Luís Seoane
| Luís Seoane López | |
|---|---|
| Nacemento | 1 de xuño, 1910 |
| Lugar de nacemento | Bos Aires, |
| Morte | 5 de abril, 1979 |
| Lugar de morte | A Coruña, |
| Nacionalidade | galego. |
| Eido | Pintura, gravado |
| Movemento | Expresionismo |
Luís Seoane López, nado en Bos Aires o 1 de xuño de 1910 e finado na Coruña o 5 de abril de 1979, foi un editor, escritor, xornalista, gravador e pintor galego.
Índice |
Traxectoria [editar]
Nado en Bos Aires no ano 1910, fillo de emigrantes, veu de neno en 1916 a Galicia e instálase na Coruña.[1] Fixo o bacharelato na Coruña e Dereito en Santiago de Compostela, onde participou na actividade política e cultural estudantil. Sendo aínda estudante universitario demostrou a súa vocación artística ilustrando libros e publicando debuxos en revistas e xornais.
De 1931 a 1936 exerceu de avogado laboralista na Coruña e foi membro do Partido Galeguista, así como da Masonería. Durante esta época participou na campaña en prol do Estatuto de Autonomía. Tras a sublevación do 18 de xullo de 1936 mantívose agochado durante uns meses ata que en setembro de 1936 puido exiliarse a Bos Aires vía Lisboa. Alí fixou a súa residencia e traballou no consulado republicano.
En 1937 publica o seu primeiro libro, Trece estampas de la traición.
Foi o promotor de moitas empresas culturais, da emigración e do interior (revistas como Galicia Libre, Galicia Emigrante ou Cuco-Rei, a imprenta Resol en Santiago de Compostela xunto a Arturo Cuadrado; editoriais como Editorial Citania, Editorial Botella al Mar e outras; o Laboratorio de Formas de Galicia, xunto a Isaac Díaz Pardo, do que nacerá o complexo de Sargadelos, etc.). Non deixou nunca de afrontar proxectos e participar activamente na recuperación da cultura galega.[1]
Regresou a España en 1960. Nas últimas décadas da súa vida, alternou a residencia en América con viaxes a Galicia. Morreu na Coruña en 1979.
Obra pictórica [editar]
A súa obra como artista gráfico foi importantísima: debuxante, gravador, deseñador de libros e de obxectos cerámicos, cartelista, pintor... Luís Seoane é un dos máis grandes plásticos galegos de tódolos tempos, e sen dúbida o máis completo e coñecido. A súa obra é tan extensa como o foron as súas inquedanzas artísticas e intelectuais. A súa obra pictórica reflicte ese amor a Galicia e a súa ansia por recuperar paisaxes, símbolos e personaxes galegos para facelos universais.
A súa obra, de tendencia expresionista e próxima á abstracción, foi exposta en lugares como Bos Aires, Montevideo, Londres, Nova York, Venecia, México, Bruxelas ou Hamburgo.
Obra escrita [editar]
Publicou numerosos estudos e ensaios de arte, obras de teatro, crónicas radiofónicas, etc.
Tamén se adicou á poesía e no 1977 Edicións do Castro publicou a súa obra poética completa.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1994
Obra en galego [editar]
Poesía [editar]
- Fardel d'eisilado (Bos Aires, Ediciós Anxel Casal, 1952).
- Na brétema, Sant-Iago (Bos Aires, Ediciones Botella al Mar, 1956).
- As cicatrices (Bos Aires, Editorial Citania, 1959).
- A maior abondamento (Bos Aires, 1972).
Narrativa [editar]
- Tres follas de ruda e un allo verde (inédito). Publicado en tradución castelá: Tres hojas de ruda y un ajo verde (Bos Aires, Ediciones Botella al Mar, 1948).
Teatro [editar]
- A soldadeira (Edicións do Castro). Publicada en tradución castelá: La soldadera (Bos Aires, Editorial Ariadna, 1957).
- Esquema de farsa.
- O irlandés astrólogo (Edicións do Castro).
Ensaio [editar]
- Eiroa (Vigo, Galaxia, 1957).
- Castelao artista (Bos Aires, Alborada, 1969).
- Comunicacións mesturadas (Vigo, Editorial Galaxia, 1973).
- George Grosz (Sada, Edicións do Castro, 1975).
- Textos encol da arte galega (Brais Pinto).
- Textos sobre arte galega e deseño (Vigo, A Nosa Terra).
- Luís Seoane. Teórico do deseño gráfico (Museo do Pobo Galego, 2010. Edición de Xosé Ramón Fandiño e Gloria López). Escolma de artigos sobre o deseño gráfico.
Gravados e debuxos con textos literarios [editar]
- Homaxe a un paxaro (A Coruña, Edicións do Castro, 1969).
- Retratos de esguello (A Coruña, Edicións do Castro, 1968).
- O meco (A Coruña, Edicións do Castro, 1963).
- O conde asesino de Sobrado (A Coruña-Bos Aires, Ediciós Cuco-Rei, 1971).
- Figuraciós (A Coruña, Deputación da Coruña, 1990). Edición de Lino Braxe e Xavier Seoane.
Obra en castelán [editar]
Gravados e debuxos [editar]
- 13 Estampas de la traición, Bos Aires, edición de autor, (1937)
- Homenaje a la Torre de Hércules, (1945), obra galardoada en Nova York xunto a Histoire Naturelle de Buffon que estaba ilustrada por Pablo Picasso [1]
Ensaio [editar]
- Arte mural. La ilustración, (Bos Aires, Sudamericana, 1974).
2010: Ano Seoane [editar]
En 2010, conmemorouse o primeiro centenario do nacemento do intelectual galego.
Notas [editar]
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- María América Díaz (2004). Luís Seoane. Notas ás súas cartas a Díaz Pardo 1957-1979. ISBN 84-8485-141-9.
Ligazóns externas [editar]
| Predecesor: Eduardo Blanco Amor |
Día das Letras Galegas 1994 Luís Seoane |
Sucesor: Rafael Dieste |
|
||||||||