Infección
| Este artigo ou sección precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros de texto ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Infección é o termo clínico para a colonización dun organismo hóspede por especies exteriores. Na utilización clínica do termo infección, o organismo colonizador é prexudicial para o funcionamento normal e supervivencia do hóspede, polo que se cualifica ó microorganismo como patóxeno.
Características [editar]
Aínda que tódolos organismos pluricelulares son colonizados nalgún grao por especies exteriores, a inmensa maioría destas habitan nunha relación simbiótica ou sen consecuencias para o hóspede. Un exemplo do anterior, son as especies de bacterias anaerobias que colonizan o colon dos mamíferos; outro exemplo son as distintas especies de estafilococos existentes na pel humana.
Unha infección activa é o efecto dunha loita na cal o organismo infectante trata de utiliza-los recursos do hóspede para se multiplicar, a costa do mesmo. O estado da infección é, de maneira frecuente, simplemente cuestión das circunstancias. Case todo organismo, nas condicións adecuadas, pode volverse patóxeno e case ningún organismo, se está presente en pequenas cantidades e en áreas ben protexidas polo sistema inmunitario do hóspede, pode levar a cabo unha infección comprometedora.
Factores [editar]
As variables que se ven envolvidas na produción nun hóspede ó que se lle inoculou un patóxeno e o resultado final, son:
- A ruta de entrada do patóxeno e o acceso ás zonas do hóspede que gaña o patóxeno.
- Período de incubación
- Cantidade de xermes
- A virulencia intrínseca do organismo particular (capacidade de multiplicación)
- Toxicidade
- Poder de invasión
- Tempo de actuación
- Asociación microbiana
- O estado inmune do hóspede que está sendo colonizado.
Exemplos [editar]
A modo de exemplo, as especies de estafilococos presentes na pel mantéñense inofensivas na mesma, pero cando se presentan nun espazo normalmente estéril, como é a cápsula dunha articulación ou o peritoneo, multiplicaranse sen resistencia e crearán unha gran carga para o hóspede.