Ramón María del Valle-Inclán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ramón María del Valle-Inclán y de la Peña
Vilanova de Arousa.Galicia.24.jpg
Estatua de Ramón María del Valle-Inclán en Vilanova de Arousa
Datos persoais
Nacemento 28 de outubro de 1866
Lugar Vilanova de Arousa Galicia Galicia
Falecemento 5 de xaneiro de 1936
Lugar Santiago de Compostela Galicia Galicia
Soterrado {{{soterrado}}}
Soterrada {{{soterrada}}}
Residencia {{{residencia}}}
Nacionalidade {{{nacionalidade}}}
Cónxuxe Josefa María Ángela Blanco Tegerina
Fillos 1. María de la Concepción (1908)
2. Joaquín María Baltasar (1914-1914)
3. Carlos Luis Baltasar (1917-2006)
4. María de la Encarnación Beatriz Baltasara (1919-2003)
5. Jaime Baltasar Clemente (1922-1985)
6. Ana María Antonia Baltasara (1924)
Relixión Católica
Actividade
Lingua {{{lingua}}}
Lingua Castelán
Período {{{período}}}
Movemento {{{movemento}}}
Xéneros Drama, novela, poesía
Princ. obras {{{obras}}}
Alma mater {{{alma_mater}}}
Estudos
Ocupación {{{ocupación}}}
Profesión {{{profesión}}}
Organización {{{organización}}}
Cargos {{{cargos}}}
Premios
[[Ficheiro:|centro|]]
{{{web}}}

{{{notas}}}

Ramón María del Valle-Inclán y de la Peña, nado en Vilanova de Arousa o 28 de outubro de 1866 e finado en Santiago de Compostela o 5 de xaneiro de 1936, foi un dramaturgo, poeta e novelista galego en lingua castelá, membro da Xeración do 98, considerado un dos autores máis importantes da literatura hispanoamericana do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estatua de Valle-Inclán en Pontevedra, feita por César Lombera.
O marqués de Bradomín, personaxe de Valle-Inclán.
Mari-Gaila, personaxe de Valle-Inclán.
Príncipe de Verdemar.
Lucero.

Formación e inicios literarios[editar | editar a fonte]

Naceu co nome de Ramón José Simón Valle Peña, fillo do escritor liberal e galeguista Ramón del Valle-Inclán Bermúdez de Castro (1823-1890) e de Dolores de la Peña y Montenegro; amigo de Manuel Murguía e Andrés Muruais. Rematou o bacharelato no Instituto de Pontevedra en 1885; estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, con medianos resultados. Nesa época entra no mundo da literatura, a través de publicacións como Café con gotas de Santiago e a barcelonesa La ilustración ibérica. Aprende esgrima co florentino Attilio Pontinari e en 1888 matricúlase en "Debuxo e adorno de figura" na Escola de artes e oficios. El e o seu irmán Carlos participan activamente na vida periodística da cidade. Ramón abandona os estudos de dereito, impostos polo seu pai, e volve a Pontevedra en 1890 pola súa morte.

Viaxe a América e regreso a Pontevedra[editar | editar a fonte]

Despois dunha hipotética estancia en Italia -aínda por documentar-, viaxa a Madrid a finais de 1890, onde acostuma visitar o Museo do Prado e as bibliotecas da cidade; colabora en xornais coma El Globo e dedica gran parte do seu tempo de lecer a asistir a representacións do "pequeno xénero". En 1892, Valle fai a súa primeira viaxe a América, concretamente a México, onde fica por case un ano, a cabalo entre as cidades de Veracruz e México. En terras mexicanas colaborou para dous xornais: El Veracruzano Libre e El Universal da capital mexicana, nos que publicou varios relatos. Parece ser que a súa estancia en terras americanas non estivo exenta de problemas, pois hai datos de que participou nun "dó" na Cidade de México, e nunha soada pelexa en Veracruz. De México foi a Cuba, e ficou algúns días en Matanzas, na casa duns amigos seus.

De volta á Galiza, en 1893, instalouse en Pontevedra, onde coñeceu a Jesús Muruais e fíxose amigo seu. Muruais era bibliógrafo e mestre de latín no instituto da cidade. Na biblioteca do devandito instituto, Valle leu os máis importantes autores europeos da época. Perante a súa estancia en Pontevedra, prolongada até 1896, publicou o seu primeiro libro: a escolma de relatos amorosos Femeninas (1894).

Nesta época Valle comeza a cultivar a súa particular indumentaria: capa (no principio un jorongo mexicano), chalina, sombreiro e, por riba de todo, as súas longas e características barbas; as "barbas de chivo" das que falara Rubén Darío nun poema que lle dedicará.

Entrada na sociedade literaria madrileña[editar | editar a fonte]

En 1896 volveu a Madrid, onde frecuentou varios faladoiros, nos que coñeceu moitas figuras da época, como Pío e Ricardo Baroja, Azorín, Jacinto Benavente, etc.

En 1897 publicou o seu segundo libro, Epitalamio (Historias de amores), sen ter moito éxito. Durante eses anos, participou como actor en obras teatrais como La comedia de las fieras de Jacinto Benavente, ou Los reyes en el destierro, adaptación de Alejandro Sawa dunha novela de Alphonse Daudet. En 1899, nunha discusión no Café da Montaña, o periodista Manuel Bueno féreo no brazo, que termina gangrenándose e facendo necesaria a amputación. Nese mesmo ano estrea no Teatro Lara de Madrid e publica en libro Cenizas, a súa primeira obra teatral. Colabora tamén en moitas revistas literarias, como poden ser La vida literaria, dirixida por Benavente, ou Revista Nueva, dirixida por Luis Ruiz Contreras. Vive na bohemia literaria modernista e pasa moita fame e necesidade. Habita nun lugar con tan pouco espazo que é preciso subir as cadeiras con poleas para poder pasar.

En 1900, Valle participa nun concurso de contos organizado polo diario El Liberal. Aínda que non gaña o premio (o gañador foi o periodista José Nogales), o seu relato "Satanás" foi moi eloxiado por Juan Valera, un dos membros do tribunal, nun artigo na prensa. Parece ser que o tribunal non se quixo arriscar a premiar un relato tan innovador. Nos anos seguintes colaborou en varias publicacións, como La Ilustración Artística, La Ilustración Española e Hispanoamericana, La España Moderna, etc. En Alma Española publicou, en decembro de 1903, unha famosa autobiografía. En Los lunes del Imparcial comezou a publicar Sonata de otoño, onde fai aparición por vez primeira o seu personaxe o marqués de Bradomín.

As Sonatas publícanse en libro en anos consecutivos: Sonata de otoño en 1902, Sonata de estío en 1903, Sonata de primavera en 1904 e Sonata de invierno en 1905. Estas narracións, fragmentos dunhas memorias ficticias do marqués de Bradomín, constitúen o exemplo máis salientable de prosa modernista na literatura en castelán. No mesmo ano de 1905 publica unha escolma de contos co título de Jardín novelesco; Historias de almas en pena, de duendes y de ladrones. No ano seguinte estrea no Teatro da Princesa unha obra teatral baseada no protagonista das Sonatas. A súa futura muller, Josefina Blanco Tejerina, é parte do reparto da obra. Casan en 1907. A voda celebrouse na madrileña igrexa de San Sebastián. O matrimonio tivo tres fillos: Joaquín María (1914), Carlos Luis (1917) e Jaime (1921).

En 1907 publica varios libros, como Águilas de blasón, Aromas de leyenda, Versos en loor de un santo ermitaño e El marqués de Bradomín. Coloquios románticos. Por entregas, no xornal El Mundo, publica Romance de Lobos. En 1908 comeza a publicación da súa serie de novelas La guerra carlista: Los cruzados de la causa, El resplandor de la hoguera e Gerifaltes de antaño. En 1909 escribe Mi hermana Antonia, que narra a vinganza do estudante Máximo Bretal, namorado de Antonia e rexeitado pola súa mai. As súas simpatías polo carlismo non foron só literarias: en 1920 presentouse a deputado polo Partido Carlista, mais non obtivo o escano.

Viaxa a Arxentina en 1910 coa compañía de teatro de F. García Ortega, na cal figuraba Josefina Blanco, e pronuncia algunhas conferencias sobre a literatura española. Na mesma xira visitan tamén Chile, Paraguai, Uruguai e Bolivia. De volta a España, segue na estrea de obras de teatro: Voces de gesta, en 1912, e La marquesa Rosalinda en 1913. A súa obra El embrujado foi rexeitada polo Teatro Español, dirixido por Benito Pérez Galdós.

En 1915 escribe ao rei solicitando a rehabilitación dos títulos do marquesado do Valle, vizcondado de Vieixín e señorío do Caramiñal. As súas peticións non son atendidas.

Durante a Primeira Guerra Mundial, foi invitado polo goberno francés a visitar as frontes de guerra. En París relacionouse con autores españois coma Pedro Salinas, Manuel Ciges Aparicio e Corpus Braga. Froito da súa visita á fronte foron os textos Visión estelar de la medianoche, publicado en El Imparcial entre outubro e decembro de 1916, e En la luz del día, no mesmo xornal, entre xaneiro e febreiro de 1917.

En 1920 edítase Divinas palabras e a primeira versión de Luces de bohemia. En 1921 é nomeado titular da cátedra de Estética das Belas Artes na escola de San Fernando. No mesmo ano publica A lámpada marabillosa (La lámpara maravillosa), meditación sobre o feito literario, fortemente influído polo ocultismo de varios autores como Mario Roso de Luna e Elena Blavatsky.

En 1921 fai unha nova viaxe a México, invitado persoalmente polo presidente da República, Álvaro Obregón, por mediación de Alfonso Reyes Ochoa. En 1925 establécese de novo en Madrid. Participa en grupos de teatro experimental, coma El mirlo branco, que levaba a cabo as súas representacións no enderezo dos Baroja, no barrio madrileño de Argüelles, e El cántaro roto no Círculo de Belas Artes. A fins de 1926 edita a que algúns consideran a súa obra mestra narrativa, a novela Tirano Banderas, onde é patente a pegada da súa, aínda recente, viaxe ao México revolucionario. En 1927 comeza a publicación dun ambicioso proxecto narrativo, El ruedo ibérico, que, de xeito semellante aos Episodios nacionales de Galdós, pretende narrar a historia de España dende o reinado da súa odiada Isabel II até a época contemporánea ao autor. Nese proxecto só chegou a escribir tres novelas: La corte de los milagros (1927), Viva mi dueño (1928) e Baza de espadas (1932).

Dende 1924 amosa a súa oposición á ditadura de Primo de Rivera. En 1927 participa na creación da Alianza Republicana. En 1929 é encerrado no cárcere Modelo de Madrid, por negarse a pagar unha multa imposta co gallo duns incidentes ocorridos no Pazo da Música. Este incidente aparece transfigurado literariamente nunha escena de Luces de Bohemia.

Apoia a República, e mesmo chega a se presentar a deputado pola provincia da Coruña nas listas do Partido Radical de Alejandro Lerroux, aínda que non sae elixido. En 1932 o goberno da República faino conservador do Patrimonio Artístico Nacional e director do Museo de Aranjuez, pero, por problemas co seu superior, dimite ao pouco tempo. Elixido presidente do Ateneo de Madrid, dimite tamén ao non seren consideradas as súas propostas de reorganización. Divórciase da súa muller, Josefina Blanco, ese mesmo ano.

Na derradeira etapa da súa vida, Valle amosou marcadas simpatías cara ao comunismo. Pola súa iniciativa, en 1933 reúnese no Ateneo de Madrid o Primeiro Congreso da Asociación de Escritores e Artistas Revolucionarios. Nese mesmo ano é nomeado presidente de honor da Asociación de Amigos da Unión Soviética.

O 8 de marzo de 1933 é nomeado director da Escola de Belas Artes de Roma. Manterase no cargo pouco máis dun ano, sen ter a penas medios de subsistencia, ata xuño de 1934. En marzo de 1935 retirouse a Santiago de Compostela, ingresando nunha clínica, onde morreu de cancro o 5 de xaneiro de 1936, tras negarse a recibir auxilio relixioso. Foi sepultado ao día seguinte, nunha cerimonia civil.

Obra[editar | editar a fonte]

Narrativa[editar | editar a fonte]

A súa produción narrativa comeza no Modernismo. Dentro desa estética, a súa obra máis senlleira son as Sonatas. Nelas relata, de xeito autobiográfico, os amores do Marqués de Bradomín.

A súa outra gran novela vai ser Tirano Banderas, onde narra a caída do ditador suramericano Santos Banderas, personaxe despótico e cruel que mantén o poder mediante o terror e a opresión. É unha excepcional descrición da sociedade sudamericana e tamén o primeiro achegamento literario da ditadura.

Poesía[editar | editar a fonte]

Placa na praza Maior de Lugo cuns versos de Aromas de leyenda

A obra poética de Valle-Inclán reúnese na triloxía Claves líricas (1930), formada por Aromas de leyenda, El pasajero e La pipa de Kif.

Aromas de leyenda (1907) recibe a influencia do Modernismo. Consta de catorce poemas de métrica variada. Neles recrea diversos aspectos da súa Galiza natal: descricións da paisaxe, traballos de cotío, milagres, supersticións, etc. Varios dos poemas rematan cunha cantiga en lingua galega.

El pasajero (1920), tamén de estética modernista, desenvolve en trinta e tres poemas temas de gran transcendencia, como a morte, a dor, a vida, a paixón ou a eternidade.

Con La pipa de Kif (1919), Valle-Inclán dá paso nos seus poemas ao grotesco, ao esperpéntico. Esta obra ten sido definida coma una escolma de estampas tráxico-humorísticas.

Teatro[editar | editar a fonte]

A produción dramática de Valle-Inclán divídese, polo xeral, en cinco períodos:

  • Ciclo modernista. A este pertencen obras coma El Marqués de Bradomín (1906) e El yermo de las almas (1908).
  • Ciclo da farsa. Trátase dun grupo de comedias recollidas nun volume titulado Tablado de marionetas para educación de príncipes (1909, 1912 e 1920). Estas obras presentan un continuo contraste entre o sentimental e o grotesco, e os seus personaxes, marionetas de feira, anuncian a chegada do esperpento. Inclúe Ligazón. Acto Para Siluetas (La Novela Mundial, 1926; con ilustracións de Francisco Rivero Gil).
  • Ciclo esperpéntico. Está formado por Luces de bohemia (1920 e 1924) e o volume chamado Martes de carnaval (1930). O esperpento, máis do que un xénero literario, é un xeito novo de ver o mundo, xa que deforma e distorsiona a realidade, para amosar a imaxe real que se agocha detrás dela. Para iso, utiliza a parodia, humaniza os obxectos e os animais e animaliza ou cousifica aos humanos. Así presentados, os personaxes carecen de humanidade e preséntanse coma monicreques.
  • Ciclo final. Nesta etapa derradeira, Valle-Inclán leva ao seu extremo as propostas dramáticas anteriores: presenza do irracional e instintivo, personaxes sen humanidade, esquematizados e guiñolescos, e a técnica distorsionante do esperpento. As súas obras fican recollidas en Retablo de la avaricia, la lujuria y la muerte.

Como Miguel de Unamuno ou Azorín, Valle enfróntase directamente ao teatro comercial vixente. Eses tres autores amosan unha clara oposición ao teatro realista, costumista e de corte burgués que tanto éxito tiña nos escenarios, aínda que cada un deles vai ter unha técnica particular.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ramón María del Valle-Inclán

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]