María Mariño
| María Mariño Carou | |
|---|---|
| Busto de María Mariño en Noia. | |
| Nacemento: | 8 de xuño de 1907 Noia, provincia da Coruña |
| Falecemento: | 19 de maio de 1967 Seoane do Courel, Ourense |
| Lingua: | Galego, castelán |
| Xénero(s): | Poesía |
| Cónxuxe(s): | Roberto Posse Carballido |
María Mariño Carou, nada en Noia o 8 de xuño de 1907 e finada en Seoane do Courel o 19 de maio de 1967, foi unha das escritoras galegas máis importantes do século XX. Compaxinou a súa actividade intelectual cunha vida discreta e moi apartada dos cenáculos literarios. Dedicóuselle o Día das Letras en 2007.
Índice |
Traxectoria [editar]
Foi a segunda dos cinco fillos de Xosé María Mariño Pais e Filomena Carou Lado. A súa infancia e xuventude están marcadas polas dificultades económicas da familia. En Noia recibiu uns poucos anos de escola e logo traballou como costureira polas casas. Posteriormente trasladouse a Escarabote (Boiro), onde unha tía súa traballaba de cociñeira no Pazo de Goián, que tiña unha boa biblioteca e onde accedeu a algunhas lecturas.
Ao pouco de iniciarse a guerra civil española marchou a Durango, onde vivía unha irmá súa. Trala conquista desa zona polas tropas franquistas, regresou a Escarabote. Alí coñeceu o mestre compostelán Roberto Posse Carballido, co que casou en Boiro o 31 de maio de 1939. En 1943 marcharon a Arzúa, e despois regresou a Euskadi, ao ser destinado el a Elantxobe. Regresou a Galiza estando embarazada, para dar a luz nas Casas Baratas das minas de San Fins (Lousame), pois contaba con asistencia médica ao traballaren alí o seu irmán e maila súa nai. Alí deu a luz o 6 de setembro de 1946 a un fillo, Roberto, que morreu o 10 de outubro dese mesmo ano.
O seu marido foi destinado a Romeor e despois trasládanse por consello médico a Parada do Courel, a causa da depresión nerviosa que sofre a escritora. Alí botou os restantes anos da súa vida, agás algunhas vacacións en Noia, Monforte de Lemos e A Coruña. En maio de 1967 faleceu na comarca da montaña luguesa, a causa dunha leucemia. Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel.
Obra literaria [editar]
A mediados dos anos cincuenta, María Mariño comezou a escribir poemas, primeiro en castelán e logo en galego. Despois, no contorno do Courel, coñeceu o poeta Uxío Novoneyra que promoveu a publicación destes versos. Palabra no tempo editouse no ano 1963 na colección "Tesos cumes" da editorial Celta. Sen apenas relación no mundo literario, o illamento e a marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, mesmo chegou a suscitar nalgún momento dúbidas sobre a súa existencia e a autoría dos poemas.
37 anos despois, en 1990, e 33 logo do falecemento de María Mariño, os poetas Uxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos promoveron unha edición dos seus últimos poemas. O volume, titulado Verba que comeza, foi publicado polo concello de Noia e rematado pola poeta en marzo de 1967, dous meses antes de morrer. A súa poética é radicalmente intimista, cunha linguaxe rupturista.
Obra [editar]
En galego [editar]
- Palabra no tempo, (1963)
- Verba que comeza, (1990)
- Obra completa, (1994, 2006)
En castelán [editar]
- Los años pobres. Memoria de guerra y posguerra. Esta obra está desaparecida e coñécese só pola mención feita por Novoneyra.
- Más allá del tiempo (1965), Editora Alvarellos. Desaparecido durante máis de cuarenta anos, foi atopado e publicado en 2007
| Predecesor: Manuel Lugrís Freire |
Día das Letras Galegas 2007 María Mariño |
Sucesor: Xosé María Álvarez Blázquez |
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- AgraFoxo, X.: Biografía de María Mariño. Ed. Galaxia, Vigo, febreiro de 2007.
Ligazóns externas [editar]
- Biografía na Real Academia Galega
- Escolma poética de María Mariño
- Dia das Letras Galegas. Páxina sobre María Mariño
|
||||||||