Con todo, a gran maioría do vocabulario do esperanto procede das linguas romances (principalmente o latín, o italiano e o francés), o alemán e mailo inglés.

Exemplos etimolóxicos[editar | editar a fonte]

  • do latín e as linguas romances:
    • do latín: abio, sed, tamen, okulo, akvo, vulpo (abeto, pero, non obstante, ollo, auga, raposo)
    • do francés: dimanĉo, fermi, ĉe, frapi, ĉevalo, butiko (domingo, pechar, en, bater, cabalo, tenda)
    • do italiano: ĉielo, fari, voĉo (ceo, facer, voz)
    • do castelán: ĉarlatano (charlatán)
    • do portugués: saŭdado (soidade)
    • de varias: facila, fero, tra, verda (doado, ferro, através de, verde)
  • das linguas xermánicas:
    • do alemán: baldaŭ, bedaŭri, haŭto, jaro, fraŭlino, nur (cedo, laiarse, pel, ano, señorita, só)
    • do inglés: birdo, mitingo, spite, suno, teamo, ŝi (ave, reunión, a pesar de, sol, equipo, ela)
    • de varias: bildo, fiŝo, fremda, grundo, halti, hasti, hundo, ofta, somero, ŝipo, vintro (imaxe, peixe, extranxeiro, chan, deter, bulir, can, frecuente, verán, barco, inverno)
  • das linguas eslavas:
    • do polaco: celo, ĉu, krado, luti, moŝto, piĉo (obxectivo, acaso, reixa, soldar, alteza, cona)
    • do ruso: barakti, serpo, vosto (forcexar, fociño, rabeira)
    • de varias: klopodi, krom, prava (tentar, ademais de, acertado)
  • das linguas laponas: samea, boaco, jojko (lapón, reno, joik -música tradicional lapoa-)
  • das linguas urálicas:
    • do finés: lirli, saŭno (cantaruxar -a auga-, sauna)
    • do húngaro: cinci, ĉako, ĉardo, ĉardaŝo, ĉuro (chiar -os ratos-, gorro alto de uniforme, taberna húngara, chardas, leitada -seme-)
  • doutros idiomas:
    • do xaponés: cunamo, utao, zeno, obio, getao, toŭfuo, sakeo, kakemono (tsunami, uta -composición poética xaponesa-, zen, obi -cinto do quimono-, sandalia xaponesa, tofu, sake, pintura colgante xaponesa)

Criterios para a escolla do vocabulario[editar | editar a fonte]

Os días da semana están tomados do francés (dimanĉo, lundo, mardo,...), moitos nomes de partes do corpo do latín (hepato, okulo, brako, koro, reno,...), as unidades de tempo do alemán (jaro, monato, tago,...), os nomes de animais e vexetais principalmente dos nomes científicos en latín.

Pódese inferir o significado de moitas palabras pola súa semellanza con outros idiomas (moito máis detallado no libro Etimologia vortaro de Esperanto, "Dicionario etimolóxico do esperanto", de Ebbe Vilborg)

  • abdiki (abdicar) como en inglés, latín, italiano, galego e castelán.
  • abituriento (bacharel) como en alemán ou ruso.
  • ablativo (ablativo) como en latín, inglés, italiano e castelán, pero tamén é recoñecible por alemáns entendidos en gramática.
  • funto (libra -unidade de peso-) como en polaco, ruso, yiddish e alemán.
  • ŝnuro (corda) como en alemán, polaco e checo.

Ademais, Zamenhof creou coidadosamente unha pequena base de palabras radicais e afixos, a partir da cal é posible formar unha cantidade moito maior de palabras. Grazas a isto, pódese adquirir un alto nivel comunicativo tendo aprendido unha cantidade relativamente pequena de palabras (entre 500 e 2.000 palabras e afixos).

Curiosidades[editar | editar a fonte]

Oficialidade[editar | editar a fonte]

O esperanto non ten status oficial en ningún país, pódese estudar como materia nuns poucos centros oficiais de ensino de todo o mundo[2].

Houbo plans de establecer a comezos do século XX o primeiro Estado esperantista en Moresnet, e na efémera illa artificial-estado de Illa das Rosas (en esperanto: Respubliko de la Insulo de la Rozoj) usouse o esperanto como idioma oficial en 1968. En China, durante a revolución Xinhai de 1911, houbo grupos que consideraron a idea de declarar o esperanto idioma oficial, pero máis tarde esta medida refugouse por insostible.

A Asociación Universal de Esperanto ten relacións oficiais coas Nacións Unidas e a Unesco.

Persecución política[editar | editar a fonte]

Moitos réximes perseguiron e prohibiron o esperanto durante o século XX.

Adolf Hitler citou no seu libro Mein Kampf o esperanto coma unha lingua que podería ser empregada pra dominación do mundo por unha conspiración xudía internacional.[3] Como resultado desa animadversión, produciuse a persecución dos esperantistas durante o Holocausto.[4]

Stalin denunciou o esperanto como "lingua de espías" producíndose execucións de esperantistas na Unión Soviética.[5]

O senador estadounidense Joseph McCarthy, coñecido polo seu anticomunismo, considerou o coñecemento do esperanto como "case sinónimo" de simpatía cara ao comunismo.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Blank, Detlev (1985). Internationale Plansprachen. Eine Einführung ("Linguas planexadas internacionais: Unha introdución"). Akademie-Verlag. ISSN 0138-55 X.
  2. No liceo 38 de Kiev forma parte do currículo escolar [1]
  3. Adolf Hitler (1924). "Mein Kampf". Volume 1, Chapter XI. http://www.hitler.org/writings/Mein_Kampf/mkv1ch11.html.
  4. About ESW and the Holocaust Museum
  5. Asociación de Esperanto de Irlanda
  6. Esperanto - Questions, Answers, Fun Facts, Information

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Wikipedia
Existe unha versión da Wikipedia en Esperanto.
Galizionario
Vexa no Galizionario as palabras en Esperanto.