Antonio López Ferreiro
| Antonio López Ferreiro | |
|---|---|
| Antonio López Ferreiro, placa en Santiago de Compostela, Galiza | |
| Nacemento: | 9 de novembro de 1837 Santiago de Compostela, A Coruña |
| Falecemento: | 20 de marzo de 1910 Vedra A Coruña |
| Lingua: | Galego |
| Xénero(s): | novela histórica |
Antonio López Ferreiro, nado en Santiago de Compostela o 9 de novembro de 1837 e finado en Vedra o 20 de marzo de 1910, foi un escritor en lingua galega e historiador.
[editar] Traxectoria
Estudou a carreira eclesiástica en Santiago, onde aprendeu latín, filosofía, teoloxía e dereito canónico, ata 1862. Ó ano seguinte marchou a Madrid e licenciouse en Sagrada Teoloxía. Na Escola Superior de Diplomática dedicouse durante tres anos á transcrición de documentos galegos do Arquivo Histórico Nacional, e rematou conseguindo o título de arquiveiro bibliotecario.
En 1866 regresou a Galicia como párroco de Vedra (A Coruña), desde onde continuou publicando artigos sobre as súas investigacións históricas. En agosto de 1871 foi nomeado cóengo do Cabido compostelán, o que lle permitiu acceder ao arquivo documental da catedral, e aproveitalo para realizar traballos de investigación, labor no que destaca a creación da revista Galicia Histórica (publicada entre 1901 e 1903). Tamén lle serviu para cultivar a novela histórica, xénero de enorme vixencia no Romanticismo que ata o momento non fora tratado na literatura galega.
Foi socio correspondente da Real Academia da Historia e académico de número da Real Academia Galega (1905).
En 1978 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
[editar] Obra literaria
Deixou tres novelas históricas:
- A tecedeira de Bonaval (1894) mestura unha historia de amor e os acontecementos sociopolíticos da Galicia do século XVI: o enfrontamento entre a burguesía e a Igrexa compostelás.
- O castelo de Pambre (1895) narra acontecementos históricos da segunda metade do século XVI en terras da Ulloa. Como na anterior novela, alterna unha historia de amor coa exposición do conflito nobiliar entre Gonzalo Ozores de Ulloa e outros nobres partidarios da casa de Trastámara. Foi reeditada en 1996 por Manuela Álvarez Lozano.
- O niño de pombas (1905), de temática amorosa, esta ambientada na Galicia do século XII, co mosteiro de Carboeiro como pano de fondo da acción.
O propósito historiográfico fai que López Ferreiro inclúa nas tres novelas descricións de monumentos e transcricións de documentos históricos.
O autor tiña plena conciencia do seu labor a prol da resurrección e rehabilitación do idioma galego. É asombrosa a súa riqueza de léxico e sintaxe, en ocasións incluíndo arcaísmos recuperados da documentación medieval.
[editar] Obra científica
- Galicia en el último tercio del siglo XV. (1883)
- Historia de la Catedral de Santiago
| Predecesor: Antón Vilar Ponte |
Día das Letras Galegas 1978 Antonio López Ferreiro |
Sucesor: Manuel Antonio |
|
||||||||