Fronte Popular (España)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Fronte Popular foi unha histórica coalición electoral creada en xaneiro de 1936 polos principais partidos de centro-esquerda de España. O 16 de febreiro logran a vitoria nas últimas eleccións democráticas durante a Segunda República, antes do golpe de estado que produciría a guerra civil.

A coalición de esquerda-nacionalista[editar | editar a fonte]

A Fronte Popular de España, coalición política de republicanos de esquerda, socialistas e comunistas, gañou as eleccións celebradas o 16 de febreiro de 1936, manténdose no goberno ata o final da Guerra Civil Española en 1939, con Manuel Azaña como presidente da II República. No momento do golpe de estado a presidencia do Goberno era ocupada por Casares Quiroga. Durante o franquismo seguirán mantendo a república española no exilio.

Estaban entre outras organizacións o PSOE, o sindicato UXT, o PCE, o POUM, e os partidos republicanos Esquerda Republicana (IR) de Manuel Azaña e a Unión Republicana (UR) de Diego Martínez Barrio. O pacto estaba apoiado polos nacionalistas cataláns como ERC e incluso (non explicitamente) pola central anarcosindicalista CNT. Con todo, moitos anarquistas que logo combaterían polo bando republicano, nas eleccións pediron a abstención.

A coalición entre socialistas, comunistas e nacionalistas republicanos tiña un programa reformista, como a defensa das reformas sociais do primeiro goberno de 1931, que estaban sendo paralizadas ou eliminadas polo posterior goberno conservador. Tamén xurdía como resposta para pedir a liberación dos detidos e sometidos a proceso por responsabilidades nos feitos acontecidos durante a Revolución de Asturias en 1934, e ante o avance en Europa do nazismo de Hitler e o fascismo de Mussolini. Nese momento tamén en Francia gobernaba a Fronte Popular Francesa.

Resultado das eleccións[editar | editar a fonte]

As eleccións do 16 de febreiro tiveron lugar con relativa calma malia a crispación progresiva dos anos anteriores. Mobilizáronse aproximadamente uns 34.000 gardas civís e 17.000 gardas de asalto que velaban pola seguridade. Os resultados, presentados o día 20, foron:

Censo: 13.553.710 electores

  • Votantes: 9.864.783 (72%)
  • Fronte Popular: 4.654.116 (34,3%)
  • Fronte Nacional: 4.503.505 (33,2%)
  • Centro: 400.901 (5,4%)
  • PNV: 125.714

Os principais partidos conservadores e monárquicos, aglutináronse como resposta na Fronte Nacional (en Cataluña, Fronte de Orde ou Front d'Ordre) liderados polo partido gobernante da CEDA de José María Gil Robles, insistían en identificar á Fronte Popular como un pacto revolucionario bolxevique que liquidaría a nación fronte ás disputas rexionalistas ou as influencias da nova potencia comunista, a URSS. Porén, un detalle pouco importante como as discrepancias de José Antonio Primo de Rivera, líder do pequeno partido Falange Española, con Gil Robles, será transcendente no futuro.

En maio Manuel Azaña é elixido presidente da República, pero o PSOE coa oposición do socialista Francisco Largo Caballero, non se une ó goberno malia que o apoia tepedamente, pero aumenta o conflito e o extremismo do seu discurso, poñendo contra a parede ó goberno formado polos partidos republicanos entre os extremistas máis conservadores e os máis esquerdistas.

Os escanos foron repartidos da seguinte maneira:

Fronte Popular:

  • PSOE: 88 deputados
  • IR: 79 deputados
  • UR: 34 deputados
  • ERC: 22 deputados
  • PCE: 14 deputados
  • Acció Catalana: 5 deputados
  • ORGA: 3 deputados
  • Outros: 18 deputados

Fronte Nacional:

Partidos de centro:

Cabe destacar o gran avance do PCE, escisión do PSOE anos atrás, que acadara o seu primeiro deputado por Málaga en 1933, e que agora contaba cun gran protagonismo na Fronte Popular, Así mesmo, foi importante a desfeita do Partido Radical do republicano Alejandro Lerroux polo escándalo do estraperlo.

O triunfo electoral da Fronte Popular, malia que tivo unha escasa marxe, gozou de gran repercusión en España e en gran parte de Europa. Moitos xa miraban a España como o primeiro enfrontamento, que logo sería a escala global, do fascismo contra as principais potencias democráticas e os emerxentes movementos revolucionarios, sobre todo o comunismo.

A fin do goberno e o comezo da ditadura[editar | editar a fonte]

O fracaso electoral dos conservadores, como xa pasara coa esquerda tralo seu fracaso nas eleccións de 1933, deu resultado a un doloroso fracaso e aumentou a radicalidade do discurso. Uns 15.000 afiliados nas mocidades da CEDA únense á Falanxe. Agora o novo líder dos conservadores será José Calvo Sotelo. A espiral de violencia progresiva promovida tanto polos partidos esquerdistas como por Falanxe e o seu líder José Antonio, fan que este se vexa arbitrariamente privado de inmunidade parlamentaria e detido, e as oficinas de Falanxe clausuradas. Pero isto non frea a xa caótica situación. A violencia era agora o método para impor o discurso, tanto nas cidades como no rural.

En Estremadura o 25 de marzo uns 60.000 xornaleiros ocupan case 3.000 fincas, fartos do poder dos terratenentes e da fame. En Navarra os carlistas, protagonistas de dúas guerras civís durante o século XIX en contra de gobernos liberais, rebélanse contra o goberno de centro-esquerda pedindo un golpe de estado. Coas continuas advertencias e a ameaza dunha nova guerra civil, o goberno intenta illar ós xenerais máis dereitistas, cun rotundo fracaso.

O 1 de maio, Día internacional dos traballadores, exáltanse nos xa tradicionais desfiles dos sindicatos de esquerda discursos inflamados sobre todo por parte do novo líder do PSOE, alcumado o Lenin español: Largo Caballero. Durante unha das manifestacións, circulou o rumor que unhas monxas deran caramelos envelenados a varios nenos, e grupos de exaltados responderon coa queima dun convento, ante a impotencia do goberno republicano.

O 13 de xullo José Calvo Sotelo é asasinado por un grupo de policías e pistoleiros socialistas, entre eles un gardacostas de Indalecio Prieto, o que precipita os plans golpistas de diversos militares e organizacións dereitistas e fai que moitos ata entón indecisos se sumen á conspiración.

O 18 de xullo prodúcese o intento de golpe de estado, nun principio liderado polo xeneral Mola —que asinaba como «el Director»—, apoiado por algúns sectores de Falanxe pese á oposición explícita de José Antonio e os carlistas. Entre os xenerais estaba o xeneral novo Francisco Franco que posteriormente se fai co poder dos rebeldes. Co fracaso do golpe de estado na maior parte do país, e o apoio imprescindible das potencias fascistas europeas iníciase a última guerra civil española. Coa división das distintas organizacións moderadas e esquerdistas, enfrontadas acotío entre si e a ausencia de axuda por parte do resto de nacións democráticas ante o temor, logo real, de provocar a Segunda Guerra Mundial, o goberno electo debe abandonar o país. Franco, nunha longa ditadura persoal, instálase no poder ata a súa morte en 1975.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

República española no exilio.