Eugenio Montero Ríos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eugenio Montero Ríos en 1914.

Eugenio Montero Ríos, nado en Santiago de Compostela o 13 de novembro de 1832 e finado en Madrid o 12 de maio de 1914, foi un destacado xurista e político galego. Partidario da separación entre a igrexa e o estado, á súa iniciativa débense a Lei do Rexistro Civil e a Lei do Matrimonio Civil.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Montero Ríos en 1870 en La ilustración española y americana.

Estudou na Universidade de Santiago de Compostela e foi catedrático de dereito canónico nas universidades de Oviedo (1859), Santiago (1860) e Madrid (1864). Fundou o periódico de ideas avanzadas, La Opinión Pública, voceiro de Antonio Romero Ortiz, un dos participantes no levantamento de Solís de 1846.

Deputado nas Cortes constituíntes de 1869 polos progresistas. Foi ministro de Graza e Xustiza con Juan Prim entre 1870 e 1871 e un dos maiores valedores de Amadeo I, con quen volveu a desempeñar a mesma carteira e a quen acompañou ata Lisboa tras a súa renuncia en 1873. En 1873 participou na fundación do Partido Republicano Democrático de Cristino Martos e en 1877 na creación da Institución Libre de Enseñanza, da que foi reitor ata 1878.

Praza de Mazarelos de Santiago.

En 1880 aínda asina un manifesto republicano. Partidario de Ruiz Zorilla, en 1884 acabou incorporándose ó Partido Liberal de Práxedes Mateo Sagasta. Con Sagasta foi ministro varias veces, de Fomento en 1885 e de Graza e Xustiza en 1892. Foi presidente da delegación española que negociou o Tratado de París, tras a guerra cos Estados Unidos (1898) e que supuxo a perda das últimas colonias.

Morto Sagasta en 1903, sucedeuno de forma provisoria, encabezando, con José Canalejas e Vega de Armijo, a fracción máis esquerdista, oposta ó centrismo, máis moderado, de Segismundo Moret.

Foi presidente do Goberno de xuño a decembro de 1905.

O Goberno do 23 de xuño de 1905 estivo formado polas seguintes carteiras:
Carteira Titulares
Facenda Ángel Urzáiz Cuesta José Echegaray
Estado Felipe Sánchez Román Pío Gullón Iglesias
Graza e Xustiza González de la Peña Joaquín López Puigcerver
Instrución Pública Andrés Mellado y Fernández Manuel de Eguilior Llacuno (Conde de Albox)
Fomento Álvaro de Figueroa Torres-Mendieta (Conde de Romanones)
Guerra Valeriano Weyler Nicolau
Mariña Miguel Villanueva Gómez Valeriano Weyler Nicolau


A oposición do monarca Alfonso XIII a castigar os militares no incidente do semanario satírico ¡Cu-cut! motivou a súa dimisión o 1 de decembro de 1905.

Morreu en Madrid o 12 de maio de 1914. No seu testamento renunciaba ás condecoracións obtidas da coroa.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

Pazo de Lourizán.

Montero Ríos representa dalgunha maneira o entramado liberal do caciquismo político dominante na Galicia da restauración. Xurisconsulto e avogado de éxito asentou en Galicia a base do seu poder. Foi cabeza dunha ampla familia sanguínea e política formada por xenros (Benito Calderón Ozores, Eduardo Vincenti, Manuel García Prieto) e fillos (Eugenio e Andrés Avelino Montero Villegas) con ramificacións nas catro provincias que alongaron a súa incidencia máis alá da súa morte física[1]. Os intereses sociais, políticos e económicos montados en torno a este político acadaban a comezos do século XX a maior parte de Galicia. Á súa residencia do Pazo de Lourizán (Pontevedra) acudían políticos, xornalistas e homes destacados da época en peregrinación como se dunha meca política se tratase.

O monterismo e os monteristas foron en Galicia algo máis do que unha corrente de opinión. Montero Ríos, conseguiu, a través da persoa, configurar e unificar as tendencias progresistas liberais que confluían na necesidade de modernizar o estado, de reformar o ensino e de secularizar a sociedade e a política española, recortando a influencia eclesiástica. Xornais como La Voz de Galicia da Coruña, a Gaceta de Galicia de Santiago, El Progreso de Lugo ou La Voz de Mondoñedo eran ideolóxica e politicamente "monteristas" no seu liberalismo progresista, na súa separación entre o civil e o relixioso, no seu laicismo progresivo, no seu fincapé agrarista de carácter antiforal e, en xeral, na súa defensa das clases medias urbanas e non urbanas.

Obra[editar | editar a fonte]

Placa conmemorativa na casa natal.

Escribiu importantes obras. En Santiago publicou, en 1855, a Memoria sobre el origen y relaciones de la Economía Política con influencias de La Sagra. De volta de Oviedo á súa cidade natal escandaliza ós sectores moderados locais con Ultramontanismo y cismontanismo en la historia y en la ciencia. Practicou desde a prensa á alta cultura académica pasando polo folclore de raíz máis popular.

A súa dilatada obra xurídica e parlamentaria foron dunha riqueza extraordinaria. Vocal da Sección primeira da Comisión xeral de codificación, fo académico da Real Academia da Historia y da de Ciencias Morais e Políticas. Á súa iniciativa débese a Lei Orgánica do Poder Xudicial. Colaborou na Revista General de Legislación y Jurisprudencia, con contribucións sobre administración de xustiza e tribunais de partido.

O primeiro biógrafo importante foi o seu xenro Manuel García Prieto nun discurso pronunciado na Real Academia de Jurisprudencia y Legislación en 1930. Juan del Arco tamén glosou a súa vida e obra no tomo X de Los presidentes del Consejo de la Monarquía Española, 1874-1931) publicado en 1947. A moi completa entrada da Gran Enciclopedia Gallega (1974) realizouna José Antonio Durán, que tamén se ocupou do estadista e xurisconsulto no seu libro Crónicas-4.

Predecesor:
Raimundo Fernández Villaverde
Presidente do Consello de Ministros de España
1905
Sucesor:
Segismundo Moret

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Casa natal de Montero Ríos
Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eugenio Montero Ríos Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]