Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Esta páxina está semiprotexida ata o 26-10-2017
Este é un artigo de calidade da Galipedia
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Castelao
Castelao en Rosario en 1946
Nome completoAlfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao
Nacemento29 de xaneiro de 1886
Lugar de nacementoRianxo
Falecemento7 de xaneiro de 1950
Lugar de falecementoBuenos Aires
Causacancro de pulmón
SoterradoCemiterio de La Chacarita e Panteón de Galegos Ilustres
NacionalidadeGalicia
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
OcupaciónPolítico, médico, artista, escritor, ensaísta, dramaturgo
PaiMariano Rodríguez Dios
NaiJoaquina Castelao Genme
CónxuxeVirxinia Pereira Renda
FillosAlfonso Xesús de Braga
(1914-1928, 14 anos)
MovementoGrupo Nós
XénerosNarrativa, ensaio, teatro, debuxo
Coñecido porUn ollo de vidro. Memorias dun esquelete, Cousas, Os dous de sempre, Retrincos, Os vellos non deben de namorarse, Diario 1921, As cruces de pedra na Bretaña, Sempre en Galiza, As cruces de pedra na Galiza, Álbum Nós, Cincoenta homes por dez reás, Cousas da vida, Galicia mártir, Atila en Galicia, Milicianos, Debuxos de negros e Cegos: os meus compañeiros
OrganizaciónPartido Galeguista
CargosDeputado (polo PG)
Presidente do Consello de Galiza
Académico de número da Real Academia Galega (25 de xullo de 1934)
PremiosMedalla de Ouro de Galicia
Na rede
IMDB: nm0144608 Galiciana: 6347 Bitraga: 54 BUSC: castelao-1886-1950 Dialnet: 1382770 Musicbrainz: d1dacd9e-1154-41c6-b707-86330aac7680 Find a Grave: 26567784 Tebeosfera: rodriguez_castelao_alfonso_daniel_manuelEditar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro[1] de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX.[2] Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".

Foi homenaxeado co segundo Día das Letras Galegas, no ano 1964. En decembro de 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra como Ben de Interese Cultural inmaterial.

A Real Academia Galega de Belas Artes dedicoulle o Día das Artes Galegas 2016 polos "extraordinarios méritos artísticos" da súa obra[3].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Casa de Castelao en Rianxo.

Naceu o 29 de xaneiro de 1886[4] en Rianxo, sendo o primeiro fillo de Mariano Rodríguez Dios, mariñeiro dedicado a facer velas para barcos[5] (m. 12 de novembro de 1932), e de Joaquina Castelao Gemme (m. 24 de xaneiro de 1945). Ao seguinte día do seu nacemento foi bautizado na igrexa de Santa Comba, sendo os seus padriños Pilara e Francisco Castelao, irmáns da nai[5].

Aos tres meses do nacemento de Daniel, o pai emigrou a Arxentina, onde instalou con éxito unha pulpería[6][7], e aquel foi criado especialmente polos seus avós maternos Teresa e José Ramón, carpinteiro de profesión e coñecido polo alcume de Pepe de Castelao[5].

Inscrición na casa.

Na casa e na escola chamárono sempre Daniel, non Alfonso, como, por iniciativa propia, puxo na partida o crego, por ser nado no mesmo ano en que se agardaba o nacemento do futuro rei Afonso XIII de España, ó que se lle tiña destinado o nome de Alfonso[8]. Posteriormente adoptou o nome de Alfonso R. Castelao ou, sobre todo na sinatura dos seus debuxos, simplemente Castelao.

Sendo cativo foi veciño dos Dieste e moi amigo de Eduardo, irmán do futuro escritor rianxeiro Rafael Dieste[5]. Asistiu á escola privada de Xoán Vidal e despois á escola pública de Rianxo[9].

A finais de 1895, Daniel emigrou coa súa nai para ir vivir co pai en Bernasconi, na Pampa. Ambos embarcaron, como tantos emigrantes, no porto de Vilagarcía de Arousa no bote Lloyd Norte, propiedade dunha empresa alemá.

Tiña eu once anos[10] cando meu pai, que estaba na Arxentina, nos chamou cabo de si; e alá fomos embarcados miña nai e mais eu, nun paquete alemán.

— Castelao, O segredo.

Durante a estadía da familia na Arxentina nacerían as súas únicas irmás: Josefina (1897-1974[11]) e Teresa (1898-marzo 2000).

Residiu na Arxentina até o 1900 e alí, segundo el mesmo conta, descubriu o valor da caricatura lendo Caras y Caretas, onde Xosé María Cao Luaces publicaba as súas caricaturas.

En 1900 deciden volver para que Daniel estude medicina en Compostela. De volta en Rianxo instálanse na casa número 7 da Rúa de Abaixo. Nesas datas comeza a tomar clases de debuxo de María Dios Rivademar no Caramiñal[12]. Máis adiante, o pai volveu a Arxentina para regresar definitivamente en 1903 e, cos ingresos que acumulara alá, mellora substancialmente a situación económica da familia polo que puido dedicarse á política (chegou a ser alcalde de Rianxo en 1907 e en 1923) e dar estudos ao fillo.

Estudos e activismo[editar | editar a fonte]

De 1900 a 1903, Castelao estudou no Instituto Xeral e Técnico o bacharel de Artes e, entre 1903 e 1909, cursou a carreira de Medicina na Facultade da Universidade de Santiago de Compostela. Durante eses anos, tal como sinala Otero Pedrayo en Espello na serán[13], Castelao viviu primeiro no pazo de Raxoi e máis tarde no pazo do Castro, na rúa do Castro, 9[14].

Enrique Guerra e Castelao, 1909.
"Castelao, sendo estudante do Instituto, viviu de pupilo no mesmo pazo de Raxoi, na habitación dun empregado. Foi un dos poucos veciños -agás dos membros do Colexio de Confesores- da gran praza dos ventos e das Pelerinaxes (...). Viviu Daniel tamén no grave e xeitoso pazo, afeito a esculcar ata o Pico Sacro, da rúa pequeneira e outa do Castro. Non hai pazo con máis raxado xardín e searas: as antigas hortas de Altamira na súa versión de mercado".

No seu periplo universitario, prendeu a idea en Castelao dunha Galicia "máis xusta, máis libre, máis farturenta", á vez que, en propias palabras de Castelao, "a nosa mocidade empurrábanos ao separatismo"[15].

Durante os seus anos na universidade agroma tamén o seu interese polo debuxo e a pintura, e en especial pola caricatura, ademais de pola música, posto que tocaba na tuna[16]. En 1908 expuxo os seus debuxos en Madrid e comezou a colaborar coa revista viguesa Vida Gallega. Entre 1909 e 1910 fixo un curso de doutoramento en Madrid e participou nos II e III Salón Nacional de Humoristas, á vez que colaboraba como ilustrador con El Cuento Semanal. Acadou unha medalla de ouro na Exposición Rexional de 1909 de Santiago, co tríptico Unha festa na aldea.

É nese momento en que reside en Madrid cando lle confesa ó seu pai que é "artista antes que nada" e que "non pensei en ser doutor máis que por satisfacelo a vostede. Eu son artista e a miña ambición so é vivir da arte, o contrario sería a miña desgracia"[17]. O feito é que regresou de Madrid sen lograr o doutoramento.

Voda con Virxinia Pereira, en 1912.

Aínda así continuou na medicina. En xuño de 1910 regresa a Rianxo e instálase na casa dos avós, onde comeza a exercer como médico rural. Nese tempo diagnostícanlle unha tuberculose e vese obrigado a pasar unha tempada de repouso na Toxa, en setembro. Xa en 1911 asiste en Santiago a un breve curso do doutor Varela Radío para especializarse en obstetricia, pero en maio reaparece a enfermidade e ten que ser operado en Santiago dunha adenopatía laterocervical.

Castelao cara a 1912.

En Rianxo, axiña comeza a participar na vida política local dentro do Partido Conservador local, liderado polo seu pai, e é neste período cando colabora con Xosé Arcos, Eduardo Dieste e outros na fundación do semanario El Barbero Municipal (19101914), no que publicou as súas primeiras caricaturas e escribiu atacando o réxime caciquil galego, personificado en Manuel Viturro Posse, secretario daquela da Deputación Provincial. Segundo José Antonio Durán asinou algúns comentarios breves cos pseudónimos de Maquis e Asieumedre[18].

Dá a súa primeira conferencia en marzo de 1911, en Vigo, falando sobre a caricatura[19] e ao longo dos anos seguintes realiza exposicións das súas caricaturas en diversas cidades galegas. O 15 de febreiro de 1912, presenta en Ourense a súa primeira exposición individual. Durante esta época colaborou con El Liberal, La Tribuna, El Parlamentario, El Gran Bufón, Mi Tierra, Suevia ou La Voz de Galicia de Buenos Aires, publicacións que axudaron a popularizar as súas caricaturas. Nese mesmo ano adheriuse ao movemento Liga Agraria de Acción Gallega, dirixido por Basilio Álvarez.

O 19 de outubro dese ano 1912 casou con Virxinia Pereira Renda (A Estrada, 1884 - Madrid, 1969), na antiga igrexa de San Paio da Estrada, sendo oficiada a cerimonia polo seu amigo o crego Antonio Rey Soto[5].

O 1º de febreiro de 1914 naceu na Estrada o seu único fillo, Alfonso Xesús de Braga[20]. Outro fito transcendente na vida de Castelao acontecido nese ano de 1914 foi un desprendemento de retina que o deixa case cego, pero unha operación devólvelle a vista. Aínda así, esta quedoulle moi reducida durante o resto da súa vida e, segundo el mesmo escribiu, foi un dos motivos polos que decide abandonar definitivamente a medicina e buscar un traballo máis seguro como funcionario. Aínda así, volveu exercer como médico en Rianxo durante a epidemia da gripe de 1918[21][22].

"O retrato", Nós, 25.07.1927.

No relato "O Retrato", datado en Pontevedra en 1922, publicado nas revistas Nós[23] e Alma Gallega en 1927 (e incluído en Retrincos en 1934), escribe que:

Por amainal-a concencia guindei co meu tíduo de médico no fondo d'unha gabeta e busquei outra maneira de me valer. As xentes xa non sabian que eu era dono de tan tremenda licencia oficial….[24]

Artista e galeguista[editar | editar a fonte]

Así, en decembro de 1915 vai a Madrid a opositar a funcionario do Instituto Xeográfico Estatístico, á vez que aproveita para participar nunha Exposición de Humoristas e na Exposición de Belas Artes de Madrid, na que obtén grandes eloxios da crítica. Aprobada a devandita oposición, comeza a traballar como auxiliar de Estatística en Pontevedra a principios de 1916, onde residiría xa ata 1936.

Exposición no Palacio de María Pita, en 1917. De esq. a der., de pé: Tella, Abelenda, Barreiro, Sobrino, Palacios, Seijo, Sotomayor, Lloréns, Castelao, Concheiro, Francés, Madariaga (co chapeu nas mans), González del Villar e dúas persoas sen identificar. Sentados: a muller de Francés, Pardo Bazán e Picadillo.

Nese mesmo ano de 1916 participa como figurante no filme Miss Ledyia, rodado en Pontevedra por José Gil y Gil. Xa en 1918 volve opositar e mellora a praza de funcionario en Pontevedra, á vez que comeza a traballar como profesor adxunto da cátedra de Debuxo, no instituto de segunda ensinanza de Pontevedra, onde coñece a Antón Losada Diéguez cando este vén como catedrático de Psicoloxía, Lóxica e Ética. Fíxose cargo da cátedra de Debuxo, por baixa do titular, durante quince meses.[25]

En Pontevedra comeza a colaborar axiña cos intelectuais da vila e nos círculos culturais que alí existían, como a charla do farmacéutico Perfecto Feijoo, o coro Aires da Terra e na creación da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra (en 1925). O Castelao escenógrafo naceu precisamente para os decorados dunha das representacións desta Coral. Máis adiante, en 1927, participará como membro fundador do Museo de Pontevedra[26].

Asistentes á IV Asemblea. Entre outros están: Castelao, Antón e Ramón Villar Ponte, Roberto Blanco Torres e Antón Losada Diéguez.

En 1916 nacen na Coruña as Irmandades da Fala, da man de Antón Villar Ponte. Castelao ingresa nas Irmandades xa nese primeiro ano e promoveu a constitución dunha delegación local en Pontevedra, actuando tamén como delegado nas Asembleas Nacionalistas que se celebraron posteriormente. Do mesmo xeito, colabora asiduamente n' A Nosa Terra, voceiro das Irmandades. En 1918 comezou a colaborar co xornal madrileño El Sol, ata 1922.

En 1919 nace o Castelao narrador, coa publicación de catro relatos breves na revista A Nosa Terra[27]. Este estilo literario, tan característico da obra de Castelao, comezou a publicarse como contos pero pronto pasou a constituírse nas Cousas, primeiro formadas só por textos e logo por textos ilustrados por el mesmo e que foron publicándose en distintos medios e, anos despois, agrupados baixo formato libro (con modificacións formais, engadidos e supresións) baixo os títulos de Cousas. Primeiro libro (1926), Cousas. Segundo libro (1929) ou Retrincos (1934).

Tamén en 1919 se publica o seu primeiro ensaio en galego, Arte e galeguismo (conferencia pronunciada xa anos antes e en distintos foros, en castelán). En marzo de 1920 imparte na Coruña a conferencia Humorismo, debuxo humorístico, caricatura, que foi publica en 1961 pola Real Academia Galega[28].

En 1920, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e outros fundan a revista Nós, da que Castelao foi Director Artístico a partir de marzo de 1923. Ó redor de Nós xermolou a vida política e cultural de Galicia ata a súa desaparición en 1936. En marzo dese ano 1920 inaugúrase na Coruña a súa exposición Nós, con 49 debuxos e un autorretrato; tamén se presentou en Madrid e en Ourense e, xa en 1921 e seguintes, noutras cidades galegas e mais en Barcelona. Esta exposición foi publicada como álbum en 1931. Á parte do que representou para el mesmo desde o punto de vista artístico e de recoñecemento público, a Exposición Nós deu pé a numerosas conferencias e actos culturais ó seu redor nas cidades onde se presentou. No caso da presentación en Santiago, en 1924, serviu de feito para o recoñecemento oficial do Seminario de Estudos Galegos (fundado o ano anterior), coa presenza do máis selecto da intelectualidade galega e do propio arcebispo de Santiago, Manuel Lago González.

O álbum Nós foi moito máis que un evento de arte. Foi o redescobrimento de un pobo, que leva o drama de vivir ás costas. Foi unha campanada, a máis forte e a máis fonda, que se deu na conciencia colectiva. Foi un estremecimento social que viría destinado a soerguer o esprito de Galicia.

— Valentín Paz Andrade.

Castelao foi nomeado membro do Seminario na segunda xuntanza celebrada (novembro) e ingresou oficialmente o 4 de maio de 1924, coincidindo coa exposición do álbum Nós en Santiago. Colaborou co Seminario desde o primeiro momento, deseñando o anagrama co graal, a pomba e as estrelas e dirixindo a sección de Arte e Literatura. O Seminario publicaría o seu estudo sobre As cruces de pedra na Bretaña (1930) e aprobou a publicación d’As cruces de pedra na Galiza na que foi a súa última xuntanza, en 1936, que precedeu á súa disolución.

En 1921, grazas a unha bolsa de viaxe da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, viaxou a Francia (París), Bélxica (Bruxelas, Gante, Bruxas e Antuerpen) e Alemaña (Berlín e Múnic)[29] para estudar a arte deses países; froito desa viaxe realizada entre xaneiro e outubro foi o diario que escribiu e que publicou parcialmente a revista Nós en 1922-1923 (e, finalmente, como libro, en 1977 co título de Diario 1921).

En 1922 publica a súa obra Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (o seu primeiro relato publicado como libro independente). Publicouna a editorial Céltiga, promovida polas Irmandades da Fala de Ferrol. Neste mesmo ano, no mes de marzo, prodúcese a escisión das Irmandades da Fala na IV Asemblea Nacionalista, realizada en Monforte de Lemos. Castelao xúntase con Vicente Risco e crean a Irmandade Nazonalista Galega (ING), liderada por Risco, e da que Castelao foi delegado en Pontevedra. Co tempo vaise afastando progresivamente desta corrente conservadora e, tralo silenciamento político do nacionalismo galego durante a ditadura de Primo de Rivera, aparecerá aliñado coa tendencia de esquerda.

En 1929, Castelao marcha á Bretaña para estudar os cruceiros. Croix de Pennavern.

Entre 1924 e 1925 publica no diario Galicia (fundado en 1922 e dirixido por Valentín Paz-Andrade) unha viñeta diaria e algúns textos. En 1926 pecha Galicia e publica as súas viñetas en Faro de Vigo e os textos, as cousas, en El Pueblo Gallego. En total, entre 1926 e 1927 publica 36 cousas, que se repiten noutros medios (como na revista Céltiga ou Alma Gallega). Cabe destacar tamén nesta época as portadas e ilustracións que crea para diferentes publicacións, como Oraciós campesiñas, de Eladio Rodríguez González; Vento mareiro ou Na noite estrelecida de Ramón Cabanillas.

En 1925 publícase o seu libro de debuxos Cincoenta homes por dez reás.

Escudo de Castelao na fachada da Sociedade Cultural de Reboreda.

A finais de 1927 sufriu unha forte recaída da súa cegueira de hai anos que lle fixo perder a retina do ollo dereito e parte da do esquerdo, polo que ten que someterse a un duro tratamento[30].

O 3 de xaneiro de 1928 morreulle o seu fillo Alfonso Xesús,[31] sen cumprir aínda os 14 anos e despois dunha infancia con continuos problemas de saúde[32], o que o deixa tan abatido que practicamente deixa de escribir e debuxar durante case dous anos. Cunha nova axuda da Xunta de Ampliación de Estudos, marchou na primavera de 1929 a Bretaña coa súa dona, en viaxe de estudos para estudar os cruceiros bretóns, traballo que se materializou no libro As cruces de pedra na Bretaña, editado polo Seminario de Estudos Galegos en maio de 1930. Tamén quedou fondamente afectado pola morte de Antón Losada Diéguez o 15 de outubro de 1929.

Outra publicación desta época de especial transcendencia foi un traballo en colaboración con Fermín Bouza-Brey sobre os Escudos de Rianxo, publicado en Nós. De aí sairá o modelo do futuro escudo de Galicia coa serea, a bandeira e a lenda Denantes mortos que escravos [33][34].

Deputados galegos de 1931. Ramón Suárez Picallo, Daniel Vázquez, Alejandro Rodríguez Cadarso, Castelao, Nóvoa Santos, Antón Villar Ponte, Poza Juncal, Otero Pedrayo e Antón Alonso Ríos.

Na II República[editar | editar a fonte]

Castelao, de costas, na fundación do Partido Galeguista, 7 de decembro de 1931.

Trala caída de Miguel Primo de Rivera a principios de 1930 xorden en Galicia os primeiros movementos dirixidos á constitución do galeguismo político ó redor da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e da convocatoria da VI Asemblea Nacionalista. En setembro dese ano forma parte do grupo que asina o "Compromiso de Barrantes", que apoian galeguistas de tódalas tendencias (nacionalistas, republicanos, agraristas etc.). No mes de xuño de 1931 preséntase como candidato independente por Pontevedra ás Cortes constituíntes da II República Española, resultando elixido deputado. A Federación Republicana Gallega (FRG-ORGA) obtivo 15 dos 47 escanos galegos e formou grupo parlamentario propio, denominado Minoría gallega, no que se integraron Castelao e Otero Pedrayo. Co tempo e ó comprobar que a FRG-ORGA non era quen de recoller as demandas dos galeguistas, estes deciden constituír o Partido Galeguista, o que acontece en decembro de 1931. As Irmandades da Fala, ás que pertencía Castelao, disólvense no novo partido. Moi pouco tempo despois (primeiros de 1932), Castelao e Otero Pedrayo deixan de formar parte desa "minoría gallega", dominada pola ORGA.

Unha vez aprobada a Constitución de 1931 que designaba un Estado integral, que non era senón unha república unitaria, o galeguismo político, entre cuxos persoeiros destacaba Castelao, pescudou a autonomía de Galicia a través dun estatuto de seu[35]. En abril de 1932 o concello de Santiago convoca unha Asemblea de Concellos Galegos que se celebra nesa cidade en decembro dese ano e aproba o anteproxecto do Estatuto, co voto favorable de 256 concellos que representaban o 80% da poboación galega. O proceso non prosperou porque o goberno central atrasou a aprobación do Estatuto nas Cortes.

En xullo de 1933 foi nomeado académico de número da Real Academia Galega,[36] a proposta de Marcelo Macías García, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, e o acto de ingreso realizouse en 1934. O 25 de xullo deste ano Castelao tomou posesión trala lectura do seu discurso sobre As cruces de pedra na Galiza, texto preparatorio do que sería o libro que se publicaría moito despois, trala súa morte. Respondeu a este discurso Antón Villar Ponte [37].

De pé, de esquerda a dereita: Sebastián González, Eladio Rodríguez González, Enrique Peinador, Gonzalo López Abente, Pura González Varela (muller de Lugrís), Celia Brañas Fernández, Otero Pedrayo, David Fernández Diéguez, Ángel del Castillo e Fernando Cortés Bugía.
Sentados Fernando Martínez Morás, Castelao, Manuel Lugrís Freire, Antón Villar Ponte e Félix Estrada Catoyra.
Recepción de Castelao na Real Academia Galega na Coruña o 25 de xullo de 1934.
Castelao en 1934 pouco antes de ser trasladado a Badaxoz. Á dereita o Gobernador Civil de Pontevedra Amancio Caamaño, á esquerda o presidente da Deputación de Pontevedra Joaquín Maquieira.

O 25 de xullo de 1933, os galeguistas promoven unha alianza cos nacionalistas vascos e cataláns, o que se coñeceu como pacto Galeuzca. Durante ese ano traballa no deseño da escenografía da obra de Valle-Inclán Divinas palabras, estreada en Madrid o 16 de novembro de 1933 da man da compañía de Margarita Xirgu.

En setembro deste ano disólvense as Cortes e Castelao non consegue saír elixido na nova convocatoria celebrada en novembro: a dereita obtén unha contundente vitoria e os galeguistas unha soada derrota que os deixa sen representación parlamentaria. Ó non ter que dedicar tanto tempo á actividade política, volve ó seu traballo artístico e literario e publica, no ano 1934, Retrincos e a súa novela Os dous de sempre. Reedítanse tamén as Cousas nun volume conxunto que agrupa o Primeiro e o Segundo libro. Tamén en 1934, como xa se dixo, ingresa oficialmente na Real Academia Galega. En todo caso, Castelao non deixa a actividade política e na III Asemblea do Partido Galeguista (xaneiro de 1934) é nomeado Secretario Político do partido (e Alexandre Bóveda, Secretario de Organización).

A revolución de Asturias e a proclamación da república en Cataluña en outubro de 1934 dá lugar a unha violenta reacción do goberno conservador que reprime duramente calquera actuación da esquerda. É o que se coñece como Bienio negro. Como consecuencia en Galicia, o Partido Galeguista é practicamente descabezado, as súas sedes pechadas e a publicación A Nosa Terra suspendida.

Castelao foi desterrado por medio dun traslado administrativo forzoso a Badaxoz a finais de outubro de 1934 (e Bóveda a Cádiz). Durante a súa estadía en Estremadura escribiu para A Nosa Terra unha serie de 14 artigos co título de Verbas de chumbo que posteriormente se integrarían en Sempre en Galiza. Desde o exilio lanza duras críticas a Vicente Risco e outros membros da dereita galeguista. O 6 de setembro de 1935 púxose fin ao desterro tralas xestións do novo Ministro da Gobernación, Manuel Portela Valladares (que iniciara xa en abril) e Castelao e Bóveda son repostos nos seus destinos en Pontevedra e reciben a homenaxe en desagravio de numerosos políticos e escritores. Logo do regreso, Castelao e Virxinia Pereira pasaron un tempo na casa de Otero Pedrayo en Trasalba, onde lle deseñou a galería de madeira que aínda se conserva.

En 1936 constitúese a Fronte Popular, que acolle as reivindicacións autonómicas galegas, e o 25 de xaneiro o Partido Galeguista aproba a integración, decisión que produce a escisión de certos membros da dereita, como Risco, que se adhiren na Dereita Galeguista. Nas eleccións celebradas en febreiro, a Fronte Popular consegue un notable éxito (en Galicia, 26 deputados, fronte a 9 do centro e 11 da dereita), e Castelao resulta elixido de novo deputado. Tras estes resultados puideron crearse de novo as condicións necesarias para a reactivación do Estatuto, e en maio foi convocado o plebiscito para o 28 de xuño.

Antón Villar Ponte, Castelao, Lugrís, Plácido Castro e outros, na Coruña.

Castelao e o Partido Galeguista protagonizaron a campaña polo si ao Estatuto de autonomía de Galicia, xunto a Izquierda Republicana, os centristas de Portela Valladares e a Dereita Galeguista de Risco. Castelao participou con innumerables mitins e a creación de carteis (aspecto este no que tamén participaron Maside, Seoane ou Camilo Díaz). Finalmente, o Estatuto foi aprobado por unha amplísima maioría e unha alta participación (de case o 75%). Castelao marchou a Madrid xa a primeiros de xullo e agardou alí á Comisión que entregaría oficialmente o proxecto ó Goberno. O día 14 de xullo reuníronse co Presidente das Cortes, Diego Martínez Barrio, e o 17 con Manuel Azaña, Presidente da República. Pero ó día seguinte comeza a guerra civil.

Henrique Monteagudo escribe que:

"A viaxe de Castelao a Madrid... foi providencial, pois se o estoupido da guerra o tivese sorprendido en Galicia, tería sido con seguranza vítima da represión, o que como mínimo lle tería custado longos anos de prisión, e probablemente acabaría os seus días como tantos outros compañeiros seus: Ánxel Casal, Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Xaime Quintanilla Martínez, Johán Carballeira"

Esta mesma circunstancia permitiu tamén a salvación do material que levaba consigo, do que formaban parte os debuxos para As cruces de pedra na Galiza e outros textos. Nunha carta a Otero Pedrayo o 3 de xuño de 1936 expresaba así o medo que sentía polo futuro inmediato: "Esto vai mal. Cada día pior. Non se sabe o que vai pasar. Eu teño medo". A pesar do anterior, nunha entrevista concedida en 1938 ao diario Hoy, da Habana, explicaba a súa intención de regresar a Galicia nos días previos á sublevación:

"Eu continuaba na capital con motivo de certas xestións para a entrega do Estatuto Galego que eu entregara ó Presidente do Parlamento o día 15 de xullo. Tres días antes de estoupar o Movemento, non obstante, quixen marchar a Galicia. Cheguei á estación no preciso momento en que saía o tren. Vin partir o convoi e quedei moi triste porque eu sabía que ía comezar o Movemento en África, e quería estar na miña terra. Ó día seguinte xa non había trens. A iso debo estar vivo, probablemente".

Guerra e exilio[editar | editar a fonte]

Castelao xa nunca volvería a Galicia. Ante a sublevación do 18 de xullo de 1936, permaneceu en Madrid ata outubro e dedicouse a organizar unhas milicias galegas en colaboración co Partido Comunista de España. A finais deste mes marchou a Barcelona e, en novembro, a Valencia, onde se constitúe o Goberno da República. Neste tempo dedicouse, por un lado, a promover nas Cortes a aprobación do Estatuto e, por outro, a mobilizar os galegos no bando republicano e facer propaganda a favor da República. Con este fin, xa en 1937, colabora con dúas novas publicacións: Nueva Galicia (Madrid, 1937) e Nova Galiza (Barcelona, 1937), nas que participa con debuxos dos seus álbums de guerra e cunha nova serie de Verbas de chumbo. Canto ó Estatuto, consegue que se presente ante as Cortes en febreiro de 1938 pero non logra que se aprobe porque o Partido Socialista negase a nomear os seus representantes, quedando paralizado ata 1945.

É tamén durante estes primeiros anos da guerra cando publica os seus tres álbums da guerra: Galicia mártir (Valencia, febreiro de 1937), Atila en Galicia (Valencia, xullo de 1937) e Milicianos (Nova York, agosto de 1938). Nos álbums maniféstase a carraxe de Castelao contra o fascismo e a exaltación do heroísmo dos loitadores e dos mártires a prol da liberdade, á vez que fai fincapé na crueldade dos soldados fascistas. Castelao sentiu fondamente tódolos acontecementos da guerra civil española e maila represión, na que perdeu grandes amizades coma Alexandre Bóveda ademais de dous curmáns, José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao, no asalto do bou Eva (en 1937).

Do 20 de abril ao 20 de maio de 1938 realizou unha viaxe oficial coa súa dona, por encarga do Ministro de Estado, Julio Álvarez del Vayo, dentro dunha comisión cultural republicana, á URSS (visitando Leningrado e Moscova, e despois a Ucraína Occidental e Acerbaixán)[38]. Nesta viaxe, Castelao quedou impresionado pola aparente liberdade da que gozaban as nacionalidades e as distintas linguas e culturas. No Museo de Arte Moderna Occidental de Moscova puido asistir á exposición da súa obra sobre o martirio de Galicia na "Sala Castelao"[39].

Chegada de Castelao á Habana, novembro de 1938.
“[...] Eu propóñome a demostrar que Galiza é unha unidade nacional perfeita, e que, polo tanto, ten dereito a dispor dos seus destinos [...]

¿Ten Galiza un idioma propio?, ¿Ten territorio diferente?, ¿Ten unha vida económica peculiar?, ¿Ten hábitos psicolóxicos reflexados nunha cultura antóctona? Pois logo Galiza é unha nacionalidade, e, polo tanto, ningún antifeixista pode negarlle o dereito de autodetermiñación; é dicir, o dereito a gobernar a sua vida.[...]

Algúns homes-galegos tamén- andan a falaren d-un idioma universal, único para toda a nosa especie.[...] Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, co-a súa variedade de culturas, é o siño distinto da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais.[...]

Un idioma non nasce pol-a vontade xenial de un grupo de homes; nasce pol-a predisposición psicolóxica d-un povo, que, en condicións hestóricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión. Porque un idioma é o corpo sensible d-unha cultura, e todo atentado â língoa [...] representa un atentado â súa cultura domiñante; pero endexamais se deixan asimilar. O problema do idioma en Galiza é, pois, un problema de dignidade e de liberdade; pero máis que nada é un problema de cultura. Estamos fartos d-esa cultura esterelizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantias legaes para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos diñamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabiduría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.”

Sempre en Galiza (1944), por Castelao.

Con Guerra da Cal (cun vaso na man) e outros amigos en Nova York.

O 20 de xullo de 1938 embarca de novo, esta vez cara a Nova York, canda a súa dona no paquebote Ille de France, ao encomendarlle o Goberno a realización dunha campaña de axuda á República en América, para o que contou coa colaboración das Sociedades Hispánicas Confederadas, da Fronte Popular Antifascista Galega e da Casa de Galicia-Unidade Galega. Durante a xira polas principais cidades dos Estados Unidos de América, en compaña de Luís Soto, conseguiu recadar 50.000 dólares. En novembro visita Cuba, co mesmo obxectivo, e alí participou na campaña das eleccións ao Centro Gallego de La Habana apoiando á Hermandad Gallega. En febreiro de 1939 regresa ós Estados Unidos, onde se dedicou a recoller fondos para os refuxiados que escapaban de España, ata establecerse (rematada a guerra) en Nova York a finais do verán. En setembro de 1939 é nomeado Xefe do Partido Galeguista.

Residiu case un ano en Nova York, onde non se sentía a gusto ("Eu atópome en New York como nunha gaiola de ferro. Non vexo maneira de vivir. Busco e non atopo"). Neste período escribiu boa parte do libro II de Sempre en Galiza, que xa inclúe críticas máis explícitas ós dirixentes republicanos españois porque, trala perda da guerra, "xa se cancelaron os convenios políticos que me obrigaban a calar". Tamén recupera a redacción da obra teatral Os vellos non deben de namorarse, que comezara alá en 1931 e que agora reordena e modifica substancialmente, e debuxa a serie dos doce Debuxos de negros que xa comezara na súa viaxe a Cuba. Por fin, en abril de 1940 recibe a ansiada "Carta de residencia" na Arxentina que lle ía permitir deixar os Estados Unidos e ir vivir a ese país, instalándose definitivamente en Buenos Aires, onde chega en xullo de 1940. Alí atopouse cunha mitoloxización da súa persoa contra a que se rebelou:

No salón Prince George´s Hall de Buenos Aires, 18 de agosto de 1940.
Cando cheguéi a Bós Aires, sentáronme nunha cadeira, cobríronme cun fanal e dixéronme que era un "símbolo". Axiña comprendín que a cadeira era un ataúde, o fanal era unha sepultura i eu era o "difunto Castelao". Comparábanme a Curros e a Rosalía, e cicáis por eso mesmo non concebían que estivese vivo. Invitábanme a facer o morto —a ver, ouvir e calar—, porque deste xeito recibiría moitas honras [...]. Pero sucedéu que non quixen morrer dentro dun fanal, atafegado nunha campana pneumática, porque ainda teño moitas cousas que facer e moitas máis que decir. E como estimo a miña vida e os meus ósos espero morrer alá.

— Verbas de chumbo, en Ronsel, Buenos Aires, nº 1, 1941, p. 9.[40]

Na Arxentina, Castelao dedicouse, ademais de continuar traballando no seu libro Sempre en Galiza e na edición de As cruces de pedra na Galiza, a ilustrar libros infantís da Colección Billiken[41], así como a organizar e concienciar o amplísimo colectivo galego no ideario galeguista mediante diversos actos, discursos, conferencias e celebracións co gallo do Día de Galicia, o cabodano do asasinato de Alexandre Bóveda e mailo aniversario do plebiscito do Estatuto. Nun destes discursos, probablemente realizado nalgunha data de importancia en 1941, Castelao reflexionou sobre a súa condición de emigrante galego:

E agora vou facervos a miña confesión de emigrado galego. Sentinme refuxiado nos EE.UU.; pero aquí son un emigrante, porque estou sempre rodeado de galegos e deste xeito síntome en contacto coa miña terra. E aínda que morrese aquí, os meus ósos irían ó camiño de esqueletos que une a Galicia coa Arxentina. Pero son feliz porque teño a esperanza de morrer na miña terra. Eu hei de ir alá, cando sobre a miña patria alumee o sol da liberdade e nos vales do meu país resoe o aturuxo da vitoria.

— Castelao[42]

Solicitude de ingreso no Centro Republicano Español, en 1943.

En agosto de 1941 estréase en Buenos Aires e en outubro en Montevideo a obra Os vellos non deben de namorarse, para a que Castelao deseñou os decorados, o vestiario, as caretas e tódolos detalles. Tamén se dedicou a ilustrar libros e deseñar portadas, para complementar os seus ingresos.

En 1944 publícase o seu libro magno Sempre en Galiza, que se presenta ó público o 2 de xullo. Nese mesmo ano constitúese o Consello de Galiza, que proclama a Castelao como presidente. Case simultaneamente nace o pacto Galeuzca, no que tamén participa activamente.

En 1946, o Goberno republicano no exilio de José Giral instálase en París e Castelao é nomeado ministro. Os galeguistas do interior (especialmente Ramón Piñeiro), premeron ante Giral para que Castelao fose nomeado ministro porque xa había un vasco (Manuel de Irujo) e un catalán (Nicolau D’Olwer)[43], fronte ao candidato do vasco Aguirre e do propio Giral, Manuel Portela Valladares. Por este motivo trasládase a París e toma posesión en agosto. Por cousa das disensións cos socialistas de Indalecio Prieto, Giral vese obrigado a dimitir e disolve o goberno, co que Castelao, desilusionado[44], decide regresar a Buenos Aires, a onde marcha en xullo de 1947. Da pouca utilidade que lle ve ao goberno Giral é mostra a descrición que fixo Castelao de ser "un barco varado, incapaz de navegar". En resumo, Castelao ostenta o cargo de ministro sen carteira desde abril de 1946 (de facto, desde agosto) ao 26 de xaneiro de 1947, en que se disolve o goberno. Durante este tempo súmaselle ó desencanto con boa parte da política española no exilio[44] as desavinzas coa dirección interior do Partido Galeguista, como se ve no intercambio de correspondencia entre Castelao e a dirección interior, entre outras cousas pola intención de constituír unha delegación do partido en París para dirixir a política galeguista do exilio, ou pola de facer a Xoán Xosé Plá parceiro del para "servir as consignas do Comité"[45].

Enfermidade e pasamento[editar | editar a fonte]

É na breve estancia en Francia cando comezan a manifestarse os primeiros síntomas da enfermidade cancerosa que sufría, como unha afección ó fígado que o tivo na cama unhas cantas semanas[46].

Francisco Fernández del Riego nunha homenaxe ante a tumba de Castelao. Cemiterio da Chacarita. Buenos Aires. 1954. [47]

Xa na Arxentina, Castelao retomou a actividade política e participou en numerosos actos públicos[48], como o coñecido discurso Alba de Groria no día da Patria de 1948, pero a comezos de 1949 diagnostícaselle un cancro de pulmón incurable[49] aínda que os médicos só lle din que ten un "proceso infeccioso no pulmón esquerdo" que esixe repouso e tratamento médico. Os médicos decidiron ocultar a gravidade da enfermidade tanto a Castelao como á súa muller, e semella que el non foi consciente da inminencia da morte[50]. En xuño de 1949 escribía escusando a súa presenza nun acto do Centro Pontevedrés de Buenos Aires que "estou absolutamente seguro de repoñer a miña saúde e de acompañalos no ano próisimo, por este xa se vé que non é posible"; en decembro escribía ao seu amigo Manuel Roel: "Estou enfermo pero sandarei. Algún día nos veremos na verde Betanzos".

Castelao, recluído no seu domicilio e cada vez con maiores dores –que el describía como que "xa está eiquí o corvo, xa está o corvo peteirando", dedícase a preparar a edición de As cruces de pedra na Galiza pero só consegue ver impresas e asinar as primeiras páxinas. Finalmente, para intentar reducir as dores que sufría, os médicos deciden sometelo a unha lobotomía prefrontal.[51] O día 2 de xaneiro de 1950 ingresárono no Sanatorio do Centro Gallego de Buenos Aires, o 4 operárono pero non consegue recuperarse da operación e morre pouco antes da medianoite do 7 de xaneiro, sen chegar a cumprir os 64 anos. Foi embalsamado para cumprir o seu desexo de, algún día, regresar a Galicia e, ademais, o escultor Domingo Maza[52][53] fíxolle unha máscara da cara e un baleirado en xeso da súa man dereita.[54] Foi soterrado o día 9 no Cemiterio da Chacarita, de Buenos Aires[55], no medio de grandes mostras de solidariedade da poboación bonaerense e dos exiliados galegos, que ateigaron as rúas amosando o seu afecto polo egrexio Castelao.

A censura[editar | editar a fonte]

Non cabe estrañarse da censura que estableceu o goberno de Francisco Franco sobre toda a obra de Castelao. Especialmente significativa é a nota que a Dirección Xeral de Prensa envía aos xornais para advertirlles do tratamento que debían dar á noticia do pasamento:

Unha vez falecido en Bos Aires o político republicano e separatista galego Alfonso Rodríguez Castelao advírtese o seguinte: A noticia da súa morte darase en páxinas interiores e a unha columna. Caso de inserir fotografía, esta non deberá ser de ningún acto político. Eloxiaranse unicamente do falecido as súas características de humorista, literato e caricaturista. Poderase destacar a súa personalidade política, sempre e cando se mencione que aquela foi errada e que se espera da misericordia de Deus o perdón dos seus pecados. Da súa actividade literaria e artística non se fará mención algunha do libro "Sempre en Galiza" nin dos álbums de debuxos da guerra civil. Calquera omisión destas instrucións dará lugar ó correspondente expediente.[56]

Regreso a Galicia[editar | editar a fonte]

Sartego de Castelao no Panteón de Galegos Ilustres.

Os seus restos mortais foron repatriados e levados para o Panteón de Galegos Ilustres, no convento de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela), o 28 de xuño de 1984, coincidindo co aniversario do plebiscito que aprobou o Estatuto de Galicia[57], en medio de manifestacións nacionalistas que acusaban as autoridades de que "os que o exiliaron agora fanlle honores". Cómpre destacar o desexo de Castelao de que o seu corpo, de morrer no desterro, fose repatriado a Pontevedra[58], xa que se consideraba pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra[59].

O mesmo día en que chegan os restos de Castelao, concédeselle a título póstumo a Medalla de Ouro de Galicia[60] e, en decembro dese mesmo ano a Xunta crea a Medalla Castelao[61].

Pensamento político[editar | editar a fonte]

Castelao define o seu ideario como un ideario nacionalista galego, federalista, pacifista, progresista e universalista. Acepta o concepto das autonomías na Segunda República Española como a máxima aspiración posible no momento, pero sen renunciar ao federalismo. Tamén pode ser denominado europeísta xa que afirma que a súa meta é chegar a uns Estados Unidos de Europa. Defende a acción como motor do pensamento (filosofía da praxe)[62], criticando a quen defende un ideal mais en realidade non quere velo realizado por procurar tan só as honras e a posteridade. O pensamento político de Castelao atópase, fundamentalmente, no libro Sempre en Galiza.

Idea de Hespaña[editar | editar a fonte]

Castelao empregou sempre a verba Hespaña con H diante para facela derivar de Hispania.

(...) Hespaña, cuio nome tivemos que humedecer cunha letra de máis para facelo respeitable aos nosos ollos, pois do seu goberno sóio se nos ocurre decir que é máis odioso por hipócrita que por tiránico. Sacámolle á verba España todo canto ten de prosapia castelán (abonda engadirlle unha H para derivala de Hispania) e con ela abranguemos a Península enteira, facéndoa sinónima de Iberia.
Sempre en Galiza.

Para el, España non era outra cousa que unha entidade sociolóxica que abranguía toda a Península Ibérica. Por isto mesmo, afirma en varias ocasións que Portugal é España, e apóiase nas verbas de Camões ou nas de Almeida Garret:

Hespañoes somos, de hespañoes debemos prezarnos tódolos habitantes da península; pero de casteláns, non.
Sempre en Galiza.
Cataluña, Euzcadi e Galiza teñen a misión histórica de transformaren a estructura xurídica de Hespaña; pero Galiza ten, ademais, outra misión trascendente: a de atraguer Portugal á comunidade da gran familia hispánica.
Sempre en Galiza.

Porén, malia afirmar en repetidas ocasións a pertenza de Portugal á hispanidade, outras moitas veces esquece mencionalo ó enumerar as nacións de España. Probablemente refírese entón ó estado español dos anos trinta.

Afirma entón que o estado español debe recoñecer a súa realidade plurinacional. Segundo el, España era unha unidade formada por catro nacións: Castela, Cataluña, Euskadi e Galicia:

Concebimos a Hespaña como un soio estado, constituído polo libre consentimento de catro pobos: Castela, Cataluña, Euzcadi e Galiza.
Sempre en Galiza.

Galicia como nación[editar | editar a fonte]

Sempre en Galiza.

O IX Congreso de Nacionalidades Europeas e a Terceira Internacional definiron Galicia como unha nación, xustamente o mesmo que sostén Castelao. Castelao apela para demostrar que Galicia é unha nación á definición que dá Stalin, non por sentirse ideoloxicamente próximo a el, senón por consideralo como un autor imparcial neste tema:

Nación é unha comunidade estable, historicamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflexados nunha comunidade de cultura. Somentes a eisistencia de tódolos signos distintivos, en conxunto, pode formar a nación.
Sempre en Galiza.

Partindo da base de que Galicia é unha nación, Castelao afirma que como tal ten dereito de autodeterminación.

Unha nación é soberán e ten dereito a organizarse autonomicamente, sen máis límites que os derivados do respeito ao dereito igoal das demais nacionalidades. A nación ten dereito a federarse con outras e a separarse da federación cando lle conviñer. Unha nacionalidade, pois, ten dereito, incluso, a constituírse en Estado independente.
Sempre en Galiza.

Castelao rexeita expresamente as reivindicacións nacionais excluíntes baseadas na raza, en certa oposición ás teses de Vicente Risco e outros teóricos:

Para nós, os galegos, afeitos a percorrermos o mundo e a convivir con tódalas razas, o nacionalismo racista é un delito e tamén un pecado.
Sempre en Galiza.
Os ingleses aldraxan aos escoceses; os franceses aos bretóns; os casteláns aos galegos. E todos eses aldraxes non son máis que un recoñecemento tácito do "carácter nacional".
Sempre en Galiza.

Separatismo e universalismo[editar | editar a fonte]

Castelao rexeitaba o separatismo e defendía a federalización de Galicia cos demais pobos ibéricos como método para conseguir a liberdade do país.

Non somos separatistas da Hespaña verdadeira nin tan siquera da falsa e ficticia, se é que esta nos permite creer na súa transformación; é decir, se nos deixa manifestar os nosos pensamentos en réxime de liberdade. Por eso somos ardidos defensores da República e dunha democracia asentada na liberdade.
Sempre en Galiza.

Porén, co tempo, foi aceptando a posibilidade da independencia de Galicia, aínda que esta non fora a súa idea política.

Se eu agora tivera nas mans a posibilidade de independizar a Galiza non dubidaría en aceptar esa posibilidade para salvar a miña Terra do terrorismo falanxista e para decirlles a tódolos hespañoes desterrados: "Vinde a este anaco de terra hispana para vivirdes en liberdade".
Sempre en Galiza.
Diremos lealmente que a nosa condición de "separados" está próisima a trocarse en enerxía "separatista", porque nin os demócratas hespañoes queren comprendernos.(...) Despois do devandito sóio nos resta engadir que se os demócratas hespañoes nos considerasen separatistas non teríamos máis remedio que selo realmente; pero no entanto debemos defender a lexitimidade das nosas ideias, amostrándolle aos galegos apoucados a estrela das nosas espranzas.
Sempre en Galiza.
Somos "separatistas" cando defendemos os valores sustantivos da nosa nación e somos "unionistas" cando consideramos a necesidade de coordinar os nosos valores relativos cos valores relativos do resto de Hespaña e do mundo.
Sempre en Galiza.

Porén, Castelao sempre defendeu que a federalización ou autonomía de Galicia era favorable para integrala no mundo, un pensamento moi na liña da Xeración Nós, que expresaban coa frase "Galiza, célula de universalidade". Ademais, a liberdade e autonomía de Galicia favorecería a súa relación co mundo lusófono, así como a unidade de Iberia, grazas á intermediación de Galicia.

Galicia, pola súa afindade espiritual con Lusitania, pola comunidade do seu idioma coa desta nación, en cuxo vasto imperio, colonial e pobos como o Brasil, millóns de homes usan o mesmo medio de expresión, pode ser o vínculo entre os dous Estados peninsulares, e pola súa capacitación para comprender a nova forma de vida superior, máis humana que se xesta na Sociedade de Nacións, onde, por certo, é un galego, Madariaga, un dos principais propoñentes, dar a Iberia a ocasión de asumir o papel de rectora dun vasto imperio do espírito, conquistado sen máis armas cás da intelixencia e a cultura.
Para isto queremos a nosa autonomía, que non exclúe o noso sentido universalista.
Os que nos tachan de particularistas de ter un concepto aldeán da política española; os que nos tildan de ilusos e loucos, non acertan a ver coa amplitude que nosoutros, os destinos da humanidade, a cuxa perfección debe colaborar un pobo como o noso, tan ben dotado espiritualmente.
Entrevista no xornal La Vanguardia (12.06.1936).[63]

Galeuzca[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Galeuzca.

Castelao foi un forte partidario dos pactos Galeuzca, entre as nacións vasca, catalá e galega. O primeiro pacto asinouse o 11 de setembro de 1923 por representantes de varias asociacións e partidos das tres nacións. No documento reclamábase a plena soberanía política para as tres rexións das que procedían, definidas como nacións e propoñíase a creación dun consello conxunto para unir forzas. Porén, durante a ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), as diferenzas ideolóxicas entre Estat Català e o PNV e a escasa forza política dos nacionalistas galegos deixaron o proxecto en vía morta. Nacionalistas galegos[Cómpre referencia] e cataláns participarían no Pacto de San Sebastián (17.08.1930).

Ata 1933 non se volveu propoñer a reactivación do pacto, cando o PNV se aliou con Francesc Cambó, Acció Catalana e Palestra. O 2 de abril de 1933, Castelao viaxou a Gernika para participar nun mitin organizado por ANV, no que tamén participaron membros desta formación e o membro de ERC Riera i Puntí. Alí Castelao asinou un convenio de solidariedade entre as tres nacións, xunto a Riera i Puntí e Sabin Seijo, de ANV. O texto asinado dicía así:

Castelao falando en Montevideo nun acto de Galeuzca en 1945.
Identificados Vascos, Cataláns e Galegos, ante o problema de liberación dos nosos respectivos pobos, selamos hoxe baixo a árbore de Gernika o pacto de mutua solidariedade que ha de traernos a satisfacción daquel anhelo.
Gernika, 2 de abril de 1933.

Gora Euskadi Askatuta
Seijo'tar Sabin

Viva Galiza Ceibe
Alfonso R. Castelao

Visca Catalunya Lliure
Dr. J. Riera i Puntí

O interese por un pacto trinacional foi medrando, uníndose o PNV, e entrando en conversas, que frutificarían no Pacto de Compostela, asinado no local do Seminario de Estudos Galegos o 25 de xullo de 1933[64][65].

As arelas de liberdade coutáronse tralo triunfo das tropas franquistas na guerra civil española en 1939 (en Galicia, as tropas franquistas tomaron o poder ós poucos días do golpe de estado de 1936, e canda si trouxeron consigo unha brutal represión). Aínda así, os acordos entre as tres nacións trasladáronse ó exilio, canda Castelao e outros moitos. Así, o 9 de maio de 1941, promoveuse un novo pacto en Buenos Aires, baixo o nome de Galeuzca, reclamando a autodeterminación dos tres pobos e o apoio dos Aliados. Entre os asinantes atopábase Castelao.

O pacto foi ratificado en México o 22 de decembro de 1944 e entre outros obxectivos, propúñase combater a ditadura franquista, afirmar a identidade das tres nacións, defender os seus dereitos, traballar polo restablecemento da república e oporse á restauración da monarquía. Aínda así, non chegou a ter ningún resultado práctico, e Castelao turraría para manter aceso o pacto.

En agosto de 1945 saíu do prelo o primeiro número da revista Galeuzca, de carácter mensual e que duraría 12 números, deica xullo de 1946. Nela Castelao escribiría en varias ocasións.

Lingua escrita[editar | editar a fonte]

No aspecto gráfico a lingua que empregou Castelao é semellante á da actual normativa da lingua galega. Utilizou o x, o ñ e o ll, nun rexistro escrito que ó longo do tempo se vai afastando do rexistro falado, así a segunda forma do artigo cada vez ten menos presenza na lingua escrita de Castelao ata desaparecer, agás para reproducir diálogos de personaxes populares, igual acontece coa contracción de a máis o que nun primeiro momento representaba contraído como ô.[66] Seguindo a tradición do galego moderno escrito non representou graficamente o timbre das vogais medias, agás nuns poucos casos na súa primeira época mediante o uso do acento circunflexo (lêr por exemplo).[66] O uso do apóstrofo está presente de forma abondosa no primeiro Castelao pero gradualmente chegou a eliminalo dos seus escritos. O trazo utilízao en formas como po-lo e todo-los dun xeito constante ó longo da súa obra.[66] Na súa escrita mantéñense características propias do galego de Rianxo, pertencente ó galego occidental como os plurais en -ns, a forma -án para o feminino, terceira persoa do singular do pretérito indicativo en -eu.[66]

Importancia da lingua galega en Castelao[editar | editar a fonte]

A miúdo Castelao vinculaba o futuro de Galicia ó futuro da lingua galega:

A dominación de Galiza endexamais será efectiva entrementras fale un idioma diferente do castelán.
Sempre en Galiza.
Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.
Sempre en Galiza.
¿Ten Galiza un idioma proprio?
Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués. Idioma apto e axeitado para ser vehículo dunha cultura moderna e co que aínda podemos comunicarnos con máis de sesenta millóns de almas.
Sempre en Galiza

Consideraba, ademais, o castelán como unha lingua invasora, rexeitando enerxicamente o bilingüismo:

Un pobo sometido á loita de dous idiomas acaba por non saber espresar o que sinte. Cando a un pobo que canta e fala nunha língoa creada polo seu proprio xenio, se lle impón a obriga de adoptar un idioma estraño á súa personalidade afectiva, prodúcese un esmorecimento do lingoaxe que comeza pola inhibición e remata pola impotencia.
Sempre en Galiza.
E xa é hora de decir que Galiza será forte en Hespaña cando se negue a falar en castelán e fale fortemente a súa língoa.
Sempre en Galiza.
¿Con que dereito se nos obriga a deprendermos a lingua de Castela e non se obriga aos casteláns a deprenderen a nosa?
Sempre en Galiza.
O feito de que o galego chegase a ser -como eles din- unha língoa rústica é un delito que se lle pode achacar á hexemonía política de Castela, que o desterrou das escolas e das solemnidades cibdadáns; pero afortunadamente a nosa língoa está viva e frorece en Portugal, fálana e cultívana mais de sesenta millóns de seres que, hoxe por hoxe, aínda viven fóra do imperialismo hespañol.
Sempre en Galiza.
Desexo, ademais, que o galego se acerque e confunda co portugués, de xeito que tivésemos así dous idiomas extensos e útiles (en carta a C. Sánchez Albornoz).[67]

Obra[editar | editar a fonte]

Polifacético novelista, debuxante, caricaturista, pintor, dramaturgo, ensaísta teórico da arte e político, sempre reflectiu na súa obra o seu compromiso co galeguismo e coa solidariedade:

O arte en min non foi nin será máis que un xeito de expresión do meu nazonalismo. Déixese pois de faguer distingos antre o Castelao artista e o Castelao nazonalista, eu non teño máis que unha personalidade. Eu son o que fun e o que serei; o que fun soio cos meus pensamentos alá en Compostela, o que son en comunidade de ideias con moitos, o que serei sempre.
Carta aberta a Marcelino Pedreira, La Zarpa, 1922).[68]

Coma escritor, Castelao comeza dedicándose á narrativa, máis tarde inicia o seu labor coma ensaísta e, por último, coma dramaturgo. A súa obra caracterízase pola crítica social, polo humor acedo, a través do cal pretende amosar os defectos da sociedade galega do seu tempo, e polo lirismo, que atinxe á forma e aos contidos, con abondosos recursos expresivos (anáforas, comparacións, paralelismos...) e cunha esmerada selección léxica, procurando sobre todo efectos rítmicos. A súa prosa caracterízase pola concisión e brevidade, eliminando todo o innecesario.

Narracións e outras prosas na Biblioteca Básica da Cultura Galega. Inclúe: Un ollo de vidro, Retrincos, Os dous de sempre, Alba de gloria e outras prosas.

O 31 de xullo de 2008, o Consello da Xunta[69] aprobou un convenio entre a Consellería de Cultura e a Fundación Castelao para a catalogación e dixitalización de tódolos textos, obras, discursos, cartas, fotografías, debuxos e calquera material atribuído a Castelao disperso en diversos países en hemerotecas, organismos oficiais e coleccións públicas e privadas. O investimento aprobado foi de 300 000 euros co obxectivo de crear un fondo accesible ó público na Cidade da Cultura.

O coordinador do proxecto, Miguel Anxo Seixas Seoane, vicepresidente da Fundación, estimou un total dunhas 3000 obras a catalogar, para o que se previu un traballo de dous anos tanto en Galicia como en Madrid, Estados Unidos, Cuba, México ou Arxentina[70].

Narrativa[editar | editar a fonte]

Iniciouse na narrativa con relatos curtos publicados na prensa da época a partir de 1919. En Cousas, Retrincos, Un ollo de vidro e Os dous de sempre establece un conxunto único na narrativa galega que culmina coa colección de ensaios Sempre en Galiza, conectando literatura, política e teoría do galeguismo. A súa visión literaria tenta desmitificar os tópicos costumistas cun humorismo sarcástico e, de cando en vez, esperpéntico.

  • Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922) é unha novela curta de carácter humorístico centrada no tema de ultratumba: un esqueleto narra a súa actual vida nun cemiterio. Foi traducida ao éuscaro[71], ao castelán[72] e ao francés.[73]
  • Cousas (1926, 1929) reúne un conxunto de 45 relatos breves acompañados dunha ilustración. Nestes relatos Castelao ofrece un mosaico da realidade galega do seu tempo: o mundo mariñeiro, a emigración, retratos de personaxes... As "Cousas" son a creación máis orixinal de Castelao e supoñen unha síntese entre a narrativa e a plástica. Foi traducida ao castelán,[74] ao italiano,[75] ao éuscaro,[76] ao catalán,[77] ao asturiano[78] e ao inglés.[79]
  • Os dous de sempre (1934) é a única novela longa de Castelao. Presenta a biografía paralela dos dous personaxes, Pedriño e Rañolas, amigos dende a infancia e que encarnan dous xeitos diferentes de concibir a vida. Foi traducida ao castelán[80] e ao éuscaro.[81]
  • Retrincos (1934) é unha colección de cinco relatos, aparentemente autobiográficos, nos que se narran acontecementos e vivencias do autor en distintos momentos da súa vida[82]. Foi traducida ao esperanto,[83] ao éuscaro,[84] ao catalán[85] e ao italiano.[86]

Teatro[editar | editar a fonte]

Castelao en Buenos Aires, en 1941, preparando as carautas para a representación de Os vellos non deben de namorarse.

Só escribiu unha obra de teatro, titulada Os vellos non deben de namorarse, comedia que conta os amores tardíos de tres vellos con tres mozas novas, e que incorporaba tendencias renovadoras do teatro europeo xunto coa tradición popular galega.

Ensaio[editar | editar a fonte]

A obra Sempre en Galiza é o ensaio máis importante escrito por Castelao, obra feita desde un punto de vista nacionalista. Por outra banda, As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza tratan sobre a arte popular.

Debuxo[editar | editar a fonte]

Os seus debuxos, complementados con textos agudos, móstranos a Galicia agraria e o caciquismo. Representados por personaxes populares, labregos e mariñeiros, e pobres xentes do campo, cegos e desamparados, as ilustracións transmiten o sufrimento que estes padecen, todo isto baixo un punto de vista crítico e realista mais cunha fina ollada humorista.

No pé dun debuxo no que dous paisanos falan de acabar cos caciques, o censor anota a prohibición da súa reprodución en Galicia.

No seu álbum Nós, Castelao reúne unha colección de cincuenta debuxos [96] que datan de 1916 a 1918, tal como fai constar o propio Castelao no prólogo manuscrito. As láminas foron expostas en diferentes lugares a partir de 1920, ata que Castelao deixou Madrid en 1936, levando consigo os orixinais. Estes terminaron perdéndose ata ser felizmente recuperados en 2016, coincidindo coa organización dunha exposición no Museo de Pontevedra sobre o artista. Pasaron a ser expostos nas salas do Museo, en réxime de cesión, ata que foron adquiridas en 2021 pola Deputación de Pontevedra para formar parte da colección do Museo.[97][98] Desde entón, o Álbum Nós está exposto na sala 8 da segunda planta do edificio Castelao do Museo.

Os derradeiros álbums son a expresión dos horrores da guerra civil.

De temática totalmente diferente é un novo álbum que debuxa durante o seu exilio en Cuba e Nova York, baixo o título Debuxos de negros (1939).

Finalmente, entre os seus debuxos cómpre citar a serie de catro debuxos a lapis, de gran formato, titulada Cegos: os meus compañeiros (1940-1941), exposta tamén no Museo de Pontevedra.

Selos de correos[editar | editar a fonte]

Tres debuxos de Castelao serviron para deseñar tres selos de correos para a República Española. Estes selos eran para correo de campaña, co obxectivo de recadar fondos para a República. Están catalogados como NE (non expedidos) e cos números NE 47, NE 52 e NE 54, con valor facial de 10, 70 e 90 céntimos, respectivamente.

  • O NE 47, de 10 céntimos e cor violeta, representa unha parella de labregos sentados xunto a un hórreo co texto: Supervivientes.[99]
Reproduce unha das láminas do álbum Galicia mártir.
  • O NE 52, de 70 céntimos e cor castaño, representa a unha muller rezando axeonllada fronte a un cruceiro. O texto pon: ¡Queman, roban y asesinan en tu nombre![100]
Reproduce unha das láminas do álbum Galicia mártir.
  • O NE 54, de 90 céntimos e cor azul escuro, representa a dous nenos chorando fronte a un morto. O selo ten o texto: La última lección del maestro.[101]
Reproduce o cadro A derradeira leición do mestre, de 1945, que se conserva no Centro Galego de Bos Aires e que á súa vez é unha variación dunha lámina do mesmo álbum Galicia mártir.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A partida de nacemento sinala que naceu o día 29 de xaneiro, mentres que o bautismo sucedeu ao día seguinte, que é o que recollen moitas fontes. O documento foi presentado na páxina de Facebook do Museo de Pontevedra nun comentario de Xosé Comoxo Rodríguez ("O 30 de xaneiro de 1886 naceu en Rianxo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (...)". Facebook do Museo de Pontevedra. 30.01.2017. Consultado o 23-03.2017. ).
  2. Biblioteca Virtual Galega. "Ficha de Castelao na Biblioteca Virtual Galega". Consultado o 17.12.2013. O ilustre e polifacético intelectual Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao é a figura máis relevante da Historia da Galiza do século XX 
  3. La Voz de Galicia 28.06.2015 e páxina web da Real Academia de Belas Artes.
  4. A data do 30 de xaneiro consta na súa partida de bautismo: "Na Igrexa Parroquial da Santa Columba da Villa de Rianjo, distrito municipal do mesmo nome, provincia de La Coruña, a trinta de xaneiro de mil oitocentos oitenta e seis, eu, o Licenciado José Magariños, Párroco propio da mesma, bauticei solemnemente, puxen os santos óleos e por nome Alfonso Daniel Manuel a un meniño que naceu ás dez da mañá do mesmo día na rúa do Cabo da Villa, número vintenove, fillo de Mariano Rodríguez, de oficio marineiro, e de Joaquina Castelao" (reproducido en La Voz de Galicia, 26 de xaneiro de 1986). Non obstante, a partida de nacemento emitida polo Rexistro Civil de Rianxo fixa a data no día anterior, e escribe que Manuel Rodríguez Dios presentouse perante el "co obxecto de que se inscriba no Rexistro Civil un meniño, e ó efecto como tío do mesmo, declarou: que o devandito meniño naceu na casa de José Ramón Castelao o vintenove de xaneiro pasado ás dez da mañá; que é fillo lexítimo de Mariano Rodríguez Dios, natural desta vila de Rianjo, provincia de Coruña, de idade de vinteseis anos, de ocupación mariñeiro, e de Joaquina Castelao Genme, natural desta de Rianjo, provincia de Coruña, de idade vinteoito anos, dedicada ás ocupacións propias do seu sexo" (reproducido en El País, 19 de xullo de 1984). É o propio Castelao quen, precisamente, incorporou en outubro de 1915 un certificado de nacemento á instancia que presentou para participar nas oposición ao Corpo Auxiliar de Estatística (que unha vez aprobadas lle permitiron trasladarse a Pontevedra en 1916), certificado no que figura que foi o día 29 no que naceu. Debe facerse constar que o Rexistro Civil se instaurou en 1870 e establecía que os meniños só podían ser inscritos transcorridas 24 horas de vida.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Biografía de Castelao en galespa.com.ar.
  6. Definición actual da RAE
  7. Redacción proposta para a 23ª edición do DRAE
  8. Núñez Búa, J.: Vida e paixón de Castelao.
  9. VV.AA. Castelao (contra a manipulación). Edicións Xistral, páxina 9.
  10. Nótese que, realmente, Castelao só tiña daquela 9 anos.
  11. "Falleció una hermana de Castelao". El Pueblo Gallego. 17 de outubro de 1974. p. 13. 
  12. Castelao pintor, páxina 8.
  13. OTERO PEDRAYO, Ramón. O espello no serán, no apartado "A romaxe compostelá de Castelao" (pp. 280-281).
  14. "«Daniel que vive na rúa do Castro, 9». Miguel Anxo Seixas (2019). Castelao, construtor da nación. Tomo I. 1886-1930. pp. 171-172
  15. Castelao: ‘A nosa mocidade empurrábanos ao separatismo’ Arquivado 29 de novembro de 2014 en Wayback Machine., A Nosa Terra.
  16. Castelao en Pontevedra Arquivado 12 de marzo de 2014 en Wayback Machine., 1911. Primeira escala da turné da tuna compostelana.
  17. Téñase presente que Castelao sempre escribiu ao seu pai e ás súas irmás en castelán.
  18. Pseudónimo que fixo famoso Manuel Lugrís Freire.
  19. O texto desta conferencia, logo de sucesivas modificacións, foi publicado en 1916 ou 1917 baixo o título "Algo acerca de la caricatura".
  20. Data quitada da cronoloxía de Miguel Anxo Seixas. Outras fontes datan este feito en xaneiro e mesmo en 1913 (por exemplo, Modesto Hermida García: Castelao e Os dous de sempre). Rodolfo Prada, íntimo amigo de Castelao, escribe nunha carta a Ramón Otero Pedrayo (20.02.1950): "Os dous —pai e fillo— cumprían anos o 31 de xaneiro e os dous morreron en xaneiro...".
  21. En carta remitida o 18 de febreiro de 1928 ao Presidente do Centro Galego de Buenos Aires confésalle que "temendo quedarme inútil algún día para o traballo, ingresei por oposición no Corpo Facultativo de Estatística co obxecto de asegurar a miña xubilación, que me puxera a cubierto da miseria e da filantropía". Tamén tivo que pesar nesta decisión o feito de buscar un traballo seguro cun soldo fixo e que lle deixase tempo libre para dedicarse ó debuxo, dúas vantaxes que non reunía o seu traballo como médico rural.
  22. La feria del mundo: crónicas desde Chile (1942-1956), Ramón Suárez Picallo, px. 354. Consello da Cultura Galega. ISBN 978-84-96530-61-4.
  23. Nós. Ano IX, n.º 43, 25.07.1927 en Galiciana. Biblioteca de Galicia.
  24. Iglesias, Xabier (13.09.2014). "Retrincos". Os libros de Ánxel Casal. 
  25. De auxiliar de estatística a profesor no instituto Arquivado 12 de marzo de 2014 en Wayback Machine..
  26. Da intensa relación de Castelao co Museo de Pontevedra é boa mostra o feito de que o beneficiase co legado dos seus fondos no momento da súa morte.
  27. "Peito de lobo", "Lembranzas", "Cousas da vida: O meu casamento é-lle unha historia" e "O aparello dos apóstoles", entre xuño e setembro de 1919.
  28. Rodríguez Castelao, A. D. (1961). Humorismo, debuxo humorístico, caricatura: conferencia. Real Academia Galega. 
  29. Galicia, célula de universalidade. Europa e a xeración Nós.
  30. Aínda que recuperou boa parte da vista, o problema da cegueira acompañouno o resto da súa vida. Xa nos seus últimos anos apenas podía escribir e era a muller quen lle tiña que ler a prensa ("Se eu tivese vista non tería medo a nada, pero xa cheguei á imposibilidade de dibuxar e necesito que a miña muller me lea os xornaes de letra miúda", escribía en setembro de 1948). Noutras ocasións describíao así: "vexo como por un buratiño".
  31. Necrolóxica de Alfonso R. Castelao Pereira El Progreso, nº 9921. 4.01.1928 (en castelán).
  32. As fontes discrepan sobre a causa da morte do fillo. Uns din que morreu dunha "doenza pulmonar" que outros concretan como tuberculose. A irmá de Castelao, Teresa, declaraba nunha entrevista que "unha peritonitis acabou irremediablemente con el, cando os médicos o curaban dunha doenza bronquial" (La Voz de Galicia, 22 de xullo de 1984).
  33. Museo de Pontevedra
  34. Nós nº 113, de 17.05.1933, px. 77-83. Castelao recolle 33 escudos diferentes, dos que dous inclúen a serea da lenda da illa de Sálvora, un en Brión (Leiro) e outro en Rianxiño (Rianxo). Castelao escribe respecto ó segundo: "A serea tenante da capela do Patrocinio sostén con exipcia frontalidade armas dos Mariños notabelmente estilizadas no primeiro coartel e tal ves Piñeiros na metade inferior. A capela está datada no ano de 1665".
  35. O sorriso de Daniel (Daniel Castelao: o sorriso da dor política. Justo Beramendi), Consello da Cultura Galega, páx. 56.
  36. "Real Academia Galega Alfonso Daniel Rodríguez Castelao membro de número". Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2013. Consultado o 22 de xuño de 2013. 
  37. As cruces de pedra na Galiza, texto do discurso de ingreso na Academia e resposta de Villar Ponte.
  38. Os trinta días de Castelao na URSS, Valentín Paz-Andrade, Grial nº 75 (xaneiro, febreiro, marzo de 1982), pp. 35-45.
  39. Castelao na URSS Arquivado 4 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., pp. 117-124. Recolle unha entrevista no xornal Frente Rojo (nº 425, 05/07/1938), e no xornal El Magisterio Español (15/06/1938), onde se recolle a visión de Castelao sobre o que viu na URSS.
  40. Recollido en Castelao, Prosas do exilio, Montevideo, Ed. do Patronato da Cultura Galega, 1976, p. 53.
  41. Castelao, ilustrador de libros infantís-xuvenís, Mónica Pazos Martínez, Terra e Tempo.
  42. Discurso sobre a orixe do pobo galego e da emigración Arquivado 3 de abril de 2010 en Wayback Machine..
  43. Como curiosidade indicar a semellanza física que había entre D’Olwer e Castelao, que provocaba frecuentes confusións no Congreso dos Deputados, e mesmo eles contribuían a tal feito trocándose de asentos, tal e como expresou o escritor Wenceslao Fernández Flórez en Acotaciones de un oyente. Volumen 2.
  44. 44,0 44,1 Carta de Castelao a Rodolfo Prada Arquivado 18 de agosto de 2011 en Wayback Machine. (10 de abril de 1947), onde amosa a súa decepción.
  45. Castelao vs Piñeiro Arquivado 4 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., Terra e tempo, nº 134 (abril, maio, xuño 2005), pp. 37-53.
  46. Carta de Rodolfo Prada a Ramón Otero Pedrayo (20.11.1946).
  47. Exposición Francisco Fernández del Riego. Nos vieiros da arte galega. Do 26/11/2021 ao 7/1/2023. Pinacoteca Francisco Fernández del Riego.
  48. "Imaxes de Castelao en Buenos Aires". cgai.xunta.gal. Consultado o 15 de xuño de 2018. 
  49. Castelao foi un fumador empedernido, como se pode comprobar en boa parte das súas autocaricaturas e nas fotografías da época. Cando comezou a manifestarse o cancro, en 1947, deixou practicamente de fumar. Segundo escribe Victoria Armesto "A partir de entón só fumaba algún que outro cigarro ocasional, sempre ás agachadas de Virginia" (La Voz de Galicia, 26 de xuño de 1984).
  50. "(...) os médicos e mais eu (que istamos no témero segredo da súa gravedade) vimos ocultándolle a verdade e dando azos i espranzas de que se reporá... Piadosa aititude de quen non chega a ser prenamente eficaz, pois il (¡e aínda máis, a probe Virxinia!) ten o espritu tebroso coas dúvidas e presentimentos —¡il tan agudo e tan intuitivo!— que non conquerimos barrerlle do ánemo." — Carta de Rodolfo Prada a Ramón Otero Pedrayo (15.05.1949).
  51. "Tres médicos escritores (II)". galiciadigital.com (en castelán). 27.05.2008. Consultado o 20.06.2016. 
  52. Vieiro, Laura (2010). "El Centro Galicia de Buenos Aires, guardián de la cultura gallega al otro lado del mar". Galegos = Gallegos, (en castelán) (10): 84–89. ISSN 1889-2590. 
  53. "Crónica da enfermedade, morte i enterro de Castelao" (PDF). A Nosa Terra: Número especial adicado a Castelao (474). 25 de xullo de 1950. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de febreiro de 2004. Consultado o 1 de xullo de 2010. 
  54. "Ficha de "Máscara mortuoria de Daniel R. Castelao"". Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2012. Consultado o 26 de xuño de 2018. 
  55. Panteón do Centro Galego no Cemiterio da Chacarita (Buenos Aires)Arquivado 22 de abril de 2016 en Wayback Machine..
  56. A censura española Arquivado 20 de agosto de 2008 en Wayback Machine., Museo Castelao.
  57. Vídeo do traslado do corpo de Castelao, onde se ven as cargas policiais.
  58. Artigo de Castelao Arquivado 24 de xuño de 2007 en Wayback Machine., titulado "Meu Pontevedra" no que escribe: "Penso que si morrese no desterro, os meus osos non se deixarían consumir até que algún anaquiño d-eles chegase a Pontevedra".
  59. Carta de Castelao ó presidente do Centro Pontevedrés de Buenos Aires Arquivado 24 de xuño de 2007 en Wayback Machine., datada no 31 de marzo de 1947.
  60. DOG nº 123, de 28.06.1984.
  61. DOG nº 238, de 13.12.1984.
  62. Agís Villaverde, Marcelino, Castelao educador, Revista Galega do Ensino-ISSN: 1133-911X- Núm. 30 - Febreiro 2001.
  63. La Vanguardia, venres, 12 de xuño de 1936, px. 20.
  64. Castelao e o País Vasco. Xosé Estévez. P. 334. Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca, ISSN 1130-8508, Nº 7, 2000-2001. Universidade de Deusto.
  65. O texto asinado pódese ler en Galifontes.
  66. 66,0 66,1 66,2 66,3 Monteagudo, Henrique (1999). "Castelao e os problemas da elaboración da lingua". Homenaxe ó profesor Camilo Flores (Universidade de Santiago de Compostela) 1: 206–225. ISBN 9788481217872. 
  67. Fernández Santander, Carlos (2003). El exilio gallego de la guerra civil (PDF) (en castelán). Ediciós do Castro. p. 577. ISBN 978-84-8485-083-0. 
  68. Castelao e Bóveda contra os catedráticos hispanos Arquivado 3 de febreiro de 2011 en Wayback Machine. A Nosa Terra Diario.
  69. Referencia do Consello da Xunta de Galicia do 31 de xullo de 2008 (ver px. 31-33).
  70. "Las 3.000 piezas de la obra de Castelao serán catalogadas" en La Voz de Galicia, 1 de agosto de 2008.
  71. "Kristalezco begia". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 7 de xullo de 2019. 
  72. "Un ojo de vidrio". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 7 de xullo de 2019. 
  73. "Un oeil de verre; Mémoires d'un squelette". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 7 de xullo de 2019. 
  74. "Cosas". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 5 de xullo de 2019. 
  75. "Cousas e retrincos". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 5 de xullo de 2019. 
  76. "Gauzak". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 7 de xullo de 2019. 
  77. "Coses". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 5 de xullo de 2019. 
  78. "Coses". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 5 de xullo de 2019. 
  79. "Things". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 5 de xullo de 2019. 
  80. "Los dos de siempre". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 6 de xullo de 2019. 
  81. "Betiko Biak". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 6 de xullo de 2019. 
  82. Díaz Núñez, Celia; Seixo Pastor, Mercedes (2012). Lingua galega e literatura. Anaya. ISBN 978-84-678-2597-8. 
  83. "Viveroj". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 6 de xullo de 2019. 
  84. "Zirtzilak". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 6 de xullo de 2019. 
  85. "Retalls /Retrincos". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 6 de xullo de 2019. 
  86. "Cousas e Retrincos". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 6 de xullo de 2019. 
  87. "Os velhos não devem namorar". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 7 de xullo de 2019. 
  88. "Los viejos no deben enamorarse". Consultado o 7 de xullo de 2019. 
  89. "Los viejos no deben de enamorarse". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 7 de xullo de 2019. 
  90. "Los viejos no deben enamorarse". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 7 de xullo de 2019. 
  91. "Agureok maitemindu bear ez". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 7 de xullo de 2019. 
  92. "Sempre em Galiza". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 7 de xullo de 2019. 
  93. "Forever in Galicia". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 7 de xullo de 2019. 
  94. "Cincuenta hombres por dos pesos". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 5 de xullo de 2019. 
  95. "Nós". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 6 de xullo de 2019. 
  96. Realmente, 49 debuxos, precedidos por un autorretrato e rematados por un ex-libris
  97. "Los originales del 'Álbum Nós' de Castelao pasan a la propiedad de obras del Museo de Pontevedra" Galiciapress, 17 de decembro de 2020.
  98. "El Museo adquiere por 650.000 euros para sus fondos el «Álbum Nós» de Castelao" La Voz de Galicia, 10 de xaneiro de 2021.
  99. Spain 1939 Correo Campaña 10 CTS Violeta Edifil NE 47 kolectia.com
  100. Spain 1939 Correo Campaña 70 CTS Castaño Edifil NE 52 kolectia.com
  101. Spain 1939 Correo Campaña 90 CTS Azul Edifil NE 54 kolectia.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Non existía o cargo

Presidente do Consello de Galiza

1944 - 1950
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Sucesor:
Antón Alonso Ríos