Wikipedia:Libro de estilo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O propósito deste libro de estilo é enumerar as convencións ás que se ten chegado co obxecto de darlle un carácter máis homoxéneo á Galipedia. Se as aportacións que se fan seguen un estilo uniforme, a quen procure información seralle máis doado atopala e tamén axudará a quen queira contribuír e mellorar os contidos. O estilo recomendado ten como fontes as propias cualidades técnicas do software que empregamos (MediaWiki), os acordos que se seguen noutras wikipedias, os acordos aos que se chegou na Galipedia e os propios usos do galego. As regras propostas non son obrigatorias. Hai varias boas formas de redactar artigos, mais se todos o fixeren da mesma forma a Wikipedia tornarase moito máis fácil de consultar, manter e expandir.
Nesta páxina recóllense convencións de estilo. Para indicacións técnicas deberás procurar noutras páxinas, nomeadamente:
- Instrucións técnicas esenciais sobre como modificar unha páxina: Wikipedia:Como editar unha páxina
- Emprego de marcadores ou mensaxes predefinidas: Wikipedia: Mensaxes predefinidas
- Normas de conduta a ter en conta: Wikipedia:Cousas que non se deben facer
Se estás a dar os primeiros pasos na Galipedia non te deberás preocupar por seguir todas estas recomendacións inmediatamente. Comeza a redactar, que alguén se ocupará do estilo por ti até que o domines.
Índice |
[editar] Redacción
[editar] Título dos artigos
- Van en singular, salvo se son conceptos colectivos que perdan o seu significado cando se expresen en singular (linguas románicas, partes do carro, países balcánicos);
- Van en minúsculas, salvo os nomes propios:
- de persoa: John Lennon
- de lugar: Península Ibérica
- de institución: NASA
- de obra concreta (libro, pintura, foguete espacial, ...);
- non utilizar parénteses salvo que se saiba que está aceptado: cada categoría xeral pode ter un formato determinado (p. ex., wikipedia:Wikiproxecto Toponimia).
- Vexa tamén Wikipedia:Convencións dos nomes dos artigos
[editar] Ligazóns internas
A utilidade desta enciclopedia multiplícase co uso de vínculos internos. Recoméndase utilizalos en palabras e termos cuxa consulte axude na comprensión ou profunde o artigo que se está a editar. No entanto, un exceso de ligazóns internas nunha páxina ten un efecto pouco estético, polo que non se debe abusar delas. En especial, non coloques unha ligazón todas as veces que apareza unha palabra: basta ligar a primeira.
Crea sempre ligazóns deste xeito:
- anos: ano 2006 e ano -44: os números sós. Para antes da Era Cristiá, o vínculo é un número negativo, ainda que no texto apareza 44 a.C..
- séculos: século XIX (números romanos)
- día + "de" + mes: 4 de outubro (o mes, en minúscula)
- lugares: Lugo.
Podes crear ligazóns a páxinas que aínda non existen.
[editar] Tempos verbais
Ao redactar artigos para a Galipedia, recoméndase que se usen sempre formas verbais en pasado para referirse a sucesos que aconteceron no pasado, especialmente nas seccións introdutorias. O correcto sería "Miguel de Cervantes perdeu unha man na batalla de Lepanto"
- en detrimento de Miguel de Cervantes perdería unha man na batalla de Lepanto
- ou Miguel de Cervantes perde unha man na batalla de Lepanto
- ou Miguel de Cervantes perderá unha man na batalla de Lepanto
No caso de usar outros tempos, cóidese que a redacción non poida dar lugar a confusións.
[editar] Estrutura dos artigos
Os artigos comezan cunha explicación breve (entre tres e cinco liñas) que enuncia os rasgos xerais do concepto. Após ler esta introdución débelle quedar claro a quen o lea o fundamental sen necesidade de ler o resto do artigo. Esta introdución non debe ser unha definición. O lugar das definicións é o galizionario. Con efeito, se ves unha introdución que se pareza máis ben a unha definición deberíala copiar para o galizionario e mellorar o artigo da Galipedia.
- Nas biografías, por exemplo, menciónase o nome completo da personalidade (o nome máis coñecido é o título da páxina), as datas de nacemento e morte, a nacionalidade, a razón da súa condición (profesión, implicación en determinados feitos, etc.) e outra información relevante (títulos de obras, etc.)
O concepto que dá lugar ao artigo debe aparecer neste parágrafo introdutorio en letra negra e en contexto. Se ese concepto é coñecido por máis nomes e se mencionan na introdución, tamén irán en negra. Sen embargo, hai que evitar que eses termos conteñan ligazóns.
[editar] Notas e Véxase tamén
As notas inclúense no texto entre etiquetas <ref> e </ref> e aparecen automaticamente onde coloquemos a etiqueta <references/> ou o marcador {{Listaref}}
Se o artigo o precisa, pódese rematar cunha sección chamada "Véxase tamén" na que se listen conceptos relacionados e que axudarían a comprender mellor ou complementar o tema. Trátase dunha lista sen explicacións, só cos vínculos. Esta sección pode incluir unha bibliografía, unha lista de artigos relacionados cos que se pode ampliar o tema de que trata o artigo e ligazóns a sitios web externos. Ao escollelos pensa na súa durabilidade: as páxinas persoais, por exemplo, poden non permanecer accesíbeis dentro dun par de anos, polo que non é recomendábel mencionalas. Aquí é importante que se explique claramente a que tipo de páxina e contidos remiten os vínculos.
A orde das seccións é a seguinte:
==Notas==
- Colócanse mediante a etiqueta <references/> ou o marcador {{Listaref}} (como usalo)
==Véxase tamén==
- ===Bibliografía===
- Recoméndase empregar o marcador {{cita libro}} (como usala)
- ===Outros artigos===
- Ligazóns sen comentar entre [[ e ]]
- ===Ligazóns externas===
- Ligazóns comentadas entre [ e ]
[editar] Subdivisións do texto
[editar] Parágrafos
Cada parágrafo trata unha idea distinta á dos outros parágrafos. Sepáranse con dobre espazo.
[editar] Apartados (seccións) e índices
Unha sección comprende varios parágrafos relacionados. Non se deben crear demasiadas pero tampouco poñer moito máis de oito parágrafos sen apartados. Isto facilita a edición por anacos e a localización dos datos que interesan se o artigo é moi grande, xa que así aparecen no índice. Mellor poñer de máis que de menos. Deberíanse utilizar subtítulos aclaradores e non ambiguos ou demasiado xerais. As referencias (bibliografía) e ligazóns externas deberían ir sempre en apartados propios (en nivel 1 ou 2).
O índice créase automaticamente cando unha páxina ten máis de tres seccións. Non se ve cando se está a editar unha páxina senón que crea cada vez que se visualiza. A presentación máis xeitosa consiste nun parágrafo introdutorio, que resume a esencia do artigo, seguido do índice.
Para evitar que apareza un índice hai que poñer o código __NOTOC__ (con dous guións baixos a cada lado) en calquera parte da páxina, aínda que o normal sexa poñelo ao principio de todo. Para colocar o índice nun lugar distinto do que aparecería normalmente, colócase nese sitio o código __TOC__ (con dous guións baixos a cada lado). Isto permite repetir o índice varias veces nunha páxina que sexa demasiado longa. Tamén é posíbel colocalo nunha moldura flotante á dereita da páxina con este código:
{|align=right
|__TOC__
|}
- Para aprender a crear seccións consulta a explicación técnica correspondente.
[editar] Ortotipografía
[editar] Xeralidades
- maiúscula inicial sempre tras un punto.
- negra con uso opcional, pero sen abusar. O concepto que dá pé ao artigo debe aparecer no primeiro parágrafo en negra.
- vírgulas, puntos e vírgulas, dous puntos e puntos sempre seguidos de espazo;
- non se usa o dobre espazo;
- os signos ? e ! non van seguidos de punto (xa o teñen incorporado);
[editar] Números
- os números sepáranse nas unidades de millar por puntos, non por espazos nin vírgulas (2.500 libros, e non 2500 nin 2 500 nin 2,500 libros), a excepción dos anos (por exemplo 1900), nos que non usa o punto (non "9 de setembro de 1.975")
- as unidades de medida non fan plural: 400 kg, 17 m, 50.000 l. Tampouco levan punto, salvo que sexa punto final (4 m de alto, e non "4 m. de alto"). Escríbense, salvo excepcións, con minúsculas (80 kg de peso e non "80 Kg").
- os minutos e segundos, como unidades de tempo, represéntanse co nome completo, minutos e segundos, respectivamente, e non se deben confundir cos minutos e segundos dun ángulo. O récord está en 3 minutos 12 segundos; un ángulo de 44° 30' e 40".
[editar] Uso da cursiva e as aspas
[editar] Cursiva
[editar] Títulos
Póñense en cursiva os títulos de cousas que teñen entidade propia. Así se diferencian os títulos das novelas e series de televisión dos títulos de poemas e episodios, que irán entre aspas. Non se poñen no título do artigo. En particular, van en cursiva os títulos de:
- Libros, xornais e revistas: A nosa cinza. Unha excepción son os libros da Biblia e a Biblia e o Corán en si.
- Obras de teatro, películas e series de televisión ou radio: Othello
- Composicións musicais longas (p.ex. óperas ou álbumes): Madamme Butterfly de Puccini
- Poemas longos que poidan aparecer publicados sós nun libro: Os Lusíadas
- Obras de arte: As señoritas de Avignon
[editar] Ademais
- Palabras procedentes doutros idiomas que aínda non foron asimiladas: un existencialista avant la lettre
- Palabras cando se fala da palabra en si: Dixo purguratorio en vez de purgatorio
- Letras cando se fala da letra en si: O dígrafo nh provén do provenzal
- En bioloxía, o xénero, subxénero, especie e subespecie
[editar] Aspas
[editar] Títulos
Úsanse as aspas para os títulos de cousas que forman parte dunha entidade maior. Non se poñen no título do artigo. En particular, van entre aspas os títulos de:
- Artigos de xornais e revistas, capítulos de libros e ensaios.
- Capítulos de series de televisión ou radio
- Cancións e composicións musicais breves
- Poemas
[editar] Ademais
É posíbel pór aspas arredor de palabras ou frases que se usan nun sentido non literal e para introducir por primeira vez conceptos non familiares para o lector.
[editar] Diversos
Categoriza se podes e sabes. En Wikipedia:Categorías están as categorías consideradas oficiais, establecidas por consenso (votouse sobre elas); en Wikipedia:Wikiproxecto Categorías/Índice temático de categorías hai un mapa de todas as categorías existentes, oficiais e non oficiais.

