Manuel Amor Meilán
Manuel Amor Meilán, nado na Coruña o 31 de xaneiro de 1867 e finado en Lugo o 9 de xaneiro de 1933, foi un antropólogo galego.
Índice |
[editar] Traxectoria
Traballou como funcionario na Deputación de Lugo. Foi redactor e despois director durante vinte anos de El Regional e tamén dirixiu o xornal La Provincia. Colaborou noutras publicacións como La Ilustración Artística, Revista de España, La Ilustración Ibérica.
Investigou a existencia humana en covas (como a cova do Rei Cintolo de Mondoñedo) nas fases interglaciares cuaternarias, seguindo a investigación de Jenaro Villamil Castro. Cría na orixe céltica de castros e mámoas, e opinaba que "modernas investigacións antropológicas certifican a raza alpina o céltica en Galicia", afirmación contida en Historia de la provincia de Lugo (1918). Outras obras inclúen a Geografía General del Reino de Galicia, xunto con numerosos artigos en galego e castelán en diversos xornais e publicacións, usando nalgún momento o alcume de Manuel Molina Mera.
Tamén ten obra literaria. Foi un dos primeiros escritores en escribir novelas en galego, ademais de publicar numerosos relatos n' O Tío Marcos da Portela e outras publicacións.
Fundador da Real Academia Galega en 1905, tamén foi membro da Academia de Belas Artes de San Fernando, da A.B.A. De Barcelona, da A.B.A. e Ciencias de Toledo e da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.
[editar] Obras
- Mendo de Maceda o los amores de un noble, 1882 (novela en castelán)
- Justicias y crueldades, 1883 (novela en castelán)
- Treboadas, 1884 (poesía en galego)
- Desde la honradez de un crimen, 1884 (novela en castelán)
- Xuana, novela de costumes gallegas, 1886 (novela en galego)
- Os fillos da praia, 1887 (novela en galego)
- Pedro Madruga, 1887 (poesía en castelán)
- Amante, esclava y verdugo, 1888 (novela en castelán)
- El último hidalgo, 1893 (relatos en castelán)
- Floralba, 1902 (poesía en castelán)
- Cuentos y Romances, 1907 (narrativa e poesía en castelán)