A Nosa Terra (1977)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Nosa Terra foi un periódico en papel, e posteriormente electrónico, que operou en Galicia dende 1977 ata 2011. Encadrado na órbita do nacionalismo, e escrito integramente en galego, foi dirixido por Margarita Ledo, Xosefina López Corral, Xosé Currás, Afonso Eiré e Manuel Veiga.

Historia[editar | editar a fonte]

Entre os promotores do proxecto de 1977 estaban Margarita Ledo, que foi a súa primeira directora, os xornalistas Xosé Ramón Pousa, Antón Galocha, Xosé López, Marita Otero, Lois Celeiro; o deseñador gráfico Pepe Barro e o fotógrafo Fernando Bellas. A primeira etapa do periódico, sempre semanal, durou ata 1980, foi dirixida por Ledo e tivo a súa sede en Santiago de Compostela. Ledo foi substituída en 1980 por Xosefina López Corral. En 1981 a publicación foi condenada por ataques á Constitución e estivo clausurada durante tres meses. Daquela a redacción trasládase a Vigo e reabre co director en funcións, Afonso Eiré, que sería director formal do semanario a partir de 1983[1].

Ao longo dos seus anos recolleu artigos dos mellores e máis destacados xornalistas e escritores galegos (Manuel Rivas, María Xosé Queizán, Carlos Casares, Xosé Antón Gaciño, Xesús González Gómez etcétera) e dos máis destacados humoristas gráficos, como Xaquín Marín ou O Carrabouxo.

O periódico funcionou sempre como semanario, aínda que en diversos períodos viuse obrigado a saír quincenalmente, facendo en total 33 anos. En decembro de 2007 o periódico realizou unha importante reforma deseñística e de contidos[2]: Eiré, o daquela director, ascendía a conselleiro delegado, e as tarefas de dirección xornalística recaían en Manuel Veiga. Asemade, publicábase unha edición electrónica coordinada por César Lorenzo. Os problemas económicos, endémicos durante toda a vida desta cabeceira, comezaron a sucederse[3] ata que en agosto de 2010 a empresa editora, Promocións Culturais Galegas SA anunciou a suspensión de pagamentos e o peche do semanario en papel. A partir dese momento, continuou actualizándose a edición electrónica, que pechou definitivamente os seus contidos o 23 de setembro de 2011[4].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]