Uxío Carré Aldao

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Uxío Carré Aldao, nado na Coruña o 5 de novembro de 1859 e finado na mesma cidade o 18 de decembro de 1932, foi un escritor, editor e libreiro galego, membro fundador da Real Academia Galega. Sucedeu a Andrés Martínez Salazar como Cronista oficial da Coruña.

Índice

[editar] Traxectoria

Casado con Purificación Alvarellos Pena, tivo once fillos entre os que destacan Leandro, Uxío e Lois Carré Alvarellos.

[editar] Real Academia Galega

A partir de 1895 comeza a nacer no seo da Cova Céltica a idea de crear a Real Academia. Carré, con Manuel Murguía e Víctor López Seoane, participa na redacción dos Estatutos e na creación da Academia, que é reclamada publicamente nun artigo publicado por Murguía en 1904. Ó ano seguinte comezan as xestións para a legalización da institución, con Murguía na presidencia e Carré como Secretario [1], que son confirmados na constitución definitiva da Academia, o 30 de setembro de 1906. Carré volvería ocupar a secretaría entre 1909 e 1919.

[editar] Obra literaria

En 1896 publica o seu primeiro libro, Brétemas. Dous anos despois sae o segundo, Rayolas.

De 1904, canto menos, data un boceto teatral en dous actos, baixo o título O sacrificio, drama estrenado en Lugo en 1917.

A Nosa Terra, voceiro de Solidaridad Gallega, editábase na imprenta de Carré Aldao.

Desde 1907 comeza a publicar relatos breves n’ A Nosa Terra, editada tamén na súa imprenta, algúns extraídos das súas obras anteriores e outros inéditos. En 1908 publica tamén nas mesmas páxinas un refraneiro popular galego.

En 1907 publica un Catecismo solidario, iniciativa xurdida a imitación do Catecismo do labrego de Lamas Carvajal, publicado a primeiros dese mesmo ano. O Catecismo de Carré pretende asesorar ós labregos e animalos a presentar queixas e reivindicacións, e ofrece o enderezo da librería para presentar ditas reclamacións, todo co obxectivo de introducir a ideoloxía social no movemento agrario.

En 1908 veuse obrigado a pechar a Librería Regional, polo que se dedica totalmente ás actividades da Academia e diversas colaboracións periodísticas, co seu nome ou con diferentes pseudónimos, como Carlos Florencio, Esteban de Paleo, Xan do Martinete ou Eurico Nagere. No Boletín da Real Academia publica numerosos traballos, sobre todo de historia e crítica literarias. Publica tamén, en 1911, un ensaio sobre Influencias de la literatura gallega en la castellana. Estudios críticos y bibliográficos e, en 1915, a Guerra de la Independencia en España. Tamén, en 1915, presenta o poema Os paxariños sabios nos Xogos Florais de Lugo [2].

En 1916 intégrase nas Irmandades da Fala, que acabaran de nacer nese mesmo ano. Comeza así a destacar o carácter político das súas colaboracións, tanto n' A Nosa Terra como noutros xornais, nas que se observa a evolución cara o nacionalismo. En 1923 pronuncia unha conferencia, no transcurso duns actos organizados polas Irmandades da Coruña, baixo o título Do nacionalismo e de outras cousas que con él teñen relación, na que sitúa o concepto de Nacionalismo como herdeiro do rexionalismo anterior.

Al provincialismo sucedió, en el andar de los tiempos, el regionalismo, vocablo apropiado y llegado oportunamente para, a su vez, ser sustituido por otro no menos oportuno y más adecuado a la marcha de las ideas, o sea, el nacionalismo.

Neste contexto, publica a súa novela curta A terra chama, en 1925 [3].

[editar] Obra

Dentro dos numerosos traballos que publicou Carré, pódense destacar os seguintes:

  • Brétemas, 1896 (prosa e verso en galego)
  • Rayolas, 1898 (prosa e verso en galego)
  • Apuntes para la historia de la imprenta y el periodismo en La Coruña, 1901 (ensaio en castelán)
  • La literatura gallega en el siglo XIX, 1903 (ensaio en castelán [4])
  • O sacrificio, 1904 (teatro en galego)
  • Influencia de los catalanes en el proceso de la industrialización pesquera en Galicia, 1904
  • Catecismo solidario, 1907 (con Xoán Beltrán Muíños, en galego)
  • Literatura gallega, 1911 (ensaio en castelán [5])
  • Contos da forxa, 1919 (narrativa en galego)
  • A Terra chama, 1925 (novela curta en galego)
  • Estudio bio-bibliográfico-crítico acerca de Rosalía de Castro, 1927 [6]


Predecesor:
Andrés Martínez Salazar
Escudo A Coruña.jpg
Cronista Oficial da Coruña

1923-1932
Sucesor:
César Vaamonde Lores

[editar] Notas

  1. Na web da Real Academia consta como data de ingreso o 4 de setembro de 1905 [1].
  2. Único poema en galego entre os 25 premiados neste concurso.
  3. Número 9 da colección Lar, con portada de Camilo Díaz Baliño.
  4. Obra pioneira na historiografía da literatura galega.
  5. Reedición ampliada de La literatura gallega en el siglo XIX. O título completo é "Literatura gallega con extensos apéndices bibliográficos y una gran antología de 300 trabajos escogidos en prosa y verso de la mayor parte de los escritores regionales gallegos".
  6. Durante moito tempo, a bibliografía máis completa de Rosalía.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • ROMERO TRIÑANES, Mario: Obra narrativa en galego de Uxío Carré Aldao. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2000.
  • GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA: s. v. Carré Aldao, Eugenio.
  • ENCICLOPEDIA GALEGA UNIVERSAL, s. v. Carré Aldao, Uxío. Ir Indo, 1999.

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas