La Noche. Suplemento del sábado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

La Noche. Suplemento del sábado foi un suplemento semanal do diario La Noche, editado en Santiago de Compostela, de natureza cultural e centrado en temas e autores galegos.

Características[editar | editar a fonte]

A mediados de 1949, o director do periódico, o navarro José Goñi Aizpurúa pediu ós galeguistas, a través de Francisco del Riego e Xaime Illa, que se responsabilizaran da publicación dun suplemento semanal sobre Galicia. O primeiro encargouse da dirección cultural e o segundo dos aspectos económicos. A lingua utilizada tiña que se-lo castelán pero Aizpurúa non poría inconvenientes a utiliza-lo galego nalgunhas colaboracións.

O suplemento tivo unha vida efémera e só publicou 15 números, desde o 15 de outubro de 1949 ata o 28 de xaneiro de 1950, pero representou unha plataforma para os galeguistas de maior sona nese momento, como Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Risco, Cunqueiro ou Luís Seoane. Neste suplemento apareceu o primeiro artigo publicado por Ramón Piñeiro: "A poesía de Luís Pimentel", o 12 de novembro, asinado baixo o pseudónimo de Luis Veiga do Campo.

No número 13, correspondente ó 14 de xaneiro de 1950, publicáronse dous artigos en homenaxe a Castelao, quen morrera unha semana antes. Valentín Paz Andrade publicou "Castelao. El hombre y el artista" (a catro columnas e en portada); Franciso del Riego, baixo a sinatura "L.", que corresponde ó seu pseudónimo Salvador de Lorenzana, publicou un breve titulado "Morreu o grande artista". A consecuencia disto, a censura pechou o suplemento ás dúas semanas por incumpri-las normas ditadas pola Dirección Xeral de Prensa para o tratamento que debía dar a prensa á noticia do pasamento [1].

Atribúeselle ó suplemento La Noche se-lo precedente da Editorial Galaxia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ve-lo texto destas instrucións [aquí].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • La Noche. Suplemento del sábado. Ed. facsímile do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, Santiago de Compostela 1996.

Outros artigos[editar | editar a fonte]