Valentín Lamas Carvajal
| Valentín Lamas Carvajal | |
|---|---|
| Retrato de Valentín Lamas Carvajal | |
| Nacemento: | 1 de novembro de 1849 Ourense |
| Falecemento: | 4 de setembro de 1906 Ourense |
| Lingua: | Galego |
| Xénero(s): | Poesía, novela |
Valentín Lamas Carvajal, nacido en Ourense o 1 de novembro de 1849 e finado na mesma cidade o 4 de setembro de 1906, foi un autor e xornalista galego. No ano 1972 adicóuselle o Día das Letras Galegas.
Entre outros feitos, Lamas realizou dúas iniciativas importantes en relación co xornalismo e coa literatura en lingua galega, contando ambas con moi boa acollida: fundar o primeiro semanario en lingua galega, titulado O Tío Marcos da Portela, e publicar o Catecismo do labrego.
Índice |
[editar] Traxectoria
Lamas Carvajal era fillo do ourensán José Francisco Lamas e da luguesa María Manuela Carvajales. Ficou orfo de pai con dous anos e cunha nai de dezasete anos. Aliviou esta situación un tío seu, o irmán da súa nai, Pedro Carvajales, un pintor de certo nome naquela altura, e a quen Lamas lle dedicará o seu primeiro libro, La monja de San Payo (1871).
Estudou bacharelato na súa cidade natal e en 1870 trasladouse a Santiago de Compostela para cursar medicina na Universidade de Santiago de Compostela, estudos que non chegou a rematar por mor dunha afección ocular que co tempo o deixaría cego. A andaina universitaria compostelá de Lamas ficou moi patente na súa escrita e na súa visión de Galicia, xa que nesta cidade entrou en contacto coa intelectualidade galega. Sábese, por unha carta súa publicada en El Heraldo Gallego, que en 1871 dirixiu nesta cidade a revista La Aurora de Galicia e que aquí tamén publicou as súas primeiras obras, que presentan influencias románticas.
A partir do ano 1874 a súa vida estivo definitivamente vencellada á Cidade das Burgas ao casar, o 4 de xaneiro de 1874, cunha antiga compañeira de estudos, Amalia Rosina Sánchez, natural da Guarda, coa que tivo numerosa descendencia
Os seus problemas coa vista non lle impediron que fose ser o autor máis prolífico e polifacético do seu tempo. Tivo unha incesante actividade literaria e xornalística. Fundou xornais moi populares naquela altura, como El Heraldo Gallego, publicado até 1880, e o primeiro semanario escrito integramente en galego, de moito eco popular e que se publica dende 1876 até 1890, O Tío Marcos da Portela, onde publicou Catecismo do labrego en sete entregas no ano 1888 [1], un dos libros que máis se venderon en galego, xa que tivo seis edicións no prazo dun ano dende a súa publicación en libro. Foi tamén director do xornal El Eco de Orense.
En 1887 publicou Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña, conxunto de 19 narracións, todas elas publicadas con anterioridade en O tío Marcos da Portela. No conxunto dos textos de Gallegada pódese ver a vontade populista e comprometida coa defensa dos labregos por parte de Lamas, así como a descrición de cadros de costumes imbuídos de acenos pintorescos, picarescos e cómicos.
En 1906 foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega. Morreu ese mesmo ano, e foi soterrado no cemiterio de San Francisco da súa cidade natal.
[editar] Obra
[editar] Obra poética
- Dez cartas ôs gallegos (1875)
- Espiñas, follas e frores (1875, ramiño primeiro)
- Espiñas, follas e frores (1876, ramiño segundo)
- Saudades gallegas (1880)
- A musa das aldeas (1890)
[editar] Obra narrativa
- Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña (1887)
- Catecismo do labrego (1889)
[editar] Notas
- ↑ Parrafeo nº 250, do 21.10.1888, ao nº 256, do 2.12.1888.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Rafael Adán: Gallegada e outros textos en prosa. ISBN (13): 978-84-453-3756-1 / ISBN (10): 84-453-3756-4
- VV. AA.: Actas das Xornadas sobre Lamas Carvajal, celebradas en Ourense entre os días 21 e 22 de outubro de 1999.
- VV. AA.: Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares, n.º 24, 2006.[1]
[editar] Ligazóns externas
- "Un lugar entre os grandes", artigo en www.galicia-hoxe.com
- "No centenario de Lamas Carvajal", artigo en www.galicia-hoxe.com
- "O recordo a Valentín Lamas Carvajal, artigo en La Voz de Galicia.
- Ficha en www.bvg.udc.es
- Textos soltos de revistas en rede, en www.realacademiagalega.org
- Descarga en libro electrónico o Catecismo do labrego, de balde no proxecto Gutenberg
| Predecesor: Gonzalo López Abente |
Día das Letras Galegas 1972 Valentín Lamas Carvajal |
Sucesor: Manuel Lago González |
|
||||||||
