Antonio de Nebrija

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nebrija na súa cátedra, por Juan de Zúñiga, ca. 1517

Antonio Martínez de Cala e Hinojosa, coñecido como Elio Antonio de Nebrija[1], nado en Lebrija en 1441 e finado en Alcalá de Henares o 5 de xullo de 1522,[2] foi un humanista castelán do século XV.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Elio Antonio naceu na poboación sevillana de Lebrija no ano 1441. Despois de realizar os seus estudos preparatorios ingresou na universidade de Salamanca, a máis notoria da Coroa de Castela, na que realizou estudos de Humanidades. En 1463 foise para Boloña, Italia, a fin de ampliar a súa formación. Regresou ao cabo duns sete anos, e foi profesor, primeiro en Sevilla, e logo en Salamanca. Nesta altura xa publicara os seus primeiros traballos sobre a lingua latina, nun latín elegante, que o encheu de sona, non só en España, senón en toda Europa. Chamado polo cardeal Cisneros, en 1490, Nebrija acudiu a Alcalá de Henares, onde aquel o puxo a fronte da revisión das traducións grega e latina da monumental edición da Biblia Políglota, labor que rematou en 1502.

A Gramática Castelá de 1492[editar | editar a fonte]

Antes, en 1492, publicou a Gramática de la Lengua Castellana, que dedicou aos Reis Católicos, na que aparecía a famosa frase, premonitoria, "a lingua sempre foi compañeira do Imperio", aínda que posibelmente Nebrija pensaba no Imperio Romano e outros da Antigüidade, antes que no castelán como lingua imperial. E, sen dúbida, era consciente do aboiar das linguas romances desde o Rinascimento italiano, pois non en van o seu texto ía redactado en castelán. Como for, o caso é que Nebrija innovaba con a súa Gramática e adiantaba ao castelán nas investigacións modernas sobre a lingua (basta comparar as datas das modernas gramáticas nas diversas linguas europeas). Por desgracia, segundo foron pasando os anos do século XVI, os estudos humanísticos españois deixaron de ser avanzados, e a Ciencia en xeral declinou.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

En 1509, foi nomeado cronista da corte, ao tempo que regresou á universidade salmantina. Mais en 1513, volveu para Alcalá de Henares, e alí faleceu Nebrija en 1522.

Obras principais[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O seu pseudónimo está basado no topónimo da súa cidade, como era costume de moitos humanistas da época. A forma latina era Aelius Antonius Nebrissensis, pois Nebrissa era o nome romano de Lebrija ou Nebrija, como tamén se dicía na época (ou para ser máis precisos Nebrixa).
  2. (en castelán) Enciclopedia Universal de la Cultura A~Z El Mundo. Barcelona: El Mundo. 1996. p. 652. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Antonio de Nebrija