Ramón Armada Teixeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ramón Armada Teixeiro, nado en Santa Marta de Ortigueira o 14 de setembro de 1858 e finado na Habana o 1 de xullo de 1920, foi un escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Armada Teixeiro naceu de Xoán Armada, licenciado en medicina e amante da literatura, e Bibiana Teijeiro. A infancia desenvolveuse na súa vila natal, concretamente na casa nº 4 da “calle ancha a Rúa Real”. O feito de ter nacido nunha familia acomodada, permitiulle comezar os seus estudos de Peritaxe mercantil na cidade de Lugo, título que acadou finalmente na Illa de Cuba (1895). Nesta cidade, por medio de oposición pública, acadou o Premio ordinario correspondente á materia de Aritmética e Álxebra (diploma expedido polo Instituto de Lugo en 1877).

Emigración cara a América[editar | editar a fonte]

Cando Armada contaba con 16 anos de idade decidiu embarcar cara América, concretamente a Bos Aires, onde pasará unha curta estadía, pois como din os seus biógrafos andou “coa nostalxia ao ombreiro, xa que a vocación de comercial non lle atraía”. Un boleto de lotería premiado permitiulle volver á casa aproximadamente tres anos despois da súa ida. Mais como era habitual na Galiza do momento, debido á crise agraria e á marxinación sofrida, Armada Teixeiro decidiu emigrar para un dos focos culturais do momento, A Habana, en 1878. Desembarcou, como moitos galegos do momento coa esperanza dun futuro mellor, mais a diferenza doutros moitos compatriotas, cuns estudos e unha posición que non o levarán a traballar en condicións deplorábeis.

Desde a súa chegada á Habana, Armada Teixeiro non descansou na súa loita por defender os intereses dos galegos de fóra e dentro de Cuba, a través da súa participación como Secretario do Centro Galego (18861893), Vocal da Sección Instrutiva da Entidade Galega (18931899), Vocal da Xunta de primeiro ensino da cidade da Habana, Inspector de ensinanza do 6º distrito e presidente dos tribunais de exames Regulamentarios.

Ademais destes cargos públicos, fundou en 1885 xunto con Lugrís Freire a primeira publicación da emigración monolingüe en galego: “A Gaita Gallega” da que tamén será director. O feito de estar escrita integramente en galego non representa unicamente unha opción lingüística, senón que implica unha reivindicación da cultura galega por parte dos seus creadores e dos persoeiros que participaron nela. A través das páxinas desta publicación maniféstase unha constante preocupación pola defensa da lingua como elemento de identidade, o que di moito de Armada Teixeiro e do seu pensamento. A Gaita Gallega publicouse até 1889, anos durante os cales aportou numerosos textos baixo os pseudónimos de Chumín de Céltegos e Amador Marán. Durante a súa estadía na capital cubana, participou tamén noutros xornais: La Tierra Gallega (1894–1896), El Eco de Galicia, Eco de Galicia, Pro-Galicia, Follas Novas etc.

Canto á súa faceta literaria, durante esta primeira etapa na Habana publicou en 1885 a peza teatral Non mais emigración cunha dedicatoria a Fidel Villasuso Espiñeira. Ao ano seguinte apareceu a segunda edición e estréase no Teatro Tacón o 10 de abril, contando coa música do galego Felisindo Rego. A obra pon de manifesto un dos problemas do momento, a emigración, que será o tema principal da obra de Armada Teixeiro, enmascarado a través da historia de amor de Xan e Marica e das falcatruadas de Farruco, o cal ofrece unha visión que moitas veces foi rebatida pola crítica. Non amosa a obra as súas experiencias persoais, xa que estas en Cuba non foron negativas, pola contra el foi un triunfador, mais vive de cerca de experiencia doutros galegos afincados na Illa. Destaca esta obra por ser a primeira zarzuela en galego e a primeira obra en galego representada fóra da Galiza.

Dez anos máis tarde publicou a súa primeira obra poética, Caldo de Grelos, prologada polo pedagogo Vicente Fraiz Andón, e que recolle textos aparecidos con anterioridade en xornais. Como di o seu grande amigo Curros Enríquez “resaltan entre las condiciones artísticas de Armada sus condiciones de poeta descriptivo”, pois neste poemario dedica varios textos a falar das dúas patrias das que se sente membro: Cuba e Galicia.

En 1897 publicou Aturuxos, libro de poesía prologado por Curros Enríquez, e que constitúe o único texto en prosa que nos deixou o celanovés, xunto cunha carta. Neste libro Armada segue a facer unha evocación á terra e a denunciar o caciquismo e as miserias dos nosos labregos. Tamén nesta etapa formou parte da “Cova Céltiga” cubana, reflexo da que existía na Coruña.

Volta a Galicia[editar | editar a fonte]

Despois deste intenso labor na Habana en todos os niveis, Armada Teixeiro volveu a Ortigueira no 1899, despois da perda de España da Illa de Cuba (1898). Durante a súa estadía na súa vila natal seguiu a desempeñar cargos oficiais, paralelamente conxugados coa súa escrita e o seu pensamento galeguista. Continuou en Ortigueira o labor xornalístico, que comezara na Habana, coa fundación do periódico El Eco de Ortigueira, e como correspondente galego do habaneiro Diario de la Marina, onde publicou unha serie de crónicas do País Galego.

En novembro de 1902 foi nomeado secretario do concello de Ortigueira, e nestes anos tamén prestou servizo á Xunta Local de Primeiro Ensino, en calidade de Vogal delegado de Pais de Familia. Cando Armada Teixeiro dimitiu deste cargo, a Xunta Local de Primeiro Ensino, a proposta do seu presidente o alcalde Manuel Sandomingo, acordou por unanimidade:

conste en acta el sentimiento de la Junta por la renuncia que del cargo de secretario de este municipio y como tal de esta entidad, formuló el Sr. Ramón Armada Teijeiro, persona cultísima y honrada que con tanto acierto supo secundar el interés que por el mejoramiento y progreso de la educación popular, demostrando sus superioridades. (Libro de Actas de las Sesiones celebradas por la Junta Local de 1º Enseñanza de Ortigueira)

No ano 1904 Armada Teixeiro presentou aos Xogos Florais de Viveiro o ensaio: “Misión del Municipio y su importancia como órgano social para la propaganda de la enseñanza primaria en sus aspectos intelectual, artístico y físico”, que resultou gañador. O texto mostra os problemas que observa canto á educación, e foi lido en Ortigueira en agosto de 1904 por mor das conferencias que nesa vila se celebran, e ás que Armada acode como Vogal Delegado dos Pais de Familia.

Sobre o mesmo tema versa o texto “Labor moralizadora de las sociedades gallegas en América que sostienen planteles de enseñanza. Su importancia educativa y patriótica”, que enviou ás Festas Pedagóxicas que se celebraron en Compostela en 1906, ás que fora convidado, mais sen poder asistir por formar parte da comisión de festas de Santa Marta de Ortigueira. Con este ensaio recibiu o primeiro premio, e como di o pedagogo Vicente Peña Saavedra “representa na orde de divulgación educativa a peza sobranceira da súa produción”.

En 1909 participou no Certame Histórico celebrado en Santiago de Compostela coa súa obra "Labor moralizadora de las sociedades gallegas en Cuba".

No plano literario cómpre destacar a súa colaboración como membro da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega que naceu na Habana da man de Curros Enríquez e Fontenla Leal. Ao pouco tempo fundouse na Coruña, en setembro de 1905, a Real Academia Galega, aparecendo Armada como número 2 dos primeiros 40 integrantes.

Regreso a Cuba[editar | editar a fonte]

Debido ao caciquismo que el tanto denuncia a través dos seus escritos foi destituído do cargo municipal que ocupaba, o 19 de marzo de 1909 volveu a Cuba, onde permaneceu até a súa morte no 1920.

Na illa ocupou o posto de secretario do “Casino Español” e o de Secretario da Conferencia de colonias e casinos españois de Cuba. O 21 de novembro do ano da súa chegada á Habana, a Xunta Xeral da “Sociedade de Instrución de Santo Adrián” nomeouno Socio de Mérito en recoñecemento do apoio que lle vai prestando a esta entidade a través da prensa, medio que lle serve a Armada para dar a coñecer ao mundo o seu ideal.

En 1912 no número 2 da Revista Pro-Galicia fixo unha síntese da encomenda das Sociedades Galegas de Instrución fronte ao caciquismo:

Pero en Galicia no hay solo caciques, hay “cipas”, esto es, caciques de caciques y su poder es tan considerable que si en las colonias gallegas de América y en esas sociedades de Instrucción no impera la concordia estruturando lazos de afecto, aunando voluntades y estableciendo conjunciones de resistencia… (Pro-Galicia).

Ao igual que durante a súa estancia na Galiza, seguiu a colaborar no Diario de la Marina, labor que durará até a súa morte. Nos últimos anos da súa vida, concretamente en 1912, Armada Teixeiro publicou un monólogo: Mexamorno en Viveiro, onde ao igual que fixera antes con Non mais emigración, volta a mostrar o seu rexeitamento cara a emigración e a necesidade de retornar a Galiza.

A súa última obra data de 1918, A Terriña que constitúe unha recompilación das tres obras anteriores de poesía coa única diferenza de ter cambiado polo A-la-las o título de Aturuxos que aparecía na primeira edición.

Dous anos despois, en xullo de 1920, Ramón Armada Teixeiro faleceu na Habana, onde permanece o seu corpo, baixo un monólito funerario situado ao carón do panteón que pertence á Sociedade de Naturais de Ortigueira. Segundo di Xosé Neira Vilas, “o pequeño monumento ten na cima unha lira e non unha cruz, e debaixo, nos frontis, aparecen os títulos dalgúns libros da súa autoría. Unha novedosa bibliografía na pedra, como alguén a denominou”.

“Armada era o verbo ardido, entusiasta, elocuente que decote mantiña nas almas as inmorrentes arelas patrióticas”, segundo as palabras que un grande amigo seu lle brindou.

Obra[editar | editar a fonte]

  • ¡Non máis emigración!, 1886 (peza teatral).
  • Caldo de grelos, 1895 (poesía).
  • Aturuxos, 1897 (poesía).
  • Mexamormo en Viveiro, 1912 (monólogo).
  • Da terriña, 1917 (poesía).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]