Xosé María Díaz Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xosé María Díaz Castro
Nacemento: 19 de febreiro de 1914
Os Vilares, Guitiriz, Flag of Galicia.svg Galicia
Falecemento: 2 de outubro de 1990
Lugo
Lingua: Galego
Xénero(s): Poesía

Xosé María Díaz Castro, nado nos Vilares (Guitiriz), o 19 de febreiro de 1914 e finado en Lugo o 2 de outubro de 1990, foi un escritor galego.

[editar] Traxectoria

Xosé María Díaz Castro naceu no seo dunha familia labrega. En 1931 ingresa no Seminario de Mondoñedo, onde coñece a Aquilino Iglesia Alvariño, que, a partir de 1936, vai contar coa súa colaboración como profesor no Colexio León XIII, de Vilagarcía de Arousa, que Aquilino dirixía. O estímulo de Aquilino, campesiño de orixe, coma Díaz Castro, e, coma el, antigo seminarista, é decisivo na promoción do poeta como escritor en galego.

Abandonados os estudos eclesiásticos fai o bacharelato, e logo licénciase en Filosofía e Letras pola Universidade de Salamanca. En 1948 trasládese a Madrid, onde exerce a docencia e traballa como tradutor para organismos oficiais e privados, entre eles o Consello Superior de Investigacións Científicas, onde acadou o posto de xefe do Servizo de Información e Documentación do Instituto do Frío, organismo que depende de dito Consello.

Díaz Castro publicou os seus primeiros versos ós dezaseis anos. En 1946 aparecen as súas primeiras poesías galegas. Nimbos foi editado en Vigo, pola Editorial Galaxia, en 1961; pero na antoloxía desa mesma editorial Escolma da poesía Galega, IV, Os Contemporáneos, Vigo, 1955, aparece xa Díaz Castro representado por sete poemas, todos os cales, revisados, pasaron a Nimbos.

En revistas e xornais diversos viron a luz poemas e artigos del en español e en galego. No artigo que consagra o poeta na Gran Enciclopedia Gallega menciónase tamén como tradutor. Neste mesmo artigo, asinado coas siglas X. M. D. P., que corresponden a Xosé María Dobarro Paz, poden obterse outros datos biográficos e bibliográficos arredor do poeta.

[editar] Obra

Autor dunha única obra, o poemario Nimbos (1961), pero que tivo moita influencia nos poetas posteriores pola súa perfección, pola preocupación por Galiza e polos problemas básicos do ser humano, a vida, a morte e o tempo. Díaz Castro adoita ser encadrado dentro da Xeración de 1936 a carón de poetas coma Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro e Aquilino Iglesia Alvariño. Na súa obra móstrase unha reflexión sobre o destino humano a través da preocupación existencial e relixiosa e da comuñón coa natureza. Nun dos seus poemas máis coñecidos, "Penélope", reflexiona sobre unha Galiza que permanece durmida, non refugando, porén, á esperanza para a súa terra.

A voz poética de Díaz Castro apóiase nunha linguaxe rica e exacta, da que xurde a xusteza da imaxe e o fondo poder evocador que se desprende dos seus versos. Os temas, que aparecen sempre envoltos na roupaxe elegante dun clasicismo exemplar, son os da grande poesía universal: a dor do home, o amor, a paisaxe, os sentimentos relixiosos, liberdade... Carvalho Calero dixo que Nimbos veu restaurar na literatura galega a poesía total.

Ferramentas persoais
Espazos de nomes
Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas