Salustiano Portela Pazos
Salustiano Portela Pazos, nado en Rebordelo, Cotobade, o 6 de agosto de 1877 e finado en Santiago de Compostela o 3 de maio de 1976, foi un clérigo e historiador galego.
Traxectoria [editar]
Logo de estudar Humanidades no Seminario de Tui e filosofía, teoloxía e Cánones na Universidade de Santiago, licenciouse en Filosofía e Letras. Tamén foi mestre nacional e membro da Real Academia Galega onde ingresou en 1941. Foi párroco de Valongo (Cotobade), e posteriormente segundo mestre de cerimonias, canónigo e deán da catedral de Santiago.
En 1913 escribiu o libro O cañón de pau, onde fala do papel dos guerrilleiros das terras de Cotobade na Guerra da Independencia contra as tropas do Xeneral Ney e na batalla de Ponte Sampaio. Ademais dese libro escribiu Catecismo social, Los tapices de la catedral de Santiago, e La guerra de independencia en Galicia (1964).
Entre outros recoñecementos, conta cun do Concello de Santiago de Compostela en 1909, outro do Ateneo León XIII en 1910, e outro da Liga de Amigos del País de Santiago en 1916.
Como membro da Real Academia Galega presentou a Antón Fraguas no día do seu ingreso.