Gregorio Fernández

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gregorio Fernández por Diego Valentín Díaz.

Gregorio Fernández, nado en Sarria cara a 1576 e falecido en Valladolid o 22 de xaneiro de 1636, foi un escultor galego, considerado pola crítica como o máximo expoñente da Escola de Valladolid. Nesa cidade formou un importante obradoiro con varios aprendices e colaboradores. Traballou por todo o Norte de España: Castela e León, Estremadura, Galiza, Asturias e o País Vasco, chegando mesmo até o Portugal setentrional. É citado ás veces como Gregorio Hernández, mais esta é unha forma castelanizada do seu apelido, que hoxe é moi raro ver en tratados e obras referidas ao mundo artístico.

Biografía[editar | editar a fonte]

Gregorio Fernández naceu en Sarria (Lugo) cara ao ano 1576 (nun documento de 1610 el mesmo declara ter 34 anos). Era fillo dun entallador que tiña o mesmo nome, e con quen debeu aprender os rudimentos do oficio. Ignórase onde e con quen se formou máis profundamente, aínda que os expertos se inclinan a crer que foi na cidade de Ourense, na que por aqueles anos traballaban varios escultores de sona, como Francisco de Moure e Juan de Angés o Mozo, este discípulo de Juan de Juni, cos cales Gregorio Fernández mostra puntos de contacto estilísticos. Tamén se ignora todo dos seus posíbeis traballos nesa época.

Con certeza, desde 1605 está documentada a súa presenza en Valladolid. Debeu influír para ese traslado o feito de que a cidade foi capital de España entre 1601 e 1606, pero tamén se suxire que Gregorio puido ser estimulado por outro escultor, Juan de Muniategui, que a fins do século XVI estaba a traballar en Monforte de Lemos, cidade distante apenas 30 km de Sarria, e que foi home co cal mantería grande amizade e colaboración artística. Como fose, a partir desa data, Gregorio Fernández non abandonou xa a cidade castelá, nin sequera cando a corte real volveu para Madrid e a pesar do grande aprecio que lle tiña o rei Filipe III.

Selo de correos no que esta representado Gregorio Fernandez.

Fernández estivo casado coa madrileña María Pérez (suponse de aí unha estancia en Madrid do escultor, mais nada hai documentado), que lle dou dous fillos, de nomes Gregorio e Damiana. Adquiriu a casa na que morara ao escultor Juan de Juni, sita fronte o convento do Carme Calzado (desaparecido a teor da Desamortización no XIX), para o que traballou constantemente. Era home moi relixioso, coa casa sempre aberta para calquera necesitado, que rezaba antes de porse a traballar, de xeito que era considerado popularmente como un home santo; mais ao tempo era tamén home irado, de xeito que os visitantes facían averiguacións sobre o seu humor antes de entrar no seu obradoiro.

En Valladolid fixo importantes amizades. Profesionalmente tivo que estar relacionado co escultor Francisco de Rincón, cuxas obras teñen paralelos en Gregorio; este foi titor do seu fillo Manuel, que se convertería nun dos seus discípulos. Foi íntimo do pintor Diego Valentín Díaz, a quen se atribúe o seu retrato, representado xa entrado en anos á idade de 50, con aspecto sumamente serio e concentrado. Diego Valentín posuía unha extensa biblioteca, da que Gregorio debeu extraer proveito. Como traballou no Palacio de la Ribera, que era a residencia real valisoletana, non hai dúbidas de que puido ter contactos co italiano Pompeo Leoni e con Rubens, que traballaran para o rei na cidade. Como xa dixemos o monarca tiña unha elevada estima do seu valor, e sábese que tamén a compartía o duque de Lerma, que de feito lle fixo máis dun encargo.

Desde 1628, Fernández comezaría a sufrir achaques, que dificultaron con frecuencia o seu traballo, que ás veces tiña que deixar en mans de colaboradores, aínda que seguiu activo unha ducia de anos máis.

Estilo e etapas artísticas[editar | editar a fonte]

O seu estilo é realista, un tanto rexo, apreciábel na fonda expresión dos rostros, na forma de destacar as partes máis significativas e nos elementos engadidos (postizos) para aumentar a sensación de autenticidade: os ollos son de vidro, as uñas e os dentes de marfil, os coágulos de sangue son de cortiza, as pingas de suor e as bágoas de resina. Con todo, móstrase refinado no tratamento anatómico, na sinxeleza das súas composicións e mais nos xestos contidos. É moi característica a súa forma esquemática de tratar o drapeado, con pregas ríxidas, puntiagudas e acartonadas (pregado metálico). Foi o creador ou difusor de modelos fundamentais como o do Cristo xacente, a Piedade (xa creados no Gótico) ou o Ecce Homo, pero tamén desenvolveu outros.

Consonte a evolución estilística do labor de Gregorio Fernández téñense sinalado tres etapas, que segundo o profesor Otero Túñez e Martín González son:

  • Período inicial (1605-1614): uso de figuras de porte esvelto e posturas contrapostas, propias do estilo manierista; as roupas cínxense ao corpo, pondo de relevo o corpo oculto.
  • Período de madurez (1614-1624): intensificación do naturalismo; roupas de pregas quebradas, que resaltan os xogos de luces e sombras.
  • Período barroco (1624-1636): dinamismo compositivo, tensión nas actitudes dos corpos, aumento dos pregados e a súa dureza, para subliñar aínda máis a loita entre a luminosidade e a sombra.

Temas iconográficos[editar | editar a fonte]

Gregorio Fernández innovou temas que xa eran utilizados con anterioridade.

Cristo Xacente, igrexa de san Miguel, Valladolid.

Ecce Homo[editar | editar a fonte]

Fernández innova ao utilizar unha columna baixa, de xeito que o corpo do Nazareno se ve obrigado a encurvarse. Seguindo a tradición renacentista, acentúa a nudez do corpo cun mínimo pano de pureza, así no Ecce Homo do Museo da Catedral de Valladolid.

Cristo Crucificado[editar | editar a fonte]

Usou o tipo do cravos, consonte estaba de moda na época, que se inspiraba na visión de santa Bríxida, e que tamén adoptara Martínez Montañés en Andalucía. Como no tema anterior chega ao borde da nudez, con panos de pureza ínfimos.

Cristo Xacente[editar | editar a fonte]

Unha das innovacións iconográficas que se lle atribúen con frecuencia a Fernández é a do Cristo Xacente, porén Martín González sinala que remonta ao gótico. Antecedentes máis próximos aínda, do XVI, son o Cristo do Santo Enterro realizado por Juan de Juni, en Segovia, ou o Xacente de Francisco de la Marca para a igrexa de Sancti Spiritus de Valladolid, e que Fernández tivo de coñecer. Os Xacentes de Gregorio Fernández son entallados, en principio, como un todo, co corpo apegado ao leito e ao cabezal. Fernández acabaría por independizar o cadáver do resto, como acontece na escultura para o convento das Clarisas de Monforte de Lemos. E aínda chegará á nudez total do personaxe (Xacente da igrexa de San Miguel, Valladolid).

Piedade e Dolorosa[editar | editar a fonte]

Este tema xa coñecido, convértese na gubia de Fernández nunha muller implorante, que ergue as súas mans e o rostro ao ceo (en realidade á cruz), obrigando ao espectador a seguila física e mentalmente; tal é a da igrexa da Vera Cruz en Valladolid. Mesmo cando o tema se executa con nai e fillo, é dicir a Piedade, tema ben coñecido desde o Gótico, o escultor termina por facer alzar á Virxe primeiro un brazo (A Quinta Angustia, Museo Nacional de Escultura de Valladolid) e logo ambos brazos (Piedade da igrexa de San Martín, Valladolid). A adopción dunha composición en diagonal terá que ver coa utilización procesional.

Inmaculada[editar | editar a fonte]

O prototipo usado polo escultor é dos menos felices da súa bagaxe, e é de resultados inferiores aos que se usaban na España meridional, tales os de Alonso Cano e Juan Martínez Montañés. Representa á Virxe noviña e totalmente cuberta con manto ríxido e as mans xuntas en oración. Porén este tipo perdurou no Norte durante un século. Un bo exemplo é a da igrexa da Vera Cruz de Salamanca (1620).

Santos[editar | editar a fonte]

Fernández tallou imaxes de santos cuxa iconografía resultou moi exitosa e foron logo copiados polos seus seguidores e imitadores. Son de destacar, entre outros, os tipos da Madalena penitente, portando un crucifixo, que se considera creación do escultor, o de san Isidro Labrador, o de santa Teresa de Xesús, que representa en éxtase e con unha pluma na man dereita, e o de san Francisco de Asís, aparentemente en éxtase e de pé, pero en realidade representado xa morto.

Paso "Camiño do Calvario".

Os pasos[editar | editar a fonte]

En opinión de Martín González, Gregorio Fernández foi o creador dos pasos escenográficos con varias figuras. Aínda que seguramente a técnica inicial a tomou de Francisco Rincón, do que se coñecen tamén pasos con varias imaxes, e con quen sabemos con seguranza que colaborou na factura dalgún paso. Porén, Fernández termina por innovar totalmente, xa que os seus pasos non son para seren vistos desde unha única visión frontal, senón que cada escena é multidireccional, apropiada para a súa observación nas rúas. Un consumado exemplo é o paso do Descendemento, que lle contratou a confraría da Vera Cruz en 1623, e que aínda figura na igrexa homónima.

Retablos[editar | editar a fonte]

Fernández era un escultor, pero non debía dominar a técnica arquitectónica, de modo que as trazas dos retablos eran deseñadas por outros artistas da súa órbita. O citado Juan de Muniategui foi un dos que máis asiduamente colaborou con el nese aspecto; outros foron Francisco de Mora, Alonso Balbás e os irmáns Velázquez. Porén o traballo escultórico en si era executado polo mesmo Fernández. Para estes conxuntos, Fernández realizou desde imaxes exentas (San Bruno, para o retablo maior da cartuxa de Aniago) ou grupos escultóricos (A Virxe do Carme impondo o escapulario a san Simón Stock, para o antigo retablo maior do convento do Carme Calzado, Valladolid) até relevos ou altorrelevos escénicos (Adoración dos Pastores, igrexa de San Miguel, Vitoria).

Discípulos e continuadores[editar | editar a fonte]

Tense insinuado que Gregorio Fernández non tivo discípulos, quizais porque ningún dos continuadores brillou con magnitude semellante á súa, mais Isabel del Río destaca un longo elenco de discípulos e continuadores. No seu taller traballaron varios artistas, incluíndo a Manuel Rincón, fillo de Francisco Rincón, do que Fernández sería mesmo titor. Dos seus discípulos, talvez o que logrou colocarse mellor, foi Mateo de Prado, que traballou, sobre todo, na Galiza; en terras leonesas, en Toro, Zamora traballou Sebastián Durete, e en Salamanca fíxoo Esteban de Rueda; na mesmo cidade de Valladolid foi continuado por Pedro de la Cuadra; outro discípulo foi Diego de Anicque ou Anique.

O asturiano Luís Fernández de la Vega, foi un continuador tardío do estilo de Gregorio Fernández no século XVIII.

Selección de obras[editar | editar a fonte]

  • San Martiño partindo a capa co mendigo (1606), igrexa de San Martín, Valladolid.
  • San Antolín (1606), catedral de Palencia.
  • Cristo Xacente (ca. 1606), convento de Santa Clara, Lerma, Burgos.
  • Retablo maior da igrexa de San Miguel (1606), Valladolid.
  • Santo Antonio de Padua (1606-10), igrexa de San Miguel, Valladolid.
  • Arcanxo Gabriel(1611), Museo Diocesano, Valladolid.
  • Retablo maior da igrexa de Portaceli (1612), Valladolid.
  • Retablo maior da igrexa de Villaverde de Medina (1612), Valladolid.
  • Retablo maior da igrexa das Huelgas (1613), Valladolid.
  • Retablo maior da catedral de Miranda do Douro (1610-1614) en Portugal.
  • San Ignacio (1614), igrexa do xesuítas, Bergara, Guipúscoa.
  • Paso de A cruz ás costas (1614).
  • Retablo da igrexa dos santos Juanes (1613-1615), Nava de Rey, Valladolid.
  • Cristo atado á columna (ca. 1615), igrexa da Vera Cruz, Valladolid.
  • Cristo Xacente (1614-1615), convento dos capuchinos de El Pardo, Madrid.
  • A Quinta Angustia ou A Piedade (1616), Museo Nacional de Escultura, Valladolid, que fora encargado pola igrexa das Angustias.
  • Retablo da igrexa da colexiata de Lerma (1616), Burgos.
  • Inmaculada(1620) igrexa da Vera Cruz, Salamanca.
  • Sagrada Familia (1620), igrexa de san Lourenzo, Valladolid.
  • Paso Camiño do Calvario (1614-1620).
  • Ecce Homo (1621), Museo Diocesano, Valladolid.
  • San Ignacio (1622), igrexa de San Miguel, Valladolid.
  • Paso de O Descendemento (1623), confraría da igrexa penitencial da Vera Cruz, Valladolid.
  • Retablo maior da igrexa de San Miguel (1624), Vitoria.
  • San Domingos (1625), igrexa de San Pablo, Valladolid.
  • Cristo atado á columna (1625), igrexa da Encarnación, Madrid.
  • Cristo Xacente (1620-25), convento das Clarisas, Medina del Pomar, Burgos.
  • Cristo Xacente (1620-25), convento de san Plácido, Madrid.
  • San Marcelo (1628), igrexa de San Marcelo, León.
  • Cristo Crucificado (1628), igrexa do convento mercedario de Conxo, parroquia de Santiago de Compostela.
  • San Isidro Labrador (ca. 1628), igrexa de Dueñas, Palencia.
  • Retablo maior da catedral de Plasencia (1629), Cáceres.
  • Bautismo de Cristo (1630), relevo, Museo Nacional de Escultura, orixinariamente nun retablo da igrexa do convento do Carme Calzado, Valladolid.
  • Cristo atado á columna (ca. 1630), convento de Carmelitas Descalzos, Ávila.
  • Cristo Xacente (ca. 1630), Museo Nacional de Escultura, Valladolid, procedente da igrexa de san Filipe Neri en Madrid.
  • Cristo dos Balderas (1631), crucificado, igrexa de san Marcelo, León.
  • Inmaculada (1632), igrexa do Carme Extramuros, Valladolid, que anteriormente estivo no convento do Carme Calzado.
  • Retablo da igrexa de Braojos (1628-1634) na provincia de Madrid.
  • Retablo maior da cartuxa de Aniago (1634), na provincia de Valladolid, do que procede o san Bruno do Museo Nacional de Escultura.
  • Cristo Xacente (1630-36), catedral de Segovia.
  • Cristo da Luz (1631-36), crucificado, capela do Pazo de Santa Cruz, Valladolid.
  • Cristo Xacente (1631-36), convento das Clarisas, Monforte de Lemos, Lugo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Gregorio Fernández

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Martín González, Juan José, Escultura barroca castellana. 2 vols. Madrid. Fundación Lázaro Galdiano. 1971.
  • Martín González, Juan José, El escultor Gregorio Fernández. Madrid. Ministerio de cultura. 1980.
  • Otero Túñez, Ramón, Evolución estilística de Gregorio Fernández, in Boletín de la Universidad de Santiago. 1957.
  • Río y de la Hoz, Isabel del, Gregorio Fernández y su escuela. Cuadernos de Arte Español. Madrid. Historia 16. 1991