Chano Piñeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chano Piñeiro
Nome completoLuciano Manuel Piñeiro Martínez
Alcume/outrosChano Piñeiro
Nacemento12 de outubro de 1954
LugarForcarei
Falecemento21 de marzo de 1995 e 22 de marzo de 1995
LugarVigo
NacionalidadeEspaña
Cónxuxe(s)Mariluz Montes
Profesióndirector de cinema e guionista
Na rede
IMDB: nm0529903 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Luciano Manuel Piñeiro Martínez, máis coñecido coma Chano Piñeiro, nado en Forcarei o 12 de outubro de 1954 e finado en Vigo o 21 de marzo de 1995, foi un cineasta galego. Ata os anos 1990 en que empeza a despuntar o cine en galego, Chano Piñeiro foi considerado unanimemente o director galego por excelencia. Encarnou coma ninguén a ansia por facer cine en Galicia e en lingua galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Escultura-banco homenaxe a Chano Piñeiro, elaborada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. Praza do Concello de Forcarei, xullo de 2021.

A familia de Chano, no momento do seu nacemento, residía na vila de Forcarei. O seu pai, Manuel Piñeiro, era o boticario local. En 1971 ingresou na Universidade de Santiago de Compostela onde estudou Farmacia, probablemente máis por continuar o oficio familiar que por verdadeira vocación. Nese ano crucial na súa vida diagnostícanlle o mal de Crohn, unha afección intestinal crónica, que o levou a pasar reiteradas veces polos quirófanos. Tamén en 1971 coñeceu a que sería a súa dona, Mariluz Montes, tamén estudante de Farmacia e coa que casou en 1974. Foi ela quen lle regalou a Chano a súa primeira cámara de Super 8.

A carreira cinematográfica de Chano Piñeiro iníciase en 1977 coa curtametraxe Os paxaros morren no aire, supostamente inspirada no Sempre en Galiza de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A curtametraxe, que parece ser non gustou nos ambientes composteláns, acadou, non obstante, varios premios en festivais. Os paxaros morren no aire é unha clara mostra do ideario cinematográfico de Chano Piñeiro: ó voluntarismo e do cine afeccionado (falta de financiamento, deficiencias narrativas, eivas técnicas) opón unha fe resolta no cine e, concretamente, no cine en galego. O argumento conta a historia dunha moza que intenta construír unha ponte para dar acceso a unha vila. Para facelo ponse a camiñar e atópase con Castelao e con Basilio Álvarez. A rodaxe contou entre os seus intérpretes con Xosé Manuel Olveira "Pico", Antón Casal, Pili Lorenzo, Xosé Ramón Rodríguez e Alfonso Armada. As localizacións pertencían a Rubillón (a terra de Mariluz), Ponte Caldelas, Cabrais, Ribeira e a praia de Area Longa.

En 1979 Chano e Mariluz abriron unha botica na rúa Torrecedeira de Vigo, cidade onde Chano Piñeiro se afincou para o resto da súa vida e da que moitos o consideran fillo adoptivo. Ese ano filma en Super 8 Eu, o Tolo, considerada por moitos a primeira longametraxe de ficción en galego (outros sosteñen que é Malapata de Carlos A. López Piñeiro). En calquera caso, trátase dunha iniciativa individual e bastante afeccionada como demostra o feito (por outro lado, claramente demostrativo do xeito en que Chano Piñeiro entendía o cine) de que Chano Piñeiro e máis Pablo Barreiro, o técnico de son e músico do filme, tivesen que percorrer persoalmente toda Galicia para exhibir, proxector e pantalla en man, a longametraxe. A estrea oficial só tería lugar o 12 de marzo de 1982 en Vigo grazas ó entusiasta apoio da Corporación Municipal. Eu, o Tolo é un relato surrealista e metafísico en torno a un extravagante personaxe, "Eu". "Eu" casa coa súa bicicleta. Acusado do asasinato do vehículo, foxe da cadea e chega a ser presidente do goberno.

O gran salto na filmografía de Chano Piñeiro prodúcese en 1984 cando fundou a produtora cinematográfica Piñeiro S.A. (despois Bubela S.L.), cuxa primeira realización sería a louvada curtametraxe en 35 mm, Mamasunción. O filme estréase o 28 de decembro de 1984 en Vigo e consegue atraer a atención de diversos festivais internacionais. Tal foi o éxito desta curtametraxe que o 25 de xullo de 1985 a TVG abre a súa primeira emisión con Mamasunción. Sen dúbida trátase do filme máis logrado na carreira de Chano Piñeiro que xa non volvería a acadar tan altos cumios no futuro.

Rúa de Chano Piñeiro en Forcarei

Dende logo, o seu seguinte filme, Esperanza non estaría á altura das expectativas que creara Mamasunción. Estreado en 1986, Esperanza desenvolvía o tema do alcoholismo. Torpe e mal dirixida, Esperanza mostraba as deficiencias dun cineasta totalmente autodidacta e fóra dos circuítos comerciais.

En 1988, Chano Piñeiro iniciou a rodaxe de Sempre Xonxa, a primeira longametraxe galega en 35 mm. Era un proxecto demasiado ambicioso para as posibilidades de Chano Piñeiro. A rodaxe alongouse durante máis dun ano e medio por mor das eivas financeiras e das complexidades da produción. Esta rodaxe esgotou o patrimonio de Chano Piñeiro e derramou a súa fráxil saúde. Con todo, conseguiu estreala en 1989 (ano mítico para o cine galego no que coincidiría a estrea de Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Urxa de Carlos A. López Piñeiro e Continental de Xavier Villaverde). A película obtivo certo recoñecemento internacional, e queda na conciencia colectiva dos galegos coma un fito na historia da cultura galega.

En 1993 recibiu o encargo institucional de rodar O Camiño das Estrelas mediometraxe destinado a promocionar o Xacobeo 93, suceso turístico-promocional que a Xunta de Galicia, presidida por Manuel Fraga, acababa de inventar. Chano Piñeiro deseña unha película a medio camiño entre a realidade e a ficción. A estrea tivo lugar o 25 de xullo dese ano no Monte do Gozo. Sería a súa última película, e malia contar con medios técnicos nunca visto ata entón no cine galego, representa claramente o punto máis baixo na filmografía de Chano Piñeiro. O argumento xira ó redor da historia de amor entre un lobishome e unha serea, o cal serve de escusa ou de contrapunto para ir presentando as terras do Camiño de Santiago. Pero o argumento acaba sendo do máis manido e o resultado global moito controvertido.

Lamentablemente, non lle deu tempo a rodar máis películas, ó falecer en 1995 con só 40 anos. A súa morte conmocionou os cidadáns de Vigo, onde chegara a ser todo un persoeiro. O Concello de Vigo, que tantas veces apoiara os seus filmes, dedícalle unha rúa.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Obtivo no ano 1993 o premio San Martiño de normalización lingüística do Concello da Estrada.

Trala súa morte, creáronse para honralo os Premios Chano Piñeiro que levaban o seu nome. Logo dun ano de celebración, estes premios pasaron a denominarse Premios Mestre Mateo. Posteriormente, foron creados outros Premios Chano Piñeiro, en paralelo ós anteriores.

Recibiu a Medalla de Prata de Galicia en 1995, a título póstumo.

Un colexio de Gondomar e o IES de Forcarei levan o seu nome.

En Vigo decidiron colocar unha placa na casa na que viviu.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]