Francisco Fernández del Riego
Francisco Fernández del Riego, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913, e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010 ós 97 anos[1], foi un intelectual galego. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Índice |
Traxectoria[editar]
Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega. Fernández del Riego pertence á xeración de intelectuais xurdidos arredor do grupo Nós.
Tras rematar o bacharelato matriculouse en dereito na Universidade Complutense de Madrid, a proclamación da República colleuno nesa cidade, pouco despois trasládase a Santiago e segue os seus estudos na súa universidade ao tempo que realizaba filosofía, entrou no Seminario de Estudos Galegos e no Partido Galeguista[2], e formou parte do Consello galego de Galeusca (1934).
Foi xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto un dos principais impulsores da Editorial Galaxia (1950), empresa que liderou o proceso de restauración cultural na posguerra. En 1963 xurdiu desta editorial a revista Grial, que Del Riego codirixiu e para a que escribiu de forma asidua recesións literarias e artigos.
Ingresou en 1960 na Real Academia Galega cun discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores. En 1997 presidiu esta institución.
O seu traballo no ámbito cultural e a súa extensa obra convérteno nun dos principais intelectuais galeguistas do século XX e comezos do XXI. Entre os seus libros destacan ensaios sobre a cultura e a literatura galegas como Historia da literatura galega (1984), Galicia no espello, Diccionario de escritores en lingua galega, A xeración Galaxia e estranxeiras, como Letras do noso tempo.
Cultivou tamén a narrativa (O cego de Pumardedón) e a literatura de viaxes (As peregrinacións xacobeas, O camiño de Santiago e Galicia). Editou antoloxias poéticas e libros de vocabulario, escribiu gran número de artigos poéticos e biografías. Tamén é autor dun libro de memorias, O río do tempo (1991). No 2003 recompila a súa correspondencia con Cunqueiro e a edita en Galaxia co título Cartas ao meu amigo. Epistolario Mindoniense, e publica tamén en Galaxia as súas memorias baixo o título de Camiño andado.
En 1995 doou á cidade de Vigo a súa colección de libros, que constitúe a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego. Foi director da Biblioteca da Fundación Penzol, en Vigo.
Obra en galego[editar]
Ensaio[editar]
- Cos ollos do noso esprito, 1949, Alborada (Bos Aires).
- Galicia no espello, 1954, Ediciones Galicia (Bos Aires).
- Os camiños galegos na andadura de don Ramón María del Valle-Inclán, 1971.
- Manual de historia da literatura galega, 1971, Galaxia.
- Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores, 1973.
- Letras do noso tempo, 1974, Galaxia.
- Ánxel Casal e o libro galego, 1983, Edicións do Castro.
- As peregrinacións xacobeas, 1983, Galaxia.
- Escritores de Portugal e do Brasil, 1984, Edicións do Castro.
- Historia da Literatura, 1984, Galaxia.
- O señor da casa grande de Cima de Vila, 1988, Fundación Otero Pedrayo.
- Diccionario de escritores en lingua galega, 1990, Edicións do Castro.
- O río do tempo, 1990, Edicións do Castro.
- Álvaro Cunqueiro e o seu mundo: vivencias e fabulacións, 1991, Ir Indo.
- Presencia de Vigo na industria do libro e nas publicacións periódicas, 1991, Edicións do Castro.
- Blanco Amor, emigrante e autodidacta: a súa vida literaria, 1992, Ir Indo.
- O camiño de Santiago, 1992.
- Galicia, 1994, Xerais.
- Luis Seoane desde a memoria, 1994, Edicións do Castro.
- A xeración Galaxia, 1996, Galaxia.
- Antolín Faraldo, o gran soñador, 1998, Xerais.
- A pesca galega de mar a mar, 1998, Edicións do Castro.
- A pegada das viaxes, 2000, Ir Indo.
- Portugal norteño, 2000.
- Con Pondal en Bergantiños, 2001, Edicións do Castro.
- Ourense sentimental, 2001.
- Vigo sentimental, 2001. Caixanova.
- Camiño andado, 2003, Galaxia.
- Desde a miña fiestra: 13 figuras da cultura galega contemporánea, 2003.
- As peregrinacións xacobeas, 2003, 3C3.
- Sinais dunha cultura, 2003, Deputación de Pontevedra.
- Lourenzá, 2004, Edicións do Castro.
- Palabras a eito, 2005, Universidade de Santiago de Compostela.
Narrativa[editar]
- O cego de Pumardedón, 1992, Ir Indo.
- Mondoñedo, 1992.
- San Andrés de Teixido, 1993, Castromil.
- Na espera do amigo, 1994.
Edicións e antoloxías[editar]
- Escolma de poesía galega. IV. Os contemporáneos, 1955, Galaxia.
- Do dezanove ós continuadores, 1976, Galaxia.
- Do posmodernismo ós novos, 1980, Galaxia.
- Escolma de textos de Vicente Risco, 1981, Real Academia Galega.
- Pensamento galeguista do século XIX, 1983, Galaxia.
- Pensamento galeguista do século XX, 1983, Galaxia.
- Poesía, de Antonio Noriega Varela, 1991, Xerais.
- Eduardo Blanco Amor: escolma de textos, 1993, Real Academia Galega.
Obras colectivas[editar]
- A máis recente poesía galega, 1951, Galaxia. Con Ánxel Johán.
- Os escritores lucenses arredor de Ánxel Fole, 1986, Concello de Lugo.
- Roberto Blanco Torres (1891-1936), 1999, Xerais.
- Un epistolario de Ramón Piñeiro, 2000, Galaxia.
- Manuel Murguía (1833-1923), 2000, Xerais.
- Manuel María, 2001, Ophiusa.
- Epistolario a Francisco Fernández del Riego, de Ricardo Carvalho Calero, 2006, Galaxia.
- Poetas e Narradores nas súas voces (Vol. II), 2006, Consello da Cultura Galega.
- Fermín Penzol: unha obra para un país, 2010, Galaxia.
- Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego 1959-2007, de Xosé Neira Vilas, 2013, Galaxia.
Bibliografía[editar]
- Homenaxe a don Paco del Riego, fillo adoptivo de Nigrán, 2003, Edicións do Cumio.
Obra en castelán[editar]
Ensaio[editar]
- Historia de la literatura gallega, 1951.
- Peregrinaciones a Santiago, 2004, Galaxia.
Dicionarios[editar]
- Vocabulario castellano-gallego, 1973, Galaxia.
Galardóns e recoñecementos[editar]
Como unha das principais figuras de Galicia, foi recoñecido con numerosos galardóns, como o Premio Trasalba, o Pedrón de Ouro, a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, o Premio de creación Cultural da Xunta de Galicia, o Premio Celanova, o premio A casa dos Poetas, unha Medalla Castelao, o Premio das Artes e das Letras de Galicia, o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda e outros.
Foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica, así como Membro de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega e, postumamente, Bo e Xeneroso por esta mesma entidade.
| Predecesor: Domingo García-Sabell |
presidente da RAG 1997-2001 |
Sucesor: Xosé Ramón Barreiro |
Vida persoal[editar]
Estivo casado, mais non tivo fillos. Á súa morte, foi incinerado, e as súas cinzas gardadas no cemiterio da Ramallosa (Nigrán)[3].
Notas[editar]
Véxase tamén[editar]
- RODRÍGUEZ-POLO, Xosé Ramón (2009): O triunfo do galeguismo. Opinión pública, partidos políticos e comportamento electoral na transición autonómica. Madrid: Editorial Dykinson.
- RODRÍGUEZ-POLO, Xosé Ramón (2009): Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo. Vigo: Xerais.